Kosovo

Modelo:Xeografía políticaKosovo
Republika e Kosovës (sq)
Република Косово (sr-cyrl)
Republika Kosovo (sr-latn) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

HimnoEuropa (11 de agosto de 2008) Editar o valor en Wikidata

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°33′N 20°50′L / 42.55, 20.83
Territorio reivindicado porProvíncia Autônoma de Kosovo e Metohija (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
CapitalPristina Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación1.586.659 (2024) Editar o valor en Wikidata (145,44 hab./km²)
Número de fogares353.702 (2024) Editar o valor en Wikidata
Lingua oficiallingua albanesa
lingua serbia Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie10.909,02992 km² Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoGjeravica (2.656 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación17 de febreiro de 2008 Editar o valor en Wikidata
Evento clave
Organización política
Forma de gobernoRepública parlamentaria Editar o valor en Wikidata
• Presidente (pt) Traducir Editar o valor en WikidataVjosa Osmani (2021–) Editar o valor en Wikidata
Órgano executivoGoverno do Kosovo (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Primeiro-ministro (pt) Traducir Editar o valor en WikidataAlbin Kurti (2021–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoAssembleia do Kosovo (pt) Traducir , (Escano: 120) Editar o valor en Wikidata
Membro de
PIB nominal9.412.034.299 $ (2021) Editar o valor en Wikidata
Moedaeuro Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivelsen valor Editar o valor en Wikidata
Prefixo telefónico+383 Editar o valor en Wikidata
Teléfono de emerxencia112 Editar o valor en Wikidata
Código de paísXK e sen valor Editar o valor en Wikidata

Sitio webrks-gov.net Editar o valor en Wikidata
BNE: XX4575593

Kosovo[1] (en albanés, Kosova ou Kosovë; en serbio, Косово), oficialmente República de Kosovo (en albanés, Republika e Kosovës; en serbio, Република Косово), é un estado parcialmente recoñecido situado no centro da península dos Balcáns, ao sueste de Europa. Kosovo declarou unilateralmente a súa independencia de Serbia o 17 de febreiro de 2008,[2] e dende entón, obtivo o recoñecemento diplomático como estado soberano por parte de 101 estados membros da ONU. Limita con Serbia ao norte e ao leste, con Macedonia do Norte ao sueste, con Albania ao suroeste e con Montenegro ao noroeste. Abrangue unha superficie de 10 980 km2 e posúe unha poboación estimada de 1 806 279 (2022). A súa capital e cidade máis poboada é Pristina,[3] seguida por Prizren e Ferizaj.

Na antigüidade, a tribo central que xurdiu no territorio de Kosovo foi a dos dárdanos, que formaron un sistema político independente coñecido como o Reino de Dardania no século -IV. O Imperio Romano anexionouno no século -I, e durante o seguinte milenio o territorio seguiu formando parte do Imperio Bizantino, cuxo dominio viuse alterado polas invasións eslavas a partir do século VI-VII. Nos posteriores séculos, o control da zona alternouse entre os bizantinos e o Primeiro Imperio Búlgaro. No século XIII, Kosovo converteuse no núcleo do estado medieval serbio, sendo tamén a sede da Igrexa Ortodoxa Serbia dende o século XIV, cando o seu status foi elevado a patriarcado.[4] A expansión otomá nos Balcáns a finais do século XIV e XV provocou o declive e a caída do Imperio Serbio; a batalla de Kosovo de 1389 considerase un dos momentos decisivos na historia medieval serbia. Os otománs conquistaron totalmente a rexión trala Segunda batalla de Kosovo. O Imperio Otomán gobernou a zona durante case cinco séculos, ata 1912.

Despois da primeira guerra balcánica (1912-1913) Kosovo integrouse no Reino de Serbia. A constitución de Iugoslavia, fundada despois da primeira guerra mundial, recoñeceu á provincia Autónoma Socialista de Kosovo e Metohija (en serbio: Аутономна Покрајина Косово и Метохија, Autonomna Pokrajina Kosovo i Metohija) dentro da República Iugoslava de Serbia.

As longas tensións étnicas entre os albaneses de Kosovo (un 88% da poboación segundo datos de 2003) e as poboacións serbias deixaron un Kosovo etnicamente dividido, o que deu lugar a episodios de violencia interétnica, incluíndo a guerra de Kosovo de 1999. Esta guerra rematou coa aceptación por parte da República Federal de Iugoslavia de dar fin ao exercicio da súa soberanía á espera dunha resolución sobre o estatuto final. En virtude da resolución 1244 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, o goberno pasou ás mans da ONU coa administración da MINUK.

A primeira declaración da independencia da República de Kosovo tivo lugar en 1990, pero non foi recoñecida, agás por Albania. O 17 de febreiro de 2008 a República de Kosovo declarou unilateralmente a súa independencia como Estado propio. A República mantén o control sobre a maioría do territorio, excepto zonas como Kosovo do Norte, o maior enclave serbio baixo control das institucións da República de Serbia (ou outras estruturas paralelas subvencionadas polo goberno serbio). A República de Kosovo está recoñecida por 98 estados membros das Nacións Unidas, entre eles os Estados Unidos, Xapón e até 22 membros da Unión Europea. Serbia, ademais doutros Estados, non recoñece a secesión kosovar e considera ao territorio unha entidade gobernada pola ONU dentro da súa soberanía, malia declarar a Corte Internacional de Xustiza que a conversión en Estado de Kosovo non vulnera a legalidade internacional.

Etimoloxía

Paisaxe kosovar.

A orixe do topónimo Kosovo parece ser de orixe eslava.[5] En serbio a palabra косово (en alfabeto latino: Kosovo, pronunciado [ˈkɔsɔvɔ]) é o adxectivo posesivo neutro de кос (kos, merlo). Trataríase, logo, dunha elipse do nome Kosovo Polje (lugar da famosa batalla de Kosovo no 1389) que significa campo dos merlos. En lingua galega, á parte de Kosovo, recóllense as denominacións Kosova, Kósovo, Cosova e Cosovo.

Dentro do país,[6] a pronunciación e a escritura do nome varían considerablemente entre os principais grupos étnicos. Os albaneses utilizan Kosova (forma definida, pronunciada [kɔˈsova]) ou Kosovë (forma indefinida, pronunciada [kɔˈsoːv]) e os serbios prefiren a denominación Косово и Метохија (Kosovo i Metohija), distinguindo a zona oriental (á que chaman Kosovo) da occidental (Metohija).

Metohija deriva da palabra grega μετόχια (metochia) que significa "terra propiedade da igrexa" xa que ,historicamente, os mosteiros da Igrexa ortodoxa serbia situáronse principalmente en Kosovo. O nome en xeral é empregado polos serbokosovares mentres que os albanokosovares denomínano Rrafsh e Dukagjinit ("meseta do duque Gjin", na honra dun nobre albanés). Durante o goberno serbio a zona denominábase oficialmente "Kosovo e Metohija", aínda que ás veces se empregaba a contracción Kosmet.

As organizacións internacionais tentaron utilizar a fórmula Kosovo/Kosova como un camiño intermedio entre ámbalas dúas posicións, que a miúdo son consideradas ofensivas polo outro grupo étnico. Porén, mentres o uso serbio asentou con maior forza na comunidade internacional, o albanés é utilizado polas forzas de ocupación asentadas no país.

Historia

Véxase tamén: Historia dos eslavos do sur.

Dardania

Muros dun antigo asentamento romano en Ulpiana, unha das principais localidades da antiga Dardania.

