Viviu a súa infancia e mocidade en Ferrol, cidade á que se mantivo afectivamente vinculada e na que foi alumna de Ricardo Carballo Calero.[4] Foi tamén nesta cidade onde entrou en contacto co mundo do teatro e da radio. En Radio Ferrol dirixiu en 1956 o seu primeiro programa destinado a mulleres, Teresa. Dende os primeiros textos editados foi unha escritora monolingüe en galego.[5]
Filla e esposa de mariño, viaxou por mar por gran parte do mundo e durante moitos anos residiu en Vigo, onde chegou a dirixir o primeiro espazo cultural de radio integramente en galego, "Raíz e Tempo", en La Voz de Vigo, e onde se desenvolve a acción da súa única novela Adiós, María (1970).[6]
En 1972 outórgaselle o Premio Pedrón de Ouro polo labor cultural en beneficio de Galicia. En 1981 recibe o Premio da Crítica española e a Xunta de Galicia entrégalle en 1992 o Premio á creación feminina. En 2018 a compañía Vitrasa repartiu 2000 exemplares de Adiós María nos seus autobuses de Vigo.[10]
Canto ó teatro relaciónase co grupo Teatro Estudio, para o que facían decorados os pintores Barros Pardo e Segura Torrella, escribindo dúas obras, unha das cales, Un hotel de primeira sobre o río, consegue o Premio Castelao de Teatro galego en 1966.[11]
Deixando a un lado as etiquetaxes da crítica, a obra de Xohana Torres é dunha calidade indiscutible, calidade recoñecida co Premio da Crítica en 1980, polo poemario Estacións ao mar.
Desde o ano 1993 o Concello de Santiago de Compostela outorga o Premio Xohana Torres honrando a figura de Xohana Torres e na procura de recuperar a memoria histórica das mulleres de Santiago de Compostela.