Huesca (en aragonés: Uesca[1], en galego antigo: Osca[2], oficialmente Huesca/Uesca) é unha cidade española, capital da provincia de Huesca e da Plana de Uesca, situada ao norte da comunidade autónoma de Aragón. O xentilicio correspondente a esta cidade é o de oscense.
Xeografía
Huesca está situada a suroeste da súa provincia, en territorio do Somontano pirenaico, caracterizado por pequenas elevacións, aínda que ás veces abruptas (os mallos), que alternan con chairas e depresións. Nunha destas, chá e feraz,regada polo río Isuela, érguese a cidade ("Hoya de Huesca").
Durante o século I a.C., co nome de Osca, era xa unha cidade plenamente romanizada. Foi capital da Hispania de Sertorio, revirada contra a República Romana. Suponse que Sertorio morreu nesta cidade.
Foi elevada á categoría de municipio por Augusto no ano 30 a.C., máis dependente con todo de Cesaragusta. Plinio o Vello sitúa Osca na rexión que chama Vescitania. Probabelmente é a mesma cidade que Estrabón cita como Ileoscan. Creuse que tiña minas de prata, cousa que o Pde. Flórez puña en dúbida.
Logo da etapa visigoda e da invasión árabe, Osca pasou a ser controlada polos musulmáns, que a chamaron Wasqa. Fronteira enfronte dos reinos cristiáns do norte, foron insistentes os intentos de asedio que sufriu, o que tornou a cidade nunha base militar de primeiro rango.
No ano 1094 o rei cristián, Sancho III de Aragón, tentou, unha vez máis, tomar Huesca, construíndo preto o castelo de Montearagón, pero morreu dunha setada, cando realizaba un recoñecemento da muralla. Dous anos logo, na primavera de 1096, un exército cristián, liderado polo rei Pedro I, asediou a cidade durante seis meses. Huesca foi entregada ao rei Pedro, o 26 de novembro de 1096, que trasladou a capital do reino de Aragón para a cidade. Porén, cando en 1118, o rei Afonso o Batallador, tomou Zaragoza, Huesca deixou de ser a capital, pois a cidade recentemente tomada seríao desde entón.
Durante a guerra civil, Huesca caeu en mans dos militares sublevados. Os intentos das tropas republicanas por retomala varias veces, foron inútiles, a pesar de dominar a próxima Montearagón.