Non se coñece moito sobre Kosovo antes do século XI. Sábese que durante o Neolítico, o actual territorio de Kosovo estivo baixo dominio da denominada cultura de Vinča-Turdaş, habendo vestixios arqueolóxicos de tumbas das Idades de Bronce e de Ferro en Metohija, mais non na zona oriental. Os dardanios e tribalios, tribos indoeuropeas de orixe tracio-iliria, habitaron no lugar entre os séculos IV e III a. C. Arredor do ano 160 a. C., a zona comezou a ser conquistada polos romanos e sendo integrada dentro do seu Imperio como parte da provincia de Iliria no ano 59 a. C. A zona, denominada Dardania, pasaría formar parte da Mesia Superior no ano 87 e logo constituiría a súa propia división preto do ano 284 baixo o goberno de Diocleciano, con capital na actual cidade de Niš (ao sur de Serbia).

No final do século VI e comezos do século VII, unha onda de migracións de pobos eslavos chegaron á rexión baixo dominio do Imperio bizantino, mesturándose cos latinos e os tracio-ilirios que habitaban o lugar. O Primeiro Imperio Búlgaro conquistou a zona arredor dos anos 850, sendo reconquistada por Constantinopla en 1018 baixo o mando do emperador Basilio II. Diversos pequenos reinos serbios estabelecéronse na zona noroeste de Kosovo, liderando a resistencia eslava ao dominio bizantino, mentres as culturas de ambos se ían mesturando co paso dos anos. Finalmente, a zona quedaría baixo o dominio do principado serbio de Raška tralas vitorias de Stefan Nemanja contra o principado de Duklja (actual Montenegro) e do seu sucesor, Stefan Prvovenčani, en 1216.

A Idade Media

Véxase tamén: Batalla de Kosovo.
Batalla de Kosovo de 1389 (óleo de Adam Stefanović, 1870).

O principado de Raška unificaría os diversos territorios habitados polos serbios ao terminar o século XII. O territorio de Kosovo e Metohija converteuse no século XIII no corazón do goberno da Casa de Nemanjić, que localizou a capital en Prizren. Ademais, instalouse na rexión o centro espiritual da Igrexa Ortodoxa Serbia, logo de que o seu Patriarcado situárase en Peć e diversos mosteiros fixesen o mesmo na rexión de Metohija. Pristina era unha das principais urbes do país e un importante centro de comercio que controlaba tódalas rutas en dirección aos portos sobre o mar Adriático. A minería era unha importante industria en Novo Brdo e Janjevo, chegando a primeira a producir arredor do 1450 máis de seis toneladas de prata por ano.

O principado alcanzaría o seu máximo esplendor durante o reinado de Stefan Uroš IV Dušan Nemanjić coa formación do Imperio Serbio en 1346 e transformou a monarquía absolutista nun goberno feudal, asignando as terras que actualmente forman Kosovo á familia dos Branković, sucesora da dinastía Nemanjić. Daquela, a composición étnica da poboación kosovar, aínda que era maioritariamente de orixe serbia, albergaba importantes comunidades gregas e búlgaras, ademais de mineiros de orixe saxoa e comerciantes ragusanos.

Trala morte de Stefan Dušan, o imperio colapsou e disolveuse en diversos feudos. Os serbios, concentrados en diversas rifas internas, estaban débiles e indefensos ante un ataque exterior, o cal foi aproveitado polo Imperio Otomán en plena expansión. As tropas otomás avanzaron rapidamente sobre os territorios baixo dominio eslavo até se enfrontar na decisiva Batalla de Kosovo no chamado Campo de Kosovo (ou Kosovo Polje), o 28 de xuño de 1389. No enfrontamento morreron os líderes de ambos os exércitos, o príncipe serbio Lazar Hrebeljanović e o sultán Murad I, e a pesar da inmensa superioridade numérica dos invasores, estes lograron unha vitoria pírrica. A derrota en Kosovo integrouse á mitoloxía nacional serbia, mentres os otománs non lograron facerse coa dominación sobre Serbia, que mantivo a súa independencia. Só en 1455, o Imperio Otomán lograría finalmente conquistar Kosovo e derrotar definitivamente aos serbios.

Dominación otomá

Véxase tamén: Imperio Otomán.
Vista dun antigo mosteiro ortodoxo en Prizren.

Trala conquista otomá, o actual territorio kosovar pasou facer parte de Rumelia, que correspondía a grandes liñas ao territorio abarcado polo Imperio Otomán en Europa. Diversas entidades administrativas, denominadas sanjak, formáronse en Kosovo ao cargo dun sanjakbeyi.

O Valiato de Kosovo entre 1875 e 1878.
O Valiato de Kosovo entre 1881 e 1912.

O principal cambio trala invasión foi o proceso de islamización efectuado na zona e que comezou pouco despois da chegada dos otománs. A pesar de que estes tiñan o dominio absoluto do territorio, foi un proceso lento e que tomou unha cantidade considerable de tempo, polo menos dun século, e que se concentrou inicialmente nas cidades. Moitos habitantes cristiáns adoptaron a nova fe, principalmente por razóns económicas e sociais debido aos considerables beneficios e dereitos outorgados aos musulmáns. Esa conversión foi seguida pola chegada de colonos arnautas (albaneses islamizados) a partir do século XVII, que comezaron a aumentar en número fronte aos habitantes de orixe eslava. A vida relixiosa cristiá continuou a pesar das dificultades, pero tanto as igrexas ortodoxas como as católicas e os seus fieis enfrontáronse a altos niveis de impostos.

En 1689, Kosovo foi enormemente desestabilizado pola guerra entre os otománs e o Sacro Imperio Romano Xermánico baixo o dominio da Casa de Habsburgo. En outubro dese ano, unha pequena forza austríaca ao mando do margrave Ludwig von Baden logrou avanzar até Kosovo, capturando Belgrado no camiño. Moitos serbios xuraron lealdade aos austríacos, chegando algúns mesmo a unirse ao exército de von Baden. Pola súa banda, os arnautas deron o seu apoio aos otománs. No verán seguinte, con todo, un contraataque otomán obrigou aos austríacos a retirarse á fortaleza en Niš, próxima a Belgrado, e finalmente a retroceder máis aló do Danubio, volvendo a Hungría.

A ofensiva otomá foi acompañada por represalias salvaxes e saqueos, principalmente contra os serbios, polo cal moitos se viron forzados a emigrar xunto ás tropas austríacas. O patriarca ortodoxo serbio Arsenije III fuxiu xunto a máis de 30.000 eslavos segundo os seus rexistros no evento coñecido como a "Gran Migración" (en serbio: Велике сеобе, Velike seobe ). Ante esta situación, Kosovo converteuse nunha rexión de predominio étnico albanés, aínda que se mantiveron minorías cristiás por moitos séculos.

No final do século XIX deuse o xurdimiento dos sentimentos nacionalistas por parte dos albaneses, o cal tamén repercutiu naqueles que vivían no territorio kosovar. O goberno realizou unha reforma administrativa creando en 1864 a provincia ou Valiato de Kosovo, abarcando territorios que inclúen hoxe parte de Albania, de Macedonia do Norte e de Montenegro. Con todo, estas reformas non foron suficientes para aplacar os desexos de maior autonomía. Así, o 10 de xullo de 1878 formouse a Liga de Prizren na cidade kosovar homónima, onde catro valiatos de etnia albanesa (incluíndo o de Kosovo) aliáronse para loitar pola súa autonomía e para defender o territorio dos reinos eslavos próximos, que derrotaran aos turcos na recente guerra ruso-turca, aínda que a liga sería desintegrada en 1881 por forzas do sultanato.

O territorio vería a súa sorte confrontada polos resultados da Primeira e segunda guerra balcánica. A derrota definitiva do Imperio Otomán na primeira implicou o retiro definitivo dos turcos en gran parte dos Balcáns, incluíndo Kosovo, e permitiu a formación de Albania como nación-estado para os habitantes desa etnia. Con todo, a vitoria nesas guerras foi aproveitada por Serbia para recuperar os antigos territorios baixo o seu dominio, incluíndo Kosovo e o norte de Macedonia. Con iso, presúmese que un terzo do total da poboación albanesa quedou dentro das fronteiras de Serbia.

Iugoslavia

Kosovo en 1941.

Despois da primeira guerra balcánica de 1912, Kosovo foi internacionalmente recoñecido como parte do Reino de Serbia, e Metohija converteuse en parte do Reino de Montenegro segundo o Tratado de Londres asinado o ano seguinte. A integración de Kosovo en Serbia provocou un forte cambio demográfico: miles de familias albanesas trasladáronse ao novo Estado-nación de Albania, mentres as novas autoridades fomentaron un plan de colonización serbia e procedementos de limpeza étnica, que incluíron matanzas de albaneses. O estalido da primeira guerra mundial xeraría unha oportunidade para os albaneses de recuperar parte da súa autonomía, aliándose algúns dos seus líderes coas tropas de Austria-Hungría e do Reino de Bulgaria, que forzaron o retiro das tropas serbias entre 1914 e 1915; con todo, a participación dos exércitos da Tripla Entente permitirían a derrota dos Imperios Centrais e a vitoria serbia.

En 1918, co fin da Gran Guerra,[7] Montenegro foi absorbido por Serbia e posteriormente este país unificaríase cos territorios formados trala desintegración do Imperio Austrohúngaro, nacendo así o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, que adquiriría en 1929 o nome de Reino de Iugoslavia. Kosovo foi dividido en diversas administracións menores e a persecución de albaneses continuou, negándolles status de minoría ao consideralos "secesionistas". En 1921, grupos albanokosovares denunciaron os asasinatos masivos ante a Sociedade de Nacións, solicitando a unificación do territorio con Albania, o que foi denegado. En tanto, centos de miles de albaneses fuxiron do país e mesmo o goberno iugoslavo estableceu conversacións con Turquía para a deportación de 240.000 albanokosovares.

No marco da segunda guerra mundial,[8] os exércitos das Potencias do Eixo invadiron Iugoslavia en 1941, desarticulándoa en diversos territorios baixo o seu dominio. Gran parte de Kosovo foi entregado á Gran Albania ocupada pola Italia fascista, o sur quedou baixo a administración do Reino de Bulgaria e o norte pola Serbia de Nedić. Durante a ocupación, os grupos armados albaneses locais (chamados Vulnetari) iniciaron unha campaña para establecer un territorio kosovar homoxeneamente étnico, para o que se realizaron redadas e deportacións de eslavos, xudeus e xitanos, o que se incrementaría trala capitulación italiana e a ocupación de Albania por parte da Alemaña nazi en setembro de 1943. Estímase que entre 10.000 e 30.000 serbios foron asasinados e máis de 100.000 fuxiron da zona.

Á medida que as forzas do Eixo eran dobregadas polas tropas dos Aliados, a resistencia albanesa á ocupación aumentou e comezaron a desprazar ás forzas alemás. Con todo, o status de Kosovo foi motivo de enfrontamento entre os nacionalistas e partisanos comunistas: mentres os primeiros esperaban que unha vez finalizado o conflito Kosovo permanecese en Albania, os segundos esperaban que unha vez liberada e rearticulada Iugoslavia esta cedese o territorio de forma pacífica. A vitoria dos partisanos e o seu apoio ás tropas iugoslavas de Josip Broz Tito finalmente decidiu a permanencia de Kosovo na recentemente formada República Democrática Federal de Iugoslavia en 1946.

Antiga bandeira dos iugoslavos de lingua albanesa.

En 1946, e como recompensa polo apoio á liberación iugoslava, o réxime de Tito creou unha división política para Kosovo por primeira vez dende a fin da dominación otomá. Na nova República Federal Popular de Iugoslavia, formouse a Área Autónoma de Kosovo e Metohija pertencente administrativamente á República Socialista de Serbia, con certos graos de autonomía, e que en 1963 obtería a calidade de Provincia. No marco das políticas de Tito de "irmandade e unidade", a autonomía das diferentes etnias aumentou durante os anos 1970, reducindo o poder dos serbios coa fin de evitar o secesionismo. Isto concertaríase en 1974 coa nova constitución da República Federal Socialista de Iugoslavia, que daría orixe á Provincia Autónoma Socialista de Kosovo. Con esta autonomía, as escolas foron capaces de aplicar un plan de estudos en lingua albanesa, o goberno local pasou ás mans da comunidade albanokosovar e un dos seus membros integrou o Consello Federal do país con capacidade de veto, igualando o seu status aos representantes da República Socialista de Serbia, a pesar de aínda permanecer administrativamente baixo o seu dominio.

A guerra de Kosovo

Artigo principal: Guerra de Kosovo.
Vista dunha localidade kosovar en 1999, destruída pola guerra de Kosovo.

O aumento da autonomía de Kosovo en favor dos albaneses xerou rozamentos coa comunidade serbia, que aínda constituía unha parte importante da rexión e que se sentía discriminada; ademais, a poboación kosovar cada vez era máis albanesa, debido ás altas taxas de natalidade dos albaneses en comparación cos serbios. Coa morte de Tito en 1980, as tensións étnicas acrecentáronse en toda Iugoslavia e especialmente en Kosovo. Mentres os albaneses fixeron protestas para obter o status de república e a súa secesión da República Socialista de Serbia, os serbios reclamaron máis dereitos contra a discriminación e a violencia étnica. Nos mediados da década dos anos 1980, en Serbia aumentou o nacionalismo, encarnado por Slobodan Milošević e o cal aproveitou para fomentar a súa carreira. Milošević rapidamente se converteu no líder de Serbia e logrou modificar en 1987 o Consello Federal de tal forma que os representantes de Kosovo e Voivodina (outra provincia autónoma da República Socialista de Serbia) no Consello Federal fosen electos pola República Socialista de Serbia, aumentando o poder desta división dentro de Iugoslavia (xa que pasaría a contar con tres votos no Consello en lugar do único que lle correspondía a cada entidade). Este cambio foi resistido tanto polos albanokosovares que rapidamente xeraron protestas, como tamén polos representantes das outras repúblicas socialistas, principalmente as Repúblicas Socialistas de Croacia e Eslovenia.

Pristina durante a guerra de Kosovo.

En 1989,[9] a autonomía foi revogada e introducíronse unha serie de medidas que diminuíron a participación albanesa e mesmo propiciaron a expulsión de 80.000 membros desa comunidade dos seus traballos, coa fin de que emigrasen a outras rexións, mentres que se promoveu a colonización serbia. Así, a Asemblea de Kosovo ratificou unha nova constitución mentres os tanques e coches blindados cercaban o lugar, outorgando o control da policía, a xustiza, a economía, o sistema educativo e políticas lingüísticas ao goberno serbio. Os problemas repetíronse noutras partes do país, o que sumado ao proceso de democratización experimentado deron orixe á disolución de Iugoslavia. Nun prazo de dous anos, entre 1991 e 1992, catro das seis repúblicas que formaban o país declararon a súa independencia, mentres que Serbia e Montenegro conformaron a República Federal de Iugoslavia. Todos estes novos estados enfrontáronse nunha serie de enfrontamentos bélicos.

