En agosto de 1922 fundou en Vigo, xunto a Antonio Méndez Laserna e Carlos Reguenga, a produtora cinematográfica Celta Film. O principal obxectivo da sociedade era facer películas sobre Galicia e Asturias para complementar as conferencias literarias do propio Rey Soto, que vai ser o director artístico da empresa.
A finais de 1923 Rey Soto embarcou cara a América para amosar o filme Un viaje a través de Galicia y Asturias aos emigrantes que alí vivían. A experiencia non resultou e Rey Soto ficou moi decepcionado pola escasa acollida da película. Permaneceu en América até 1931.
Ao longo da súa vida, Rey Soto foi formando unha moi valiosa biblioteca que poucos anos antes da súa morte cedeu ao Convento de San Xoán de Poio, onde hoxe se conserva. Entre as obras máis salientables destacan as Constitucións sinodais da diocese de Ourense editadas por Vasco Díaz Tanco en 1544 e un exemplar do Livro do Infante D. Pedro de Portugal, editado en 1644. Ademais, legou ao mosteiro a súa colección de prensa na que se inclúen xornais ourensáns coma El Eco de Orense e El Diario de Orense.
A súa obra está escrita maioritariamente en castelán, sendo o drama Amor que vence al amor o que lle deu máis sona. O primeiro poema que escribiu en galego foi “O mosteiro de San Esteban de Ribas de Sil” en 1903. Tamén en galego está Falenas e o poema "O Pazo" (1909). En 1949 traduciu a Sátira IV do Libro II do Sermonum de Horacio como Escola de larpeiros.[2]
Folgar, J. M. (1991): "Antonio Rey Soto e o cinema", en Breaet alii. Homenaxe ó profesor Constantino García. Santiago de Compostela, USC. Tomo II, pp. 593-618.