Deus

Creación do Sol e da Terra de Michelangelo.
Nome de Iavé en hebreo.

O concepto teolóxico, filosófico e antropolóxico de Deus (do latín: Deus) fai referencia a unha deidade suprema. Deus é o nome que se lle dá en galego a un ser supremo omnipotente, omnipresente, omnisciente e persoal en relixións teístas e deístas (e outros sistemas de crenzas) quen é: ou ben a única deidade, no monoteísmo, ou a deidade principal, nalgunhas formas de politeísmo, coma no henoteísmo.[1]

Deus tamén pode referirse a un ser supremo non persoal coma no panteísmo, e nalgunhas concepcións é unha mera idea ou razoamento sen ningunha realidade subsistente fóra da mente, coma nos sistemas materialistas.

A miúdo, Deus é concibido como o creador sobrenatural e supervisor do universo. Os teólogos adscribiron unha variedade de atributos ás numerosas concepcións diferentes de Deus. Entre estas, as máis comúns son omnisciencia, omnipotencia, omnipresenza, omnibenevolencia (perfecta bondade), simplicidade divina, e existencia eterna e necesaria. Deus tamén foi concibido como de natureza incorpórea, un ser persoal, a fonte de toda obrigación moral, e o «maior ser concibible con existencia».[1] Estes atributos foron descritos en diferentes graos polos primeiros filósofos-teólogos xudeus, cristiáns e musulmáns, incluídos Maimónides[2], Agostiño de Hipona[2] e Al-Ghazali[3], respectivamente. Moitos destacados filósofos medievais e filósofos modernos desenvolveron argumentos a prol da existencia de Deus[3]. De xeito análogo, numerosos filósofos e intelectuais de renome desenvolveron argumentos en contra.

Etimoloxía

Exposición

En galego, do mesmo xeito que nas outras linguas romances, a palabra «deus» vén directamente do latín deus, ‘deidade’. O termo latino deriva á súa vez do indoeuropeo *deiwos,[4] da raíz *deiw-, ‘brillar, ser branco’, da que deriva así mesmo o termo grego Ζεύς (Zeus).[5] De feito, a palabra galela deus é idéntica a pronuncia á grega Διός (Deus), forma xenitiva de Zeus (o principal Deus da mitoloxía grega, pai dos "theos", que son os deuses menores). Desta mesma raíz indoeuropea derivan o latín dies (‘día’) e o grego δῆλος (‘visible, patente’).[5] A pesar do seu parecido co termo grego análogo, θεός (theós, ‘deidade, deus’), este deriva da raíz indoeuropea *dhēs-, de significado descoñecido, pero que orixinou en latín palabras de significado inicialmente relixioso como feira ou fanatismo.[6]

Porcentaxes de crenza en Deus en Europa. As cores máis escuras denotan un maior culto, mentres que as máis claras marcan unha menor crenza, consecuencia doutras prácticas relixiosas.

A forma indoeuropea *deiw-os aparece en moitas familias indoeuropeas sistematicamente asociado a *pəter (‘pai’) na forma composta *dyeu-pəter. En sánscrito tardío a forma aparece xa como Diaus Pitar, mentres que en grego existe a forma Ζεὺς Πατῆρ (Zeùs Patḗr), análoga á latina Iu Piter (Xúpiter).[5] O latín deus, en outras linguas romances, derivou en deus (galego-portugués), dios en castelán, dieu (francés), dio (italiano), déu (catalán) ou [dumne]zeu (romanés), entre outros.

Nas linguas xermánicas a palabra para designar á deidade provén da raíz protoxermánica *ǥouđan, de onde veñen god (inglés e neerlandés) ou Gott (alemán). Esta raíz derivaría da forma indoeuropea reconstruída *ǵhu-tó-m, proveniente da raíz *ǵhau(ə)-, ‘chamar, invocar’.[7] Desta mesma raíz podería derivarse o nome do pobo godo[Cómpre referencia]. A orixe da palabra got é moi antigo, e non se estende cara a ningunha outra familia indoeuropea con excepción da irania. Así en persa moderno dise foda (خدا), e en kurdo, xhwedê.[Cómpre referencia]. Hai, tamén, quen asocia a orixe de god coa raíz protoindoeuropea *ghu-to-, e esta de *gheu-, 'verter, facer unha libación', e a súa orixe sería polo tabú de nomear aos deuses cambiando o seu nome polo do rito utilizado.[8]

Uso de maiúsculas

A palabra «Deus» cando se usa por antonomasia —é dicir, cando non se emprega como nome común—, do mesmo xeito que calquera nome propio, escríbese en maiúscula. Escrita así, nunca recibe un artigo e, na gran maioría de casos, tampouco posesivos nin demostrativos. Exemplos: «Creo en Deus»; «Xehová/Alá é Deus»; «Despois de que Deus se manifestase nos seus soños»; etc.

