A Paz[1] (en castelán: La Paz, e en aimará: Chuqi Yapu[2]) é a capital administrativa e a sede do goberno de Bolivia. É o centro político, comercial e cultural máis importante do país[3][4] sendo ademais a capital do departamento de La Paz. Cunha poboación estimada de 816 044 habitantes, en 2020, A Paz é a terceira cidade máis poboada do país, detrás de Santa Cruz de la Sierra e El Alto.[5] A súa área metropolitana, que inclúe os concellos veciños de El Alto, Viacha, Achocalla e Mecapaca, é a segunda área metropolitana máis poboada do país, chegando a ter unha poboación estimada de 1,8 millóns de habitantes en 2020, sendo superada só pola área metropolitana de Santa Cruz, situada no leste de Bolivia, cunha poboación estimada de 2,3 millóns de habitantes.[5]
Localizada no oeste de Bolivia, a 68 km ao sueste do lago Titicaca, A Paz está situada nun canón creado polo río Choqueyapu e está rodeada polas altas montañas do altiplano, entre elas o nevado Illimani, cuxa silueta foi un emblema importante da cidade dende a súa fundación.[6][7] A unha altura media de 3650 msnm, A Paz é a metrópole máis alta do mundo.[8][9][10] Por mor da súa elevación, A Paz ten un clima subtropical de altura, con veráns chuviosos e invernos secos.
Nome da cidade
O nome da cidade, oficialmente Nuestra Señora de La Paz, foille outorgado durante a súa fundación polo capitán español Alonso de Mendoza. Foi a terceira poboación fundada no actual territorio de Bolivia, despois de Choquechaca (1538), actual Sucre, e Potosí (1545). O seu nome conmemora a restauración da paz despois da guerra civil que seguiu á insurrección de Gonzalo Pizarro contra Blasco Núñez Vela, primeiro vicerrei do Perú.[11]
A rexión na que se estabeleceu a cidade era chamada, antes da súa fundación pola comitiva española, "Chuquiago Marka"[12] (en aimará, chuqiyapu significa ‘chacra de ouro’, probablemente pola explotación de pebidas de ouro nos pequenos ríos do lugar).[13] Debido a iso, en 2017, Evo Morales, expresidente de Bolivia, suxeriu restaurar esta denominación nun discurso pronunciado o día do aniversario da fundación da cidade.[14]
O 3 de xaneiro de 1827, o congreso constituínte de Bolivia ampliou o nome da cidade a La Paz de Ayacucho na honra á vitoria na batalla de Ayacucho.[15]
Historia
Fundación
A cidade da Paz foi fundada o 20 de outubro de 1548 polo capitán Alonso de Mendoza na localidade de Laja como parte do correxemento da Paz, e para servir como punto de descanso para os viaxeiros que transitaban entre Potosí e Cuzco.[16]
Tres días despois foi trasladada máis ao leste, a un lugar de clima temperado localizado no limiar do altiplano,[17] onde inician os outeiros e o val chamado Chuquiago Marka[12]