Nas súas orixes Montgat foi un pequeno poboado ibérico. As escavacións que se levaron a cabo demostran a existencia duns asentamentos neolíticos no termo, aproximadamente do 3.500 antes de Cristo.
Da época romana atópase documentado o Turó de Montgat co nome de Promontorium Lunarium. O actual termo municipal estaba atravesado, pola Vía Augusta.
Na Idade Media había un castelo que vixiaba todo o norte da costa, pero Filipe V de España, logo da Guerra de Sucesión fíxoo derrubar. Sobre as ruínas os fundadores da Asociación Catalanista de Excursións Científicas realizaban, no século XIX, frecuentes encontros.
Montgat tivo o primeiro túnel ferroviario de Cataluña e España cando, en 1848 púxose en funcionamento a liña do tren Barcelona-Mataró. En 1867 estableceuse unha parroquia.
Ata o ano 1933 Montgat formou parte do termo de Tiana. Separouse, tras o Decreto da Generalitat de Cataluña o 6 de xullo dese mesmo ano, en que se aprobou a separación do distrito e a constitución dun concello independente.
A partir dos anos 60 a poboación creceu considerablemente a raíz do expansionismo económico español e os movementos migratorios asociados, o que comportou as urbanizacións de bloques de pisos, algúns bastante altos (Turó del Mar), así como barrios cun urbanismo desordenado (Les Costes). Tamén atopamos zonas residenciais como o Pla de Montgat e Residencial Camí d'Alella.
Hoxe a agricultura e a pesca, que no pasado foron actividades principais, desapareceron case por completo. Hai algunhas industrias de materiais de construción (cemento), de porcelana, de produtos químicos e farmacéuticos, e metalurxia. O seu barrio Els Mallorquins, antigamente industrial e hoxe día maioritariamente residencial, forma un continuo urbano con Badalona.
A proximidade de Barcelona, como gran cidade cunha extensa área de influencia, xunto coa dispersión do tecido urbano de pobo debida á presenza de numerosas infraestruturas viarias e ferroviaria que dividen o termo municipal, representa unha ameaza para a identidade de Montgat como municipio independente, ameaza que os sucesivos concellos democráticos, xunto coas entidades veciñais e culturais do municipio, tratan de paliar.
Xeografía
O núcleo antigo atópase situado cerca do montículo de Montgat, unha pequena elevación diante do mar, cruzado pola estrada e un túnel por onde pasa a vía do tren da costa. O termo municipal está rodeado pola serra do Litoral e pequenos montes como Les Guixeres (112 metros) ou a Marquesa (64 metros). Á saída da localidade, cara ao norte, dirección a el Masnou, atópase o pequeno núcleo de Montsolís.