Guerra civil española

Guerra civil española

A cidade de Guernica devastada pola aviación fascista en 1937.
Data 17 de xullo de 1936-1 de abril de 1939
Lugar España continental e insular, Marrocos Español, Sáhara español, Guinea Española.
Resultado Vitoria do bando nacional ou sublevado.
Belixerantes
II República Española
B. Internacionais
Milicias confederais
Consello Soberano de Asturias e León (1937)
Bando nacional
Alemaña nazi
Italia fascista
Forzas en combate
Exército Popular
-750.000 homes[1]
-1500 pezas de artillaría[1]
~800 tanques e carros blindados[2]
Forzas da orde
~16.400 gardas civís
~7.900 carabineiros
~12.000 gardas de asalto
Forzas aéreas da República Española
1300 avións[3]
Armada Republicana
~13.000 efectivos da Armada
-1 acoirazado
-3 cruceiros
-14 destrutores
-12 submarinos
Brigadas internacionais
~59.380
Exército Nacional
-800.000 homes[4](65.000 no comenzo)
-2000 pezas de artillaría[3]
~300 tanques e carros blindados[3]
Forzas da orde
~15.800 gardas civís
~6.500 carabineiros
~5.000 gardas de asalto
Exército de África
-75.000 homes[2]
Aviación nacional
~1500 avións[5]
Armada nacional
~7.000 efectivos da Armada
-1 acoirazado
-4 cruceiros
-1 (+4*) destrutores
-2* submarinos
* Vendidos por Italia en 1937
Lexión Cóndor
-15.000 efectivos
~100 avións[3]
Corpo Truppe Volontarie
-75.000 efectivos[2]
~120 avións[3]
Baixas
~500.000 (~120.000 na retagarda)[6]

A guerra civil española[7] foi un conflito bélico que se desenvolveu tralo fracaso parcial do golpe de estado dun sector do exército contra o goberno democrático da Segunda República española, e que durou do 18 de xullo de 1936 até o 1 de abril de 1939, concluíndo coa vitoria do bando rebelde e coa instauración dunha ditadura de carácter fascista e con trazos propios coñecida como franquismo, debido ó apelido do ditador Francisco Franco Bahamonde. Este decretaría a fin do estado de guerra no ano 1948.

O alzamento contra o goberno lexítimo estivo planificado polo xeneral Emilio Mola, encabezado polo xeneral José Sanjurjo Sacanell e secundado entre outros polo xeneral Francisco Franco Bahamonde.

Antecedentes

Artigo principal: Segunda República española.
Afonso XIII e o ditador Primo de Rivera, marzo de 1930

Despois da falta de confianza no rei Afonso XIII expresada na segunda rolda das eleccións municipais do 12 de abril de 1931, o rei parte cara ao exilio e o 14 de abril proclámase a Segunda República española. Dende esa data asume o poder un goberno deseñado no Pacto de San Sebastián. O 28 de xuño realízanse unhas novas eleccións que repiten o voto de confianza a republicanos e socialistas. Comeza así o Bienio republicano-socialista, tamén coñecido como Bienio reformista, que iniciou o seu labor nun contexto económico adverso co crac da Bolsa de Nova York de 1929 e a Gran Depresión. Aínda que non afectou a España coa mesma intensidade que a outros países máis desenvolvidos, a crise provocou o aumento do paro e o estancamento da produción. En Europa, esta perda do nivel de vida derivada da crise fixo avanzar as solucións ditatoriais, autoritarias ou fascistas.

A República herdaba tamén as consecuencias dos erros económicos da ditadura de Miguel Primo de Rivera. A crise da peseta, que non soubo atallar durante a ditadura o ministro de Facenda José Calvo Sotelo, provocou, ante a chegada da República, que os ricos traspasaran parte dos seus cartos cara ó exterior (até 917 millóns de pesetas entre o 1 de abril e o 30 de xuño, cantidade equivalente ó 15% dos depósitos totais), temorosos das reformas fiscais ou mesmo da revolución social. Esta retirada de capital, xunto coa limitación dos investimentos, provocou un novo aumento do paro, principalmente no campo. Isto provocou un clima de tensión que estaría presente durante toda a República.

Bienio republicano-socialista

Aínda e todo o goberno republicano-socialista realizou importantes reformas, que moitas veces chocaron de fronte cos sectores privilexiados e poderosos, que vían ameazada a súa concepción social, económica e institucional. Así redactouse unha Constitución que definía España como unha República democrática de traballadores de todas as clases, que se organiza en réxime de liberdade e xustiza. Ademais garantía dereitos individuais e colectivos inéditos no estado até aquela.

En 1932 aprobouse o Estatuto de autonomía de Cataluña, visto por algúns membros do exército como un atentado contra a “sacra unidade da patria”, a pesar de que a república naceu unitaria e non federal. Ademais comezou o vieiro dos Estatutos vascos e galego, que no caso do vasco remataría en 1936 e no caso galego, a pesar de ser aprobado en referendo, nunca chegou a entrar en vigor polo comezo da guerra civil. A cuestión territorial foi un foco de tensións. O malestar no exército fíxose patente no levantamento militar do xeneral José Sanjurjo Sacanell. Este golpe de estado (coñecido como Sanjurjada) produciuse o 10 de agosto de 1932 en Sevilla e resultou un fracaso. Sanjurjo tentou fuxir a Portugal pero foi detido en Huelva.

Tamén foron de vital importancia a reforma do exército emprendida por Manuel Azaña e a reforma educativa que constituíu un dos éxitos máis grandes da República, realizando un esforzo encomiable para reducir a taxa de analfabetismo e para educar os meniños, cun ensino obrigatorio, gratuíto e laico. Pero onde se atopou unha confrontación máis belixerante foi na reforma agraria e na cuestión relixiosa, das que se falará máis adiante. Debido a esta forte oposición dos sectores privilexiados a ver minguado o seu poder que durante séculos exerceu, as reformas sociais efectuábanse moi lentamente co conseguinte enfado popular, que sumado ó descontento das clases dominantes creou un clima de descontento popular, que culmina nunha serie de levantamentos anarquistas, dos que son salientables os Sucesos de Casas Viejas e Castilblanco, reprimidos con dureza e que provocan un forte balbordo político, a caída do Goberno e a celebración de eleccións anticipadas en 1933.

Bienio radical-cedista

Artigo principal: Bienio radical-cedista.
CEDA.

Nas eleccións xerais de novembro gañaron as dereitas, resultando a CEDA como partido máis votado. Porén o presidente da República, Niceto Alcalá-Zamora, mandou formar goberno a Alejandro Lerroux, do Partido Republicano Radical, que contou co apoio parlamentario da CEDA. Comezaba así o coñecido como Bienio negro, debido á política contrarreformista e de retroceso que se realizou. O primeiro goberno formado contaba tan só con membros do Partido Republicano Radical e con ningún da CEDA que condicionou o seu apoio a que as escolas eclesiásticas seguiran activas, que se paralizara a Lei de Congregacións, se revisara a lexislación laboral e se detivera a reforma agraria. Nesta política contrarreformista, de rectificación das reformas do anterior bienio, tamén se encontra a paralización dos estatutos vasco e galego así como a amnistía ós participantes no golpe de estado de José Sanjurjo Sacanell.

En Cataluña o goberno central anulou a Llei de contractes de conreu que facilitaba o acceso á propiedade da terra ós arrendatarios dos viñedos. Ricardo Samper, daquela xefe de goberno e que apoiara a lei tivo que dimitir ante a intransixencia das dereitas ante esta lei. Ante esta crise as esquerdas pedían a disolución das Cortes e a convocatoria de novas eleccións. A CEDA, por outro lado, aspiraba a entrar no goberno, e trala volta de Lerroux á xefatura do goberno, finalmente entran tamén tres membros da CEDA. A UGT convocou unha folga xeral revolucionaria que seguiron os partidos de esquerda e centro-esquerda co ánimo de botar abaixo o goberno. O goberno declarou ilegal esta folga e declarou o estado de guerra en toda España. A folga comezou o 5 de outubro e tivo seguimento nas principais cidades, mais tería unha relevancia notoria en Cataluña e Asturias.

O Goberno suspende a Generalitat de Cataluña.

En Cataluña a folga xeral foi unida ó descontento da esquerda nacionalista pola lentitude das transferencias de competencias conseguidas co estatuto de autonomía. O goberno da Generalitat de Cataluña presidido por Lluís Companys, de Esquerra Republicana de Catalunya, proclama o Estado Catalán dentro dunha República Federal Española. Este feito provocou a intervención do Exército, que axiña domina a situación despois dalgunhas loitas e o canoneo da cidade, nas que morren unhas 46 persoas (8 soldados e 38 civís), a detención de Companys e a fuxida de Josep Dencás (conseller de Governació). A autonomía catalá foi suspendida polo Goberno e a Generalitat de Cataluña foi substituída por un Consell de la Generalitat designado polo Goberno, nomeando a Manuel Portela Valladares gobernador xeral de Cataluña. A lei de Cultivos foi anulada. O President da Generalitat e os seus seguidores foron detidos e procesados. O consello de guerra ditou pena de morte contra dous militares rebeldes e condenou a Companys a 30 anos de reclusión por “rebelión militar”.

Mais foi en Asturias onde a folga obtivo un maior carácter revolucionario. Alí a CNT mantiña unha postura máis proclive á formación de alianzas obreiras que noutras zonas de España. Deste xeito adheriuse na Alianza Obrera na que estaban a Federación Socialista Asturiana, a Unión General de Trabajadores e a Confederación Regional del Trabajo, e fóronse engadindo ós poucos outros partidos. A insurrección posuía certa organización e os obreiros tiñan acceso a armas. O goberno recorreu a Francisco Franco para afogar a rebelión, que finalmente custou a vida a 1.100 persoas e 300 soldados e gardas civís, provocando 2.000 feridos. A represión que se realizou a continuación foi durísima, e a petición de amnistía para os presos foi un dos principais puntos no programa do Frente Popular. O goberno, ante a derrota dos seus adversarios, saíu fortalecido, mais a CEDA quería máis poder no goberno. Ante esta situación, e despois de que Alcalá Zamora indultase a Ramón González Peña (indulto ó que a CEDA se opuña), Lerroux tivo que formar un novo goberno, no que a CEDA acadou cinco ministros, entre eles Gil Robles, na carteira de guerra, que colocou en postos chaves a militares como o xeneral Joaquín Fanjul, Francisco Franco, Manuel Goded ou Emilio Mola.

A finais de 1935 producíronse dous escándalos de corrupción que botaron abaixo o goberno. O primeiro foi o do estraperlo en outubro, que provocou un forte desprestixio de Alejandro Lerroux. Alcalá-Zamora fixo dimitir a Lerroux e encargou formación de novo goberno a Joaquín Chapaprieta, pero ó pouco chegou un novo escándalo de corrupción, o de Tayá-Nombela. Gil Robles retiroulle o seu apoio a Chapaprieta, confiando en ser nomeado o novo encargado de formar goberno. Pero Alcalá-Zamora, temoroso da reacción popular, preferiu un home de centro, Manuel Portela Valladares. Portela Valladares decretou a disolución das Cortes e convocou eleccións para o 16 de febreiro de 1936.

Nestas eleccións saíu vencedora a Fronte Popular, unha coalición de partidos republicanos de esquerda. A reacción popular foi inmediata, a xente apresurábase a sacar dos cárceres os presos políticos antes aínda de chegar a amnistía. O Xefe do Estado Maior Central, xeneral Franco, deu o apoio do exército a Manuel Portela Valladares para que "non deixase pasar o comunismo". Intentou promover entre algúns militares unha sublevación. Goded tamén tentou sublevar o cuartel da Montaña de Madrid e outros dous xenerais que estiveran en todas as conspiracións contra a República, Joaquín Fanjul e Ángel Rodríguez del Barrio, sondaron esa posibilidade. Franco non viu o momento maduro e recuou, aínda que eses días do 17 ó 19 de febreiro estivo máis preto que nunca de dar un golpe militar. Portela Valladares decidiu dimitir, polo que Alcalá-Zamora tivo que ordenar a Manuel Azaña que formase goberno. O día 19 de febreiro Azaña forma o goberno no que inclúe tan só republicanos de esquerda, decidindo non incluír ningún socialista (aínda que Largo Caballero xa vetara a participación do PSOE no novo goberno). Pese o moderado do novo goberno, as dereitas reaccionaron coma se os soviéticos acadasen o poder. A primeira medida do novo goberno foi a concesión dunha amnistía. Desde o comezo procedeuse a unha restauración das reformas emprendidas no primeiro bienio. Así se restauraron Generalitat de Catalunya, os concellos socialistas suspendidos dende outubro de 1934 e os concellos vascos suspendidos no verán de 1934. Reactívanse os procesos dos estatutos de autonomía, de tal xeito que o 1 de outubro se aproba Estatuto de Autonomía de Euskadi e en febreiro de 1938[8] o Estatuto de Autonomía de Galicia é admitido a trámite (aínda que non foi discutido nin aprobado). Reanudáronse tamén os traballos do Instituto de Reforma Agraria e enviáronse os militares máis proclives ó golpismo lonxe de Madrid.

Selo da Falanxe española, 1936
O asasinato de José Calvo Sotelo xustificará a guerra

A inestabilidade e tensión social provocou que algúns partidos políticos comezasen a formar as súas milicias. A Falange Española comezou a provocar a maior desorde e terror posibles (a “dialéctica dos puños e das pistolas”). O 10 de marzo a Falange atentou contra a vida do mestre Luis Jiménez de Asúa, asasinando o policía Jesús Gisbert que o escoltaba. O 14 de marzo, de novo a Falange, atentou contra a vida de Largo Caballero, sen éxito. Pouco despois a Falange Española foi ilegalizada. Pero non por iso deixaba de actuar: asasinaron a Manuel Pedregal Luege, un maxistrado que sentenciara a 30 anos de cárcere un falanxista que matara un vendedor de xornais de esquerdas; puxeron unha bomba no desfile conmemorativo do 14 de abril, resultando durante a confusión morto un garda civil a disparos da Garda de Asalto (no enterro deste houbo enfrontamentos entre a Falange e a Garda de Asalto, resultando varios mortos e feridos); asasinaron o xornalista Manuel Andrés en Donostia, o tamén xornalista Luciano Malumbres en Santander e o capitán socialista Carlos Faraudo en Madrid; abriron fogo de metralleta no centro de Madrid contra traballadores, matando 3 e ferindo 40, o día 16 de abril. A tensión non minguaba.