Cando «deus», por outra banda, úsase como substantivo habitual, escríbese en minúscula como calquera substantivo (agás ao comezo dunha frase ou título). É sempre o caso cando recibe un artigo (definido ou indefinido) ou cando se escribe en plural (xa que en galego, a diferenza dalgúns idiomas como o hebreo, o nome de deus é sempre singular). Exemplos: «Non é un deus vingativo»; «Xehová e Alá son deuses»; «É o deus dos xudeus e cristiáns»; «Os seus deuses abandonáronno»; etc.

Nalgúns casos, aínda que pouco comúns, o nome de Deus (con maiúscula) pode ir precedido por un posesivo ou demostrativo, dependendo do significado e entoación da frase:

- Este deus do que falas vs. Este Deus do que falas ou Este «Deus» do que falas – na primeira opción trátase dun deus en xeral, mentres que na segunda (con entoación na palabra Deus) se refire ao nome de Deus mencionado como tal polo emisor (polo tanto, unha cita ou repetición).

- Este é o meu deus vs. Este é o meu Deus – na primeira opción trátase dunha afirmación xenérica, mentres que a segunda (con entoación no posesivo o meu) é unha afirmación comparativa, como sería no caso doutros nomes (Sei que Xoán che axuda, pero este de aquí é o meu Xoán).

Todos os apelativos de advocacións escríbense en maiúscula, por exemplo, o Señor, o Creador, etc. Nos textos relixiosos, os pronomes e adxectivos relativos a Deus tamén se escriben con maiúscula, como fórmula de respecto. Por exemplo, escríbese «El», «O seu», «Ti», «Vós», «Todopoderoso» (tanto como substantivo como adxectivo de Deus), etc. Cando se trata dun uso metafórico, escríbese en maiúscula ou minúscula segundo o caso, por exemplo: «Crese Deus» vs. «Crese un deus».[9]

Concepcións do ser supremo

A miúdo Deus é imaxinado como unha forza da natureza ou como un ente consciente que se pode manifestar nun aspecto natural. Tanto a luz como a penumbra son símbolos recorrentes para representar a Deus.

A definición máis común de Deus é a dun ser supremo, omnipotente, omnipresente e omnisciente;[2] creador, xuíz, protector e, nalgunhas relixións, providente e salvador do universo e da humanidade.

Sobre esta definición existen variacións.[1]

Deus definido como un ser supremo persoal

A obra "Deus bendixo o sétimo día", unha acuarela da versión deísta de Deus por William Blake (1757-1827).

Poden darse, segundo as distintas visións, características variadas e non sempre armonizables entre si. Ademais, hai quen cre nun Deus persoal, baseándose en argumentos filosóficos, pero sen necesidade de acudir a unha relixión (deísmo), mentres outros consideran a Deus con argumentos relixiosos sen excluír outros argumentos como filosóficos, un ser co cal tratan e esperan unha acción salvadora a favor dos seres humanos (teísmo).

Características asignadas en distintas crenzas:

Deus é capaz de insuflar o alento adecuado que permite aos seus adoradores sosteren o sistema de autogoberno que el mesmo define nun compendio de leis, normas e principios catalogados nunha colección de libros definidos como sacros polos seus seguidores, e cuxos redactores humanos declaran ser guiados pola iluminación divina. Ao insuflar ese poder, non causa sufrimento engadido ao sistema de vida rutineiro.[Cómpre referencia]

  • Nalgunhas relixións, Deus é o creador do universo.[10]
  • Algunhas tradicións sosteñen que, ademais de creador, Deus é conservador (teísmo), transformador e inmutable, mentres que outros opinan que Deus é unicamente creador (deísmo).
  • Algúns filósofos afirman que Deus é o principio incondicionado que explica a existencia de todo. Non é, polo tanto, un concepto ao que chegue o pensamento, senón un postulado do pensar,[11] ou, como diría santo Tomás, un prolegómeno á fe.

Nas relixións monoteístas ―bajaísmo, cristianismo, islam, xudaísmo, krisnaísmo e sikhismo―, o termo «Deus» refírese á idea dun ser supremo, infinito, perfecto, creador do universo, que é pois, o comezo e o final de todas as cousas. Dentro das características principais deste Deus supremo cóntanse principalmente:

  • Omnipotencia: poder absoluto sobre todas as cousas;
  • Omnipresenza: poder de estar presente en todo lugar;
  • Omnisciencia: poder absoluto de saber as cousas que foron, que son e que sucederán.

