Santo Domingo, oficialmente Santo Domingo de Guzmán e outrora coñecida como Ciudad Trujillo, é a capital e meirande cidade da República Dominicana. É a maior área metropolitana do Caribe por poboación.[1] No ano 2010 tiña unha poboación de 2 908 607 persoas,[2] incluíndo a área metropolitana.[3] Os límites da cidade son o do "Distrito Nacional", limitado por tres lados coa Provincia de Santo Domingo.
Historia
Coa historia urbana de Santo Domingo dá comezo tamén a do urbanismo colonial no novo continente. Mesmo foi Cristovo Colón nas súas primeiras viaxes quen fundara os antecedentes da futura capital, aínda que situados no extremo oposto da illa A Española (Fuerte de la Navidad, hoxe Haití, en 1492 e tamén o novo asentamento, igualmente fracasado, máis ao leste na mesma costa norte da illa, La Isabela, na súa segunda viaxe en 1493). Pero o empeño tivo continuidade nunha terceira fundación, xa na costa sur da illa, na beira oriental do río Ozama preto da súa desembocadura no mar Caribe.
Era o ano 1496, e co nome de Nueva Isabela Bartolomé Colón cumpriu co encargo que o seu irmán lle dera antes de retornar a España. Con todo, en 1502 un furacán destruíu o asentamento, axiña reconstruído na beira occidental do Ozama co novo nome de Santo Domingo de Guzmán.
En xuño de 1502,[4] Santo Domingo foi destruída por un gran furacán, e o novo gobernador, Nicolás de Ovando fíxoa reconstruír nun lugar diferente ao outro lado do río Ozama.[5][6] O trazado orixinal da cidade e gran parte da súa muralla aínda se aprecia hoxe en día en toda a Zona Colonial, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1990.
Ese deseño inicial incluía unha fortaleza (Fortaleza Ozama[7]) na punta sueste e prazas secundarias, conventos (franciscanos e dominicos), hospital, estaleiros e pazo virreinal (Alcázar de Colón, fronte ao Ozama). A rúa sur-norte paralela ao río que unía a fortaleza e o pazo, calle Las Damas, converteuse na principal da vila. A cidade medrou de seguida ao longo do século XVI coma primeira base da conquista e colonización española e coa industria da cana de azucre. En 1538 foi fundada a primeira universidade do novo mundo e unha muralla arrodeou finalmente todo o conxunto coñecido hoxe coma Cidade Colonial.[8][9]
Estancamento e abandono
O avance da colonización no continente (sinaladamente México), supuxo a perda do relevante papel inicial de Santo Domingo e a colonia foi progresivamente abandonada a súa sorte pola coroa. Caeu en mans piratas (F. Drake en 1586) durante cincuenta anos. De metade do século XVII data a principal rúa da Zona Colonial, El Conde, que a percorría de leste a oeste dende Las Damas ata o baluarte homónimo do Conde na muralla, reforzada naquela época. A cidade foi finalmente cedida aos franceses en 1795 xunto á parte oriental da illa.
Capital dominicana
Trala independencia e como capital da República Dominicana dende 1844, Santo Domingo permaneceu no recinto colonial intramurallas (aínda que estas foran maiormente demolidas nese tempo) ata finais do século XIX enchendo os baleiros periféricos do dameiro colonial. En 1884 un primeiro plan de extensión da cidade cara ao oeste foi trazado co nome de Ciudad Nueva[10][11].
Século XX
Tralo desastre do furacán de 1930 que destruíu gran parte da vila, a reconstrución en plena ditadura de Rafael Leónidas Trujillo (quen trocou o nome da capital por Ciudad Trujillo) levou despois a plans grandilocuentes que non tiveron máis que unha mínima plasmación real[12][13]. Tamén a idea, xa existente dende os anos vinte, de crear un gran parque na beira leste do Ozama cun monumento a Colón, tivo que agardar ata o quinto centenario do Descubrimento e da cidade para ser levado a cabo (Faro a Colón, 1992).
Entremedias e xa recuperado o seu nome orixinal en 1961, Santo Domingo experimentou a metropolización característica dos anos de desenvolvemento industrial e forte inmigración do rural na área da capital dun país do terceiro mundo, ata superar mesmo os catro millóns de habitantes nestes comezos do século XXI[14][15].
Galería de imaxes
Catedral Santa María La Menor
Rúa El Conde
Santo Domingo na beira occidental do río Ozama; fronte a el, na beira oriental, o antigo solar de Nueva Isabela.
↑Vista da maqueta da Cidade Colonial dende o norte: visible a rúa Las Damas ao fondo á esquerda, cos edificios administrativos e casonas nobiliarias[1]Arquivado 20 de maio de 2012 en Wayback Machine.
↑Vista debuxada de paxaro de Santo Domingo coa Fortaleza Ozama en primeiro termo (1920): os primeiros desenvolvementos máis aló de murallas ao oeste (plan de 1884) e os posteriores cara ó norte[2]