Uxío Carré Aldao

Modelo:BiografíaUxío Carré Aldao
Nome orixinalEugenio Carré Aldao
Biografía
Nacemento(es) Eugenio Carré y Aldao Editar o valor en Wikidata
5 de novembro de 1859 Editar o valor en Wikidata
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Morte18 de decembro de 1932 Editar o valor en Wikidata (73 anos)
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturacemiterio de Santo Amaro da Coruña Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor, novelista, autor, editor literario, poeta Editar o valor en Wikidata
Partido políticoLiga Gallega
Solidaridad Gallega Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoLiteratura, etnografía, historia e política
Familia
CónxuxePurificación Alvarellos Pena Editar o valor en Wikidata
Fillos11 (Leandro, Uxío, Lois, Gonzalo…) Editar o valor en Wikidata

Galiciana: 62944 BNE: XX935223 BUSC: carre-aldao-eugenio-1859-1932

Uxío Carré Aldao,[1][2][3][4] coñecido no seu tempo como Eugenio Carré Aldao,[5][6][7][8] nado na Coruña o 5 de novembro de 1859 e finado na mesma cidade o 18 de decembro de 1932, foi un escritor en linguas castelá e galega, editor e libreiro galego, membro fundador da Real Academia Galega da que foi secretario de 1905 a 1906 e de novo, durante dez anos, de 1909 a 1919. Sucedeu a Andrés Martínez Salazar como Cronista oficial da Coruña.

Traxectoria

Os avós paternos foron industriais cataláns que se desprazaran a Galicia a principios do XIX, para dedicarse á industria panificadora. O pai, Xosé Carré Batista, xa naceu en Galicia, onde casou con María Aldao Caamaño. Uxío estudou na Escola de Comercio da Coruña e dedicouse, nun primeiro tempo, á compravenda de coloniais, época na que casou con Purificación Alvarellos Pena, de Carballo, coa que tivo 12 fillos, entre eles os coñecidos Leandro, Uxío, Gonzalo e Lois Carré Alvarellos.

Ingresou na loxa masónica da Coruña en 1888, baixo o nome de Gutemberg, na que se dedicou a organizar axudas a traballadores enfermos, ata a súa disolución en 1891. Nese mesmo ano mercou na Coruña a librería de Andrés Martínez Salazar. Colaborou en Diario de Avisos, La Mañana, Las Noticias, El Mercantil e La Voz de Galicia da Coruña; La Idea Moderna de Lugo; Noticiero e El Independiente de Vigo e outros.[8] En 1893 mercou a imprenta de Domingo Puga, á que trasladou a librería. Nesta Librería Regional publicou 15 libros de autores ligados ó rexionalismo coruñés, como Eduardo Pondal (A campana d’Anllóns), Manuel Lugrís Freire (Noitebras, Escravitú) ou Francisco Tettamancy Gastón (Poesías). Cómpre destacar que 11 destas 15 obras estivesen escritas en galego, nunha proporción infrecuente na época.

Carré Aldao (sentado) co consello de redacción da Revista Gallega.

Nos locais da librería foise creando un faladoiro galeguista que tería notable influencia na cultura galega, coñecido como a Cova Céltica, do que Uxío Carré era o principal animador. Ó redor do faladoiro reuníronse destacadas personalidades da literatura, da arte e da ciencia galegas, como Manuel Murguía, Lugrís Freire, Andrés Martínez Salazar, Francisco Tettamancy, Eladio Rodríguez González e Salvador Golpe, entre outros moitos, e tamén contou coa presenza ocasional de Emilia Pardo Bazán, Curros Enríquez ou José Leite de Vasconcelos. Os membros da Cova Céltica organizaron diversas campañas culturais, crearon diversas entidades e asociacións e xestionaron a fundación da Real Academia Gallega.

Unha das iniciativas da Cova Céltica foi a creación da Liga Gallega, en 1897, presidida por Murguía e na que tamén participou activamente Carré, cuxo obxectivo era "a defensa dos intereses morais, materiais, políticos, económicos e sociais de Galicia". Carré actuaba como editor e redactor do voceiro da Liga, a Revista Gallega, dirixida por Galo Salinas, onde publicou colaboracións literarias, traducións e artigos de opinión. Simultaneamente, Carré comeza a publicar poesía en diversos medios xornalísticos da época, como Galicia. Revista Regional, onde sae o primeiro poema de Carré en 1892, "Coitas iguales", unha tradución de Paul Bourget.[6]

En 1898 publicou un Catálogo de obras escritas en gallego, que foi a primeira bibliografía de obras galegas.

Foi tamén membro de Solidaridad Gallega, unha organización política rexionalista galega activa entre 1907 e 1912 que reunía a republicanos, tradicionalistas e os rexionalistas de Manuel Murguía e do propio Carré.

Na casa de Tettamancy en 1912. De pé: Bernardino Álvarez, Robustiano Faginas, Tettamancy, Modesto Garrido e Florencio Vaamonde. Sentados: Bernardo Faginas, Alejandro Barreiro, Chané, Murguía e Uxío Carré. No chan: Emilio, fillo de Chané.

En 1905 foi un dos protagonistas da fundación da Real Academia Gallega. En 1926 foi nomeado polo concello da Coruña cronista da vila e bibliotecario municipal. En 1928, Carreras y Candi publican a Geografía General del Reino de Galicia, da que Carré é autor dos dous volumes que describen a provincia da Coruña [9].

Entre outros recoñecementos e distincións que foi recibindo ó longo da súa vida cómpre mencionar o nomeamento de membro correspondente da Real Academia da Historia de Madrid, da sección galega da Real Academia Española, da Academia de Bellas Artes de Barcelona e da Comisión de Monumentos da Coruña.

Con ocasión da súa morte, en 1932, Eladio Rodríguez describiuno así [10]:

Era personalmente modesto, por lo mismo que concienciudamente docto. Su innata sencillez contrastaba con su sólida erudición. Por encima de su llaneza proverbial, sobresalía la realidad de su alto valimiento. Por esto era querido, y por eso era respetado. Pudo ser un comerciante enriquecido y prefirió ser un hombre de letras y estudios, aun sabiendo que las letras, si a veces dan honores, no suelen dar dinero por estas latitudes a quienes con éxito las cultivan como él las cultivó.

Real Academia Galega

A partir de 1895 comeza a nacer no seo da Cova Céltica a idea de crear a Real Academia. Carré, con Manuel Murguía e Víctor López Seoane, participa na redacción dos Estatutos e na creación da Academia, que é reclamada publicamente nun artigo publicado por Murguía en 1904. Ó ano seguinte comezan as xestións para a legalización da institución, con Murguía na presidencia e Carré como Secretario [11], que son confirmados na constitución definitiva da Academia, o 30 de setembro de 1906. Carré volvería ocupar a secretaría entre 1909 e 1919.

De pé, de esquerda a dereita, Carré Aldao, Florencio Vaamonde, Francisco Tettamancy e Eladio Rodríguez. Sentados, José Ogea, Murguía, Curros Enríquez e Andrés Martínez Salazar, na Coruña, en 1904.

Creación literaria

En 1896 publica o seu primeiro libro, Brétemas. Dous anos despois sae o segundo, Rayolas.

De 1904, canto menos, data un bosquexo teatral en dous actos, baixo o título O sacrificio, drama estreado en Lugo en 1917.

Desde 1907 comeza a publicar relatos breves n’ A Nosa Terra, editada tamén na súa imprenta, algúns extraídos das súas obras anteriores e outros inéditos. En 1908 publica tamén nas mesmas páxinas un refraneiro popular galego.

En 1907 publica un Catecismo solidario, iniciativa xurdida a imitación do Catecismo do labrego de Lamas Carvajal, publicado a primeiros dese mesmo ano. O Catecismo de Carré pretende asesorar ós labregos e animalos a presentar queixas e reivindicacións, e ofrece o enderezo da librería para presentar ditas reclamacións, todo co obxectivo de introducir a ideoloxía social no movemento agrario.

En 1908 viuse obrigado a pechar a Librería Regional, polo que se dedica totalmente ás actividades da Academia e diversas colaboracións periodísticas, co seu nome ou con diferentes pseudónimos, como Carlos Florencio, Esteban de Paleo, Xan do Martinete ou Eurico Nagere. No Boletín de la Real Academia Gallega publica numerosos traballos, sobre todo de historia e crítica literarias. Publica tamén, en 1911, un ensaio sobre Influencias de la literatura gallega en la castellana. Estudios críticos y bibliográficos e, en 1915, a Guerra de la Independencia en España, El alzamiento contra los franceses en Galicia: 1808-1809.[7] Tamén, en 1915, presenta o poema Os paxariños sabios nos Xogos Florais de Lugo [12].

Uxío Carré Aldao cos fillos, de esquerda a dereita Gonzalo, Leandro, Uxío, Lois e Carlos.

En 1916 intégrase nas Irmandades da Fala, que acabaran de nacer nese mesmo ano. Comeza así a destacar o carácter político das súas colaboracións, tanto n' A Nosa Terra como noutros xornais, nas que se observa a evolución cara ao nacionalismo. En 1923 pronuncia unha conferencia, no transcurso duns actos organizados polas Irmandades da Coruña, baixo o título Do nacionalismo e de outras cousas que con él teñen relación, na que sitúa o concepto de Nacionalismo como herdeiro do rexionalismo anterior.

Al provincialismo sucedió, en el andar de los tiempos, el regionalismo, vocablo apropiado y llegado oportunamente para, a su vez, ser substituído por otro no menos oportuno y más adecuado a la marcha de las ideas, o sea, el nacionalismo.

Neste contexto, publica a súa novela curta A terra chama, en 1925 [13].

Vida persoal

Casado con Purificación Alvarellos Pena, tivo once fillos entre os que destacan Leandro, Uxío e Lois Carré Alvarellos.

Listaxe de obras

Rúa Eugenio Carré Aldao na Coruña.

Dentro dos numerosos traballos que publicou Carré, pódense destacar os seguintes:

El alzamiento contra los franceses en Galicia 1808-1809, pdf.
  • Brétemas, A Coruña, 1896 (verso e prosa en galego).
  • Rayolas, A Coruña, 1898 (verso e prosa en galego).
  • Apuntes para la historia de la imprenta y el periodismo en La Coruña, A Coruña, 1901 (ensaio en castelán)
  • Memoria sobre la aparición y desenvolvimiento de la Imprenta en la provincia de Orense, A Coruña, 1903.
  • La literatura gallega en el siglo XIX, seguida de antología y apéndices, A Coruña, 1903 (ensaio en castelán) [14]
  • Alzamientos de la Coruña, Un siglo de historia local, 1808-1908, A Coruña, 1908.
  • Influencia de los catalanes en el proceso de la industrialización pesquera en Galicia, 1903
  • O sacrificio, 1904 (teatro en verso en galego)
  • Catecismo solidario, 1907 (con Xoán Beltrán Muíños, en galego)
  • Idioma y Literatura de Galicia, A Coruña, 1908.
  • "O Pintureiro", conto, Boletín da RAG nº 46, 1911, pp. 251–253.[15]
  • Literatura gallega, 1911, Barcelona (ensaio en castelán [16])
  • Influencia de la Literatura Gallega en la Castellana. Estudios Críticos y Bibliográficos, Madrid, 1915.
  • Guerra de la Independencia. El alzamiento contra los franceses en Galicia: 1808-1809, 1915.[7]
  • Contos da forxa, 1919 (narrativa en galego)
  • A terra chama, Lar n.º 9, 20/6/1925 (novela curta en galego), con portada de Camilo Díaz.[17]
  • Estudio bio-bibliográfico-crítico acerca de Rosalía de Castro, 1927 [18]
  • Geografía General del Reino de Galicia (Tomos II e III, provincia da Coruña; 1928)

Notas

  1. Diccionario enciclopédico galego universal. Ir Indo para La Voz de Galicia. 2003-2004. ISBN 84-7680-429-6. 
  2. Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011. pp. 187–189. 
  3. Diciopedia do século 21 1. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 445. 
  4. Enciclopedia Galega Universal 4. Ir Indo. 1999-2002. p. 483-484. ISBN 84-7680-288-9. 
  5. "Artigos no Boletín da Real Academia Galega". Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2023. Consultado o 21 de novembro de 2022. 
  6. 6,0 6,1 Galicia. Revista Regional, 1892, n.º 3, pp. 184-185[Ligazón morta]
  7. 7,0 7,1 7,2 El alzamiento contra los franceses…, BDH
  8. 8,0 8,1 Gran Enciclopedia Galega. 2005. ISBN 84-87804-88-8. 
  9. Ademais do capítulo "Prácticas y costumbres" do tomo Generalidades
  10. Boletín de la Real Academia Gallega n.º 246, 1/2/1933, pp. 120-124.
  11. Na páxina web da RAG consta como data de ingreso o 4/9/1905 [1] Arquivado 14 de agosto de 2014 en Wayback Machine..
  12. Único poema en galego entre os 25 premiados neste concurso.
  13. Número 9 da colección Lar, con portada de Camilo Díaz Baliño.
  14. La literatura gallega en el siglo XIX en Internet Archive.
  15. Carré Aldao, Uxío (1911). "O Pintureiro". Boletín da Real Academia Galega (46): 251–253. Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2023. Consultado o 26 de abril de 2023. 
  16. Reedición ampliada de La literatura gallega en el siglo XIX. O título completo é Literatura gallega con extensos apéndices bibliográficos y una gran antología de 300 trabajos escogidos en prosa y verso de la mayor parte de los escritores regionales gallegos.
  17. Iglesias, Xabier: Os libros de Ánxel Casal 2/9/2012.
  18. Durante moito tempo, a bibliografía máis completa de Rosalía.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas


Predecesor:
Andrés Martínez Salazar
 
Cronista Oficial da Coruña
 
1923-1932
Sucesor:
César Vaamonde Lores