O decenio dos 2000, os anos 2000 ou década dos 2000, comprende o período de tempo que vai dende o 1 de xaneiro de 2000 (aínda que o 2000 é aínda parte do século XX) até o 31 de decembro de 2009. A década foi declarada Decenio Internacional dunha cultura de paz e non violencia para os nenos do mundo pola ONU.
O decenio dos anos 2000 estivo marcado pola guerra contra o terrorismo declarada polos Estados Unidos (baixo o mandato de George W. Bush) tras os atentados terroristas do 11 de setembro de 2001 contra as Torres Xemelgas de Nova York e O Pentágono. Nese contexto tiveron lugar os conflitos bélicos en Afganistán (2001-2021) e Iraq (dende 2003) que provocaron, respectivamente, o derrocamento do réxime talibán e o de Saddam Husayn. Aínda que o terrorismo da Al-Qaida seguiu golpeando e provocando máis mortes en Bali (2002), Madrid (2004), Londres (2005), Bombai (2006) e multitude de atentados en Iraq e Afganistán.
Tamén foi a década do auxe de China como potencia mundial (en 2001 ingresou na OMC e en 2010 converteuse na segunda potencia económica mundial) e o ascenso económico da India e o Brasil, convertidos en polos de referencia a nivel mundial (os coñecidos como "países emerxentes"). Estados Unidos seguirá sendo a principal superpotencia mundial pero non terá o poder que ostentaba a anterior década, iniciándose o proceso cara a un mundo multipolar.
A década tamén trouxo a primeira presidencia dun afroamericano (Barack Obama) nos Estados Unidos ou a maior ampliación da historia da Unión Europea (1 de maio de 2004), coa incorporación de dez novos países na súa maioría procedentes do Leste de Europa (antigo bloque socialista). Tamén, cabe engadir que se produciu o primeiro Conclave do III Milenio (en 2005) que elixiu como papa a Bieito XVI, tras o falecemento de Xoán Paulo II.
Coa independencia de Montenegro e, parcialmente recoñecida, a de Kosovo, finalizou a dinámica da disolución de Iugoslavia iniciada na década anterior dos 90. Tamén Timor Oriental independizouse definitivamente de Indonesia en 2002.
Foron tamén anos de logros científicos en campos como a xenética (secuenciación do xenoma humano) ou a astronáutica (o final da MIR e a posta en marcha o mesmo ano da EEI). Por desgraza, no ano 2004 produciuse unha das maiores traxedias naturais da historia, o tsunami que arrasou o Sueste Asiático e que provocou a morte a máis de 240 000 persoas.
No punto de vista social foi tamén a década na que a implantación masiva de internet e os teléfonos móbiles cambianron as relacións sociais para sempre. Apareceron empresas punteiras no sector tecnolóxico que inflúen decisivamente en todo o mundo como Apple, Google entre outras. As chamadas "redes sociais" inician o seu "auxe" a finais da década, modificando ao longo da década seguinte de forma vertixinosa as formas e as relacións sociais en todo o planeta.
Os derradeiros anos da década estiveron profundamente marcados polo inicio da crise financeira e bolsista mundial iniciada nos EE. UU. en 2008 e ocasionada polas denominadas hipotecas subprime. Dita crise acabou afectando o tecido económico mundial e converténdose no acontecemento máis importante do último terzo da década e que condicionará a década seguinte.
18 de setembro - Comeza unha serie de ataques contra medios de comunicación norteamericanos e políticos demócratas mediante cartas envelenadas con carbuncho.
1 de decembro - Unhas 200 000 persoas maniféstanse en Santiago de Compostela, convocadas polo movemento Nunca Máis, para esixir dignidade e dimisións pola incompetencia dos gobernos galego e español na catástrofe do Prestige.
27 de decembro - A sede do goberno pro-moscovita de Chechenia é destruída nun ataque suicida.
17 de xullo - David Kelly, antigo inspector da ONU e especialista en armas bacteriolóxicas do ministerio británico de defensa, é atopado morto após unha conversa entre a BBC e o goberno.
agosto - Unha onda de calor en Europa provoca a morte de máis de 15 000 persoas en Francia, a maioría delas anciáns que vivían sós.
31 de outubro - O primeiro ministro de Malaisia, Mahathir bin Mohamad, retírase oficialmente, rematando o seu mandato de 22 anos. A el é acreditado o liderado da economía de Malaisia a grandes alturas.
20 de novembro - Detención de Michael Jackson en California baixo a acusación de conduta irregular con menores. Un tribunal absolveuno en 2005 por inconsistencia dos feitos.
27 de outubro: dáse por rematada a limpeza do fuel que quedaba no Prestige e o barco Polar Prince abandona definitivamente a zona do afundimento. A operación custou 100 millóns de euros[2].
26 de decembro, no noroeste da illa de Sumatra prodúcese un terremoto submarino, dunha magnitude estimada de 9.0, que provocou un tsunami que devastou as costas de Indonesia, Sri Lanka, o sur da India, Tailandia e outros países, causando a morte de entre 240 000 e 300 000 persoas.
Xuño - Rusia é o primeiro país europeo que informa dun foco de gripe aviaria H5N1. Outros países europeos nos que aparece a pandemia neste ano foron Croacia e Romanía (en outubro), e Turquía e Ucraína (decembro). En todo o mundo, a gripe aviar afectou xa a 17 países (13 en aves domésticas).
Comezan a súa xestión alcaldes, presidentes rexionais e representantes no parlamento andino escollidos nas eleccións municipais realizadas o 18 de novembro de 2006 no Perú.
Toman posesión os cargos escollidos nas eleccións xerais do Brasil de 2006.
2 de xaneiro - Na rexión de Tarapacá, ó norte de Chile, independizaranse as provincias de Arica e Parinacota, creando así a rexión de Arica-Paricanota, da cal será capital a cidade de Arica.
12 de marzo: como parte dos festexos polo 258º aniversario da fundación de Reynosa, Tamaulipas, celébrase un encontro amigábel de baloncesto, nunha ponte transfronteiriza, entre un equipo mexicano e outro estadounidense.
4 de outubro: no parque nacional de Tsolofelo (Botswana) é enterrado o cadáver repatriado do Negro de Bañolas, o cadáver embalsamado dun varón da etnia san (chamado pexorativamente «bosquimán»), que desde 1916 se exhibía como atracción turística no museo Darder de Bañolas (Cataluña).
7 de outubro: Efectúase en Costa Rica o primeiro referendo da súa historia, que resulta na ratificación da CAFTA.
8 de outubro: Colombia: Un avión estrélase na montaña no departamento do Meta morrendo dezaoito persoas (15 militares e 3 tripulantes).
19 de outubro: O grupo de rock arxentino Soda Stereo inicia a súa xira latinoamericana "Me verás volver", que os leva aos escenarios logo de 10 anos de separación.
4 de novembro: en Guatemala celébrase a segunda volta das eleccións a presidente e vicepresidente, quedando como vencedor o socialdemócrata Álvaro Colom.
20 de novembro: publícanse dous artigos nas revistas Science e Cell onde dous grupos independentes anuncian que lograron xerar células nai a partir de fibroblastos humanos. Este é considerado un dos avances máis importantes neste campo de estudo.[5]
6 de decembro: o naufraxio do petroleiro hongkonésHebei Spirit verte ao mar máis de 10 000 toneladas de cru fronte á costa do parque natural Taean Haean de Corea do Sur.
22 de decembro: inaugúranse en España dúas liñas máis de trens de alta velocidade: Madrid-Segovia-Valladolid e Madrid-Málaga.
27 de decembro: Benazir Bhutto, ex-primeira ministra de Paquistán (1988-1990 e 1993-1996) e líder da oposición é asasinada nun ataque terrorista na cidade paquistaní de Rawalpindi. Un terrorista suicida disparoulle dúas veces, inmolándose posteriormente e causando a morte de, polo menos, 30 persoas.
25 de xuño - A morte da estrela do pop estadounidense Michael Jackson desencadea unha onda de dor global. En liña, as reaccións ao evento están paralizando varios sitios e servizos importantes xa que a abundancia de persoas que acceden a enderezos web leva o tráfico de Internet a niveis históricos e sen precedentes.