O día 7 de abril Alcalá-Zamora é destituído coma presidente da República. A proposición redactada por Indalecio Prieto e Manuel Azaña e presentada no Congreso dos deputados o 3 de abril, sinala que non foi necesaria a disolución das Cortes o 7 de xaneiro de 1936, e que, seguindo a Constitución un presidente non pode disolver as Cortes dúas veces se non é coa aprobación da Cámara. Como substituto seu foi elixido Manuel Azaña. Indalecio Prieto aspiraba a ser o novo presidente do goberno, pero nunha votación do seu partido a maioría decidiron que o PSOE non entrase no goberno. Manuel Azaña nomeou presidente do goberno o galego Santiago Casares Quiroga.

En xullo de 1936 aconteceron uns importantes sucesos, que se ben non desencadearon o alzamento, si que lles serviu para xustificalo. O 12 de xullo uns falanxistas asasinaron o tenente da Garda de Asalto José Castillo, membro da UMRA. Algúns dos seus compañeiros decidiron vingarse ó día seguinte, asasinando a tiros o líder da dereita monárquica, autoproclamado fascista[9], José Calvo Sotelo.

Sublevación

A conspiración contra a República comezou no mesmo momento no que se deu a coñecer o pacto dos partidos da esquerda para formaren o Frente Popular que había concorrer ás eleccións do 16 de febreiro. Despois das eleccións finalizadas co triunfo do Frente Popular, os militares facían presión sobre o presidente do goberno en funcións Manuel Portela Valladares para que declarase o estado de guerra. Portela sen chegar a declaralo dimitiu o 19 de febreiro, formando Azaña un novo goberno, que envía os militares que máis se destacaran na conxura fóra de Madrid, Franco a Canarias, Goded a Mallorca e Emilio Mola a Pamplona, que se preparou alí para organizar o levantamento. Entre o 5 e o 12 de marzo reuniuse coa maioría dos militares golpistas, entre outros Franco (co que contactaron dende o principio, pero que non confirmou a súa participación até o asasinato de Calvo Sotelo), Mola, Orgaz, Fanjul e Valentín Galarza. Alí Mola comentou que estaba preparando un levantamento que podería suceder o 19 de abril, mais a conspiración foi descuberta polo PCE, o que forzou o goberno a tomar medidas. A pesar de todo seguiuse adiante coa trama golpista. Na dianteira da trama organizada por Emilio Mola tamén estaría José Sanjurjo Sacanell. Polo tanto, Mola convértese no verdadeiro reitor da conspiración (o denominado “director”), crea unha rede de axentes para preparala, entre os que salienta Gonzalo Queipo de Llano, inspector dos carabineiros, e conecta cos carlistas que estaban preparando a súa propia insurrección para a que crearan unha Xunta Suprema Militar Carlista. Tamén participan da preparación do alzamento a Unión Militar Española, e a Junta de Generales (da que era coordinador Emilio Mola)—, monárquicos, carlistas e outros sectores da extrema dereita.

A esquerda tentou aproximarse ós militares, sobre todo mediante a Unión Militar Republicana Antifascista (UMRA). Un grupo de aproximadamente 200 militares desta organización desprazouse a África coa intención de secuestrar os xefes golpistas, pero esta operación foi descuberta por Casares Quiroga e desmontada deseguido. Os dirixentes do UMRA reuníronse con Casares Quiroga para avisalo do alzamento previsto para o 16 de xullo e déronlle os nomes dos militares golpistas: Franco, Mola, Goded, Varela, Aranda, Fanjul, Yagüe, García Valiño e Alonso Vega. O presidente do goberno non deu creto a estas afirmacións respondendo que non existía perigo ningún de insurrección.

En xullo de 1936 aconteceron uns importantes sucesos, que se ben non desencadearon o alzamento, si que se empregaron para xustificalo. O 12 de xullo uns falanxistas asasinaron o tenente da Garda de Asalto José Castillo, membro da UMRA. Algúns dos seus compañeiros decidiron vingarse e achegáronse ó domicilio de Antonio Goicoechea, pero ó non atoparse alí foron ó de Gil Robles, que tampouco se atopaba alí, e definitivamente ó de José Calvo Sotelo, que foi asasinado a tiros[10].

Finalmente as ordes definitivas de Mola foron que o exército de África se sublevase ás 5 da mañá do día 18 de xullo e 24 horas máis tarde en toda a península. O exército de África tería que controlar o Marrocos español, e logo ser transportado vía marítima a Andalucía, polo que a frota tamén tiña que sublevarse.

Este plan foi descuberto o 17 de xullo en Melilla, debido a que un dos dirixentes locais da Falange de Melilla informa o dirixente local de Unión Republicana, chegando esta información ó Xeneral Romerales, Comandante Militar de Melilla, que á súa vez informa a Casares Quiroga. Romerales envía á tarde unha patrulla de soldados e gardas de asalto a rexistrar o departamento cartográfico. O coronel ó mando do mesmo atrasa o rexistro e chama ó cuartel da Legión, dende onde envían un grupo de lexionarios. Ante estes, a patrulla réndese e os sublevados proceden a arrestar a Romerales, proclaman o estado de guerra e inician anticipadamente o levantamento, informando os seus compañeiros do resto de Marrocos de que foran descubertos, pese ó risco de que os demais conspiradores non estiveran preparados. Así e todo, na noite do 18 de xullo xa se eliminara a resistencia no Marrocos español.

Francisco Franco dirixiuse a Marrocos dende Canarias no famoso voo no Dragon Rapide, alugado co diñeiro de Juan March, para comandar as tropas regulares.

Milicianas ao principio da guerra. No bando da Fronte Popular o poder pasou do goberno ás milicias antifascistas

Para pasar as tropas regulares á península necesitou pedir apoio ás forzas nazis e fascistas, xa que o estreito de Xibraltar estaba controlado polas tripulacións da escuadra republicana, que se amotinaran contra os oficiais rebeldes. Hitler envioulle a Franco unha partida de 20 Junker e 6 cazas Heinkel. O obxectivo de Hitler era que co triunfo dun golpe militar dereitista, Francia perdera un posible aliado. Pola súa banda Mussolini enviou unha escuadrilla de 12 bombardeiros Savoia-Marchetti S.M.81 e 2 buques mercantes con cazas FIAT CR.32.

Pese a todo, o apoio á sublevación non foi maioritario entre o exército. Dos 18 xenerais con mando de división, incluídos da Garda Civil e de Carabineiros, é dicir, os que controlaban as unidades de intervención máis importantes, unicamente se sublevaron 4: Cabanellas, Queipo de Llano, Goded e Franco e só Cabanellas mandaba a tropas na península. Outros dous xenerais de división en situación de dispoñibles que interviñeron na sublevación foron Fanjul e Saliquet.
Entre os xenerais de brigada só 14 de 56 apoiaron o golpe de estado. Os sublevados contaban inicialmente cuns 120.000 homes armados, dos 254.000 que había nese intre na península, nas Illas e en África[11].

Mais varios factores confluíron para daren superioridade ós alzados e diminuír a eficacia de quen permaneceron leais. Un foi a orde xeral do goberno de desmobilizar os soldados, para minguar forza ós militares rebeldes, que porén conseguiu o efecto contrario, xa que moitos deses soldados, naquelas zonas onde fracasou a sublevación, se negaron despois a volver ás súas unidades e, baixo o amparo da mobilización revolucionaria e popular, ingresaron nas milicias. Os anarquistas e socialistas, os primeiros en organizar milicias, desconfiaban en gran parte destes xefes e oficiais. Truncábase así dende o comezo o que podía ter sido o exército republicano.

Para os sublevados era todo diferente xa que, a pesar do exército peninsular non estar tampouco moi preparado para a guerra, contaban con forzas disciplinadas e organizadas. Sobre todo dispuxeron dende o comezo co exército de África, coa case totalidade dos seus 1.600 xefes e oficiais e dos 40.000 homes baixo seu mando. A súa tropa máis coñecida era a Legión, composta de prófugos, delincuentes e marxinados que eran introducidos no culto á violencia e á virilidade. Ó carón da Legión estaban tamén as Forzas Regulares Indíxenas, composta por mercenarios marroquís e algúns españois.

A sublevación na península non triunfou, mais tampouco foi esmagada pola ineficiencia do goberno.

Comezo

Faccións no inicio da guerra civil española. En azul a zona nacional e en vermello a republicana. O verde amosa as conquistas rápidas dos nacionais

No principio do alzamento, España viuse dividida en dúas zonas segundo a facción que tiña o control:

  • A republicana, principalmente no levante, fiel á II República española
  • A nacional no occidente, constituída polos partidarios do golpe de estado.

Tras cinco días, o protectorado de Marrocos, Canarias, Baleares, Galicia, Logroño, Aragón e Navarra enfrontábanse a Asturias, Cantabria, Euskadi, (nas súas maiores cidades, non no rural) Menorca, Cataluña, Andalucía e Murcia. Os pretextos do bando sublevado foron o desgoberno e os resultados dos partidos da esquerda (coligados no partido chamado Frente Popular) nas eleccións de maio de 1936, que achegaban o risco dunha revolución social comunista e a ruptura da unidade españoladDebido aos estatutos de autonomía; pero, na realidade, o alzamento resulta ser consecuencia dunha tensión social -a das dúas Españas- entre a parte conservadora do país (Falanxe e Igrexa católica), que ía indefectiblemente perdendo os seus privilexios, e a toma do poder por parte da esquerda (nacionalistas, comunistas e anarquistas).

Bandos

Co inicio da guerra, España quedou dividida en dúas zonas: O bando republicano, tamén chamado "bando leal" ou, polos sublevados "bando vermello"; e o bando nacional, tamén chamado "bando sublevado", "franquista", e "fascista".