Kosovo,[10] aínda oficialmente parte de Serbia, declarou unilateralmente a súa independencia o 22 de setembro de 1991, a cal sería aprobada case unanimemente pola poboación albanesa. Unha serie de institucións gobernamentais paralelas foron creadas durante os anos 1990 baixo o liderado de Ibrahim Rugova, electo en 1992 como Presidente de Kósovo, mais este goberno non foi recoñecido internacionalmente. Nesa época, foi fundado o Exército de Liberación de Kosovo (en albanés: Ushtria Çlirimtare Kombëtare, UÇK) destinado a defender a autonomía albanesa estabelecida nestes anos. Posteriormente comezarían os enfrontamentos entre as guerrillas do UÇK e os exércitos iugoslavos, aínda que só en 1998 xeraron interese na comunidade internacional. Diversas organizacións tentaron lograr un acordo de paz que finalmente non foi alcanzado. As informacións sobre asasinatos masivos de albaneses na localidade de Račak influíron nas potencias occidentais para intervir directamente no conflito co pretexto de evitar a limpeza étnica, de xeito similar ao ocorrido anos antes na guerra de Bosnia. Posteriormente, a partir do ano 2000, apareceron informes nos que se falaba de que os datos de vítimas, especialmente no caso de Račak, foran manipulados co obxectivo de precipitar a intervención da OTAN.

Emblema do UÇK.

Logo do fracaso da rolda de negociacións de Ramboulliet,[11] a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) iniciou unha ofensiva contra o goberno iugoslavo, dando inicio oficialmente á guerra de Kosovo. Entre o 24 de marzo e o 10 de xullo de 1999, a OTAN bombardeou diversos obxectivos en Serbia, principalmente en Belgrado, causando miles de mortos e irreparables danos nas súas infraestruturas; mentres esta respondeu con diversos ataques contra os civís albaneses en Kosovo, xerando un enorme éxodo desta comunidade. Segundo Nacións Unidas, convertéronse en refuxiados máis de 848.000 persoas, mentres a cifra de mortos estimouse en máis de 10.000 civís e a de desaparecidos en máis de 3.000. Durante a guerra, Robin Cook, ministro británico de Asuntos Exteriores, chegou afirmar que a cifra de mortos acadaba os 300.000. Despois de meses de traballo, os equipos do Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia só contabilizaron 2.018 corpos exhumados.

Algúns historiadores[12][13] sosteñen que a guerra de Kosovo fixo parte dunha campaña orquestrada polos Estados Unidos co obxectivo de aumentar o seu control nos Balcáns e derrubar o réxime de Milošević. Argumentan que as cifras de mortos foron deliberadamente aumentadas, e que CIA|efectivos de intelixencia norteamericanos colaboraron coa guerrilla do UÇK, á que adestraron para a súa loita contra as forzas federais iugoslavas.

A Misión das Nacións Unidas (MINUK)

Torres da MINUK en Pristina.

Trala derrota de Serbia na Guerra de Kosovo, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas adoptou a Resolución 1244 a fin de dar unha solución transitoria ao problema kosovar. O territorio de Kosovo, aínda que se mantivo de iure como parte da República Federal de Iugoslavia, pasou a ser administrado de forma autónoma e provisional pola Misión de Administración Interina das Nacións Unidas en Kosovo (MINUK) mentres a seguridade e estabilidade da zona e a conservación do alto o fogo foi encargada á forza multinacional KFOR (Forza de Kosovo). A pesar disto, realizáronse varios actos de vinganza por parte de albaneses contra a comunidade serbia, o que provocou o éxodo dos afectados para Serbia; aínda que as cifras varían segundo a fonte, son entre 65.000 e 250.000 os desprazados. Outros grupos de serbios formaron enclaves nalgunhas zonas do país, especialmente no sector ao norte do río Ibar.

Cos anos, logrouse certa estabilidade en Kosovo, fóra dunha onda de violencia en 2004 rapidamente controlada. En 2001, a MINUK decidiu entregar parte do goberno á comunidade albanokosovar, formándose as Institucións Provisionais de Autogoberno dentro do novo cadro constitucional adoptado. Así, establecéronse a Asemblea de Kosovo, a Presidencia e o cargo de Primeiro Ministro, para as cales se realizaron as primeiras eleccións nacionais en Kosovo a fins dese mesmo ano.

Segundo o establecido pola Resolución 1244, constituíuse un proceso destinado a lograr un acordo para o futuro status de Kosovo. Os representantes da República Federal de Iugoslavia (que en 2002 se converteu en Serbia e Montenegro, e que en 2006 sería representada unicamente pola República de Serbia) postulaban que a Resolución 1244 garantía que Kosovo seguise sendo parte íntegra do país con diversos graos de autonomía, mentres os líderes kosovares afirmaron que a única solución era a independencia. O 7 de outubro de 2005, a ONU recomendou ao Consello de Seguridade o inicio de conversacións para alcanzar un acordo sobre o status definitivo para a rexión, con base no informe elaborado polo enviado especial de Kofi Annan.

Declaración de independencia

A escultura titulada NEWBORN (en inglés: Recentemente nado) foi inaugurada como símbolo da declaración de independencia de Kosovo o 17 de febreiro de 2008.
Celebración da independencia kosovar en Viena.

O 26 de xaneiro de 2007,[14] o finlandés Martti Ahtisaari, enviado especial da ONU para Kosovo, deu a coñecer os detalles preliminares da súa proposta para un status definitivo da provincia. Aínda que o texto non mencionou directamente a independencia, diversos puntos apuntaban a ela como a membresía en organizacións internacionais, a adopción de símbolos nacionais e dun corpo de seguridade propio. A proposta foi rexeitada por Serbia e por Rusia, o seu principal aliado e con poder de veto no Consello de Seguridade; en tanto, foi benvida polas autoridades kosovares, Estados Unidos e o Reino Unido. O 3 de abril, Ahtisaari (quen posteriormente recibiría o Premio Nobel da Paz de 2008 polo seu traballo en Kosovo, entre outros lugares) propuxo a "independencia supervisada" de Kosovo por parte da comunidade internacional para protexer as comunidades minoritarias, o cal foi novamente desestimado por serbios e rusos. En decembro de 2007, a Unión Europea decidiu o envío dunha "misión estabilizadora" (EULEX) á rexión de Kosovo destinada ao traspaso da misión da ONU en Kosovo ás mans europeas.

O rexeitamento da proposta de Ahtisaari deixou en punto morto as conversacións.[15] Así, as autoridades kosovares anunciaron as súas intencións de proclamar a súa declaración de independencia de forma unilateral ante a fin do proceso diplomático. Ese anuncio concretouse finalmente o 17 de febreiro de 2008 cando o Parlamento de Kosovo, reunido en sesión especial, proclamou a súa independencia baixo o nome de República de Kosovo. Os Estados Unidos, o Reino Unido e Francia apoiaron abertamente a declaración, mentres Serbia e Rusia rexeitárona totalmente. Diversas protestas realizáronse en Belgrado contra a declaración, mentres a maioría dos países da Unión Europea e dos estados balcánicos recoñeceron oficialmente o novo país.

Serbia anunciou[16][17] que non recoñecería o novo estado e decidiu presentar unha solicitude de opinión consultiva ante a Corte Internacional de Xustiza respecto da legalidade da declaración, solicitude que foi aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 8 de outubro de 2008, con 77 votos a favor, 6 en contra e 74 abstencións. O 22 de xullo de 2010, a Corte emitiu a súa opinión sobre a materia en discusión, na que expuxo que a declaración efectuada por Kosovo non violou o dereito internacional pois este non ten unha disposición activa que limite as declaracións de independencia. Aínda que a opinión consultiva limítase estritamente aos aspectos formais da declaración como acto de promulgación de independencia, representou un forte golpe para as intencións de Serbia, cuxas autoridades reiteraron que nunca recoñecerían a independencia kosovar. O goberno serbio decidiu presentar ante a Asemblea Xeral das Nacións Unidas un proxecto de resolución que reafirmase a súa soberanía sobre Kosovo, pero a presión dos principais países da Unión Europea (á cal Serbia desexa acceder) finalmente logrou cambiar a redacción da proposta aprobada, en que se solicita ás Nacións Unidas apoiar o diálogo entre os gobernos de Belgrado e Pristina para alcanzar acordos técnicos, a cal foi aprobada por aclamación.

Plena soberanía

Hashim Thaçi xunto con George W. Bush e Fatmir Sejdiu na Casa Branca.

O 10 de setembro de 2012,[18] catro anos e medio despois de autoproclamar a súa independencia de Serbia, Kosovo accedeu á "plena soberanía" co anuncio do fin da misión de vixilancia do Grupo de Coordinación Internacional para Kosovo (ISG). "A supervisión de Kosovo rematou. Acudiremos ao Parlamento para informar aos deputados do feito de que o Grupo de Coordinación Internacional para Kosovo decidiu poñer fin á vixilancia da independencia", anunciou á prensa en nome do ISG o diplomático neerlandés Peter Feith. Porén, a soberanía do goberno kosovar é limitada, xa que non controla o norte do territorio, habitado maioritariamente por serbios, os cales rexeitan a autoridade de Pristina. Ademais, pese á decisión do ISG, seguen en curso dúas misións: a de policía e xustiza da Unión Europea (EULEX), con mandato até 2014, e a da OTAN en Kosovo (KFOR).

En Washington, o presidente estadounidense, Barack Obama, saudou o anuncio, cualificándoo de "etapa histórica", e pediu a Pristina que traballe a normalización das súas relacións con Serbia, que segue sen recoñecer a independencia da que considera a súa provincia. O primeiro ministro kosovar, Hashim Thaçi, felicitouse polo que chamou "un éxito histórico para o Estado de Kosovo", engadindo que "Kosovo enfronta numerosos desafíos, entre eles a integración dos serbios do norte (do territorio)".

O anuncio do ISG viuse ademais enturbado por unha nova polémica entre Belgrado e Pristina. O día anterior á declaración do ISG, o fiscal serbio encargado dos crimes de guerra revelou que os seus servizos dispoñen polo menos dunha testemuña que participou no suposto tráfico de órganos extraídos de prisioneiros serbios durante o conflito de Kosovo, do que se acusa á guerrilla independentista kosovar (UÇK). O asunto do tráfico de órganos é tamén obxecto dunha investigación internacional conducida polo fiscal norteamericano John Clint Williamson. As autoridades kosovares negaron de novo as acusacións, desta vez pola boca do seu ministro de Relacións Exteriores, Enver Hoxhaj, que denunciou un "intento de Serbia de ensombrecer un gran día para Kosovo".

No seu comunicado,[19] o ISG felicitouse da "aplicación con éxito do plan Ahtisaari", e anunciou o peche de aquí a fin de ano da Oficina Civil Internacional (ICO) dirixida por Peter Feith, que tamén é o Representante Especial da UE. O ICO gozaba de poderes discrecionais, polos que podía impoñer leis ou sancionar a responsábeis gobernamentais, competencias que nunca utilizou. A independencia de Kosovo foi recoñecida por uns noventa países, entre eles os Estados Unidos, a maioría dos da Unión Europea, e Turquía, pero non por Serbia, que segue considerando ese territorio como unha provincia, nin outros países como Rusia.

Xeografía

Mapa de Kosovo.

Kosovo sitúase no centro da Península dos Balcáns,[20] cunha forma a grandes liñas romboidal e sen acceso directo ao mar. Esténdese entre as lonxitudes 41°50’58’’ e 43°15’42’’ Norte e as latitudes 20°01’30’’ e 21°48’02’’ Leste. Fai fronteira con Albania (111,8 km), Macedonia do Norte (158,7 km), Montenegro (78,6 km) e Serbia/Serbia Central (351,6 km). Con 1 733 872 de habitantes segundo o censo de 2011, o seu territorio ocupa unha superficie de 10.908 km², unha área similar á de Xamaica, Qatar ou a Provincia de Lugo.

Gran parte do territorio de Kosovo está atravesado por montañas, especialmente ao longo das súas fronteiras. Na beira nororiental con Montenegro e parte de Albania están os montes Prokletije, parte do conxunto dos Alpes Dináricos. Nesta cadea atópase o Đeravica, que cunha altitude de 2.565 é o punto máis alto do territorio kosovar, e o canón de Rugova cunha lonxitude de 25 quilómetros. No sector noroccidental sitúanse os Kopaonik, ao longo da fronteira con Serbia Central, e no sur atópanse os Montes Šar. Ámbalas cadeas montañosas son populares destinos turísticos, especialmente debido ao seu parque nacional e centros de esquí (como Brezovica).

Preto do 36% do territorio corresponde a chairas con algunhas serras de características kársticas que se estenden dentro delas, como o Goljak, Drenica e Crnoljeva. Esta última marca a diferenza entre o sector das concas de Kosovo ao leste e de Metohija (coñecida en albanés como Rrafshi i Dukagjinit, "meseta de Dukagjin") ao oeste. Diversos ríos cruzan o país: o Drin Branco (en albanés: Drini i Bardhë) corre en dirección ao mar Adriático ao longo de Metohija, mentres o Sitnica faino na zona oriental até confluír co río Ibar ao norte, no sector de Kosovska Mitrovica. O Ibar, xunto ao río Morava do Sur, é un dos afluentes pertencentes á gran conca do río Danubio. Existen ademais algúns lagos en Kosovo, destacando o lagos Gazivoda, Radonjić, Batlava e Badovac.

Estación de esquí nos Montes Šar.

O clima kosovar é predominantemente continental, con temperaturas tépedas pero que poden acadar extremos de -10 °C e 30 °C, durante os meses do inverno e do verán boreal, respectivamente. Entre outubro e decembro alcánzanse as maiores precipitacións (promediando 600 mm anuais nos sectores chairos) e a neve é común en todo o territorio entre novembro e marzo, aínda que é máis importante nas zonas montañosas. O sector de Metohija é máis tépedo por efecto das masas de aire cálido provenientes do Adriático.

Todas estas características xeográficas fan de Kosovo un territorio moi fértil, cun 69,1% da súa superficie dispoñible para actividades agrículas (das cales, un 31% son pasteiros e un 69% son terras arables). Con todo, debido ás actividades industriais e mineiras, un importante número de hectáreas foron contaminadas, impedindo o seu desenvolvemento agrícola. O 39% do territorio corresponde a bosques, que son clasificados fitoxeograficamente como parte da provincia iliria da Rexión Circumboreal. Dentro da flora kosovar destacan carballos, piñeiros, faias e bidueiros, mentres que na fauna silvestre hai especies de aguias, lobos, algúns cervos e xabarís. Kosovo é tamén rico en recursos naturais como o chumbo, o cinc, a prata, o níquel, o cobalto, o cobre, o ferro ou a bauxita.

Política e goberno

Administración

Sede do goberno de Kosovo.

Na actualidade, o goberno e administración de Kosovo están dominados principalmente polas institucións constituídas como parte da República de Kosovo, baixo dirixencia principalmente albanokosovar, exceptuando os territorios de predominancia étnica serbia en Kosovo do Norte.

As institucións da República de Kosovo teñen a súa orixe naquelas creadas durante a administración da Misión de Administración Provisional das Nacións Unidas en Kosovo (MINUK). Trala fin da Guerra de Kosovo, a Resolución 1244 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas estableceu a administración dun protectorado internacional sobre a Provincia Autónoma de Kosovo, a cal se mantería de iure como parte do territorio da República de Serbia (parte da República Federal de Iugoslavia e de Serbia e Montenegro sucesivamente até 2006). De acordo coas disposicións da MINUK, en 2001 estableceuse un marco constitucional que deu paso á formación das Institucións Provisionais de Autogoberno de Kosovo (IPAG), entregando así de forma gradual parte da administración do territorio aos políticos kosovares, principalmente de etnia albanesa. Aínda que a MINUK aínda actúa en Kosovo, gran parte da administración de Kosovo foi entregada ás IPAG, as cales se converteron nas institucións da República de Kosovo trala súa declaración de independencia, o 17 de febreiro de 2008.

Hashim Thaçi é o quinto presidente de Kosovo. Ostenta o cargo dende o 7 de abril de 2016.

A República de Kosovo é unha república democrática representativa de tipo parlamentario, segundo o establecido pola Constitución da República de Kosovo que entrou en vigor o 15 de xuño de 2008. Esta constitución, non recoñecida por Serbia nin a poboación de Kosovo do Norte, estabelece como xefe de Estado ao presidente de Kosovo, cargo ostentado por Hashim Thaçi dende o 7 de abril de 2016. O poder executivo está nas mans do primeiro ministro, quen é ademais o líder do goberno. Ese cargo é ocupado dende o 3 de xuño de 2020 por Avdullah Hoti, membro do Partido Democrático de Kosovo (PDK), despois de que o Parlamento destituíse nunha moción de censura ao anterior primeiro ministro, Albin Kurti.

Atifete Jahjaga foi a cuarta presidenta de Kosovo. Ostentou o cargo dende 2011 a 2016.

O Parlamento de Kosovo é unicameral e está composto por 120 membros, dos cales 100 asentos son para os candidatos electos abertamente e 20 son distribuídos entre outros grupos étnicos no territorio (10 para os serbios e 10 para outras minorías). Os principais partidos son o socialdemócrata Partido Democrático (PDK), a conservadora Liga Democrática (LDK) e a centrista Alianza por un novo Kosovo (ANK). Tralas eleccións parlamentarias de novembro de 2007, o goberno quedou nas mans da coalición liderada polo PDK (que acadou o 34,3% dos votos e 37 escanos) e a LDK (con 22,6% da votación e 25 parlamentarios electos), mentres a ANK obtivo 12,1% dos votos e 13 parlamentarios. As eleccións, con todo, foron continuamente boicoteadas polos serbios, cunha participación de tan só un 5% destes en 2007.

Aínda que gran parte da administración estea nas mans do goberno local, certos temas aínda son liderados pola MINUK, especialmente en canto a defensa, seguridade interna e diversas tarefas nos sectores de Kosovo do Norte. A MINUK é presidida polo Representante Especial da Secretaría Xeral das Nacións Unidas. A seguridade interna está a cargo da unidade militar KFOR (establecida en 1999 pola OTAN e Rusia), os servizos multiétnicos de policía e os Corpos de Protección de Kosovo. Ademais, está en proceso o establecemento da misión EULEX a cargo da Unión Europea para o mantemento da paz e a orde no territorio kosovar.

A República de Serbia considera que o territorio de Kosovo segue baixo a súa soberanía[21][22] de acordo co estipulado pola súa constitución e pola Resolución 1244 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, e considera ilegais as institucións establecidas pola República de Kosovo. O goberno serbio en Kosovo está baixo o mando do Ministerio de Kosovo e Metohija, fundado o 15 de maio de 2007. Localmente, a administración serbia exércese principalmente en Kosovo do Norte e algúns enclaves no sur de Kosovo a través da Asemblea Comunitaria de Kosovo e Metohija, composta por 45 representantes de 26 municipios e con sede na cidade de Mitrovica. En xullo de 2008, o goberno de Serbia organizou eleccións locais nesas zonas baixo a súa administración para determinar os representantes da Asemblea, pese ao rexeitamento tanto das institucións da República de Kosovo como da MINUK.

Divisións administrativas

Artigo principal: Subdivisións de Kosovo.

Kosovo está dividido en sete distritos (en albanés: rreth, en serbio: дистрикт, distrikt), os cales á súa vez se subdividen en trinta municipios (en albanés: komuna, en serbio: општина, opština). Esta división foi establecida pola MINUK en 1999, substituíndo os antigos cincos distritos establecidos pola República Federal de Iugoslavia, e foi herdada pola República de Kosovo; as autoridades serbias aínda utilizan a antiga división administrativa.

Nome (alb./ser.) Mapa Capital Municipios
Đakovica
Gjakovë / Đakovica
Đakovica
Gnjilane
Gjilan / Gnjilane
Gnjilane
Mitrovica
Mitrovicë / Mitrovica
Mitrovica
Peć
Pejë / Peć
Peć
Nome (alb./ser.) Mapa Capital Municipios
Pristina
Prishtinë / Priština
Pristina
Prizren
Prizren / Prizren
Prizren
Uroševac
Ferizaj / Uroševac
Uroševac

Recoñecemento internacional

     Kósovo.      Estados que recoñecen oficialmente a independencia.      Outros estados.

O 17 de febreiro de 2008,[23][24] o Parlamento de Kosovo aprobou a declaración de independencia unilateral respecto de Serbia, nun proceso apoiado polos Estados Unidos e parte da Unión Europea. 109 dos 120 deputados do parlamento votaron a favor da secesión, mentres que os deputados restantes (de orixe serbia) boicotearon a sesión.

Dende a declaración de independencia até o presente,[25] 97 dos 193 países membros das Nacións Unidas recoñeceron a independencia da República de Kosovo:

Afganistán, Albania, Alemaña, Andorra, Arabia Saudita, Australia, Austria, Bahrain, Belize, Bélxica, Benín, Brunei, Bulgaria, Burkina Faso, Burundi, o Canadá, o Chad, Colombia, Comores, Corea do Sur, Costa do Marfil, Costa Rica, Croacia, Dinamarca, Dominica, os Emiratos Árabes Unidos, Eslovenia, os Estados Unidos, Estonia, Eswatini, Fidxi, Finlandia, Francia, Gabón, Gambia, Ghana, Guinea, Guinea-Bissau, Haití, Honduras, Hungría, as Illas Marshall, Irlanda, Islandia, Italia, Kiribati, Kuwait, Letonia, Liberia, Lituania, Liechtenstein, Luxemburgo, Malaisia, as Maldivas, Malta, Malaui, Mauritania, os Micronesia, Mónaco, Montenegro, Nauru, Níxer, Nixeria, Noruega, Nova Zelandia, Omán, os Países Baixos, Paquistán, Palau, Panamá, Papúa Nova Guinea, o Perú, Polonia, Portugal, Qatar, a República Centroafricana, a República Checa, a República Dominicana, Macedonia do Norte, o Reino Unido, Samoa, San Cristovo e Neves, San Marino, San Tomé e Príncipe, o Senegal, Santa Lucía, Somalia, Suecia, Suíza, Timor Leste, Turquía, Tuvalu, Uganda, Vanuatu, o Xapón, Djibuti e Xordania.

Entre estes estados atópanse 22 dos 27 membros da Unión Europea,[26] 22 dos 27 membros da OTAN e 7 dos 8 membros do G8. Ademais, a República da China (Taiwán) ofreceu o seu recoñecemento, a pesar de que Kosovo non a recoñeceu. Doutra banda, varias decenas de países anunciaron o seu rexeitamento á declaración de independencia de Kosovo e o seu respecto á integridade territorial de Serbia. Pola súa banda, o Brasil, Chile, México, Tailandia e o Uruguai agardan un pronunciamento do Consello de Seguridade das Nacións Unidas para tomar unha decisión definitiva.

En canto a organizacións internacionais,[27] a República de Kosovo non solicitou a súa membresía ante a Organización das Nacións Unidas debido ao anunciado veto de Rusia no Consello de Seguridade. No caso da Unión Europea, aínda que esta non recoñece países formalmente, non existe unha política oficial que acepte a independencia de Kosovo xa que para facelo é necesaria a unanimidade dos seus membros, a cal non se logrou; con todo, o Parlamento Europeo si o fixo de forma particular.

O Fondo Monetario Internacional iniciou en xuño de 2008 o proceso de integración de Kósovo como membro permanente,[28][29] sendo finalmente aceptado como membro o 5 de maio de 2009 con 96 votos a favor. Ese feito propiciou a súa solicitude de incorporación ao Banco Mundial, a cal foi aprobada o 4 de xuño de 2009 e oficializada o 29 de xuño, obtendo así a súa primeira membresía a un organismo especializado das Nacións Unidas. Tras esa situación, Kósovo postularía a ingresar ao Consello de Europa, para o cal necesita o apoio de dous terzos dos seus membros.

Controversias

Vista aérea de Camp Bondsteel, a maior instalación militar dos Estados Unidos fóra das súas fronteiras dende a Guerra do Vietnam.

A intervención da OTAN[30][31] na Guerra de Kosovo así como o apoio explícito de países como Estados Unidos á independencia kosovar foron vistos desde diferentes colectivos como actos de interese xeoestratéxico, encamiñados a manter o control tanto militar como económico nesa zona dos Balcáns. Personalidades como James Petras manteñen que o recoñecemento de Kosovo por parte dos Estados Unidos respondía os intereses das multinacionais norteamericanas e as alianzas militares, pondo en dúbida que a súa intervención no conflito fose por razóns humanitarias.

Un dos feitos máis cuestionados foi a creación de Camp Bondsteel,[32][33] a segunda maior base militar estadounidense no mundo. A base atópase situada xunto a Uroševac, nunha zona de elevado interese estratéxico, próxima a Oriente Medio, ao Cáucaso e Rusia, e que permite o control sobre os oleodutos e corredores enerxéticos vitais, como o oleoduto Trans-Balcáns, onde multinacionais norteamericanas como a petroleira Halliburton teñen destacada presenza.

En 2002,[34] denunciouse que Camp Bondsteel era utilizada polo exército estadounidense como campo de detención ilegal alternativo ao de Guantánamo, polo que foi inspeccionada polo Comisario de Dereitos Humanos da Unión Europea, Álvaro Gil-Robles, quen comprobou a súa existencia e solicitou ás autoridades o seu desmantelamento.

Demografía

Mapa multiétnico de Kosovo.
Rapazas festaxando o Día do Neno.

De acordo coas enquisas realizadas pola Oficina de Estatítica de Kosovo en 2005,[35][36] a poboación total do país estímase entre 1,9 e 2,2 millóns de habitantes coa seguinte composición étnica: albaneses 92%, serbios 4%, bosníacos e goranis 2%, turcos 1% e xitanos 1%. Outras fontes, como o The World Factbook da CIA estiman que, a partir de xullo de 2009, a poboación de Kósovo sitúase en 1 804 838 persoas, sendo a súa composición étnica albaneses 88%, serbios 7% e outros grupos étnicos (bosníacos, goranis, turcos, xitanos, ashkalíes, exipcios e croatas) 5%.

Os albaneses, cuxo número está en constante en constante aumento, constitúen a maioría étnica en Kosovo dende o século XIX, estando a composición étnica de anos anteriores en disputa. As fronteiras políticas de Kosovo non chegan a coincidir coas fronteiras étnicas albanesas onde compoñen unha maioría absoluta en tódolos municipios: por exemplo, os serbios son maioría en Kosovo do Norte e outros dous municipios, mentres que hai grandes áreas con maioría albanesa fóra de Kosovo, é dicir, nas súas rexións veciñas da antiga Iugoslavia, como o noroeste de Macedonia do Norte e o Val de Preševo, ao sur e leste de Serbia.

Cun 1,3% por ano, os albaneses étnicos en Kósovo teñen a maior taxa de crecemento da poboación de Europa.[37] Durante un período de 82 anos (1921-2003) a poboación de Kosovo medrou un 460%. Mentres que os albaneses constituían o 60% da poboación de Kosovo con medio millón de individuos en 1931, en 1991 constituían o 81% da poboación con dous millóns. Se o crecemento continúa a este ritmo, a poboación chegará a 4,5 millóns en 2050.

Pola contra, de 1948 a 1991, a poboación serbia de Kosovo aumentou en apenas un 12% (un terzo do crecemento da poboación en Serbia Central). Ademais, no mesmo período, centos de miles de persoas saíron a estabelecerse na propia e máis prsopera Serbia Central ou en Europa occidental. Un 60% dos serbios que residían antes da campaña de limpeza étnica de 1999 en Kosovo residen agora na propia Serbia. A poboación dos albaneses de Kosovo aumentou nun 300% no mesmo período, unha taxa de crecemento vinte e cinco veces maior ca dos serbios. Os serbios, de igual xeito que á maioría doutros grupos étnicos cristiáns de Europa do Leste, dende 1990 tiveron as taxas de natalidade moi baixas (ao redor de 1,5 fillos por muller) e máis mortes que nacementos.

Linguas

Véxase tamén: Lingua albanesa e lingua serbia.

As linguas oficiais de Kosovo son os estándares literarios do albanés e do serbio.[38] Ademais, as leis son tamén publicadas en inglés. Outras linguas minoritarias inclúen o turco, o bosníaco, o croata, o montenegrino, o goraní (lingua irania occidental) e o romaní. O dialecto da maioría dos albaneses de Kósovo é o albanés guego, que implica diferenzas significativas entre a linguaxe falada en xeral e a oficialmente escrita.

O albanés (gjuha shqipe, pronunciado [ˈɟuha ˈʃcipɛ]; ou shqip, pronunciado [ʃcip]) é unha lingua indoeuropea falada por aproximadamente 7,6 millóns de persoas en todo o mundo, principalmente en Albania e Kosovo, pero tamén noutras área dos Balcáns onde hai poboación de orixe albanesa, como no oeste de Macedonia do Norte, o sur de Montenegro e Serbia. O albanés é tamén falado dende hai séculos por comunidades situadas no sur de Grecia, sur de Italia (onde se fala o dialecto arbëreshë) incluíndo a illa de Sicilia e Ucraína. Ademais, pódense atopar falantes de albanés en lugares onde viaxou a diáspora moderna procedente dos Balcáns, como Escandinavia, Suíza, Alemaña, o Reino Unido, Turquía, Australia, Nova Zelandia, os Países Baixos, Singapur, o Brasil, o Canadá ou os Estados Unidos.