Postulan que Deus é un ser amoroso coa súa creación e xusto[Cómpre referencia] e, no cristianismo, que por medio do Espírito Santo pode instrumentalizar a persoas escollidas para realizaren a súa obra e que Deus é ademais intelixencia e pode expresar emocións como alegría, cólera ou tristeza. A obra de Deus sería dar aos seres humanos o agasallo da salvación e a vida eterna.

Imaxe do deus El vencendo a dous leóns, tallado no mango do coitelo cerimonial de Gebel el-Arak. Segundo unha palabra semítica do noroeste, que tradicionalmente se traduce como ‘Deus’, referíndose á máxima deidade. Algunhas veces, dependendo do contexto, permanece sen tradución (quedando simplemente El) para referirse o nome propio de Deus.

Algunhas concepcións de Deus céntranse nunha visión deste como unha realidade eterna, transcendente, inmutable e última, en contraste co universo visible e continuamente cambiante. Principalmente, a Deus atribúenlle omnipotencia (todo o pode), omnipresenza (todo o abarca), omnisciencia (todo o sabe), e omnibenevolencia [n. 1] (é absolutamente bo). Con todo, non todos afirman que Deus é moralmente bo. Mentres que algúns consideran que Deus representa o moralmente bo, admitindo que existe unha definición obxectiva do bo e o malo, para outros Deus está por encima da moralidade, ou ten a súa propia definición, de maneira que é bo o que Deus quere que sexa bo. Non todos os seus atributos concordan, aparecendo contradicións que fan aos críticos negaren que Deus poida ter os catro atributos indicados ao tempo. Por exemplo, afírmase que se Deus é o creador omnipotente, omnisciente e o único xuíz, entón ao crear a humanidade, incluídos ateos, pagáns e falsas relixións, sabe como será o seu comportamento e terá que envialos ao inferno.[Cómpre referencia] Este Deus non podería, polo tanto, ser bo desde o punto de vista de todos os humanos, do mesmo xeito que algúns afirmarán que non todos os humanos son bos desde o punto de vista de Deus. Este, o problema da existencia do mal, é un dos obstáculos expostos polos escépticos para aceptar ese concepto de Deus. Os crentes adoitan alegar o «libre albedrío» dos seres humanos para explicar o mal no mundo, aínda que ese argumento non serve para explicar o mal na natureza (aínda que non está do todo definido o concepto de mal na natureza, pois existe o problema de que, se o ben e o mal é cuestión de opción feita (por liberdade ou razoamento), a natureza carece deste tipo de opcións, simplemente é como é); e por outra banda, os críticos non consideran compatibles a omnipotencia e a omnisciencia de Deus co libre albedrío, alegando que se Deus todo o pode, intervir implicaría obstaculizar a liberdade do ser humano; ou o sabelo todo implicaría tamén que non hai nada dentro da liberdade do ser humano que non estea previamente fixado e devandito. Respecto diso da omnipotencia, contraponse a característica omnibenevolente de Deus, que ao podelo todo non necesariamente o fai, senón que deixa ao ser humano actuar de acordo coa característica libre con que o creou nun inicio e non interfere, xa sexa por apatía ou pracer (o que de novo contradiría a benevolencia de Deus), ou por respecto (nacido da súa benevolencia) á natureza coa que foi creado o ser humano.[Cómpre referencia] A teoloxía negativa (ou vía negativa) aduce que non se poden determinar afirmacións concluíntes sobre os atributos de Deus, mentres que os agnósticos consideran que o limitado coñecemento humano non permite obter probas concluíntes de que ou como é Deus. Algúns costumes relacionados co misticismo establecen uns límites ao poder de Deus, ao considerar que a natureza suprema de Deus non deixa lugar á casualidade. A concepción de Deus e as súas características xa sexan do monoteísmo ou politeísmo dependen da tradición dos pobos (ver Trindade, dualismo e henoteísmo).[Cómpre referencia]

Deus definido como un ser supremo non persoal

O deus Ra, era deus do ceo, deus do Sol e da orixe da vida segundo a mitoloxía exipcia.

Deus como algo supremo, pero non necesariamente como un ser persoal; como un concepto equivalente ao concepto do absoluto Brahman nalgunhas escolas do hinduísmo.

  • Algunhas ideas sobre deus poden incluír atributos antropomórficos: xénero, nomes concretos e mesmo exclusividade étnica, mentres que outras ideas son soamente conceptos filosóficos.
  • A idea de Deus adoita mesturarse coa definición de verdade, na que Deus é a suma de todas as verdades. Desde esta perspectiva, a ciencia é só un medio de atopar a Deus.[12]
  • Existen diverxencias ao definir a Deus, ben como unha persoa ou, máis ben, como unha forza ou impulso impersonal. Tamén son diversas as formas nas que se entende que Deus se relacionaría co ser humano e a aparencia que Deus tería.

Algúns sosteñen que tan só existe unha única definición válida de Deus, mentres que para outros, cabe a posibilidade de que varias definicións de Deus sexan posibles á vez[Cómpre referencia]

Pódese construír unha explicación sobre a existencia de Deus desde a psicoloxía, tentando establecer que realidade externa se corresponde coa súa recreación mental.[Cómpre referencia] Así, a partir do estudo introspectivo da consciencia, chegaríase á conclusión de que esta xorde asociada á experiencia dun certo baleiro.[Cómpre referencia]

Características específicas

Títulos

Véxase tamén: Os 99 nomes de Alá.
99 nomes de Alá, en chinés sini

Na tradición xudeocristiá, "a Biblia foi a fonte principal das concepcións de Deus". O feito de que a Biblia "inclúa moitas imaxes, conceptos e formas de pensar" sobre Deus deu lugar a perpetuos "desacordos sobre como debe ser concibido e entendido Deus".[13] Ao longo das Biblias hebrea e cristiá hai títulos para Deus, quen revelou o seu nome persoal como YHWH (moitas veces vocalizado como Yahvé ou Xehová).[14] Un deles é Elohim. Outro é El Shaddai, traducido como "Deus Todopoderoso".[15] Un terceiro título notable é Elyon, que significa "O Deus Alto".[16] Tamén se indica nas Biblias hebrea e cristiá o nome "Eu son o que son".[17][14]

Deus é descrito e referido no Corán e no hadith por certos nomes ou atributos, sendo o máis común Al-Rahman, que significa "O máis compasivo" e "Al-Rahim", que significa "O máis misericordioso".[18] Moitos destes nomes tamén se usan nas escrituras da Fe Bahá'í.

O visnuismo, unha tradición no hinduísmo, ten unha lista de títulos e nomes de Krishna.

Xénero

Artigo principal: Xénero de Deus.

O xénero de Deus pode ser visto como un aspecto literal ou alegórico dunha deidade que, na filosofía occidental clásica, transcende a forma corporal.[19][20] As relixións politeístas adoitan atribuír a cada un dos deuses un xénero, permitindo que cada un interactúe con calquera dos outros, e quizais cos humanos, sexualmente. Na maioría das relixións monoteístas, Deus non ten contrapartida coa que relacionarse sexualmente. Así, na filosofía occidental clásica, o xénero desta divindade única é máis probable que sexa unha declaración analóxica de como os humanos e Deus se relacionan e se relacionan entre si. É dicir, Deus é visto como creador do mundo e da revelación que corresponde ao papel activo (en oposición ao receptivo) nas relacións sexuais.[21]

Deuses no politeísmo

Nas relixións politeístas é unha divindade de personificación masculina, superior aos homes, que se atribúe unha influencia especial, benéfica ou maléfica, nos destinos do Universo.

Deus no monoteísmo

Nun contexto monoteísta, a Deus atribúeselle a omnisciencia, a omnipotencia, a omnipresenza, a bondade perfecta, a divina simplicidade e a existencia necesaria e eterna. Concíbese ademais como acorpóreo, a fonte de toda obriga moral. Estes atributos dánse en diversos graos no Deus xudeu, no cristián e no musulmán.

Moitos filósofos medievais desenvolveron argumentos a prol da existencia de Deus, intentando explicar as contradicións que están implícitas ao se cumpriren todos os atributos listados anteriormente. Por exemplo, afírmase que se Deus é o creador omnipotente, omnisciente e o único xuíz, entón ao crear a humanidade, incluídos ateos e pagáns, sabe cal será o seu comportamento futuro e que terá que envialos ao inferno. Este Deus non pode, xa que logo, ser bo desde o punto de vista de todos os humanos, do mesmo xeito que algúns afirmarán que non todos os humanos son bos desde o punto de vista de Deus. Este, o problema da existencia do mal, é un dos obstáculos expostos polos escépticos para aceptaren ese concepto de Deus. Os crentes adoitan alegar o libre albedrío dos seres humanos para explicaren o mal no mundo, aínda que ese argumento non serve para explicaren o mal na Natureza; e por outra banda, os críticos non consideran compatibles a omnipotencia e a omnisciencia de Deus co libre albedrío, alegando que se Deus é todopoderoso, intervir implicaría obstaculizar a liberdade do ser humano; ou que ao sabelo todo implicaría tamén que non hai nada dentro da liberdade do ser humano que non estea previamente fixado e dito. Respecto diso da omnipotencia, contraponse a característica omnibenevolencia de Deus, que ao podelo todo non necesariamente o fai, senón que deixa ao ser humano actuar de acordo coa característica libre con que o creou nun comezo e non interfire, xa sexa por apatía ou pracer (o que de novo contradiría a benevolencia de Deus), ou por respecto, nado da súa benevolencia, á natureza con que foi creado o home.

Existencia de Deus

Porcentaxe de xente en Europa que no ano 2005 afirmaban crer en Deus.

Moitos filósofos e teólogos propuxeron e rexeitaron moitos argumentos a favor e en contra da existencia de Deus. Na terminoloxía filosófica, tales argumentos están asociados a escolas de pensamento sobre a epistemoloxía da ontoloxía de Deus.

Hai moitos temas filosóficos asociados coa existencia de Deus. Algunhas definicións de Deus son tan pouco específicas que é certo que "algo" existe que concorda con tal definición laxa. Outras definicións son aparentemente auto-contraditorias. Os argumentos en favor da súa existencia inclúen normalmente elementos metafísicos, empíricos, indutivos e subxectivos. Os argumentos en contra inclúen normalmente elementos empíricos, dedutivos e indutivos. As conclusións poden posicionarse de formas variadas:

  • "Deus existe e pode probarse" (teísmo).
  • "Deus existe pero non se pode demostrar nin a súa existencia nin o contrario" (teísmo).
  • "Deus non existe" (ateísmo puro).
  • "Moi seguramente Deus non existe" (ateísmo de facto).
  • "Ninguén sabe se Deus existe" (agnosticismo).

Existen numerosas variantes de tales posicións.

Agnosticismo

O agnosticismo (do grego a: 'non' e gnose: coñecemento) é unha postura relixiosa ou filosófica sobre a relixión consonte á cal a existencia ou non dun deus ou unha mitoloxía de deidades, é descoñecida. Nalgunhas versións (agnosticismo débil) esta falta de certeza ou coñecementos é unha postura persoal relacionada co escepticismo. Noutras versións (agnosticismo forte) afírmase que o coñecemento sobre a existencia ou non de seres superiores non só non é coñecida senón que non é cognoscible. Finalmente hai versións (apateísmo) nas cales se afirma que a existencia ou non de seres superiores non só non é coñecida senón que é irrelevante ou superflua.

En xeral os agnósticos consideran que as relixións, aínda que non son unha parte esencial da condición humana, si o son da cultura e da historia humana. As persoas que profesan agnosticismo non son necesariamente antirrelixiosas, sendo respectuosas con todas as crenzas que proceden dunha reflexión individual e honesta.

Deísmo

O deísmo é a postura que se basea na crenza filosófica nun deus, ser supremo, ou principio establecida pola razón e a evidencia, sen aceptar a información adicional supostamente revelada, tanto a contida en determinados libros, como a Biblia ou o Corán, como a recibida a través de determinadas persoas. O deísta adoita crer nun ser creador ou que estableceu o universo e os seus procesos, pero que non se comunica co ser humano e ao que non se poden elevar pregarias.

Ateísmo

O termo ateísmo pódese referir a dúas actitudes distintas: a indiferenza pola existencia das divindades ou os seus preceptos, e a non crenza na posibilidade ou na realidade da súa existencia.

O ateísmo non se usa para designar a quen non cre nun deus particular pero si nalgunha forza sobrenatural ou principio xerador.

O ateísmo escéptico (en contraposición ao ateísmo crente) é unha variedade de ateísmo na que se afirma que a existencia dun ou máis deuses é dubidosa, improbable ou insuficientemente demostrada. Esa vertente corresponde á ausencia de crenza na existencia de divindades e pode ser mellor comprendida cando se compara co ateísmo forte. Tamén se coñece como ateísmo débil (en contraposición ao forte) ou ateísmo negativo (en contraposición ao ateísmo positivo) ou ateísmo implícito (en contraposición ao explícito). Chámase ateísmo escéptico no sentido de que sen probas non se pode dar creto nin sequera ao ateísmo forte. Algúns sosteñen que o non crer nun Deus implica a aceptación deste, situando o ateísmo como unha postura de rexeitamento á crenza dun Deus máis que a unha convicción en si mesma.

Outras crenzas

Hai varios sistemas relixiosos nos cales non se menciona nin se estuda a existencia de Deus (budismo, Advaita, discordianismo).

O panteísmo sostén que o universo enteiro é Deus mesmo. Identificáronse elementos de panteísmo nalgúns cultos primitivos de adoración á natureza.

Atributos de Deus

Posición monoteísta cristiá

Achamán e os seus varianes en Amazigh insular: Achuhuran, Achahucanac (Deus Grande e Sublime), Achguayaxerax, Achoron, Achaman (o Sustentador dos Ceos e a Terra), era o nome que recibía unha das entidades mitolóxicas divinas nas que crían os antigos poboadores da illa de Tenerife, os guanches. Segundo a mitoloxía, o corpo físico de Achamán era o ceo.
Dentro do shivaísmo o Deus Shiva é considerado o supremo.

Segundo o monoteísmo cristián, o coñecemento da natureza de Deus podería realizarse desde dúas vías: unha ascendente, a partir do que desde a natureza se puidese saber de Deus; e outra descendente, o que supostamente Deus revela.[22]

Apu Qun Tiqsi Wiraqucha ou o Deus Viracocha na cultura incaica, é o creador. En quechua, apuj' significa señor, tiqsi significa fundamento, base, inicio; mentres que wiraqucha provén da fusión de dous vocábulos: wira (metátesis de wari = sol)1 e qucha (contedor de auga, lago, lagoa). Ilustración última de O templo do Sol, de Hergé.

No seguinte apartado clasifícanse os pretendidos atributos de Deus en función da súa relación co creado:

  • atributos non relacionados, que son completamente independentes da creación (por exemplo a espiritualidade) e
  • atributos relacionados, que se manifestan na creación (por exemplo a omnipotencia). Dependendo de se a relación se establece co creado en xeral ou coas criaturas racionais, estes últimos subdivídense á súa vez en:
    • atributos activos o que Deus é en relación co universo. Deus sería omnipotente, omnipresente, omnisciente, sabio e soberano.
    • atributos morais, herdado do xudaísmo, crenza ética, que sostén que a moralidade provén de Deus .

Atributos non relacionados

Son aqueles atributos divinos que son completamente independentes do que se atribúe como creado.

Espiritualidade

Este punto de vista presenta a un Deus que non é material nin está limitado ás condicións da existencia material. Di que é espírito, que pensa, sente, fala e comunícase coas súas criaturas racionais, non posúe membros corporais ou paixóns, non está composto de elementos materiais, e non está suxeito ás condicións da existencia natural.

  1. De acordo coa Biblia, Xesús de Nazaret diría que Deus é Espírito, tal como recóllese no Evanxeo de Xoán:
Deus é Espírito; e os que lle adoran, en espírito e en verdade é necesario que o adoren.

Unha suposta consecuencia da espiritualidade de Deus sería que Deus vive. Vive como un ser moral a semellanza do Homo sapiens, pero en suma perfección. A. Strong afirma:[23]

Se o espírito no home implica vida, entón en Deus o espírito implica a vida eterna e inesgotable.

Infinitude

Deus non está limitado absolutamente por nada, e, polo tanto, sería infinito. Infinito en relación co espazo (inmensidade de Deus) ou ao tempo (eternidade de Deus). Con relación ao espazo Deus sería infinito porque está presente en todo lugar e mesmo fóra del; tal atributo estaría relacionado coa omnipresenza. En canto ao tempo sería infinito por ser eterno.

Unidade

Deus sería completamente simple, e nel non habería nin composición nin partes.

Omnipotencia

A omnipotencia de Deus significaría:

  • Liberdade e poder para realizar todo o que sería consecuente coa súa natureza.

Control e soberanía sobre todo o feito ou o que pode ser feito.

Omnisciencia

O coñecemento de Deus é perfecto, en teoría posúe todos os coñecementos.

Sabedoría

A sabedoría de Deus sería unha combinación da súa omnisciencia e a súa omnipotencia. Ten poder para aplicar os seus coñecementos de maneira que os propósitos mellores sexan realizados ou cumpridos polos mellores medios posibles.

Historia

No Oriente antigo moitas cidades tiñan a súa propio deus local, aínda que esta adoración dun só deus non implicou a negación da existencia doutros deuses.

O culto iconoclasta do deus solar exipcio Atón foi promovido polo faraón Akhenatón (Amenhotep IV), que gobernou entre o 1358 e o 1340 a. C. O culto de Atón, o deus do Sol, cítase a miúdo como o exemplo de monoteísmo máis antigo do que se ten coñecemento. Como faraón, Akhenatón deixou a súa cidade natal e no deserto construíu o novo centro relixioso e político (Aketatón «o horizonte de atón) argumentando seguir as instrucións do deus Atón, onde o nomeou o Supremo fronte aos demais deuses. No ano noveno do seu reinado, Akhenatón declarou que Atón non era un deus superior, se non o único.

Que múltiples son as túas obras, están ante o home escondidas, oh Deus único, a cuxo lado non hai outro algún.[24]
fragmento do texto do Himno a Atón

Aínda que Akhenatón decretou que Atón era deus único, a adoración doutros deuses nunca cesaron en Exipto, e tan pronto como este terminou, os ancestrais cultos politeístas pronto recuperaron precedencia.

Teoloxía

Artigo principal: Teoloxía.

Nalgunhas sociedades os crentes relixiosos con frecuencia asumen que o sistema de moral de comportamento é inspirado na revelación da relixión maioritaria, que pode recollerse nun libro: para o cristianismo é a Biblia, para o xudaísmo é o Tanaj e para o islam o Corán.

Xudaísmo

Na relixión xudía, Deus revelou 13 atributos de clemencia divina; ademais das revelacións relativas, Deus desexa que o devoto se achegue a El en oración e case en todas as súas pasaxes da vida diaria, por tanto, todos os días. O maior logro da sabedoría humana coincide co coñecemento de Deus.

Está exposto na Tora e nos Profetas que Hashem non é corpóreo nin material, como expón: “Que Hashem é o Elohim; no ceo arriba e na terra abaixo” (Ieoshúa 2: 11); e un corpo non pode estar en dous lugares (á vez). E expón: “Pois vostedes non viron ningunha imaxe” (Devarim/ Deut.4: 15). E ademais: “ Con quen Me compararán e igualarán?” (Ieshaiahu/ Is. 40: 25). Se El fose un corpo sería semellante aos demais corpos. Si é así (que Hashem é incorpóreo), que significa o que expón a Tora: “Baixo Os seus pés” (Shemot/ Éx. 24: 10). “Escritas co dedo de Elokim” (Shemot/ Éx. 31: 18). “A man de Hashem” (Shemot/ Éx. 9: 3). “Os ollos de Hashem” (Zejaría/ Zac. 4: 10). “Os oídos de Hashem” (Bamidbar/ Núm. 11: 1), etc.? Máis ben, é unha adaptación ao entendemento humano, que coñece só o corpóreo, e a Tora exprésase como a linguaxe humana; e todas elas son expresións metafóricas, como expón: “Dareille fío ao brillo da miña espada” (Devarim 32: 41). É que seica El ten unha espada, ou cunha espada provoca a morte? Non, son só alegorías! E o mesmo é aplicable ás demais expresións. A proba diso é que un profeta declara ver a Hashem con “roupas brancas como a neve” (Daniel 7: 9), en tanto que outro profeta O viu con “vestimentas vermellas de Botzrá” (Ieshaiahu/ Is. 63: 1). O mismísimo Moshé Rabenu Viuno “no mar como un Valente Guerreiro que estaba a librar unha batalla” (Mejilta Beshalaj 15: 3), e no Sinaí “como un Chazán (oficiante) envolvido nun Talit (manto de pregarias)” (Talmud Rosh Hashaná 17b). Resulta entón que Hashem non ten nin imaxe nin forma, e que todos eses (versículos) son visións proféticas. (O mismísimo feito de que cada profeta O viu diferente, significa que non ten imaxe nin forma, e que son só visións alegóricas e proféticas). O entendemento humano non é capaz de captar nin investigar a verdadeira existencia (de Hashem). É isto o que expoñen as Escrituras: “Seica acharás a comprensión de Hashem? Seica acharás límites ao Todopoderoso?”(Iov 11: 7)[25]

Notas

  1. Calidade a ser bo ou ter boa vontade con todos ou todo. Caracterízase como unha das calidades de Deus. Usase na relixión sobre todo.
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 Swinburne, R. G.: «God», en Honderich, Ted (ed.): The Oxford Companion to Philosophy. Oxford (Reino Unido): Oxford University Press, 1995.
  2. 2,0 2,1 2,2 Edwards, Paul (1995): «God and the philosophers», en Honderich, Ted (ed.): The Oxford Companion to Philosophy. Oxford (Reino Unido): Oxford University Press, 1995.
  3. 3,0 3,1 Platinga, Alvin. "God, Arguments for the Existence of," Routledge Encyclopedia of Philosophy, Routledge, 2000.
  4. O asterisco indica que esta palabra realmente non se coñece senón que foi deducida.
  5. 5,0 5,1 5,2 Roberts, Edward A.; Pastor, Bárbara (2005). "deiw-". Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española. Alianza. p. 34. ISBN 84-206-5252-0. 
  6. Roberts, Edward A.; Pastor, Bárbara (2005). "dhēs-". Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española. Alianza. p. 45. ISBN 84-206-5252-0. 
  7. Oxford English Dictionary Compact Edition, G, páx. 267.
    O termo teutón antigo ghuba implica como raíz preteutona ou ben *ghodho-m ou ben *ghodto-m. Mentres que a primeira non ten explicación plausible, a segunda representaría o participio neutro dunha raíz gheu-. Hai dúas raíces arias da forma requirida (*g,heu-, con palatal aspirada), unha das cales significa ‘invocar’ (en sánscrito hu) e a obra ‘libar, ofrecer en sacrificio’ (en sánscrito hu, en grego χεην [jenu], en inglés antigo geotàn).
  8. "god | Origin and meaning of god by Online Etymology Dictionary". www.etymonline.com (en inglés). Consultado o 16 de febreiro do 2023. 
  9. "Dios y dios". Fundéu BBVA. 4 de febreiro de 2011. 
  10. Véxase Xénese (capítulo 1), Carta de san Paulo aos romanos (capítulo 2); Credo nicenoconstantinopolitano.
  11. Augusto, Roberto (1978-): «Las “Stuttgarter Privatvorlesungen” de Schelling: Dios, libertad y potencias», artigo en: Cuadernos Salmantinos de Filosofía, n.º 37, páx. 188. Salamanca (España): Universidade Pontificia de Salamanca, 2010.
    Para Schelling, Deus non é un concepto ao que chegue o pensamento: é máis ben un postulado do propio pensar; é o principio incondicionado que explica a existencia de todo.
  12. "LA EXISTENCIA DE DIOS, UNA VERDAD ETERNA, por Baruch de Spinoza". 
  13. Francis Schüssler Fiorenza and Gordon D. Kaufman, "God", Ch 6, in Mark C. Taylor, ed, Critical Terms for Religious Studies (Universidade de Chicago, 1998/2008), 136–40.
  14. 14,0 14,1 Parke-Taylor, G. H. (1 de xaneiro de 2006). Yahweh: The Divine Name in the Bible (en inglés). Wilfrid Laurier University Press. p. 4. ISBN 978-0-88920-652-6. O Antigo Testamento contén varios títulos e substitutos de Deus, como O Shaddai, O Elyon, Haqqadosh (O Santo) e Adonai. No terceiro capítulo examinaranse os nomes atribuídos a Deus no período patriarcal. Gerhard von Rad lémbranos que estes nomes pasaron a ser secundarios despois de que Israel coñecese o nome de YHWH, pois "estes nomes rudimentarios que derivan de antigas tradicións, e das máis antigas delas, nunca tiveron a función de ampliar o nome de modo que se situasen xunto ao nome de Jahvé para servir como formas máis completas de dirixirse a el; máis ben, ocasionalmente facíase uso deles en lugar do nome de Jahvé". Neste sentido YHWH contrasta coas deidades principais dos babilonios e os exipcios. "Jahweh tiña un só nome; Marduk tiña cincuenta cos que se cantaban en himnos os seus encomios como vencedor de Tiamat. Do mesmo xeito, o deus exipcio Re é o deus con moitos nomes. 
  15. Gen. 17:1; 28:3; 35:11; Ex. 6:31; Ps. 91:1, 2
  16. Gen. 14:19; Ps. 9:2; Dan. 7:18, 22, 25
  17. Exodus 3:13-15
  18. Bentley, David (1999). The 99 Beautiful Names for God for All the People of the Book. William Carey Library. ISBN 978-0-87808-299-5. 
  19. Aquinas, Thomas. "First part: Question 3: The simplicity of God: Article 1: Whether God is a body?". Summa Theologica. New Advent. 
  20. William G. T. Shedd, ed. (1885). "The Seventh". The Confessions of Augustine. Warren F. Draper. 
  21. Lang, David; Kreeft, Peter (2002). "Why Male Priests?". Why Matter Matters: Philosophical and Scriptural Reflections on the Sacraments. Our Sunday Visitor. ISBN 978-1-931709-34-7. 
  22. Pearlman, Myer (1992): Teología bíblica y sistemática (páxs. 41-49). Editorial Vida, 1992. ISBN 0-8297-1372-7.
  23. Strong, Augustus Hopkins (1907): Systematic theology: a compendium (pág. 252). Old Tappan (Nueva Jersey): Fleming H. Revell Co., 1907.
  24. Lichtheim, Miriam (2006). Literatura Egipcia Antigua: Volumen II: El Nuevo Reino (2nd Ref. ed.). University of California Press. p. 99. ISBN 978-0520248434. 
  25. Segal, Moty. Sefer Hamadá - El Libro del Conocimiento: Mishné Tora - Iad Hajazaká - Rambam - Maimónides (Mishné Tora - Rambam n.º 1). Moaj Editor

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas