Este artigo amosa letras árabes. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Este artigo amosa escritos coptos. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Exipto[1][2][3] (en árabe: مصر, Miṣr; en árabe exipcio: مَصرMaṣr; en copto: ⲬⲏⲙⲓKhēmi), oficialmente República Árabe de Exipto (en árabe: جمهورية مصر العربية, Ǧumhūriyyat Miṣr al-ʿArabiyyah), é un estado situado no nordeste de África e na península do Sinaí no continente de Asia. Limita ó norte co mar Mediterráneo e Israel, ó leste co Mar Vermello (incluído o seu saínte norte do Golfo de Acaba), ó sur co Sudán e ó oeste con Libia. A súa xeografía é desértica na case totalidade, que corresponde co deserto do Sáhara, onde só está habitado en oasis. A súa capital é a cidade do Cairo, unha das máis poboadas de África.
Exipto ten unha das historias máis antigas entre os países do mundo, cuxa orixe se remonta ós milenios VI e IV a.C. Considerada un berce da civilización, o Antigo Exipto experimentou algunhas das máis antigas formas de escrita, agricultura, urbanización, relixión organizada e goberno central.[4] Monumentos icónicos como as pirámides de Gizeh e a súa Grande Esfinxe, así como as ruínas de Menfis, Tebas, Karnak e o Val dos Reis, reflicten este legado e manteñen un significativo foco de interese científico e popular. A gran e rica herdanza cultural de Exipto é unha parte integral da súa identidade nacional, que padeceu, e ás veces asimilou, varias influencias estranxeiras, como os gregos, persas, romanos, árabes, turcos otománs e nubios. Exipto foi un importante e temperán centro do cristianismo, mais foi amplamente islamizado no século VII e mantense como un país amplamente musulmán aínda que cunha significativa minoría cristiá.
Dende o século XVI até comezos do XX, Exipto foi gobernado por potencias coloniais estranxeiras, o Imperio Otomán e o Imperio Británico. O Exipto moderno data do ano 1922, cando conseguiu a súa independencia do Imperio Británico como unha monarquía. Porén, a ocupación militar británica continuou, co cal moitos exipcios creron que a monarquía era un instrumento do colonialismo británico. Despois da revolución de 1952, Exipto expulsou os soldados e burócratas británicos e rematou coa ocupación, nacionalizou o Canal de Suez, exiliou o rei Farouk e a súa familia, e declarou a república. En 1958, uniuse con Siria para formar a República Árabe Unida, que se disvolveu en 1961. Ó longo da segunda metade do século XX, Exipto sufriu conflitos sociais, relixiosos e inestabilidade política, loitando en varios enfrontamentos armados con Israel en 1948, 1956, 1967 e 1973, e ocupando a Franxa de Gaza de xeito intermitente até 1967. En 1978, Exipto asinou os Acordos de Camp David, retirándose oficialmente da Franxa de Gaza e recoñecendo o estado de Israel. O país segue afrontando retos, como a inestabilidade política, incluíndo a recente revolución de 2011 e as súas consecuencias, o terrorismo e o subdesenvolvemento económico. O goberno actual de Exipto é unha república presidencial liderada polo presidente Abdul Fatah al-Sisi, que foi descrito por numerosos observadores como autoritario.
O islam é a relixión oficial de Exipto e o árabe é a súa lingua oficial.[5] Con máis de 95 millóns de habitantes, Exipto é o país máis poboado do Norte de África, de Oriente Medio e do Mundo árabe, sendo o terceiro máis poboado de África (despois de Nixeria e Etiopía), e o décimo quinto do mundo. A gran maioría da poboación vive preto das beiras do río Nilo, nunha área de 40 000 km² onde se atopa a única terra arable. As grandes rexións do deserto do Sáhara, que constitúen a maioría do territorio exipcio, están escasamente poboadas. Arredor da metade dos cidadáns exipcios habitan en áreas urbanas, especialmente nos centros densamente poboados do Cairo, Alexandría e outras grandes cidades do delta do Nilo.