O serbio (srpski, en cirílico: српски, pronunciado [sr̩̂pskiː]) é un rexistro normalizado da lingua serbocroata falada polos serbios, principalmente en Serbia, Bosnia e Hercegovina (maiormente na República Serbia), Montenegro, Croacia e Macedonia do Norte. É oficial en Serbia e unha das linguas oficiais de Bosnia e Hercegovina, sendo a principal lingua do pobo serbio. A lingua serbia presenta unha característica peculiar, a digrafía, é dicir que usa dous alfabetos diferentes indistintamente, o latino e o cirílico.

Notas

  1. SANTA MARÍA OTERO, Inés; MASSÓ LAGO, Noé. Edicións do Cumio, ed. Atlas xeográfico e histórico de Galicia e do mundo. ISBN 9788482893280. 
  2. "ACCORDANCE WITH INTERNATIONAL LAW OF THE UNILATERAL DECLARATION OF INDEPENDENCE IN RESPECT OF KOSOVO" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2020. Consultado o 24 de setembro de 2020. 
  3. Ver entrada de «Priština». Diciopedia do século 21 3. Isaac Díaz Pardo, Víctor F. Freixanes, Antón Mascato (edición). Editorial Galaxia. 2007. p. 1701. ISBN 9788482893600. 
  4. EBERHARDT, Piotr. Ethnic Groups and Population Changes in Twentieth-Century Central-Eastern Europe (en inglés). ISBN 9780765618337. 
  5. Maher, John-Peter (19 de febreiro de 2000). "The name Kosovo" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2011. Consultado o 19 de febreiro de 2013. 
  6. Goberno de Serbia. "Constitution of the Republic of Serbia" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2013. Consultado o 19 de febreiro de 2013. 
  7. Ramet, Sabrina P. (2002). "The Kingdom of God or the Kingdom of Ends: Kosovo in Serbian Perception". En Mary Buckley & Sally N. Cummings. Kosovo: Perceptions of War and Its Aftermath (en inglés). Nova York: Continuum Press. pp. 30–46. ISBN 0826456707. 
  8. Thompson, George (19 de febreiro de 2000). "The roots of Kosovo fascism" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de outubro de 2012. Consultado o 15 de febreiro de 2013. 
  9. Aird, Sarah (1999). "Kosovo: History of a Human Rights Crisis". Human Rights Brief (en inglés) 6 (2). Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2016. Consultado o 19 de febreiro de 2013. 
  10. Collon, Michel (28 de marzo de 2005). "Médicos Sin fronteras pudo haber manipulado a la opinión pública para favorecer los bombardeos de la OTAN en Yugoslavia" (en inglés). Consultado o 19 de febreiro de 2013. 
  11. BBC (16 de marzo de 2000). "Kosovo one year on" (en inglés). Consultado o 16 de febreiro de 2013. 
  12. Angoso García, Ricardo. (2009). "Estados Unidos y el juego internacional de los Balcanes". Las semillas del odio (en inglés). Madrid: Plaza y Valdés. p. 104. ISBN 8496780791. 
  13. Global Research (16 de marzo de 2000). "German Intelligence and the CIA supported Al Qaeda sponsored terrorists in Iugoslavia" (en inglés). Consultado o 16 de febreiro de 2013. 
  14. Deutsche Welle (15 de decembro de 2007). "Misión estabilizadora" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2012. Consultado o 17 de febreiro de 2013. 
  15. Asemblea de Kosovo (17 de febreiro de 2008). "Declaración de independencia de Kosovo" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31 de xullo de 2013. Consultado o 17 de febreiro de 2013. 
  16. Axencias (22 de xullo de 2010). "Serbia asegura que nunca reconocerá la independencia de Kosovo". El País (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 17 de febreiro de 2013. 
  17. Corte Internacional de Xustiza (22 de xullo de 2010). "Accordance with international law of the unilateral declaration of independence in respect of Kosovo" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de xullo de 2010. Consultado o 17 de febreiro de 2013. 
  18. Axencia EFE (22 de xullo de 2010). "Kósovo alcanza hoxe a súa plena soberanía, tras catro anos de independencia tutelada". La Voz de Galicia. EFE. Consultado o 17 de febreiro de 2013. 
  19. Axencia AFP (10 de setembro de 2012). "Kosovo accede a la plena soberanía". La Nación (en castelán). AFP. Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2012. Consultado o 17 de febreiro de 2013. 
  20. Independent Comission for Mines and Minerals (11 de maio de 2009). "Geography" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2008. Consultado o 18 de febreiro de 2013. 
  21. The Independent (30 de xuño de 2008). "Kosovo Serbs set up rival assembly" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2008. Consultado o 18 de febreiro de 2013. 
  22. Southeast European Times (30 de xuño de 2008). "Kosovo Serbs convene parliament; Pristina, international authorities object" (en inglés). Consultado o 18 de febreiro de 2013. 
  23. El País (17 de febreiro de 2008). "Kosovo es independiente" (en castelán). Consultado o 19 de febreiro de 2013. 
  24. Público (18 de febreiro de 2008). "Kosovo deja dividida a la UE" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2013. Consultado o 19 de febreiro de 2013. 
  25. Kosovo Thanks You. "Who recognized Kosova as an independent state?" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de febreiro de 2013. Consultado o 19 de febreiro de 2013. 
  26. Reuters (20 de febreiro de 2008). "Taiwan recognizes Kosovo in move likely to anger China" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2012. Consultado o 19 de febreiro de 2012. 
  27. Blic Online (30 de maio de 2008). "Kacin: We have recognized independence" (en inglés). Consultado o 19 de febreiro de 2012. [Ligazón morta]
  28. Reuters (15 de xullo de 2008). "IMF recognizes Kosovo, begins to weigh membership" (en inglés). Consultado o 19 de febreiro de 2012. 
  29. Fondo Monetario Internacional (8 de maio de 2009). "IMF offers membership to Republic of Kosovo" (en inglés). Consultado o 19 de febreiro de 2012. 
  30. Veiga, Francisco. El Periódico, ed. "Kosovo, una opción geoestratégica" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21 de decembro de 2011. Consultado o 19 de febreiro de 2013. 
  31. Petras, James. Universidad Complutense de Madrid, ed. "La OTAN destruye Kosovo para salvarlo" (en castelán). Consultado o 19 de febreiro de 2013. 
  32. Chossudovsky, Michel. Global Research, ed. "The Criminalization of the State: "Independent Kosovo", a Territory under US-NATO Military Rule" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2012. Consultado o 19 de febreiro de 2013. 
  33. Stuart, Paul. "Camp Bondsteel and America’s plans to control Caspian oil" (en inglés). World Socialist Website. Consultado o 19 de febreiro de 2013. 
  34. Nougayrede, Natalie. Watching America, ed. "NATO Base in Kosovo Home to 'Secret' American Prison" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2012. Consultado o 19 de febreiro de 2013. 
  35. Enti i Statistikës së Kosovës (1 de xaneiro de 2006). "Kosovo in figures 2005" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de marzo de 2008. Consultado o 21 de febreiro de 2013. 
  36. CIA. "The World Factbook" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2016. Consultado o 21 de febreiro de 2013. 
  37. Zanga, Louis. "Albanian Population Growth" (en inglés). Archived from the original on 27 de febreiro de 2008. Consultado o 21 de febreiro de 2013. 
  38. República de Kosovo. "Constitution of the Republic of Kosovo" (PDF) (en inglés). Consultado o 21 de febreiro de 2013. 

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas