O neoclasicismo ou estilo neoclásico foi un movemento cultural, artístico e literario orixinado en Italia que se desenvolveu na Europa e nas súas colonias desde mediados do século XVIII como reacción ao estilo barroco e durou até ás primeiras décadas do século XIX, en que foi substituído polo Romanticismo. Asóciase coa recuperación da cultura clásica da Europa e as súas manifestacións máis notorias danse na arquitectura.
O XVIII é o "Século da Razón": desenvólvese a corrente cultural chamada Ilustración, que pretende revisar a concepción do mundo e do home á luz da razón e da experiencia. Este movemento, que parte das transformacións ideolóxicas do Renacemento, vese potenciado polas revolucións políticas e económicas que se producen en Inglaterra no século XVII e pasan logo a Francia e dela ao resto do mundo.
Neste contexto, constitúese como obxectivo da arte exaltar o ben cívico, moral, a harmonía familiar, o ben común. A Roma republicana era o exemplo ideal deses valores e os revolucionarios franceses especialmente opoñen a nova arte neoclásica á barroca, á que asimilan coa aristocracia e os seus salóns. No período napeleónico, co estilo imperio, aprópiase a arte dos césares para expresar os valores da nova sociedade que se creara.
Xorden as Academias, que enfatizan o valor normativo do clásico, defenden o "bo gosto" e desprezan o Barroco. Este esgotara as súas formas no Rococó e o seu rexeitamento xera unha crítica estética que potencia a imitación da Antigüidade Clásica que se está a descubrir. O centro do Neoclasicismo é Francia.
Orixes
Durante o Renacemento os pensadores europeos, especialmente os italianos, entraron en contacto coa antigüidade, que lles sorprendeu polas altas cotas ás que chegara en comparación coa Europa medieval. Naceu daquela o concepto de "arte clásica" que, uns séculos máis tarde, se define como as de Grecia e Roma no milenio que vai do século V a.C. até o século V d.C. (e talvez antes, se se inclúe Exipto. Os humanistas tiñan por "clásico" o producido na altura na que as civilizacións antigas do Occidente atinxiran o seu maior grau de perfección.
Esta admiración pola antigüidade greco-romana rexurdiu coa Ilustración francesa. Esta retomou os ideais de proporción, orde racional e beleza que aparecen, por exemplo, no De Architectura (Sobre a Arquitectura) de Vitruvio, redescuberto a finais da Idade Media pero confirmado agora polos novos descubrimentos arqueolóxicos.
Pero esa atracción por construír o fermoso e proporcionado (que xa se dera no Renacemento) compleméntase cun rexeitamento da decadencia aristocrática que se manifestaba no Barroco e no Rococó, así como do papel hexemónico da relixión, que eran o seu soporte ideolóxico. O Neoclasicismo glorifica as grandes virtudes civís da antigüidade, dá paso ao mundo pagán e agrégalle ciencia á emoción. É un movemento da clase media ilustrada, que prefire o normativo, disciplinado e austero, contra a aristocracia.
Producións
Todos os países anti-napoleónicos parece como se preferisen o modelo grego, mentres que Francia se decantou polo romano. Wincklemann foi o primeiro en propor unha interpretación compositiva da arte grega; débeselle a el a concepción de que a arte ten historia. Para el, a imitación da arte antiga permite atopar a esencia da beleza, que en si se atopa na propia natureza. O arquitecto alemán Schinkel, autor do Teatro Real, proxectou deseñar Berlín como a Atenas moderna. O arquitecto escocés Robert Adam introduciu o Neoclasicismo en Gran Bretaña; foi en Escocia onde se mantivo máis puro, como se observa claramente en Edimburgo. En Londres, John Soane deseñou o Banco de Inglaterra e Robert Smirke o Museo Británico. O estilo neogrego foi substituído polo rexencia, cuxo maior exemplo son as fachadas de Regent Street (1812) en Londres (de John Nash) e o Royal Pavilion de Brighton (1815-1823).
Dentro deste movemento, atopámolo "Clasicismo romántico", que inda que neoclásico, ten algunhas diferenzas de matices. Acostúmase a confundir ambos pola súa semellanza. Dentro do Clasicismo romántico atopamos moitos destes arquitectos "neoclásicos", coma John Soane ou Schinkel.
O estilo neoclásico tivo dúas variantes nos Estados Unidos. Unha é o estilo federal e xurdiu entre 1780 e 1820 e foi inspirada na obra de Robert Adam. Foi moi promovida por Thomas Jefferson, quen consideraba que o neoclásico era o estilo perfecto para representar os ideais republicanos. Dous dos edificios máis notábeis son a Casa do Estado de Massachusetts, en Boston (1798) e o Capitolio, en Washington, baseada na Maison Carrée de Nîmes. A outra variante é o estilo neogrego, que floreceu na primeira metade do século XIX.