O nome galego do país, "Exipto", deriva do grego antigo "Aígyptos" ("Αἴγυπτος"), a través do latín "Aegyptus". Aparece nas táboas de Lineal B do grego micénico como "a-ku-pi-ti-yo". O adxectivo "aigýpti-"/"aigýptios" pasou ó copto como "gyptios", e del ó árabe como "qubṭī", onde xorde o termo "copto". As formas gregas proceden do exipcio tardío(Amarna) Hikuptah "Memphis", unha corrupción do nome exipcio
(ḥwt-kȝ-ptḥ), que quere dicir "fogar da ka (alma) de Ptah", o nome do templo do deus Ptah en Menfis.[9]
"Miṣr" (mesˤɾ; "مِصر") é o nome clásico árabe e a forma moderna oficial do nome de Exipto, mentres que "Maṣr" (mɑsˤɾ; مَصر) é a pronunciación local en árabe exipcio.[10] O nome ten orixe semítica, sendo un cognado con outras palabras semíticas para Exipto como o hebreo "מִצְרַיִם" ("Mitzráyim"). O rexistro máis antigo para este nome de Exipto é o acadio "mi-iṣ-ru" ("miṣru")[11][12] que está relacionado con miṣru/miṣirru/miṣaru, que quere dicir "límite" ou "fronteira".[13]
O nome en exipcio antigo para o país era
km.t, que quere dicir terra negra, en referencia ós solos fértiles negros produto dos asolagamentos do Nilo, o cal difire de deshret (dšṛt), ou "terra vermella" do deserto.[14][15] Este nome é frecuentemente pronunciado como Kemet, pero o máis probable é que fose pronunciado [kuːmat] en exipcio antigo.[16] O nome evolucionou como kēme e kēmə na fase copta da lingua exipcia, e aparece no grego antigo como Χημία (Khēmía).[17] Outro nome foi tꜣ-mry "terra da ribeira".[18] Os nomes do Alto e Baixo Exipto foron Ta-Sheme'aw (tꜣ-šmꜥw) "terra de xunqueiras" e Ta-Mehew (tꜣ mḥw) "terra do norte", respectivamente.
Exipto é unha república unitaria e presidencialista cuxo presidente, como xefe de Estado e comandante supremo das forzas armadas do país, representa ao poder executivo elixido mediante plebiscito popular para un período de seis anos. Non había límite constitucional respecto á cantidade de mandatos consecutivos dun presidente.
Exipto foi o primeiro país árabe en establecer a paz con Israel despois da sinatura dos acordos de Camp David.
Nome oficial: República Árabe de Exipto
Sistema legal: baseado na Constitución de 1971.
Lexislación nacional: sistema unicameral (Majlis Al-Shaab ou asemblea do pobo).
Sistema electoral: sufraxio universal directo.
Xefe do Estado: o presidente, nomeado por maioría de dous terzos da asemblea e elixido por referendo.
O goberno nacional: consello de ministros, presidido polo primeiro ministro.
Principais partidos políticos: o partido Nacional Demócrata, o partido Socialista Laboral, o partido Socialista Liberal, New Wafd, o partido Nacional Progresista Unionista.
Aínda que aparentemente o poder organízase baixo un sistema multipartidista, na práctica por máis de cincuenta anos o presidente elixiuse en eleccións cun só candidato. Exipto tamén celebra eleccións parlamentarias multipartidistas de xeito regular.
En febreiro de 2005 o entón presidente Hosni Mubarak anunciou a reforma da lei para a elección presidencial, de maneira que nas eleccións de 2010 houbo varios candidatos, por primeira vez desde 1952, e limítase o mandato a sete anos con só dúas lexislaturas.
O río principal é o Nilo, que atravesa o país correndo do sur ó norte, desembocando no delta do Nilo sobre o mar Mediterráneo. Un dos brazos do delta chega á milenaria cidade de Alexandría, fundada por Alexandre Magno.
O papel importante que Exipto desempeña na xeopolítica vén da súa posición estratéxica como ponte terrestre entre África e mais Asia, e como ponte de pasaxe entre o Mediterráneo e o océano Índico.
Exipto ten un PIB de aproximadamente 200.000 millóns de dólares, segundo o método Paridade de Poder de Compra (PPP).
A riqueza de Exipto, desde a máis remota antigüidade, baséase na agricultura, e os campos fertilizábanse co limo das enchentes anuais do Nilo. As reformas agrícolas de 1952 e 1961 e a construción da presa de Asuán, provocaron unha revolución agrícola que aumentou a produción, pero trouxo múltiples problemas: Ao fertilizarse con produtos químicos e non polas enchentes do río, estase afectando o equilibrio biolóxico da zona, producíndose unha salinización do chan e aparecendo novos parasitos. O cultivo de maior importancia é o algodón.
Exipto é predominantemente un país agrícola, pois ao redor do 40 por cento da forza laboral dedícase aos cultivos agrícolas ou gandeiros. A economía de Exipto socializouse tras a promulgación dunha serie de leis a comezos de 1961. O patrón da propiedade da terra foi moi alterado polo Decreto de Reforma Agraria de 1952, que limitaba as explotacións individuais a unhas 80 hectáreas, cifra revisada en 1961 a preto de 40 hectáreas, e revisada de novo a unhas 20 hectáreas en 1969.
As terras requisadas polo goberno distribuíronse entre os campesiños (fellahin), pero segue habendo grandes diferenzas económicas entre a clase media e os agricultores. Os programas gobernamentais ampliaron as zonas de cultivo mediante a rexeneración, o regadío (sobre todo desde a terminación da presa de Asuán, en 1970), e a utilización de tecnoloxía avanzada, como equipos mecanizados e fertilizante químicos.
