Unha deusa é unha deidade feminina nas relixións politeístas,[1] en contraste coas deidadesmasculinas coñecidas como "deuses". Moitas relixións e culturas adoraron a deusas e, en parte, tamén este culto mantense até a época actual. A idea ou representación conceptual destas deidades, así como a súa área de acción, asociáronse frecuentemente á fertilidade, á maternidade ou a outras figuras femininas comúns.[2] Porén, existen tamén deusas da guerra, da sabedoría, do mar ou do coñecemento. Frecuentemente son parte dun longo panteón que inclúe os xéneros convencionais e, nalgúns casos, incluso deidades hermafroditas (ou de xénero neutro).
Significado
A capacidade xenerativa ou procreativa das deusas (tal como a dos deuses masculinos) está realacionada cos mitos da creación do mundo. O principio feminino asóciase co nacemento, é dicir, tamén co nacemento ou xurdimento do cosmos. De aquí resultan as ideas, xurdidas probablemente nunha época moi temperá da prehistoria da humanidade, acerca da existencia dunha Deusa Nai, ou tamén Nai Terra, conceptos apoiados a través dos achados de entre 100 e 200 figuras de Venus do Paleolítico superior (dende 40.000 anos antes do presente, tal como parece confirmar historicamente o recente achado da Venus de Hohle Fels), todas pequenas representacións figurativas de corpos femininos espidos nas que se destacan especialmente as características sexuais.[3] Porén, esta interpretación foi maioritariamente rexeitada pola arqueoloxía.[4]
As deusas aparecen en moitos mitos como figuras que adoitan non corresponder á imaxe vixente do feminino. Así, relaciónanse con atributos aparentemente masculinos: coa guerra, a caza, a dominación, a violencia e o poder, co espírito perfecto e a sexualidade autónoma, como o que subxace ó mito das amazonas, que aínda non se logrou aclarar historicamente de modo definitivo. Ademais, a deusa representa o principio da morte, co que por unha banda se representa conceptualmente que a que dá a vida, tamén quita a vida.[5] Así, no papel de deusa da vida e da morte, o feminino ponse en relación co destino humano. A través das propiedades contraditorias que se atribúen ás deusas, moitas aparecen (como tamén é o caso dos deuses masculinos) como encarnacións da unidade entre termos contrarios ou complementarios, tales como ceación/destrución, vida/morte, amor/odio, ben/mal, espírito/materia, luz/escuridade.
↑Sirocko, Franz (editor): Wetter, Klima, Menschheitsentwicklung, 2009 Darmstadt, Wissenschaftliche Buchgesellschaft, ISBN 978-3-534-22237-7, p. 79, Karte Verbreitung der Fundstellen von Venusstatuetten 34.000 -24.000 BP; von Schnurbein, Siegmar (editor): Atlas der Vorgeschichte, 2009 Stuttgart, p. 28–29; véxase tamén Projekt Hypersoil Universität Münster, Mutter Erde in der Altsteinzeit
↑Russell Dale Guthrie: The nature of Paleolithic art. University of Chicago Press, London 2005, p. 368. Guthrie refiere aquí a Martha Ann, Dorothy Myers Imel: Goddesses in world mythology, ABC-CLIO, Santa Barbara, Calif. 1993 / New York 1995. Véxase tamén: Lynn Meskell: Goddesses, Gimbutas and ‚New Age’ archaeology. In: Antiquity. 69/262 (1995), p. 74–86.
↑Haarmann. Harald, Die Madonna und Ihre Töchter, Rekonstruktion einer kulturhistorischen Genealogie, Hildesheim-Zürich-New York 1996, Georg Olms, ISBN 3-487-10163-7, p.34 ff.