Este artigo ou apartado contén afirmacións non neutrais e/ou texto que promociona o tema tratado de forma subxectiva sen achegar información neutral e verificable. Por favor, axude mellorando este artigo.
Mellóreo engadindo referencias que verifiquen as afirmacións contidas no artigo e engada referencias a pé de páxina. As afirmacións que constitúan unha fonte primaria non verificable deben eliminarse. Por favor, non quite esta mensaxe ata que o problema estea solucionado. (Desde maio de 2014.)
Durante o seu mandato á fronte do exército e da xefatura do Estado, especialmente durante a guerra civil e os primeiros anos do réxime, tiveron lugar múltiples violacións dos dereitos humanos, segundo sinalan numerosas investigacións históricas e denuncias de particulares.[1] A cifra total de vítimas mortais durante o franquismo varía en torno a varios centenares de miles de persoas, que pereceron na súa maioría en campos de concentración, execucións extraxudiciais ou en prisión.[2][3]
Traxectoria
Primeiros anos
Naceu como Francisco Paulino Hermenegildo Teódulo Franco y Bahamonde Salgado Pardo[4] na casa familiar da rúa María de Ferrol, entón rúa Frutos. Era fillo do intendente da Armada Nicolás Franco y Salgado Araújo e de Pilar Bahamonde y Pardo de Andrade.[5] Era o segundo fillo dos cinco que tivo o matrimonio: Nicolás era o maior, veu a continuación Francisco, Pilar, Ramón (o aviador) e Paz, esta última falecida aos cinco anos de idade.
O seu pai, Nicolás Franco, levaba unha vida moi disipada e o eco das súas andadas chegaban a oídos de Pilar, que se confortaba co rezo e o amor de Deus. Nicolás non tardou en fuxir do fogar matrimonial e en abandonar a familia. Isto sería probablemente unha das razóns polas cales as relacións de Francisco e o seu pai foron sempre moi frías.
Carreira militar
Francisco Franco graduouse na academia de infantería de Toledo en 1910, onde obtén o número 251 entre os 312 cadetes da súa promoción, converténdose en segundo tenente, é dicir, en alférez. Aos poucos días foi destinado para Ferrol no rexemento Zamora número 8. En marzo de 1915 foi ascendido a capitán, cando tiña 22 anos, sendo así o máis novo deste grao no exército español, e é condecorado por dúas veces coa Cruz Vermella do Mérito Militar. Coa idade de 23 anos, por nomeamento do rei Afonso XIII, converteuse no comandante máis novo do exército logo do seu desempeño na guerra do Rif. Tras cinco anos en Marrocos, volve de novo á península, destinado a Oviedo, onde coñece a Carmen Polo y Martínez Valdés, unha rapaciña de familia ben acomodada, coa que vai comprometerse como noivo cando ela só ten quince anos.
España atópase o 13 de agosto de 1917 en estado de guerra debido aos altercados producidos durante a folga xeral convocada polos sindicatosUGT e CNT. En Oviedo o movemento toma unha amplitude tal que os folguistas ameazan con apoderarse da cidade. Franco, á cabeza das súas columnas, recibe a misión de restablecer a orde.[6]
En 1918 coñeceu na Escola central de infantería ao tenente coronelJosé Millán-Astray, que viña de Marrocos, onde estaba ao mando das tropas regulares. Franco devecía con volver á cabeza dun corpo militar. Os dous homes, cuxos feitos de armas son famosos nos cuarteis, entendéronse rapidamente. Todo parecía achegalos e cando Millán-Astray fundou a Lexión española baseada na Lexión Estranxeira francesa, Franco aceptou naturalmente formar parte dela como o seu segundo e non dubidou en aprazar a data do seu matrimonio.
É Franco o que ten entre outras cousas a tarefa de resolve-la crise despois do desastre de Annual, onde máis de 15.000 soldados atoparon a morte. Cos xenerais Sanjurjo e Cabanellas, retoman Batel e o Dar Drius, onde recibe a condecoración militar grazas ao seu valor no campo de batalla, a derrota precedente pode borrarse. O 8 de xuño de 1923 é nomeado tenente coronel, sempre máis novo do Exército español, posto que ten apenas 30 anos, logo o 22 de outubro do mesmo ano, contrae por fin o matrimonio, acto que foi apadriñado polo rei Afonso XIII.
En febreiro de 1925, ascendeu a coronel por méritos de guerra, logo de levar a cabo a retirada de Xauen. Tiña só trinta e tres anos e seguía sendo o máis novo dos oficiais do seu grao. Só un ano máis tarde xa era xeneral de brigada pola súa conduta no desembarco de Alhucemas e pola toma da capital de Abd-El-Krim. Aos trinta e catro anos era o xeneral máis novo de Europa e atopábase na cima dos honores militares. O nomeamento supuxo para el o final da campaña de Marrocos e tamén, pouco tempo despois, a fin da guerra de África, xa que o chamaron a Madrid para encargarse de mandar a primeira brigada de infantería da primeira división.
Pouco despois sería designado para dirixir a Escola militar de Zaragoza, que o xeneral Miguel Primo de Rivera acababa de restabelecer. Franco tiña a tarefa de recibir e formar ós futuros oficiais de infantería, cabalería e enxeñaría, cun total de 215 en 1928. Alí foi onde o ministro francés da guerra, André Maginot, o condecora coa Lexión de honor e a do Mérito naval, pronto seguido da súa segunda medalla militar imposta por Afonso XIII.
Coa chegada da Segunda República española, o novo goberno de Niceto Alcalá Zamora decide suprimir a Academia xeral militar de Zaragoza o 16 de xullo de 1931. Franco, que en catro anos formou a 720 oficiais, volve para Oviedo, logo A Coruña, en espera do novo destino. Dise entón del que «proba unha honradez profesional» respecto a República.
Entre o 12 e o 14 de abril de 1931, Franco seguía de cerca o curso dos acontecementos: habería levar a cabo as ordes superiores se o xeneral Berenguer, Ministro da Guerra, e o xeneral Sanjurjo, o Comandante en Xefe da Garda Civil tomasen parte na represión das manifestacións republicanas. Pero Afonso XIII manifestou que "non desexaba conservar o seu trono á conta dun baño de sangue, e prefire deixar España, aínda que sen abdicar, en lugar de utilizar o exército". Polo tanto, Franco estaba decidido a servir o novo réxime.[7] En canto ao seu irmán Ramón, entusiásmase por esta moi próxima república e non dubida en manifestalo, bombardeando con panfletos, lanzados desde o seu avión, sobre as rúas de Madrid en 1930.
Varias veces Franco é solicitado para formar parte dun pronunciamento[Cómpre referencia], pero el négase. Un putsch estala o 10 de agosto de 1932 (a Sanjurjada). Esta sublevación está dirixida polo xeneral Sanjurjo, o director xeneral de Carabineros, e secundada só pola guarnición de Sevilla, e pronto é condenada ao fracaso. Detido o xeneral cunha quincena de conxurados e aberto un proceso, é condenado á pena de morte, logo indultado e finalmente amnistiado, aínda que xa non reingresou no exército e fixou a súa residencia en 1934 en Monte Estoríl, Portugal.
O 13 de marzo de 1933, Franco é enviado ás Baleares como comandante das forzas das illas, talvez en agradecemento do goberno por non se mesturar no levantamento [Cómpre referencia]. É unha promoción. Presentado por Gil Robles, o líder da CEDA, para figurar nas súas listas das eleccións do 19 de novembro e do 3 de decembro [Cómpre referencia], responde pola negativa. Despois da consulta nacional, o xefe de Goberno Manuel Azaña, será substituído por Alejandro Lerroux, por catro meses soamente (19 de decembro - 25 de abril).
A dereita obtén 212 deputados, o centro 162 e a esquerda 97. Desde as Baleares, Franco, que acaban de nomealo xeneral de división en marzo de 1934, segue agora con paixón o xogo político de Madrid [Cómpre referencia]. Unha visita rompe a monotonía da súa vida de guarnición, a do Ministro da Guerra Diego Hidalgo, ao que se lle debe unha das primeiras descricións do xeneral Franco, en calquera caso ben axustada á súa personalidade daquela época:
«Franco posúe no alto grao todas as virtudes militares e supóñenselle sempre a súa actividade e a súa capacidade de traballo, a súa clara intelixencia, a súa comprensión e a súa cultura ao servizo das armas. Pero destas virtudes, a máis alta, é a ponderación que lle impulsa a ser meticuloso no detalle, exacto no servizo, preciso na observación, duro e esixente no mando ao mesmo tempo que comprensivo, tranquilo e decidido. As conversacións que tiven con el sobre temas militares durante a miña estancia nas illas reveláronme doutra banda os seus extraordinarios coñecementos (...) Franco, no silencio da súa oficina pasou numerosos anos en documentarse. Na actualidade, pódese considerar que non hai secreto na arte da guerra para este gran militar, educado á ciencia pola enxeñería humana.»
Pero no país, a situación política e social deteriórase aínda máis cada día [Cómpre referencia]. Falanxe, creada por José Antonio Primo de Rivera inspirada dos "fascio" italianos, oponse coa dialéctica das pistolas fronte aos anarquistas e socialistas que, por suposto, responden ou atacan cos mesmos medios [Cómpre referencia]. Folgas salvaxes paralizan a economía. En Madrid, unha tentativa de golpe falla [Cómpre referencia]. En Cataluña, Lluís Companys declara o Estat català. Máis grave aínda: en Asturias, declárase unha verdadeira revolución; os anarquistas, os comunistas, a Alianza dos Traballadores e Campesiños, baixo os auspicios da UXT de González Bueno e o Comité Rexional da CNT de Asturias, onde 30.000 homes que dispoñen de armas e dinamita se opoñen ao Goberno [Cómpre referencia].
O Goberno de Madrid encóntrase agora en presenza do que parecía innegablemente unha revolución. Lerroux e os seus ministros tomaron decisións de graves consecuencias. En primeiro lugar, fixeron vir os xenerais Goded e Francisco Franco e encargáronlles conxuntamente, en calidade de xefes de Estado Maior, dirixir as operacións contra a rebelión. É o xeneral Franco quen dirixe pois a represión desde o Palacio de Buenavista, coa axuda da Lexión e dos "Regulares" marroquís. En suma, unha repetición de 1917. Franco forma sete columnas, baixo os mandos de Yagüe, Solchaga, Sáenz de Buruaga, Aranda e Ayuso e fanse donos da situación con bastante facilidade, aínda que pagando un caro prezo en vidas humanas:
O exército perdeu 22 oficiais, 25 suboficiais e 173 soldados e conta con 743 feridos e 46 desaparecidos.
Por parte dos rebeldes: 855 mortos, 1.450 feridos e non 14 000 como o escribiron algúns [8]. O Goberno Lerroux, a quen se lle salvou, concédelle en recompensa a Franco a Gran Cruz do Mérito militar e en febreiro de 1935 foi nomeado comandante en xefe do exército de Marrocos.
O 18 de xullo de 1936, atópase destinado en Santa Cruz de Tenerife como Comandante Xeral de Canarias, posto que ocupa desde o mes de febreiro. Alegando [Cómpre referencia], entre outros motivos, a situación de inseguridade e de crimes políticos que o goberno non lograba controlar, así como o perigo dunha revolución obreira, súmase aos preparativos para a sublevación militar que se estaba planeando por parte dos xenerais Sanjurjo e Mola contra o goberno lexítimo da Fronte Popular e que, iniciada o 17 de xullo, tivo o seu momento álxido o 18 de xullo (ver Alzamento Nacional).
Nesta data é cando se traslada dende As Palmas de Gran Canaria a Tetuán (Marrocos), onde chega ás sete da mañá do día 19, tras unha longa escala en Casablanca, para poñerse á fronte das tropas sublevadas.
Esta viaxe faina a bordo dunha aeronave De Havilland modelo Dragon Rapide, alugada no aeroporto de Croydon en Londres polo correspondente do diario ABC naquela cidade Luis Bolín. Poucos días despois, o 27 de xullo de 1936, chega a España o primeiro escuadrón de avións italianos enviados por Benito Mussolini.
Trala morte do xeneral José Sanjurjo (20 de xullo do 36) en accidente de aviación e a retirada a un segundo plano doutros pretendentes ao cargo do mesmo bando, foi nomeado pola Xunta de Defensa Nacional Xefe de Estado e "xeneral xefe dos Exércitos de operacións" das forzas nacionais o 29 de setembro de 1936.[9]
O 30 de xaneiro de 1937 constitúese en xefe da Xunta provisional de Burgos.
O seu goberno orientouse inicialmente ao triunfo militar sobre a España republicana, e contou co apoio de dous ditadores fascistas de Europa, Hitler e Mussolini. A semellanza destes, que se facían chamar respectivamente Führer e Duce, Franco adoptou durante a contenda o título de Caudillo, que xunto ao de Xeneralísimo foron os títulos cos que se lle denominou nas décadas posteriores.
Rematada a guerra civil o 1 de abril de 1939, produciuse o exilio de miles de españois ao estranxeiro e desenvolveuse unha ampla política de represión sobre os vencidos, con fusilamentos, encarceramentos e condenas a traballos forzados en obras hidráulicas como pantanos e canais de rego, ferrocarrís, construción do monumento do Val dos Caídos e outros [Cómpre referencia].
A desintegración dunha familia na guerra civil é o argumento da súa novela Raza, publicada baixo o pseudónimo de Jaime de Andrade e base da película propagandística Raza, dirixida por José Luis Sáenz de Heredia e estreada en 1942.
Nese réxime de ausencia de liberdades, en 1947 un referendo nacional ratificouno na xefatura vitalicia do Estado. O goberno de Franco caracterizouse pola instauración dun verdadeiro réxime, de tipo autoritario e pragmático. Só se permitía o Sindicato Vertical (que unía a patróns e obreiros), e un único partido, Falange Española Tradicionalista y de las JONS, constituído por fusión da Falanxe Española e o carlismo e as Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (JONS), que se uniran a Falange antes da guerra. Así, o réxime estaba fundamentado nun ideario ultraconservador e nacionalista, de confesión católica, baseado nunha economía corporativista que integraba proxectos sociais, como a Seguridade Social, e un sistema sanitario público que se desenvolveu durante a etapa final da ditadura.
Ao comezar en Europa a segunda guerra mundial, Franco mostrouse partidario da vitoria de Hitler e Mussolini, mais rexeitou [Cómpre referencia] entrar na loita a pesar das presións que recibiu nese sentido polo feito de que os dous ditadores europeos o apoiaran durante a guerra civil. Permitiu, porén, que voluntarios españois (División Azul) partisen para apoiar as potencias do Eixo na fronte rusa. Do mesmo xeito, existiu unha ampla tolerancia ante a actuación dos axentes do Eixo, principalmente alemáns, en España. Por todo iso España quedou situada máis na non belixerancia ca na neutralidade [Cómpre referencia].
Rematada a segunda guerra mundial co triunfo das potencias aliadas, o pobo español sufriu as consecuencias do illamento imposto ao réxime polas nacións vencedoras, que non vían con bos ollos a supervivencia dun réxime fascista en Europa[Cómpre referencia]. Esta situación terminou en parte durante por mor da guerra fría, cando as necesidades xeoestratéxicas de Estados Unidos fixérono colaborar con España, especialmente a partir da firma do pacto de 1953 e a posterior visita de Eisenhower a Franco en 1959, para estableceren bases militares estadounidenses en España a cambio de divisa forte.
Nos anos 60, España asistiu a un forte desenvolvemento económico, no que tivo moito que ver o auxe do turismo, as remesas da emigración e os investimentos americanos, creándose unha nova clase media que era bastante reducida ata entón. É tamén nestes anos 60 cando se produce a emigración de centos de miles de españois das zonas máis deprimidas de España a diversos países de Europa, principalmente Alemaña, Países Baixos, Suíza e Francia, o que se traduciu nunha importante fonte de ingreso de divisas. O desenvolvemento e o crecente contacto cos veciños europeos (grazas ao turismo e á emigración) deron lugar a novas tensións sociais, aínda que Franco non chegou a ver en risco o seu poder, grazas á unidade do exército e á inercia do sistema.
En 1966 foi aprobada por referendo a súa proposta de Lei Orgánica do Estado, na que se prevía a separación dos cargos de Xefe do Estado e Xefe de goberno.
En 1969 nomeou o príncipe Xoán Carlos como o seu sucesor a título de rei, o cal implicaba unha reinstauración da monarquía en España.
Co inicio da actividade terrorista de grupos como ETA e o FRAP levou a cabo unha represión que culminou coas sentenzas a morte para once terroristas (oito do FRAP e tres de ETA), dos que, ao final, o 27 de setembro de 1975, foron executados cinco, pois o goberno, nunha reunión presidida por Franco o día anterior, e baixo as presións externas, decidiu non executar seis dos condenados a morte, dúas mulleres (por estaren embarazadas) e catro homes [Cómpre referencia].
A nova das execucións provocou unha forte reacción internacional (antes da mesma, moitos gobernos, e personalidades coma o papa Paulo VI, pediran clemencia). Quince países europeos retiraron os seus embaixadores, foi asaltada a embaixada española en Lisboa, producíronse multitudinarias manifestacións nas principais cidades europeas e cortáronse as comunicacións telefónicas e telegráficas con varios países.
Tras estes fusilamentos, que illaron novamente a España do contexto europeo, Franco contraeu unha enfermidade debido á cal faleceu tras unha longa agonía, en Madrid, o 20 de novembro de 1975. Foi enterrado xunto a José Antonio Primo de Rivera no Val dos Caídos. Xoán Carlos I xura entón a Xefatura do Estado e, en contra do planeado polo ditador, a democracia reinstáurase tras a súa morte, nun proceso coñecido como Transición española.
1923 - 8 de xuño, Franco é nomeado Comandante en xefe da Lexión. O 13 de setembro, golpe de Estado do xeneral Miguel Primo de Rivera. O 22 de outubro, casamento de Francisco Franco e Carmen Polo. O rei Afonso XIII apadriña por poderes esta cerimonia.
1926 - 3 de febreiro, é nomeado xeral de brigada, converténdose así no xeneral mais novo de Europa aos 34 anos. O 14 de setembro, nace a súa primeira e única filla, María do Carme.
1931 - 18 de febreiro. Formación do novo goberno presidido polo almirante Aznar. O 12 de abril, últimas eleccións municipais da Monarquía. O 14 de abril, saída para o exilio de Afonso XIII e proclamación da República. Formación dun goberno provisional baixo a dirección de Niceto Alcalá Zamora.
1933 - 12 de xaneiro, revolta dos campesiños anarquistas de Casas Viejas e represión gobernamental, con 23 mortos, 12 deles fusilados no mesmo lugar. O 5 de marzo, fundación da CEDA (Confederación Española de Dereitas Autónomas). O 16 de marzo, Franco é nomeado Comandante da rexión militar das Baleares. O 29 de outubro, fundación da FE (Falanxe Española). O 19 de novembro, vitoria das Dereitas nas novas eleccións lexislativas.
1934 – 28 de febreiro, falecemento da súa nai, Pilar Bahamonde. O 27 de marzo, Franco ascende a Xeneral de división. O 4 de outubro, Lerroux forma un novo goberno con 3 ministros da CEDA. O 6 de outubro, folgas insurreccionais en Barcelona e Asturias. O ministro da Guerra, Hidalgo Durán, decide que Franco dirixa a contraofensiva e represión da insurrección asturiana.
↑12-19 agosto de 1917: Folga xeral nacional organizada pola CNT-UXT na esperanza dun cambio radical de réxime político. Eduardo Dato ten entón o poder. O exército intervén, causando a morte de varias decenas de obreiros;[Cómpre referencia] en Asturias a folga prolóngase ata setembro. A represión lévase a cabo baixo o mando do xeneral Burguete,[Cómpre referencia] apoiado polo comandante Francisco Franco, coa intervención, por primeira vez, de tropas marroquís mercenarias.[Cómpre referencia]