O rendemento das terras agrícolas de Exipto está entre as máis altas do mundo. Exipto é un dos principais produtores mundiais de produtos básicos de algodón; a produción anual de fibra de algodón era dunhas 300.000 toneladas métricas a principios de 1990. O clima cálido e a abundancia de auga permiten ata tres colleitas por ano, dando abundantes colleitas agrícolas. Nos anos 1990 o valor estimado anual de produción en millóns de toneladas métricas, como arroz (3,9), tomates (4,7), trigo (4,6), millo (5,2), cana de azucre (3,1), patacas (1,8), e laranxas (1,7). Tamén se cultiva unha ampla variedade doutras froitas e hortalizas.
A principal industria gandeira de Exipto é a cría de bestas de carga. O gando a principios do decenio de 1990 incluía uns 3 millóns de cabezas de gando vacún, 3 millóns de búfalos, 4,4 millóns de ovellas, 4,8 millóns de cabras, 1,6 millóns de asnos, e 40 millóns de aves de curral.
Exipto posúe importantes xacementos de petróleo e gas, pero a industria máis explotada é o turismo, xa que as pirámides e reliquias desta civilización milenaria atraen moitas persoas todos os anos. É unha das economías máis estables da rexión, cun PIB por habitante de 4.274 dólares (datos de OMS para 2004).
A unidade monetaria é a libra exipcia, que se divide en 100 piastras; circula cos seguintes valores:
Durante os últimos 40 anos, o goberno exipcio adoptou estratexias que van dunha economía de orde soviética a unha economía de mercado, con varias variantes entre ambas, predominando para rematar as tendencias socialistas moderadas intentado facer prosperar o país. Hai un sector público forte cuxa ineficacia intenta combater o Goberno.
As industrias máis produtivas son a téxtil, a dos fertilizantes e produtos de caucho e a do cemento. Hai algo de industria pesada e varias plantas de ensamblaxe de automóbiles.
Os socios comerciais principais do país son EEUU e algúns dos países da Unión Europea (Alemaña, Francia, Italia e o Reino Unido). Os cambios radicais no anterior bloque soviético, que era o mercado principal de Exipto, tiveron un grande impacto na economía, aínda que despois o país converteuse no segundo país en recibir axuda dos Estados Unidos, tras Israel; entre 1994 e o 2004 Exipto recibiu uns 2000 millóns de USD por ano de axuda dos Estados Unidos
Exipto tiña en 1990 serios desequilibrios económicos tanto internos como externos: unha estrutura industrial organizada por Nasser de titularidade pública, sobredimensionada, obsoleta e de moi baixa produtividade. Un sector agrario rixidamente controlado polo estado con prezos intervidos e deficitarios. Para rematar, un sector exterior deficitario e baseado nas exportacións de produtos enerxéticos, as remesas de emigrantes, os ingresos da canle de Suez e o turismo, todo iso sostivera o desenvolvemento na década de 1970, pero era sensible ao novo terrorismo dos integristas islámicos.
Así mesmo, o déficit público era practicamente insostible e xerador de inflación e o país apenas podía facer fronte á situación xurdida tras a explosión da crise da débeda nos anos oitenta, que tan seriamente afectou a case todos os países en vías de desenvolvemento.
En 1991, o goberno elaborou un programa e propuxo varias medidas:
Privatizar 314 empresas públicas.
Mellorar a agricultura, que xera ao redor do 20% de Produto Nacional Bruto, cun ambicioso proxecto: a Canle de Toshka, inaugurada en xaneiro de 1997, cuxa finalidade é facer un delta alternativo e paralelo ao val do Nilo que recuperará terras do deserto.
Crear proxectos industriais, mineiros e turísticos así como novos asentamentos en Toshka para reducir a densidade de poboación das ribeiras do Nilo.
↑"Lessons from/for BRICSAM about south–north Relations at the Start of the 21st Century: Economic Size Trumps All Else?". International Studies Review9.
↑Z., T. (1928). "Il-Belt (Valletta)"(PDF). Il-Malti(en maltés) (2 ed.) (Il-Ghaqda tal-Kittieba tal-Malti) 2 (1): 35. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 17 de abril de 2016. Consultado o 13 de xuño de 2019.
↑p. 128) and Nadav Na’aman ("Shaaraim – The Gateway to the Kingdom of Judah" in The Journal of Hebrew Scriptures, Vol. 8 (2008), article no. 24Arquivado 17 de outubro de 2014 en Wayback Machine., pp. 2–3).
↑Rosalie, David (1997). Pyramid Builders of Ancient Egypt: A Modern Investigation of Pharaoh's Workforce. Routledge. p. 18.
↑Muḥammad Jamāl al-Dīn Mukhtār. "Ancient Civilizations of Africa". Books.google.co.za. p. 43. Arquivado dende o orixinal o 31 de xaneiro de 2017. Consultado o 28 de maio de 2016.
↑Antonio Loprieno, "Egyptian and Coptic Phonology", in Phonologies of Asia and Africa (including the Caucasus). Vol 1 of 2. Ed: Alan S Kaye. Winona Lake, Indiana: Eisenbrauns, 1997: p. 449
↑"A Brief History of Alchemy". University of Bristol School of Chemistry. Arquivado dende o orixinal o 05 de outubro de 2008. Consultado o 21 de agosto de 2008.