Malta está habitada desde aproximadamente o 5900 a.C.[2] A súa localización no centro do Mediterráneo[3] deulle historicamente unha grande importancia estratéxica como base naval, cunha sucesión de potencias que disputaron e gobernaron as illas, incluíndo os fenicios e Cartaxineses, romanos, gregos, árabes, normandos, aragoneses, Cabaleiros de San Xoán, franceses e británicos, entre outros.[4]
Consérvanse restos megalíticos que datan de máis de 5000 anos. O seu nome antigo foi Melita (Μελίτη) derivado de mel. Os primeiros poboadores de Malta foron agricultores da Idade de Pedra que chegaron ao arquipélago no 5200 a.C., probablemente Sicanos da veciña Sicilia, xa que ata a data eles son os únicos habitantes coñecidos da illa entón.[14][15] Durante 3500 anos esta vila construíu algunhas das estruturas autónomas máis antigas, entre as que destacan as relixiosas, en Ġgantija na illa de Gozo.[16] Tamén en Hagar Qim e Mnadjra hai outros templos megalíticos coas mesmas características.[17]
No 1000 a.C., os comerciantes fenicios ocuparon as illas e utilizáronas como base para as súas exploracións no Mediterráneo occidental camiño de Cornualla.[18] Ao redor do 700 a.C., os gregos chegaron ás illas e establecéronse preto d´A Valeta.[19]
As illas pasaron máis tarde baixo o control de Cartago (no 400 a.C.). Na primeira guerra púnica estaba nas mans dos cartaxineses e foi atacada pola frota romana dirixida por Atilio Régulo, no 257 a.C., pero non foi ocupada. Na segunda guerra púnica a guarnición cartaxinesa era comandada por Amilcar, fillo de Gisgó, que se rendeu ante a frota de Tiberio Sempronio Longo e desde entón pertenceu a Roma218 a.C e foi incorporada dentro da provincia de Sicilia. Durante este período Malta foi considerada un municipium e un foederata civitas. Aínda se conservan moitos vestixios da presenza romana, que dan fe da estreita relación entre os dous pobos. No ano 60 d.C., as illas foron visitadas por Paulo de Tarso, quen se di que naufragou nas costas do que hoxe se coñece como Baía de Sab Paulo.[20] Malta na época do Imperio Romano formaba parte administrativamente de Sicilia.
Siciliano medieval
Despois dun breve dominio Bizantino en 533 e dun probable saqueo polos Vándalos, Malta foi conquistada en 870 polo árabes, o que cambiou case por completo a poboación romanizada da illa. A influencia árabe agora pódese recoñecer na lingua maltesa moderna, que orixinariamente derivaba en parte do árabe vernáculo moi romanizado (aínda que algúns lingüistas cren que ten orixes fenicias). En 1090, despois da invasión normanda de Malta os árabes foron substituídos polos normandos e a illa atopouse baixo o dominio cristián e de novo ligada á próxima Sicilia. Moitos colonos sicilianos mudáronse para Malta. Foi entón cando se creou a nobreza maltesa, toda de orixe italiana, que segue vixente; actualmente conta con trinta e dous títulos, sendo o máis antigo o dos "Baróns de Djar il Bniet e Buqana".
Período aragonés e traslado aos Cabaleiros Hospitalarios
A partir de 1282 Malta pasou á Coroa de Aragón xunto con Sicilia, coa que tivo vínculos moi estreitos, logo de ser conquistada polos almogávares de Roger de Lauria. Continuou baixo o control da Coroa de Aragón durante dous séculos e medio. En 1530, o rei Carlos I de España deixou as illas en arrendamento permanente aos Cabaleiros Hospitalarios, entón coñecidos como a Orde de San Xoán de Xerusalén, xa que Suleiman o Magnífico os expulsara de Rodas en 1522. Establecíase a entrega dun falcón como pago da renda anual. Os Cabaleiros Hospitalarios (hoxe coñecidos como Orde de Malta) grazas á intervención do Papa Clemente VII, ademais de Malta conseguiron Trípoli a condición de permanecer neutrais nos conflitos entre nacións Cristiáns. Os Cabaleiros Hospitalarios declararon o italiano a lingua oficial de Malta, favorecendo a inmigración á illa de colonias de sicilianos e napolitanos para fortalecer o carácter cristián de Malta.
O asedio de Malta e a batalla de Lepanto
O Asedio de Malta comezou o 18 de maio de 1565. Os Cabaleiros da Orde de Malta, baixo o mando do Gran Mestre Jean Parisot de la Valette, enfrontáronse a máis de 160 galeras e 30.000 soldados otománs. Como os musulmáns gobernaban entón o Norte de África, a caída de Malta permitiría o acceso turco ao control estratéxico do Mediterráneo occidental, ademais de protexer os seus barcos mercantes. A Orde conseguiu defender a illa en gran parte grazas á axuda do exército español.
Ao fracaso turco sumouse, seis anos despois, a derrota na Batalla de Lepanto contra a Liga Santa, formada por España, Venecia, Xénova e a Santa Sé, o que supuxo a neutralización do seu proxecto de expansión mediterránea. Para protexer a illa de futuros desembarcos, construíuse unha cidade fortificada na península do monte Sceberras, chamada A Valeta, en honor do Gran MestreJean Parisot de La Valette.
