As Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia - Exército do Pobo (FARC-EP) son un grupo guerrilleiro marxista-leninista de Colombia.[1][2][3][4][5] Son consideradas un grupo terrorista tanto en Colombia como a nivel internacional. As FARC operan en Colombia e na zona fronteiriza con Venezuela. Participan no conflito armado colombiano dende a súa conformación oficial en 1964 e eran dirixidas por un secretariado de sete membros[6] que estivo baixo o comando de Pedro Antonio Marín, coñecido polos alias de Manuel Marulanda Vélez ou Tirofijo até o seu falecemento en marzo de 2008 por causas naturais. Dende entón, o seu líder en xefe foi Guillermo León Sáenz alias Alfonso Cano até que foi dado de baixa polo Exército de Colombia o día 4 de novembro de 2011.[7] O 15 de novembro, a organización confirmou por medio dun comunicado que o seu novo Comandante en xefe era Rodrigo Londoño Echeverri, alias «Timochenko» ou «Timoleón Jiménez».[8][9][10]
As orixes das FARC son anteriores a 1964, ano no que o daquela presidente Guillermo León Valencia decidiu bombardear Marquetalia, un lugar onde estaba asentado un grupo de homes, mulleres e nenos labregos liberais e comunistas. Estes lugares foron denunciados como repúblicas independentes.[11]
As súas accións consistían no narcotráfico, guerra de guerrillas, minaría ilegal, así como técnicas terroristas como a implantación de minas antipersoa, o asasinato de civís, membros do goberno, policías e militares,[12] o secuestro con fins políticos ou extorsivos,[13] atentados con bombas e armas non convencionais (cilindros de gas, animais bomba),[14] actos que provocaron desprazamentos forzados de civís,[15] recrutamento de menores, destrución de pontes e estradas por medio de bombas con dinamita, ademais de destrución de estacións de policía e as casas dos civís que se atoparan preto. Segundo as Nacións Unidas, as FARC e o ELN son responsables do 12 % dos asasinatos de civís do Conflito armado en Colombia.[16]
Contra o ano 2010, estimábase que as FARC tiñan presenza e exercían a súa influencia nalgunhas zonas de 24 dos 32 departamentos de Colombia[17] sobre todo no sur e leste do país, concretamente en Putumayo, Tolima, Nariño, Cauca e Valle del Cauca.[18] O goberno de Colombia reportou a existencia de operacións militares e campamentos nos países que teñen fronteira con Colombia, como Venezuela,[19][20] Ecuador,[21] Panamá[22] e o Brasil.[22]
O seu número de efectivos varía segundo as fontes. No 2001, estimábanse até en 16 000,[23] pero despois das derrotas sufridas posteriormente, o grupo viuse minguado. Porén, malia o debilitamento por mor da morte dos seus principais líderes, as Forzas Militares de Colombia a través do sector Defensa, e a Consultora en Seguridade e Defensa Decisive Point aseguran que dende 2010 as FARC perdera preto de 2 300 homes. Grazas á presión das forzas estatais colombianas, o grupo armado pasou de ter 10 100 hombres a 7 800.[24] Segundo un informe de Human Rights Watch, entre o 20 e o 30% son menores de 18 anos, moitos dos cales recrutados pola forza.[25]
O 23 de xuño de 2016, despois de case catro anos de diálogos entre o goberno colombiano e as FARC-EP desenvolvidos na Habana (Cuba), declarouse o remate das accións militares de ámbolos dous bandos ademais da desmobilización, entrega de armas e reinserción na vida civil dos militantes do grupo subversivo, sendo a fin das FARC como organización insurxente e alzada en armas.[26][27]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos