Climograma

Esquema que sinala as partes dun climograma

Un climograma ou diagrama climático é un gráfico de dobre entrada que representa temperaturas e precipitacións correspondentes a unha Estación meteorolóxica nun ciclo anual. Os datos acostuman ser medias mensuais e normalizadas (medias de observacións de 15 anos ou máis) e represéntase a evolución destas ó longo dos doce meses do ano. Normalmente represéntanse as temperaturas cun gráfico liñal e as precipitacións con barras. É un gráfico moi sinxelo e que permite estudar as características básicas do clima dun lugar. Resulta moi práctico representar a escala das precipitacións ó dobre das temperaturas (sempre que non teñamos uns valores moi elevados de precipitacións), deste xeito os meses en que se produce aridez, que segundo o índice de Gaussen son aqueles nos que a precipitación é inferior ó dobre das temperaturas, vense moi claramente, xa que as barras das precipitacións van por baixo da curva de temperaturas. Delimitar os meses áridos é moi útil para o estudo das características dun clima. Tanto a temperatura como a precipitación teñen que referirse a datos medios sobre un número amplo de anos observados: uns trinta se se queren obter conclusións climáticas significativas, uns cinco se se queren estudar as tendencias conxunturais, ou tamén dun só ano.

Estrutura dun climograma

Climograma da Provincia da Coruña

Os diagramas climáticos teñen un eixe de abscisas onde se encontran os meses do ano, un eixe de ordenadas á esquerda (normalmente) onde se encontra a escala das temperaturas e un eixe de ordenadas á dereita onde se encontra a escala das precipitacións. Aínda que ás veces non se faga así a escala de precipitacións debe ser sempre o dobre ca de temperaturas se se quere que o diagrama represente correctamente a existencia ou non de estación seca, xa que segundo o índice de Gaussen, o índice de aridez está definido por: Precipitacións en mm = Temperaturas en °C x 2 (se as precipitacións en mm son inferiores ó dobre da temperatura media en graos centígrados, o mes é seco, mentres que non o é se resulta unha cifra maior). No climograma clásico as temperaturas preséntanse nunha liña e as precipitacións en barras. Normalmente engádense os datos das precipitacións medias anuais e a temperatura media anual.

Inferencias dun climograma

Para sacar conclusións dun climograma é necesario ter en conta os seguintes factores:

  • Con respecto ás precipitacións, ás precipitacións totais, distribución das precipitacións ó largo do ano, indicando o mes de máximas e o de mínimas precipitacións, e se hai ou non máximos ou mínimos secundarios e cando se dan.
  • Con respecto ás temperaturas, temperatura media, oscilación térmica anual (ou amplitude térmica anual: diferenza en °C entre a temperatura media do mes máis cálido e a temperatura media do mes máis frío), distribución das temperaturas ó largo do ano, indicando o mes máis cálido e o máis frío, e se hai máximos e mínimos secundarios.
  • Tamén é necesario indicar se hai períodos de aridez, que se recoñecen porque a curva das precipitacións están por debaixo da curva das temperaturas, e cando se dan eses períodos de aridez, se en verán ou en inverno.

Tendo en conta todo isto, pódese recoñecer o clima ó que pertence o diagrama climático (climograma), xa que cada clima ten unhas características típicas.

Localización climática

A análise dun climograma debe permitir deducir a localización climática do lugar ó que se refire. O proceso de interpretación dun climograma pode ser o seguinte:

  1. Primeiramente, observando a estación seca, percíbese cal é o hemisferio en que está o espazo referido.
  2. Aténdese á temperatura:
    1. Dedúcese a temperatura media anual?
    2. Diferenza de temperatura entre o mes máis cálido e o máis seco?
    3. Diferenza de temperatura entre verán e inverno?
  3. Aténdese á precipitación:
    1. Dedúcese a precipitación total anual
    2. Dedúcese a precipitación total por estación
    3. Hai estación seca?