Cunha poboación de 1.620.809 habitantes, é a segunda cidade máis poboada de España e da península tras Madrid,[1] e a undécima da Unión Europea. A súa área metropolitana, integrada por 36 concellos, ten unha poboación de 3.161.081 habitantes e unha superficie de 633 km². Esta área é a delimitación como núcleo urbano definida oficialmente, con todo a Rexión Urbana de Barcelona, que se estendería por todo a área de influencia da cidade, chega aos 4.928.852 habitantes cunha densidade de poboación de 1.496 hab/km².[2]
Actualmente é recoñecida como Cidade global pola súa importancia cultural, financeira, comercial e turística. Posúe un dos portos máis importantes do Mediterráneo e é tamén un importante punto de comunicacións entre España e Francia, debido ás conexións por autoestrada e tren de alta velocidade. O aeroporto de Barcelona-El Prat foi utilizado por máis de 44 millóns de pasaxeiros en 2016.[4]
O territorio da cidade amosa tres zonas ben diferenciadas: a serra de Collserola (co cumio do Tibidabo coma punto máis alto, de 512 metros), os deltas dos ríos Besòs e Llobregat que xuntamente co litoral do mar establecen os límites da cidade. Algunhas partes que están preto da serra están tamén poboadas e urbanizadas: El Carmel (267 m), La Rovira (261 m), El Putget (181 m), La Perita (133 m) e Monterols (121 m). Pero a cima máis coñecida, xusto encima da liña da costa e separando a cidade do delta do Llobregat, é a montaña de Montjuïc (184,8 m).
Liña de costa
A liña de costa trocou co paso do tempo, até o punto que na época prehistórica chegaba a onde hoxe en día se atopa a Plaça de Catalunya. Os terreos sobre os cales se asentou a Barceloneta non existían un século e medio antes da construción deste barrio. Estes terreos son froito da formación de sedimentos de area arrastrada polas correntes mariñas providas do norte e que foron contidas polo espigón do porto construído en 1640. A existencia da illa de Maians (onde actualmente está a estación de França) contribuíu á fixación da area e á formación da lingua de terra da Barceloneta.
Clima
Barcelona ten un clima mediterráneo mais coas características dun microclima urbano e coas particularidades de estar situado ao norte do Mediterráneo. Os invernos son curtos, frescos e relativamente húmidos, a maioría dos anos non chega a xear. Os meses de xaneiro e febreiro as temperaturas medias están arredor dos 10 °C e as máximas medias superan os 13 graos. Os veráns son relativamente secos, longos e cálidos (porén en xullo e agosto as temperaturas máximas diarias non acostuman a superar os 30 °C xa que sopra o vento do mar para a terra). A máxima temperatura rexistrada na cidade foi de 38,6 °C[5], o 13 de agosto de 2003, e 39,8 °C[6] no observatorio Fabra, situado a uns 450 m de altitude no Tibidabo, o 5 de xullo de 1982. A temperatura mínima foi de -10 °C, rexistrada no mesmo observatorio o 11 de febreiro de 1956.
Respecto á pluviometría o total anual está preto dos 600 litros. Aprécianse dous máximos de precipitación: o outono (o máis acusado) e a primavera (máximo secundario). O mes máis chuvioso é outubro cuns 96 litros seguido de setembro con 76 litros. Os meses máis secos son xullo (27 mm) e xuño (38 mm). Hai unha media de 90 días de chuvia (contando só os días con precipitacións meirandes de 0,2 litros) sendo o mínimo 1,9 días de chuvia no mes de xullo e o máximo de 5,7 en maio.[7]
Parámetros climáticos medios nun observatorio a 175 metros de altitude
Os primeiros rastros de poboación na área da cidade remóntanse ao final do neolítico (2000 a 1500aC.). Con todo, os primeiros poboadores destacados non aparecen ata os séculos VII-VI a.C., os laietanos, un pobo ibero. Durante a segunda guerra púnica, os cartaxineses tomaron a cidade, refundada por Hamílcar Barca, pai de Haníbal, en efecto, o nome de Barcelona segundo as tradicións deriva do apelido cartaxinés Barca. Tras a derrota daquel pobo pola crecente dominación dos romanos, estes tomaron a cidade e bautizárona como Colonia Julia Augusta Paterna Faventia Barcino no ano 15 a.C. No mapamundi de Claudio Tolomeo aparece co nome Barcino. Barcino tomou forma de castrum ou fortificación militar nos seus primeiros tempos aínda que o comercio foi reorientando á importancia da cidade; no século III foi amurallada por orde do emperador romano Claudio II e xa contaba cunha poboación de entre 4.000 e 8.000 habitantes.
Idade Media
Os visigodos, tras a súa chegada no século V, convertérona durante poucos anos en capital dos territorios hispanos. No século VIII foi conquistada por Al-Hurr, pero retomada a territorio cristián por Ludovico Pío do Imperio Carolinxio en 801, incorporándoa á Marca Hispánica. Os ataques musulmáns non cesaron, e en 985 as tropas de Almanzor destruíron practicamente toda a cidade. Borrell II iniciou a reconstrución dando paso ao florecente período condal. Durante este período a cidade destacou entre as terras catalás e o conxunto do dominio da Coroa de Aragón, e foi de onde partiron numerosas tropas e recursos cara á empresa de tomar novas posesións. A cidade floreceu e chegaría a ser unha das principais potencias mediterráneas nos séculos XIII e XIV, a cidade era o principal centro dunha monarquía, e chegaba a destacar no plano comercial, aínda que por baixo de Xénova e Venecia, que dominaban o comercio Mediterráneo e entre Europa e Asia.
Idade Moderna
A decadencia iniciouse a partir do século XV con altibaixos, e prolongaríase ao longo dos séculos seguintes. As tensións derivadas da unión dinástica con Castela, iniciada co matrimonio entre Fernando II de Aragón e Isabel de Castela, alcanzou o seu momento culminante na guerra dos Segadores, entre 1640 e 1651, e máis tarde, coa guerra de sucesión (de 1706 a 1714), que significou a desaparición das institucións propias de Cataluña, aínda que tamén significou o rexurdir económico da cidade grazas á integración co resto do país recentemente formado (España), e ao comercio con América.
Revolución industrial
A recuperación económica iniciada no final do século XVIII e a industrialización no século XIX propiciaron que volvese converterse nun importante centro político, económico e cultural, á fronte da chamada Renaixença (Renacemento), cabe destacar no proceso de industrialización o monopolio de comercio téxtil entre a España e a Cuba que foi fixado en Barcelona, nun momento de crise na industria téxtil de algodón, e que asentou a industrialización na Cataluña, e o diferencial de crecemento, mentres que outras partes do país a industria languidecía ante a crise. Outra consecuencia deste monopolio téxtil no século XIX entre Barcelona e Cuba, foi a queixa dos cubanos acerca da teoría do embude, ancha para a España e estreita para a Cuba, e que foi por mor do malestar cubano e que xerou revoltas e o movemento de independencia á busca da igualdade económica co apoio dos Estados Unidos. A cidade puido derrubar as súas murallas e anexionou en 1897 seis municipios limítrofes, o que lle permitiu crecer e planificar o seu desenvolvemento urbano e industrial liderado polo plan do Eixample de Ildefons Cerdà. Foi tamén sede de dúas Exposicións Universais en 1888 e 1929.
No inicio do século XX destacaron tanto o crecemento económico (especialmente derivado da primeira guerra mundial) como a proliferación de novas ideoloxías acollidas por amplos tramos de poboación, especialmente a obreira. O impulso gobernamental promoveu o Metro e o Porto. No entanto, a crise do 29 que golpeou duramente a España e posteriormente o inicio da guerra civil española paralizou todo crecemento durante unha década. A pesar de defender á II República, a cidade foi foco de rebelións internas e pelexas entre partidos que nin a cidade nin o goberno da República puideron controlar. A cidade foi bombardeada en varias ocasións e o avance das tropas franquistas acadou a cidade no final de xaneiro de 1939.
A ditadura militar designou a Barcelona como polo de desenvolvemento promovendo unha intensa industrialización que deu lugar a unha forte e prolongada inmigración maioritariamente procedente do sur da Península. As novas condicións sociais e económicas dinamizaron a cidade e transformaron radicalmente o trazado urbano, destacando a aparición de populosos barrios obreiros e de importantes vías de comunicación. O metro expandiuse e apareceron os trolebuses (década de 1940) diversificando o transporte. A rede de ferrocarrís fíxose máis densa e moderna, mentres o aeroporto tamén gañaba relevancia. Con todo, a grande aposta do transporte barcelonés, comparado con outras grandes e medianas cidades, foi o impulso do vehículo privado, para o que se construíu unha densa rede de aparcadoiros subterráneos.
Tras a morte do xeneral Franco e os difíciles inicios do período democrático, a cidade beneficiouse, como o resto do Estado, dun novo impulso económico moi influído pola integración na Unión Europea (1986), que desembocou en modernos proxectos culturais e urbanísticos. Entre eles destaca a organización dos Xogos Olímpicos de 1992. Devandito evento, que contou co apoio económico e organizativo de toda España, resultou un novo motor do desenvolvemento urbanístico.
Barcelona ten un total de 1.628.090 habitantes, deles 774.890 son homes e 853.200 mulleres, segundo datos do departamento de estatística do concello, elaborados a partir dos datos do padrón de 2008.[9] En 2007 tiña 1.603.178 habitantes.
Barcelona foi historicamente e é unha cidade moi afín a industria. Foi a primeira cidade na España en acoller a revolución Industrial e aínda que tivo algunhas crises económicas é aínda hoxe o maior centro industrial do país.
O porto de Barcelona converteuse nos pasados anos no máis importante do Mediterráneo en tonelaxe de mercancías e contedores. Tamén é o primeiro porto mediterráneo en número de cruceiros que fan escala na cidade. No 2008 conectouse con Madrid mediante a alta velocidade ferroviaria, e nos vindeiros anos unirase coa fronteira con Francia e Valencia.
Centro cultural, económico e político, Barcelona segue sendo un referente non só dentro da España senón tamén no conxunto da Unión Europea.
En Barcelona hai presentes catro administracións políticas, con diferentes niveis de responsabilidade e competencias:
A Administración Xeral do Estado ocúpase de cuestións como a seguridade (Corpo Nacional de Policía e Exército), a Xustiza, a xestión de portos e aeroportos, os trens de Renfe, e as costas, entre as competencias máis destacadas. Estas competencias son coordinadas polo Delegado do Goberno en Cataluña e o subdelegado do goberno de Barcelona, que son designado polo Goberno de España, e que teñen a sede na Delegación do Goberno. Actualmente o Corpo Nacional de Policía só ten algunhas competencias, como a expedición do DNI ou a loita contra o terrorismo xa que o resto de competencias foron transferidas aos Mossos d'Esquadra, policía autonómica da Generalitat.
A Generalitat de Cataluña é o goberno autonómico de Cataluña, e ten as sedes das súas institucións en Barcelona, como son o Parlamento de Cataluña, situado no Parque da Ciutadella, ou o Palau de la Generalitat, sede da Presidencia da Generalitat, situado na Plaça de Sant Jaume. A Generalitat escóllese por sufraxio universal en eleccións celebradas cada catro anos en toda Cataluña, e ten amplas competencias sobre a xestión da cidade, desde educación, asuntos sociais, tránsito, políticas económicas, comercio etc. Tamén é a responsable da construción de equipamentos como hospitais, escolas, universidades, residencias para a terceira idade.
A Deputación de Barcelona (Diputació de Barcelona) é o organismo público con menores competencias na cidade. Actualmente preside o padroado que se ocupa do mantemento do parque da serra de Collserola, e dalgúns outros parques e edificios públicos na cidade. Tamén xestiona algúns museos e é titular dunha ampla rede de bibliotecas públicas xestionada conxuntamente cos concellos.
O Concello de Barcelona (Ajuntament de Barcelona) é o organismo con maiores competencias e funcionarios públicos na cidade, xa que regula a vida diaria dos cidadáns, e importantes asuntos como a planificación urbanística, os transportes, a recadación de impostos municipais, a xestión da seguridade viaria mediante a Garda Urbana (Guàrdia Urbana), o mantemento da vía pública (asfaltado, limpeza...) e dos xardíns. Tamén é o responsable da construción de equipamentos municipais como garderías, polideportivos, bibliotecas, residencias para a terceira idade, vivendas de protección pública, entre outros.
Goberno municipal
O goberno do concello escóllese por sufraxio universal en eleccións celebradas cada catro anos.
O poder do concello estrutúrase en dous niveis, xa que o concello dividiu a cidade administrativamente en dez distritos. Hai un nivel de competencias municipais xeral, dirixido directamente polo alcalde e o seu equipo de goberno, e que se ocupa das cuestións máis xerais e importantes da cidade, que se aplican a toda a cidade.
Por outra banda existe outro nivel de competencias, delegadas nos distritos. Así, cada distrito ten o seu propio centro político e administrativo, que funciona como un ente político con competencias propias, que axudan a descentralizar a política da cidade e que os cidadáns sentan a administración máis próxima. Cada distrito, como un pequeno concello territorial, ten a súa propia sala de plenos onde se debaten as cuestións políticas, e o seu propio equipo de goberno, dirixido por un xerente (concelleiro). A xerencia do distrito fórmase en función do número de votos que cada partido recibe, en cada distrito, nas eleccións municipais. Así, sucede que, aínda que o goberno da cidade recaia nun determinado partido, un ou varios distritos sexan gobernados por outra formación política.
Desde a restauración da democracia en España, en todas as eleccións municipais anteriores ás de 2011, o partido político máis votado fora o Partido Socialista de Cataluña, pero tras as eleccións municipais do 22 de maio de 2011 o partido máis votado e con maior representación foi Convergència i Unió, con Xavier Trias á cabeza.[10] Nas eleccións municipais de España de 2015 CiU foi derrotada pola candidatura Barcelona en Comú, que logrou os apoios de ERC, o PSC e a CUP, polo que a activista Ada Colau foi investida alcaldesa e gobernou até 2023. Dende ese ano, goberna Jaume Collboni do PSC.
Barcelona divídese administrativamente en 10 distritos. Cada distrito funciona como un ente político con competencias propias, que axudan a descentralizar a política da cidade e que os cidadáns sentan a administración máis próxima. A división territorial dos distritos responde a cuestións históricas da cidade. A maioría dos distritos corresponden a antigos municipios independentes que foron anexionados á cidade durante os séculos XIX e XX, e que aínda conservan a súa propia personalidade. Os cidadáns barceloneses máis anciáns aínda identifican Barcelona unicamente co distrito de Ciutat Vella (véxase mapa).
A actual división dos barrios oficiais foi proposta polo concello no final do 2006 e ratificada e aprobada polo consistorio barcelonés a principios do 2007. Aínda despois da súa aprobación, existen queixas dos veciños sobre os nomes dalgúns barrios (como, por exemplo, Antics Palaus) así como dos límites destes.
Un dos lugares de maior atractivo e concorrencia son Les Rambles, paseo situado entre a Plaça de Catalunya, centro da cidade, e o porto antigo. Alí atópanse quioscos de prensa, de flores, de paxaros e animais domésticos, cafeterías, restaurantes e comercios. Preto do porto atópanse instalados mercadillos, así como pintores e debuxantes de todo xénero, destacando a zona pola súa índole artística e cosmopolita.
Paseando por Les Rambles poden admirarse varios edificios de interese, como o Palau de la Virreina, o mercado de La Boqueria e o famoso Gran Teatre del Liceu, no que se representan óperas e ballets. Unha rúa lateral de poucos metros de lonxitude, conduce á Plaça Reial, unha praza con palmeiras e edificios con soportais que albergan cervexarías e restaurantes, e na que se reúnen as fins de semana os coleccionistas de selos e de moedas.
O paseo das Rambles termina xunto ao porto antigo, onde a estatua de Cristovo Colón sinala cara ao mar. A dous pasos atópase o Museo Marítimo, dedicado sobre todo á historia naval no Mediterráneo, e no que se exhibe a reprodución a escala real dunha antiga galera de combate. O museo está situado nos estaleiros da Idade Media, onde se construían os barcos que navegaban por todo o Mediterráneo. O porto antigo ofrece outros atractivos, como un centro de lecer, con comercios, restaurantes, un cineIMAX, e como centro documental, cun acuario da fauna mariña mediterránea (l'Aquàrium).
Barrio antigo
O Barrio Antigo da Barcelona ten algunhas das obras da mocidade do arquitecto Antonio Gaudí como o Palau Güell ou os postes de luz da Plaça Reial.
O parque da Ciutadella, que ten unha superficie de máis de 17 hectáreas, é o espazo onde se celebrou a Exposición Universal de 1888. O parque construíuse sobre os terreos da antiga fortaleza da Ciutadella, construída por Filipe V en 1716 para controlar a cidade. Desta consérvanse algúns edificios como a Capela castrense, o Palau del Governador, actual instituto, e o Polvorí, sede do Parlament de Catalunya. A Ciutadella foi derruída a partir de 1868.
Daquela época consérvanse o Arc de Triomf, de estilo neomudéxar, e o actual Parque Zoolóxico (el Zoo), onde estaba o café-restaurante.
Ó sur do parque atopamos a estación de França, edificio monumental modernista que actualmente é a segunda estación ferroviaria en importancia da cidade, e que está cuberta por dúas marquesiñas metálicas.
Porto Olímpico e Vila Olímpica
O Porto Olímpico foi construído con motivo dos Xogos Olímpicos de 1992, e converteuse nun espazo lúdico con restaurantes, bares de moda e discotecas. Está dentro da Vila Olímpica, barrio creado como residencia dos deportistas participantes nas Olimpiadas.
Trátase do barrio que se comezou a construír a partir de 1860 segundo o proxecto de Ildefons Cerdà, para ampliar a cidade cara ó plano de Barcelona. As rúas forman unha cuadrícula regular.
Outro elemento turístico da cidade é o Passeig de Gràcia, unha das rúas máis célebres. O paseo une o barrio de Gràcia coa céntrica Plaça de Catalunya. Nel atópanse obras dos tres principais arquitectos cataláns:
Dentro do parque cabe destacar que moitas das superficies están cubertas de trencadís, anacos de cerámica ou vidro en forma de mosaicos de cores, como por exemplo o dragón. No centro do parque hai unha gran praza baleira parcialmente sostida pola Sala das cen columnas, formada por 86 columnas que semellan estalagmitas. Na entrada principal do parque hai dous edificios de puro estilo gaudinista, con tellados de curvas suaves, apéndices estraños e motivos xeométricos.
O Camp Nou é o estadio do Futbol Club Barcelona. Cunha capacidade para preto de 100.000 persoas, é o estadio con máis capacidade de Europa. Está sito no barrio de Les Corts e ten a categoría de 5 estrelas outorgada pola UEFA. No mesmo estadio está o Museo do Futbol Club Barcelona, que exhibe, entre outros obxectos, os trofeos conseguidos por tódalas seccións deportivas do club ó longo da historia.
O Porto de Barcelona é un dos portos marítimos máis importantes do mar Mediterráneo. É o porto líder en cruceiros en Europa,[13] a proximidade ao centro da cidade converteuno nun importante destino de cruceiros. Ocupa 828,9 e ten 20 km de peiraos. O porto está formado por 12 sectores pero as tres áreas máis importantes son o Port Vell, o porto comercial e o porto loxístico.
Ten como aeroporto principal o aeroporto do Prat ou Aeroporto Internacional de Barcelona, situado no concello de El Prat de Llobregat en pleno delta do Llobregat. Atópase a 10 km ao suroeste da cidade, con máis de 44 millóns de pasaxeiros en 2016 e máis de 300.000 operacións, é o segundo aeroporto de España. Ten conexións coas principais cidades europeas e algúns enlaces intercontinentais, e ten unha zona adicada á "ponte aérea" que enlaza con voos a Madrid cada hora. O 16 de xuño de 2009 quedou inaugurada oficialmente a terminal 1.
