Do mesmo xeito que a maioría do mundo, a área actualmente coñecida como o Chad comezou como un grupo desconectado de tribos. Eventualmente estas tribos foron tomadas por reinos. O Chad foi controlado por algúns reinos débiles ata ser tomado polo maior, pero aínda africano, Imperio Kanem-Bornu.
Logo, os estranxeiros comezaron a ter maior influencia sobre o Chad. Comezando na idade media, o Chad converteuse nun cruzamento de rutas entre os mercadores musulmáns e as tribos nativas. En 1891 o Chad converteuse en parte do Imperio colonial francés. Durante a segunda guerra mundial, o Chad foi a primeira colonia francesa en unirse aos aliados. En 1960 o Chad foi convertido pacificamente nun país independente.
En 1965 unha guerra civil comezou como unha sublevación de impostos do norte musulmán. A guerra foi longa e custosa. Durou ata 1998, en cuxo momento foi escrita a constitución e Idriss Déby foi elixido presidente.
Tras a independencia estableceuse un sistema de partido único. A guerra civil de 1979 a 1982 entre o norte e o sur involucrou a tropas de Libia e Francia. En 1975 e 1982 houbo golpes de estado, o último a cargo de Hissène Habré, á súa vez derrubado por Idriss Déby en 1990. En 1992 legalizáronse os partidos políticos. Déby foi elixido presidente en 1996 e tivo que enfrontar unha rebelión dos nómades Toubou, radicados no norte do país. A guerra civil estendeuse durante décadas, alternando períodos de enfrontamentos abertos e de conflitos guerrilleiros. En abril de 2021 o presidente Déby foi asasinado nun destes enfrontamentos.
O país conta con dúas zonas ben diferenciadas: a norte atópase dominada polo deserto, atopándose nos puntos máis setentrionais o macizo de Tibesti. O sur é máis chairo e conta con maior vexetación. Hai que sinalar que na metade norte a poboación predominante é a árabe, mentres que no sur predominan as etnias africanas como os sara.
Como é lóxico, os principais ríos do país van desde o sur do mesmo cara ao norte, desembocando moitos no lago Chad. Os principais ríos do Chad son o Chari e o Logone.
Ao ano 2007, o Chad ten unha poboación de 9 885 000 habitantes. A metade concéntrase no sur. No norte só habitan grupos nómades. Os musulmáns son o 50%, o 43% ten crenzas tradicionais e o 7% é cristián. Os idiomas oficiais son o francés e o árabe, aínda que se falan máis de 120 linguas e dialectos. A esperanza de vida é de 47 anos. A media de fillos por muller é de 5,56 unha das taxas máis altas do mundo, o cal provoca un incremento da poboación moi elevado. O 47.5% da poboación está alfabetizada.
Cultura
No Chad a relixión con máis crentes é o islam. Os musulmáns supoñen aproximadamente a metade da poboación, e forman un grupo homoxéneo que vive principalmente no norte do país. Pola contra, o resto da poboación, que vive na metade sur do país, é un grupo máis heteroxéneo dentro do cal se poden distinguir dous grandes grupos: os católicos e os seguidores de relixións animistas tradicionais de África. Os primeiros destes últimos supón aproximadamente un 7% da poboación sendo o resto seguidores de relixións animistas tradicionais de África.