O bando republicano

Substitución de voluntarios do exército republicano destinados á fronte de Teruel, 1938
  • Segunda República Española (véxase tamén Exército Popular): No bando republicano ficaron os partidos que apoiaban á Fronte Popular, xeralmente de esquerdas. Permaneceu neste bando a esquerda comunista (PCE, POUM), os anarquistas (CNT, FAI), os republicanos de esquerda (PSOE), os nacionalistas galegos (PG, ORGA), cataláns (ERC, Lliga Regionalista de Catalunya) e vascos (PNV, ANV) así como numerosos grupos de centro-dereita de corte liberal, progresista e antimonárquicos. Aínda que se ten sinalado o papel da Igrexa no bando sublevado, o certo é que nos dous bandos había católicos: os nacionalistas vascos eran maioritariamente católicos, e católico-practicantes mesmo xenerais como Antonio Escobar ou Vicente Rojo. Tamén son destacables os casos do Cardeal Vidal i Barraquer e o nuncio apostólico Tedeschini, que apoiaban ambos o bando republicano.

Milicias: As milicias foron tropas de voluntarios de diferentes sindicatos e partidos políticos que loitaron xunto ás tropas regulares da República.

  • Eusko Gudarostea: O Goberno vasco, nacionalistas aliados ó bando republicano, creou a Mariña Auxiliar de Euskadi, baixo o mando de Joaquín Egia, con algúns bous armados (catro bacallaeiros con canóns de 101,6 mm), nove bous en misión de dragaminas e ata 24 pesqueiros pequenos máis como dragaminas costeiros ou de porto. Estas unidades do goberno nacionalista vasco, ao contrario das unidades aliadas republicanas, amosaban un alto grao de preparación e espírito combativo, interceptando mercantes alemáns con cargamento para os franquistas e chegando a enfrontarse ó «Velasco» o 15 de novembro de 1936. Tamén foi destacado o papel das milicias vascas de terra, que organizaron o chamado "cinto de ferro" en torno a Bilbao, que freou o avance das tropas rebeldes durante moito tempo.
  • Milicias anarquistas: A CNT e a FAI organizaron unha milicia popular que tivo un papel importante na Revolución Española. Tralo alzamento do exército do 18 de xullo de 1936 formáronse nas zonas onde fracasou a sublevación grupos armados de civís organizados polos partidos políticos e os sindicatos, que se uniron ós restos das unidades regulares do exército e as forzas de seguridade estatais que permaneceron fieis á República.[12]

A formación típica destas milicias espontáneas foi a columna.

Participación estranxeira:

  • O cargueiro ruso Kursk, desembarcando material militar no porto de Alacant
    Unión Soviética: Achegou asesores militares, e incluso oficiais de mariña para mandar algúns submarinos republicanos. A Unión Soviética vendeu á República armas, vehículos e material. Foron 1.000 avións, 331 carros de combate, 1.500 pezas de artillaría, algún cento de camións blindados, centos de milleiros de armas lixeiras e 30.000 toneladas de munición. A República pagouno coas reservas de ouro do Banco de España, gastando uns 500 millóns de dólares americanos. Hai que ter en conta que, entón, España posuía a cuarta reserva de ouro maior do mundo, cun valor aproximado de 750 millóns de dólares. Algúns teñen condenado a URSS de abusar da precaria situación republicana para venderlles armas a prezos excesivos, pero o certo é que os soviéticos tamén enviaron moitos asesores militares, os cales participaron activamente, incluso nos combates.
  • Francia Francia: Facilitou ó comezo da guerra, e ata o Pacto de Non-Intervención, avións, pilotos e armas polos que cobrou preto de 150 millóns de dólares. Non obstante, aínda que deixou de axudar trala sinatura do pacto, seguiu mostrando simpatía pola República e numerosos franceses alistáronse nas Brigadas Internacionais.
  • Soldados das Brigadas Internacionais
    Brigadas Internacionais: O Comintern a través do NKVD organizou e dirixiu unha tropa de voluntarios para que fosen loitar en favor da República, as popularmente coñecidas como Brigadas Internacionais, nas cales predominaban as esquerdas, pero nas que había xente de tódalas ideoloxías. Os voluntarios americanos formaron o Batallón Lincoln e os canadenses o Batallón Mackenzie-Papineau (os Mac-Paps). Tamén houbo un pequeno grupo de pilotos estadounidenses que formaron o Escuadrón Ianqui, liderado por Bert Acosta. Houbo brigadistas famosos, escritores e poetas como Ralph Fox, Charles Donelly, John Cornford e Christopher Caudwell que describirían as súas experiencias na fronte. Loitaron arredor de 40.000 brigadistas e outros 20.000 serviron en unidades médicas ou auxiliares. O 23 de setembro de 1938 ordenouse a súa retirada total co fin de modificar a posición de non-intervención mantida polo Reino Unido e Francia.
  • México: Apoiou a causa republicana fornecendo as forzas leais de rifles e comida. Tamén realizou unha gran tarefa trala guerra axudando os exiliados (baste recordar o caso de Manuel Azaña protexido até a súa morte polo goberno mexicano).

O bando sublevado

  • España franquista: No bando sublevado (autodenominado bando nacional) o apoio era basicamente rural e burgués, máis conservador e relixioso. Sobre todo foron aquelas clases máis ou menos privilexiadas até entón (burgueses, aristócratas, moitos militares, parte da xerarquía eclesiástica, terratenentes ou pequenos labradores propietarios...) que trala vitoria da Fronte Popular vían perigar a súa posición ou consideraban que a unidade de España estaba en perigo. Sumáronse a este bando os partidos da CEDA (aínda que moitos deles arrepentíronse máis tarde), os falanxistas e os membros das JONS, e a maioría do exército de terra. A maioría do exército de aire e de mar permaneceron leais á República.

Participación estranxeira:

  • Alemaña nazi: Axudou a Franco enviando a España a Lexión Cóndor, técnicos e asesores militares. Aproveitou a guerra para probar os seus novos modelos de armas e tácticas. Probáronse os cazas Messerschmitt Bf 109 e os bombardeiros Junkers Ju 52 e Heinkel He 111. Estreou en España as súas tácticas de bombardeo sobre cidades. Aínda que non foi o único, o máis famoso (pola súa crueldade) foi o bombardeo de Guernica representado por Picasso no seu cadro Guernica, exposto no pavillón español da Exposición Universal de París de 1937.
  • Italia: Enviou a España ó Corpo Truppe Volontarie (140.000 soldados) con máis de 7.600 vehículos e a Aviación Lexionaria (758 avións e pilotos). Axudou ó bloqueo do armamento enviado dende a URSS a España con accións puntuais da súa propia Armada. Achegou case sesenta «submarinos lexionarios» á frota de Franco—non todos simultaneamente—e vendeulle catro destrutores e dous submarinos.
  • Portugal Portugal: Axudou con tropas de voluntarios e permitindo o paso de subministracións alemás polos seus portos.
  • Irlanda Irlanda: Enviou un corpo de voluntarios chamados os "Camisas azuis irlandeses" baixo o mando do xeneral Eoin O'Duffy, aínda que cómpre sinalar que houbo incluso máis irlandeses que se uniron ás Brigadas Internacionais.

Evolución

Evolución da guerra civil española.
Bombardeo en Valencia, Estació del Nord.

A guerra estaba a ser gañada polo bando rebelde, capitaneado cada vez máis polo xeneral Franco, fronte á facción republicana (con Manuel Azaña como presidente da II República española, e Francisco Largo Caballero e logo Juan Negrín como xefes do goberno). No entanto, ningún bando cría nas súas posibilidades de vitoria e buscaron apoios no exterior. A Alemaña nazi e a Italia de Benito Mussolini colaboraron co bando sublevado, mentres que ós republicanos lles chegaron axudas da URSS e das Brigadas Internacionais, uns 60.000 combatentes estranxeiros de diversas partes do mundo organizados polo Comintern.

Principais episodios:

Remate

Parte de guerra asinado por Francisco Franco anunciando a fin da guerra.
En el día de hoy, cautivo y desarmado el Ejército Rojo, han alcanzado las tropas nacionales sus últimos objetivos militares. La Guerra ha terminado

El generalísimo Franco

Burgos, 1º de abril de 1939.
Último parte de guerra.

A guerra terminou o 1 de abril de 1939 tras unha carnizaría de máis de medio millón de vítimas (sen contar mortos indirectos de fame ou enfermidades). Tanto na propia guerra coma nos anos posteriores, os poderes non dubidaron en utilizar a poboación segundo os seus intereses políticos: a represión trala vitoria franquista levaría moitos españois para o exilio ou o fusilamento, tras uns anos de loita de guerrilla (termo que se estendeu internacionalmente para designar a utilización de escaramuzas por parte de exércitos non regulares). Coa fin da guerra, instaurouse un goberno ditatorial de corte fascista, que rexería os destinos dos españois ata pouco despois da morte de Franco en 1975.

Consecuencias

Fosa común en Estépar, Burgos, con 26 vítimas do bando republicano. A escavación tivo lugar en xullo de 2014.

Esta guerra foi un ensaio das armas que se utilizarían despois na II Guerra mundial. A estrutura política de gran parte de Europa inclinouse para o fascismo e o comunismo, mentres que en España comezou unha época de rescisión das liberdades e represión de todo aquilo que se afastase da liña política do réxime.

Vítimas da Guerra Civil

O número de vítimas civís aínda se discute. Algúns afirman que a cifra estaría entre 500 000 e 1 000 000 de persoas.[13] Moitas destas mortes non foron debidas ós combates, senón á represión en forma de execucións sumarias e paseos. Esta levouse a cabo no bando sublevado de maneira sistemática e por orde dos seus superiores (por exemplo no masacre de Badaxoz), mentres no bando republicano produciuse de maneira descontrolada en momentos no que o goberno perdeu o control das masas armadas.[14] Os abusos centráronse en tódolos sospeitosos de simpatizar co bando contrario.

Outro xeito de represión foi a creación dos campos de concentración, que foron sendo construídos co avance da fronte, como o de Arnao, coa caída da fronte Asturiana.

A Guerra Civil na literatura e no cine

Apresamento dun republicano (Recreación).

Son numerosas as obras, tanto da gran pantalla como literarias, cuxa trama acontece durante a contenda:

Literatura

Cine

Notas

  1. 1,0 1,1 Hugh Thomas. Historia de la Guerra Civil Española. Capítulo 43, páx. 838.
  2. 2,0 2,1 2,2 Hugh Thomas. Historia de la Guerra Civil Española. Apéndice VII, páx. 1053.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Fernando García de Cortázar. Atlas de historia de España. República y guerra, páx. 488.
  4. Hugh Thomas. Historia de la Guerra Civil Española. Capítulo 42, páx. 817.
  5. Destes, 700 avións foron enviados pola Alemaña Nazi, mentres que 800 forn pola Italia fascista. Dos enviados pola Alemaña nazi, 100 estiveron en servizo coa Lexión Cóndor mentres que 120 estiveron coa Aviación Lexionaria
  6. O número de perdas é debatible; as estimacións suxiren que entre 500,000 e un millón de persoas faleceron. Cos anos, os historiadores diminuíron estas cifras, e estudos modernos conclúen que 500,000 mortes é a cifra máis acertada. Hugh Thomas, The Spanish Civil War (2001), pp. xviii & 899–901, inclusive.
  7. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para estalar. Vexa a frase de exemplo.
  8. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2007. Consultado o 18 de febreiro de 2008. 
  9. Pequeno extracto do seu discurso do 16 de xuño:
    Frente a ese Estado estéril, yo levanto el concepto del Estado integrador, que administre la justicia económica y que pueda decir con plena autoridad: no más huelgas, no más lock-outs, no más intereses usurarios, no más fórmulas financieras de capitalismo abusivo, no más salarios de hambre, no más salarios políticos no ganados con un rendimiento afortunado, no más libertad anárquica, no más destrucción criminal contra la producción, que la producción nacional está por encima de todas las clases, de todos los partidos y de todos los intereses. (Aplausos). A este Estado le llaman muchos Estado fascista; pues si ese es el Estado fascista, yo, que participo de la idea de ese Estado, yo, que creo en él, me declaro fascista. (Rumores y exclamaciones. UN DIPUTADO: «¡Vaya una novedad!».) (...)
    Discurso en Cortes o 16 de xuño de 1936. Ver un maior extracto do discurso
  10. Beevor, Antony: La guerra civil española. Páxina 79.
  11. Casanova, Julián: República y guerra civil. Páxinas 192-193.
  12. "Milicias y unidades militares confederales". alasbarricadas.org. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 27 de decembro de 2007. 
  13. O número de perdas non está claramente documentado; as estimacións suxiren que entre 500 000 e un millón de persoas faleceron. Cos anos, os historiadores diminuíron estas cifras, e estudios modernos conclúen que 500 000 mortes é a cifra máis acertada. Hugh Thomas, The Spanish Civil War (2001), pp. xviii & 899–901, inclusive.
  14. Thomas, Hugh, Op.Cit.
  15. La llamada de España, en Google Books
  16. "Ficha da película en FilmAffinity". Consultado o 18-04-2017. 

Véxase tamén

Bibliografía

  • Alonso Montero, Xesús; Villar, Miro (1999). Guerra Civil (1936-1939) e literatura galega. (Textos e documentos para unhas xornadas de estudio e debate) Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. ISBN 84-95415-00-3
  • Coordenação de Fernando Rosas (1998). Portugal e a Guerra Civil en Espanha. Lisboa: Edições Colibri / Instituto de História Contemporânea da F.C.S.H.. ISBN 972-772-016-1
  • Fernández Santander, Carlos (2000). Alzamiento y Guerra Civil en Galicia (1936-1939). Tomo I e II. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-952-0
  • Fernández Santander, Carlos (2002). El exilio gallego de la guerra civil(en español) Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-8485-083-8
  • González López, Emilio (1990). Memorias de un Diputado republicano en la Guerra Civil española (1936-1939). Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-479-0
  • Grandío Seoane, Emilio (2001). Vixiancia e represión na Galicia da guerra civil. "Informe Brandariz" [sic] (A Coruña, 1937). Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-8485-017-X
  • Ríos, Isabel (1998). Testimonio de la Guerra Civil (3ª edición). Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-294-1
  • Santos Alfonso, Alfonso (2003). La guerra civil en Lugo años 1937, 1938 y 1939. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-8485-106-0
  • Souto Blanco, María Jesús (1998). La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940). Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-891-5
  • Souto Blanco, María Jesús (1999). Los apoyos al régimen franquista en la provincia de Lugo (1936-1940). La corrupción y la lucha por el poder. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-944-X
  • Suárez, Xosé Manuel (2002). Guerra civil e represión en Ferrol e comarca. Ferrol en tempo de Historia: recuperación da nosa memoria histórica. Ferrol: Concello de Ferrol. ISBN 84-88991-19-3
  • Viale Moutinho, José (1999). No Pasarán! Cenas e cenários da Guerra Civil de Espanha. Lisboa: Editorial Notícias. 2ª ed. ISBN 972-46-0958-8

Outros artigos

Ligazóns externas