Actualmente, grazas ás compañías de low cost, o aeroporto de Reus e o de Xirona-Costa Brava á parte de seren utilizados polos residentes de ambas as cidades, habitualmente turistas que teñen como destino Barcelona e tamén barceloneses utilizan as instalacións destes dous aeroportos citados. Algunhas liñas de autobús enlazan a maioría de voos de Reus e Xirona en menos dunha hora.
Tamén conta cunha importante frota de taxis, caracterizados polas cores negra e amarela. En Barcelona hai 207 paradas de taxi[14] e a rede da área metropolitana está constituída por máis de 10.000 vehículos.
Autobuses
O servizo está xestionado pola empresa TMB. Esténdese por gran parte da área metropolitana e inclúe 109 liñas que cobren máis de 920 km, con máis de 1.000 vehículos, todos eles adaptados para persoas con eivas de mobilidade[15]. A velocidade media dos autobuses é de 11,55 km/h[16]. Os autobuses urbanos transportaron, no 2007, 210,5 millóns de viaxeiros. O servizo de autobuses en horario nocturno chámase Nit Bus e ten unha menor frecuencia de paso e menos liñas que durante o día.
O Bus Turístico de Barcelona é un autobús que facilita os itinerarios ós turistas. O 2006 foi utilizado por 1,9 millóns de persoas.
A primeira liña do metro de Barcelona inaugurouse en 1924 e actualmente ten nove liñas operativas entre os operadores TMB e FGC, e dúas máis (L9 e L10) nas que só un tramo está operativo e o resto en construción, que suman máis de 150 km e máis de 200 estacións en varias cidades, á parte de varias prolongacións das liña existentes. A liña 11 é de metro lixeiro.
O tranvía da empresa Tramvia Metropolità (TRAM) consta de seis liñas, as tres primeiras co nome de Trambaix e o resto como Trambesòs, dependendo da zona de actuación. O Trambaix púxose en marcha o 3 de abril do 2004, as tres liñas que o forman teñen a maioría das paradas en común e outras polas que só circulan os trens dunha liña. O Trambesòs estreouse o 8 de maio de 2004. Actualmente está en proceso a redacción o proxecto da interconexión das dúas redes de TRAM a través da avinguda Diagonal.
Liñas
Percorrido
Francesc Macià - Bon Viatge
Francesc Macià - Llevant - les Planes
Consell Comarcal
Vila Olímpica - Sant Adrià
Glòries - Gorg
Sant Adrià - Gorg
O Tramvia Blau xestionado por TMB percorre a avinguda del Tibidabo unindo a estación de Avinguda Tibidabo da L7 dos FGC coa estación inferior do Funicular do Tibidabo.
O Bicing é un servizo de compartición de bicicletas só permitido para os empadroados en Cataluña, para que as tendas de alugueiro de bicicletas non perdan os turistas como clientes. Xestionado pola empresa B:SM (Barcelona de Serveis Municipals), inaugurouse o 22 de marzo de 2007. Está previsto que se estenda a todo a área metropolitana, aínda que en principio se trataría de dous servizos diferentes e incompatibles.[17]
Estrada
Barcelona permite o tráfico rápido grazas a dúas roldas urbanas: a Ronda de Dalt (ó lado das montañas) e a Ronda del Litoral (ó lado da costa); que están parcialmente cubertas e teñen múltiples saídas a diferentes puntos da cidade. Entre as arterias da cidade cabe destacar a Avinguda Diagonal (que atravesa diagonalmente a cidade), a Avinguda Meridiana que comeza en Glòries e enlaza coa Diagonal e a Gran Via de les Corts Catalanes que cruza a cidade de norte a sur polo centro.
Por outra banda, desde 1990, optou por minimizar os novos acordos de irmandade e poñer énfase na sinatura de convenios de amizade e cooperación, con obxectivos concretos. Moitas cidades contan con convenios de colaboración.[19] Son as seguintes: