Biblioteca Apostólica Vaticana

Interior da Biblioteca.

A Biblioteca Apostólica Vaticana (en latín: Bibliotheca Apostolica Vaticana), máis comunmente coñecida como Biblioteca Vaticana ou simplemente como Vat,[1] é a biblioteca da Santa Sé, situada na Cidade do Vaticano. Leva o nome de "apostólica", porque é unha institución que dende a súa fundación se considera a "Biblioteca do papa", xa que lle pertence directamente. É unha das máis antigas bibliotecas do mundo e custodia unha moi importante colección de textos históricos. Ten arredor de 75 000 códices de tódalas épocas da historia,[2] así como 1,1 millóns de libros impresos, que inclúen 8 500 incunables.

Historia

Os expertos dividen en cinco etapas a historia da biblioteca:[3]

  • Pre-Laterana: os inicios da biblioteca, correspondentes á primeira etapa da historia da Igrexa, antes de que se instalase no Palacio de Letrán. Moi poucos libros corresponden a esta etapa.
  • Laterana. Iníciase cando libros e manuscritos se gardaron no Palacio de Letrán, e prolóngase até finais do século XIII, durante o papado de Bonifacio VIII, quen morreu en 1303. Na súa época posuíu unha das máis salientables coleccións de manuscritos ilustrados de Europa. Porén, ese ano, o palacio Laterano resultou queimado e a colección foi saqueada por Filipe IV de Francia.[4]
  • Aviñón. Durante este período tivo lugar un importante crecemento das coleccións de libros e arquivos dos papas que residiron en Aviñón, entre a morte de Bonifacio VIII e 1370, cando retornou a Roma a sede papal.
  • Pre-Vaticana. Entre 1370 e 1447 a biblioteca dispersouse, quedando partes en Roma, en Aviñón e noutros lugares.
  • Vaticana. Etapa actual, iniciada en 1448, cando a biblioteca se trasladou ó Vaticano.

O papa Nicolao V fundou a biblioteca en 1448 reunindo uns 350 códices gregos, latinos e hebreos herdados dos seus antecesores coas súas propias adquisicións, entre as que estaban varios manuscritos da biblioteca imperial de Constantinopla. A fundación propiamente dita tivo lugar cando Sisto IV, coa bula Ad decorem militantis Ecclesiae (15 de xuño de 1475), asignoulle un orzamento e nomeou bibliotecario a Bartolomeo Platina, quen elaborou un primeiro catálogo en 1481. A biblioteca posuía entón máis de 3.500 manuscritos, o que a convertía de lonxe na maior do mundo occidental. Cara a 1587, o papa Sisto V encargou ó arquitecto Domenico Fontana que construíse un novo edificio para albergar a biblioteca, o que se utiliza aínda.

A comezos do século XVII segregouse da biblioteca o Arquivo Secreto Vaticano. En 1623, a Biblioteca Palatina de Heidelberg, que contiña uns 3.500 manuscritos, foi doada á Biblioteca Vaticana por Maximiliano I, duque de Baviera, en agradecemento polo apoio que lle prestou o papa Gregorio XV durante a Guerra dos Trinta Anos. En 1657, adquiríronse tamén os manuscritos da casa ducal de Urbino.

O papa Sisto IV nomea a Bartolomeo Platina prefecto da Biblioteca Vaticana, fresco de Melozzo da Forlì, c. 1477 (Museos Vaticanos).

En 1661, o intelectual grego León Alacio converteuse en bibliotecario. En 1689, incorporáronse á biblioteca as coleccións da raíña Cristina de Suecia.

Durante o século XVIII, a biblioteca enriqueceuse tamén con novas adquisicións e xurdiu o primeiro proxecto de publicar un catálogo completo dos manuscritos da biblioteca. Con todo, só chegaron a publicarse tres dos vinte volumes proxectados. A finais do século, algúns libros deberon ser entregados como tributo de guerra á Francia napoleónica, aínda que a maioría foron restituídos coa derrota de Napoleón, en 1815.

Hoxe, a biblioteca custodia máis de 1.600.000 libros antigos e modernos, dos cales 8.300 son incunables, máis de 150.000 manuscritos e documentos de arquivos sen contar 100.000 documentos impresos e fragmentos, 300.000 moedas e medallas e 20.000 obxectos de arte.

O Arquivo Secreto Vaticano, que foi separado da biblioteca a comezos do XVII, contén uns 150.000 volumes.

Entre os máis importantes manuscritos da biblioteca está o Codex Vaticanus, o máis antigo manuscrito completo da Biblia. A Historia Secreta de Procopio descubriuse nesta biblioteca, e publicouse en 1623. Tamén se atopou nela un dos tres cancioneiros coñecidos da lírica galaicoportuguesa, o chamado Cancioneiro da Biblioteca Vaticana. Custodia así mesmo as actas orixinais do proceso de Galileo, un manuscrito autógrafo de santo Tomé de Aquino e as cartas orixinais do caso de Martiño Lutero.

Dende o 20 de setembro de 2010, e tras distintas reparacións que a mantiveron pechada ó público durante tres anos, a Biblioteca reabriu ao público.[5][6]

O Códice Vaticano

Na Biblioteca Vaticana consérvase o Codex Vaticanus (Códice Vaticano 1209), un dos máis antigos manuscritos gregos da Biblia, que se atopa alí polo menos dende o século XV. É un códice do século IV que contén case na súa totalidade o texto bíblico.

Notas

  1. Mendelsohn, Daniel (3 de xaneiro de 2011). The New Yorker, ed. "God's Librarians" 86 (42). p. 24. ISSN 0028-792X. Consultado o 3 de agosto de 2014. 
  2. Vatican Film Library informational pamphlet
  3. Strayer, Joseph, ed. (1989). Dictionary of the Middle Ages. Scribner. ISBN 0684190737. 
  4. Wiegand, Wayne A.; Davis, Donald G., eds. (1994). Encyclopedia of Library History. Nova York: Garland. p. 653. ISBN 0824057872. 
  5. "Renovated Vatican Library reopens - CNN.com". CNN (en inglés). 21 de setembro de 2010. 
  6. "Newsletter n. 9". BAV. Vatican Library (en inglés). 5 de xullo de2 011. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2019. Consultado o 11 de marzo de 2019. 

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas