Estudou a carreira de dereito na Universidade de Santiago de Compostela, rematando os estudos na de Valladolid. A súa carreira profesional foi breve: comezou de pasante dun avogado parente da familia en Monforte e encargáronlle un preito entre dous labregos. Como conseguiu que se amañasen sen chegar ao xuízo, o parente díxolle que así non lle interesaba e despediuno. Desde entón, Amador Montenegro dedicouse á agricultura e ó movemento agrarista.
Casou con Pura López Saavedra,[1] a súa curmá, que residía en Moaña (Pontevedra), dunha familia de grandes propiedades agrícolas que chegaban ata Vilafranca do Bierzo (León) e que pasou a administrar el, o que o levou a fixar a residencia en Vigo, onde naceron os seus nove fillos. Nesta cidade traballou tamén como profesor no colexio La Concepción, formou parte da Liga de Defensores de Vigo e ocupou diversos cargos no Concello e na Cámara de Comercio.
Sen chegar a militar nunca en ningún partido político, tivo nun principio certa ideoloxíanacionalista e combateu o caciquismo imperante na época e, sobre todo, o sistema de foros imperante. Tamén desenvolveu certo papel no movemento galeguista cultural da súa época.
Amador Montenegro foi así mesmo divulgador de temas agrícolas (entre os seus títulos, Causas generales de la decadencia agrícola en Galicia, Lugo, 1903; Contra el mildiu, el oídio y el black-root, Vigo, 1917).
Foi membro de número da Real Academia Galega[2] e o seu discurso, Alma da poesía galega (Santiago, 13/12/1909), así como a súa contestación, a cargo de Juan Barcia Caballero, foron os primeiros lidos en galego na douta institución.[3][4]
Obras
Da súa ocupación como administrador de terras agrícolas veu a publicación de diversos estudos neste eido, como Causas generales de la decadencia agrícola en Galicia (1903) ou Contra el mildiu, el oídio y el 'black-root'[5] (1917).
As súas publicacións, escasas, foron obras de poesía e fábulas:
Muxenas (1888, reeditado en 1896). Foi traducido ao castelán en 2009, por Xosé Carlos Morell, co título de Chispas.[6]
A obra pola que realmente é recoñecido foi o semanario A Monteira, que fundou xunto a Manuel Pardo Becerra e que dirixiu durante toda a súa edición, desde outubro de 1889 a decembro de 1890.
Nas mesmas datas creou outro xornal en Vigo: La Razón (1889-1894).
Notas
↑Irmá de Ildefonso López Saavedra, tamén escritor, e filla de Dores Saavedra Costas, á súa vez irmá da nai de Amador Montenegro.