Napoleón e a ocupación francesa
O goberno dos Cabaleiros Hospitalarios rematou despois da Conquista francesa de Malta dirixida por Napoleón Bonaparte en 1798[21] camiño de Exipto. Para ocupar o arquipélago, o entón xeneral francés pediu permiso para atracar no seu porto e, unha vez alí, os cabaleiros rendéronse e apoderouse da cidade. Aboliu todos os dereitos feudais, reformou os mosteiros e garantiu os mesmos dereitos a cristiáns, xudeus e musulmáns. Tamén saqueou as súas arcas, ante a pasividade dos cabaleiros hospitalarios que prometeran non tomar as armas contra ningún príncipe cristián.
A ocupación francesa foi impopular,[22] polo que os malteses subleváronse e os franceses víronse obrigados a refuxiarse nas fortificacións. Gran Bretaña e o Reino das Dúas Sicilias enviaron munición e axuda. Os británicos tamén enviaron a súa frota, baixo o mando do almirante Nelson, quen levou a cabo o bloqueo das illas. Forzas francesas illadas rendéronse en 1800, e os británicos tomaron o control do arquipélago, converténdoo no seu protectorado.
Dominio británico e segunda guerra mundial
En 1814, como parte do Tratado de París, Malta pasou oficialmente a formar parte do Imperio Británico. Debido á súa proximidade á Canle de Suez usouse como porto de escala para a India e foi o cuartel xeral da frota ata mediados da década de 1930.
No século XIX, Malta foi escenario dun proceso de "anglicanización" por parte das autoridades británicas, na que destacou por contraste o intento político de unir Malta co Reino de Italia. (favorecido especialmente nas décadas de Mussolini) e sucesivamente o desenvolvemento do movemento independentista maltés do século XX. O evento culminante foi a abolición do italiano como lingua oficial en 1936, moi contestada por moitos cidadáns malteses que se consideraban irredentistas (como Carmelo Borg Pisani).
Malta tivo un papel importante durante a segunda guerra mundial debido á súa proximidade ás liñas de navegación do Eixe, polo que estivo de novo asediada. A coraxe do seu pobo motivou a Xurxo VI a conceder a Malta, o 15 de abril de 1942, a George Cross.[23] que se pode ver hoxe na bandeira do país.
Independencia
Aínda que Malta se independizou o 21 de setembro de 1964, os británicos permaneceron no seu territorio e mantiveron o control total dos portos, aeroportos, oficinas de correos e estacións de radio e televisión. Segundo a Constitución de 1964, a raíña Isabel II do Reino Unido seguía sendo a soberana de Malta, e un gobernador xeral exercía a autoridade executiva no seu nome. O 13 de decembro de 1974, con todo, Malta converteuse nunha república dentro da Commonwealth of Nations (Commonwealth), co Presidente como xefe de estado.
O 31 de marzo de 1979 fíxose efectiva a saída dos británicos, xa que o seu goberno negouse a pagar a taxa que lle esixía o goberno de Malta para permitir a súa estadía.Modelo:Citación requirida. Entón Malta atopouse sen bases militares estranxeiras por primeira vez na súa historia. Este evento celébrase como o Día da Liberdade.
O Estado de Malta é unha república cun presidente honorífico, recaendo o goberno no gabinete ministerial encabezado polo primeiro ministro. O Presidente da República nomea como Primeiro Ministro o cabeza do partido que gañe as eleccións, por un período de cinco anos. Os membros do goberno son nomeados polo Presidente da República, baixo proposta do Primeiro Ministro, de entre os membros do órgano lexislativo.
A República de Malta ten un poder lexislativo unicameral (Kamra tar-Rappreżentanti/House of Representatives) segundo a constitución de 1974. A Cámara de Representantes ten entre 65 e 69 membros, elixidos cada 5 anos baixo un sistema de representación proporcional. Esta cámara escolle o Presidente da República para un período de 5 anos.
Subdivisións
Dende 1993, Malta foi dividida en 68 municipios ou localidades. Estas van dende as máis sinxelas formas ata o goberno local. Non hai niveis intermedios entre o goberno local e o goberno nacional. A seguinte lista amosa os municipios das dúas principais illas:
O arquipélago Maltés sitúase no centro do Mediterráneo, a uns 90 km das costas do sur de Sicilia. Compóñeno as illas de Malta, Gozo e Comino, sendo a maior de todas a illa de Malta.
A súa extensión é de 316 km² e ten unha poboación de 382.525 habitantes (ano 2000) dos cales 352.835 residían na illa de Malta, o que dá unha alta densidade de poboación (1210 hab./km²) para un país tan pequeno.
Malta non ten grandes montañas nin ríos, a illa é unha serie de campos e socalcos en pequenos outeiro. Os cantís, baías, calas son propias das illas, sobre todo de Malta. Así mesmo, existen gran cantidade de praias de area fina, sobre todo na illa de Gozo.
A principal cidade pola súa poboación e a súa importancia cultural e política é a capital do Estado, A Valeta (100.700 hab. na aglomeración urbana), séguelle Rabat (13000 hab).
↑Boissevain, Jeremy (1984). "Ritual Escalation in Malta". En Eric R. Wolf. Religion, Power and Protest in Local Communities: The Northern Shore of the Mediterranean. Religion and Society (Walter de Gruyter). p. 165. ISBN9783110097771. ISSN1437-5370.
↑"Fechas clave en la historia de Malta". Departamento de información del Gobierno de Malta 06.02.2008. 2008. Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2009. Consultado o 21 de novembro de 2008.