Paraguai[1] (en guaraní: Paraguái), oficialmente a República de Paraguai (en castelán: República del Paraguay; en guaraní: Paraguái Tavakuairetã) é un país do centro da América do Sur, limitado ó norte e oeste por Bolivia, ó norte e leste polo Brasil e ó sur e oeste pola Arxentina. A súa capital é a cidade de Asunción. Paraguai é un dos dous países da América do Sur que non posúe unha saída para o mar, sendo o outro Bolivia. Por mor da súa localización central en América do Sur, tamén é coñecido como o Corazón de Suramérica.[2]
Historia
Os primeiros colonos españois chegaron a Paraguai no comezo do século XVI. A cidade de Asunción, fundada o 15 de agosto de 1537, logo se tornou o centro dunha provincia nas colonias españolas na América do Sur.
O 15 de maio de 1811, Paraguai declarou a súa independencia. Cun rápido crecemento económico e militar nos anos que proseguiron á independencia, Paraguai tornouse un país auto-suficiente, e unha potencia rexional no continente.
A Guerra da Tripla Alianza, entre 1865 a 1870, composta pola Arxentina, o Brasil e o Uruguai, apoiados economicamente polo Reino Unido. Esta guerra foi motivada principalmente pola ambición paraguaia dunha saída para o mar, que no final acabou custando non soamente todo o crecemento entón alcanzado, senón tamén a morte de dous terzos da poboación do sexo masculino e perda de territorios, en gran parte, para a Arxentina. A economía paraguaia ficaría estancada os seguintes 50 anos.
Tropas bolivianas invadiron Paraguai en 1932, desencadeando a Guerra do Chaco, (1932-1935), e culminando con vitoria paraguaia e a anexión do Chaco ao país.
Desde 1989, cando o réxime militar de máis de 35 anos de Alfredo Stroessner rematou, Paraguai foi gobernado por presidentes electos democraticamente. Os maiores desafíos de Paraguai desde entón foron a crecente inestabilidade política e a corrupción en alza.
Política
En 1992, foi publicada oficialmente unha nova constitución, en vigor ata hoxe, que substituíu a antiga constitución de 1967. De acordo coa actual constitución paraguaia, o sistema de goberno é a democracia representativa. O poder executivo é exercido polo Presidente e polo vice-presidente, que son escollidos polo pobo a través de voto directo, para un mandato de cinco anos consecutivos, sen dereito á reelección, isto é, o xefe de Estado e de goberno non debe ser electo dúas veces, e gobernan baixo asesoría do Consello de Ministros. O presidente participa da aprobación da lexislación e ordena a súa publicación, podendo negar leis orixinadas no lexislativo.
O poder lexislativo é bicameral, formado polas dúas casas do Congreso, ou sexa, pola Cámara dos Deputados, de 80 membros, e polo Senado, de 45 membros, escollidos en ambos os casos para un mandato de cinco anos, por voto popular. O voto é imposto por lei para todos os electores a partir dos 18 anos.
A Corte Suprema de Xustiza é a instancia máxima do poder xudiciario, composta de nove membros nomeados polo presidente, e ten o poder de declarar a inconstitucionalidade de leis.
O principais partidos políticos son o Colorado (Asociación Nacional Republicana), o Liberal Radical Auténtico e Encuentro Nacional. Paraguai está dividido en 18 departamentos incluíndose a capital, Asunción. Cada departamento ten como xefe de goberno un gobernador electo.
Paraguai está dividido en 17 departamentos. Cada departamento divídese en distritos. Os distritos subdivídense en partidos e os partidos en compañías. Asunción, a capital, forma un distrito federal.
O río Paraguai divide Paraguai en dúas rexións: ao oeste a rexión Occidental ou Chaco e ao leste a rexión Oriental.
A Rexión Oriental abrangue o 39% do territorio total e posúe o 97,3% da poboación. Ten máis de 800 ríos e regatos e o 95% das súas terras son cultivables. Nesta rexión están as principais institucións da República e os patrimonios históricos e culturais máis importantes. Ten 14 Departamentos. Nesta rexión a temperatura media anual é de 24 °C. O punto máis alto é o cerro Tres Kandú con 842 m. Está moi afectada pola deforestación, xa que en 1945 o 55% da súa superficie encontrábase cuberta por bosques, e no 2004, só o 6% se atopaba cuberto por bosques.
A Rexión Occidental ou Chaco ten o 61% do territorio da República e posúe pouco máis do 2% da poboación total. O seu territorio está formado por un fondo mariño que emerxeu na era cuaternaria. Esta rexión posúe terras secas e arxilosas, poboada de extensas matogueiras e palmares, esteros, lagos e regatos. Ten tres Departamentos e a súa produción económica baséase nos cultivos e a gandería. A súa temperatura media anual é de 31 °C. O punto máis alto do Chaco é o Cerro León con 604 m. Segundo datos da SEAM, Secretaría do Medio Ambiente de Paraguai, o 65% desta rexión atópase cuberta por bosques.
A maioría da poboación de Paraguai é de mestizos de colonizadores hispánicos con nativos. Hai poboación branca de orixe predominantemente española. Ata hoxe a maior parte da poboación fala o guaraní, ademais da lingua española.
Principais cidades
Asunción: 500 mil habitantes, máis de 1.5 millón na súa zona metropolitana