Bartolomeu Colón[1] (cuxo nome en italiano é Bartolomeo Colombo), nado en Xénova[2][3][4][5][6][7][8][9] o 13 de setembro de 1460, e finado en Concepción, na illa da Española o 11 de decembro de 1514, foi un navegante e cartógrafo xenovés, irmán de Cristovo e Diego Colón, primeiro adiantado e segundo gobernador xeral das Indias, ademais de colaborador do seu irmán máis vello nas súas viaxes.
Traxectoria
Orixe familiar e primeiros anos
Fillo de Domenico Colombo e Susanna Fontanarossa, é o irmán máis novo do coñecido Cristovo Colón. Coma no caso do seu irmán máis vello, o lugar do seu nacemento foi obxecto de debate. Das súas declaracións nos «preitos colombianos» despréndese que puido nacer contra o ano 1462.
En 1480, mudouse con Cristovo a Portugal. Traballou como cartógrafo en Lisboa,[10] un dos principais centros de coñecementos náuticos e cartográficos da época, xunto co seu irmán Cristovo, co que compartía a chamada «empresa das Indias», un plan para abrir unha vía alternativa ao comercio das especias procedentes das Indias orientais, mediante a navegación polo oeste até chegar a Asia.
É posible que participase na expedición de Bartolomeu Dias ao cabo de Boa Esperanza entre 1487 e 1488. Ao seu regreso marchou a Inglaterra e Francia, mentres Cristovo se estabelecía en España, co obxectivo de intentar persuadir os respectivos monarcas de iniciar esta empresa.
Adiantado e gobernador xeneral das Indias
Traballaba como cartógrafo ao servizo de Ana de Francia cando a mediados de 1493 recibiu unha carta do seu irmán informándoo do seu descubrimento e chamándoo para reunirse con el en Barcelona. Cando Bartolomeu chegou a Barcelona, Cristovo xa marchara para a súa segunda viaxe.
Financiado pola Coroa de Castela, que puxo ao seu mando unha pequena frota, puido viaxar á illa da Española, onde chegou o 24 de xuño de 1494. Na illa permaneceu seis anos e medio, dende 1494 até 1500), quedando como gobernador xeneral co título de adiantado durante a ausencia do seu irmán, que en xuño de 1496 regresou a España despois da segunda viaxe.
Entre 1496 e 1498, explorou a desembocadura do río Ozama, na costa sur da illa e fundou a cidade de Nueva Isabela, na beira leste do río Ozama, devastada por un ciclón e refundada en 1502 na beira oposta polo novo gobernador Nicolás de Ovando, quen a bautizou co nome de Santo Domingo de Guzmán, a actual Santo Domingo, capital da República Dominicana.
En 1497, en ausencia do seu irmán, estourou a revolta encabezada por Francisco Roldán á fronte dun grupo de descontentos por non ter percibido as súas pagas. Tras intentar facerse coa única carabela que se atopaba no porto, Roldán e os seus refuxiáronse no interior da illa, cometendo todo xénero de abusos. De volta en Santo Domingo en agosto de 1498, Cristovo Colón pactou un acordo con Roldán, enviando ámbolos dous os seus propios informes á Coroa. Colón reclamou tamén o envío de funcionarios reais.[11] Porén, producíronse novos enfrontamentos nos que Roldán volveu ser protagonista. Bartolomeu Colón tiña dezaseis alborotadores encerrados nun pozo. Nestas circunstancias, Francisco de Bobadilla chegou á illa o 23 de agosto de 1500, co cargo de xuíz instrutor e gobernador da Española.
Prisión e confiscación dos bens
Ao chegar Bobadilla a Santo Domingo unicamente se atopaba alí o seu outro irmán Diego Colón. Dous días máis tarde fixo ler na igrexa o seu nomeamento, esixindo a Diego a liberación dos presos. Como este se negou a recoñecer a súa autoridade, alegando que o título de almirante de seu irmán estaba por enriba, Bobadilla ordenou a súa prisión e a confiscación dos bens dos irmáns.[12]
Logo de tomar posesión da fortaleza, Bobadilla liberou os presos e iniciou unha investigación secreta na que participaron todos os inimigos dos Colón. Nas súas investigacións Bobadilla interrogou veinte e dúas testemuñas sobre se os Colón intentaran sublevarse contra el, se impedían o bautismo dos indíxenas e sobre a maneira de impartir xustiza.[12]
En setembro, requirido por Bobadilla, Cristovo presentouse en Santo Domingo e escribiu ao seu irmán Bartolomeu, que se atopaba en Jaragua con Roldán reprimindo unha revolta, para que acudise pacificamente a Santo Domingo e acatase as ordes do investigador. En canto chegou a Santo Domingo foi encarcerado xunto cos seus irmáns e enviado con eles a España a comezos de outubro de 1500.[13]
Indulto real e confirmación como adiantado
O 25 de novembro chegaron á península, permanecendo presos até que os reis tiveron coñecemento diso e ordenaron a súa liberdade e que se lles fixese entrega de dous mil ducados.[13] O 17 de decembro de 1500 presentáronse ante os Reis Católicos en Granada e o almirante botouse a chorar, consolado pola raíña, mais Bartolomeu non chorou nin se axeonllou. Fachendoso, díxolles que o fixeran vir, que perdera seis anos da súa vida pasando perigos e penalidades no Novo Mundo, e que agora que estaba todo feito era deshonrado, polo que se xa non o necesitaban reclamaba que lle pagasen todos os seus soldos, que con eles refaría a súa vida.[14]
Tralo indulto real, Bartolomeu acompañou de novo ao seu irmán Cristovo na última das súas catro viaxes (1502-1504). En 1506, dirixiuse a Roma para solicitar o apoio da orde dos Xerónimos e o do propio papa Xulio II, ao que levou unha copia da carta que o seu irmán lle escribira ao rei Fernando en 1503 dándolle conta das súas últimas exploracións. A operación tivo certo éxito porque o papa escribiulle ao monarca aragonés e ao cardeal Cisneros senllas cartas eloxiosas coa familia Colón. Ao cardeal, que daquela era rexente de Castela, exhortouno a que respectase as capitulacións e privilexios do novo almirante, Diego Colón.[15]
Ao falecer Pedro de Estopiñán o 3 de setembro de 1505 antes de pasar ao Novo Mundo, sendo o segundo adiantado e quinto gobernador xeneral das Indias, Nicolás de Ovando permaneceu até 1509 como cuarto gobernador xeneral e Bartolomeu Colón seguiría empregando o título de primeiro adiantado con confirmación real até o seu pasamento.[16]
Posesión da illa de Mona e pasamento
En 1509 viaxou de novo ás Antillas en compaña do seu sobriño Diego, máis non tardou en retornar a Castela, onde o rexente do reino, o soberano Fernando II de Aragón, lle confirmou a posesión da illa de Mona, próxima a Porto Rico.
Finalmente o adiantado Bartolomeu Colón faleceu o 11 de decembro de 1514 na cidade de Concepción[17] da illa A Española, deixando como único herdeiro o seu sobriño Diego Colón. Foi soterrado no convento de San Francisco de Santo Domingo, primeiro mosteiro que esta orde tivo na illa.[17]
A sepultura foi mencionada polo segundo almirante Diego Colón no seu segundo testamento do 9 de setembro de 1523. Diego Colón Muñiz apoderou ao seu tío Diego Colón xunto ao tesoureiro Sancho de Matienzo, para que tomaran posesión, no seu nome, dos bens que deixou Bartolomeu. E así, o almirante dirixiulle unha carta a Matienzo na cal di:
[...] porque en Las Cuevas él (Bartolomé) tyene un arca, que en poder del Padre Don Gaspar está, çierta cantidad de dineros… asimismo porná vuestra merced por ynventario otras arcas que ay tyenen en poder del padre don Gaspar, todo lo que en ellas está, escripturas y cartas de marear, e una esfera grande y todo lo demás que oviere suyo, lo cual tenga todo el padre don Gaspar por memoria [...] el arca que dicho tengo en que está el dicho dinero tyene dos llaves, la una está en poder del padre don Gaspar y la otra tyene un padre que se dice don fray Bartolomé Guerrero.
Notas
- ↑ "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2023-09-19.
- ↑ Una Giornata nella Città, por Corinna Praga e Laura Monaco, Sagep Editrice, Genova 1992, páx. 14.
- ↑ Casa di Colombo, Alfredo Preste, Alessandro Torti, Remo Viazzi, Sei itinerari in Portoria, Grafiche Frassicomo, Genova, 1997
- ↑ La casa di Cristoforo Colombo Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine., dal sito genovanotizie.it
- ↑ "Vico Dritto Ponticello - Chiostro di Sant'Andrea". Arquivado dende o orixinal o 5 de maio de 2012. Consultado o 23 de decembro de 2009.
- ↑ Colombo e gli anni genovesi, dal sito Itinera
- ↑ Paolo Zerbini, Colombo per Genova, collana Genova Dove, Andrea Proto Editore, páx. 132.
- ↑ "Casa di Colombo e Porta Soprana". Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2011. Consultado o 23 de decembro de 2009.
- ↑ Casa di Cristoforo Colombo
- ↑ Esta información coñécese por unha obra de 1506, o Commentariolum de Antonio Gallo. Ferro, Gaetano (1996). The Genoese cartograhic tradition and Christopher Columbus. Istituto Poligrafico e Zecca dello Stato. , páx. 96.
- ↑ Varela, páx. 48.
- ↑ 12,0 12,1 Varela, páx. 67.
- ↑ 13,0 13,1 Bartolomé de las Casas, Historia de las Indias, vol. II, páx. 512.
- ↑ Madariaga, Salvador de, De Colón a Bolívar, EDHASA, 1955 pp. 35-39.
- ↑ Gil, Juan; Varela, Consuelo (1989). Cartas particulares a Colón y Relaciones coetáneas. Alianza Universidad. pp. 322–325.
- ↑ Romero de Solís, Pedro, e Graciela Fernández de Bobadilla Coloma, en "Cristóbal Colón: sus estancias y enterramiento en la cartuja de Sevilla" (p. 78, Ed. Portada Editorial, Sevilla, España, ano 1992).
- ↑ 17,0 17,1 Romero de Solís, Pedro, y Graciela Fernández de Bobadilla Coloma (op. cit., p. 171, ano 1992).
Véxase tamén
Bibliografía
- Mascarenhas Barreto, Augusto, O Português. Cristóvão Colombo Agente Secreto do Rei Dom João II, ed. Referendo, Lisboa, 1988. English: The Portuguese Columbus: secret agent of King John II, Palgrave Macmillan, ISBN 0-333-56315-8
- Varela, Consuelo, La caída de Cristóbal Colón. El juicio de Bobadilla, Editorial Marcial Pons, Madrid, 2006, ISBN 84-96467-28-7