Emprégase a verba nacionalismo para designar o corpo de doutrinas que informan todo movemento de reivindicación da personalidade dos grupos naturais por frente da sorbencia dos Estados históricos. Neste mesmo senso empregámola nós. Nacionalismo galego quere dicir polo tanto, a doutrina que informa o movemento de reivindicación da personalidade de Galiza frente da sorbencia do centralismo español.[5]
É tamén un movemento social, coas súas dimensións culturais e políticas. Os historiadores recoñecen ó longo dos séculos, desde a prehistoria ata a nosa época, a formación dun pobo galego e da súa peculiar unidade.[6] A corrente política á que se refire o nacionalismo galego nace a finais do século XIX con movementos culturais que logo foron ós poucos dando o paso a partidos políticos.
Ideoloxía
Dentro do nacionalismo galego podemos atopar dúas correntes ideolóxicas principais:
Unha, a maioritaria que avoga por unha ampla autonomía, ou pola transformación de España nun estado federal ou confederal.
Outra, a da esquerda independentista, que aposta pola ruptura co estado español e co modelo de sociedade capitalista.
Estas dúas correntes, porén, teñen puntos en común como son a defensa da lingua (defendendo algúns o reintegracionismo) e cultura galega, o recoñecemento de Galiza como nación e a defensa da integración dos concellos galegofalantes de Asturias e Castela e León na Comunidade Autónoma Galega (véxase Irredentismo galego). Por outra parte cabe resaltar o feito de que, ó contrario co que sucede no País Vasco e Cataluña, en Galiza predomina o nacionalismo de esquerdas, dende posicións que van dende a esquerda radical (Primeira Linha) ata posicións moderadas de centroesquerda (BNG).
Historia
O nacemento do nacionalismo galego propiamente dito dáse coas Irmandades da Fala, pero antes houbo outros tres movementos sen os cales non é doado imaxinar a existencia do nacionalismo galego. O galeguismo nacionalista coñecerá o seu completo desenvolvemento coa creación do Partido Galeguista en 1931.
Orixes
Afírmase que unha certa tendencia nacionalista existiu sempre na conciencia do pobo galego. Dende os albores da civilización, Galiza ten sido unha rexión moi remisa á asimilación política ou cultural por parte doutros pobos. Foron os galegos, xunto a ástures e cántabros os derradeiros obstáculos ós que Roma tivo que enfrontarse para a "pacificación" total de Hispania[7].
Durante a Idade Media, Galiza coñeceu un período de independencia no que os continuos enfrontamentos entre as distintas casas nobiliarias configurou un período que en moitas ocasións chegaba a anarquía e que non finalizou ata que foi asimilado o seu control pola coroa de Castela, que apoiou nun principio as revoltas irmandiñas, iniciadas pola baixa nobreza e o campesiñado asolagado pola presión económica e social da que eran obxecto por parte da nobreza preponderante, como medio para eliminar e controlar os nobres levantiscos e que remataron substituíndo o sistema nobiliario con nobres foráneos ou atraendo á corte aos nobres afíns a súa causa[8], ademais doutras medidas de reforma política co obxecto de exercer un mellor control sobre o territorio.
Os anos escuros de Galiza comezaron e o galego e a conciencia de nación sobreviviu nas aldeas, mentres as clases altas e a burguesía adoptaron, maioritariamente, o castelán como elemento diferenciador social.
Os precursores
Dentro dos precursores podemos sinalar tres movementos:
O provincialismo é un movemento que nace en 1840 para defender a integridade do territorio de Galiza. Esta integridade víase ameazada por mor dun proxecto de división do estado en provincias que se comezara a elaborar trala morte de Fernando VII. Os provincialistas querían que Galiza fose unha soa provincia e que non fose dividida nas catro que hoxe coñecemos.
Hai dúas etapas no movemento provincialista: unha que vai de 1840 a 1846 e outra que vai de 1854 a 1865. A primeira etapa caracterízase por ser un período moi activo cultural e politicamente. É neste período cando os provincialistas se suman ao pronunciamento do comandante Miguel Solís, que acabará co fusilamento dos Mártires de Carral[9]. O segundo provincialismo é basicamente cultural, e é con el cando se produce o Rexurdimento literario de Galiza.
A partir de 1865, e ata 1875, desenvólvese o federalismo galego, que acadará o seu cumio coa Primeira República Española. Os federalistas propugnaban que Galiza ficase como un cantón dentro do estado español e que fose rexida pola súa propia Constitución cantonal. Esta etapa, non obstante non é demasiado importante e non perviviu de ningún xeito[10].
Este período dura entre 1875 e 1907 (aprox), aínda que hoxe en día hai políticos que seguen a mantelo. Neste período dáse unha reestruturación cultural e ideolóxica, na que sectores tradicionalistas e conservadores adoptan as ideas galeguistas. O seu acontecemento destacado é a fundación da Asociación Regionalista Gallega, e terá como líderes principais a Manuel Murguía e Alfredo Brañas. Remata coa fundación da Real Academia Galega e o paso ás Irmandades da Fala.
Tendo Galicia todas as características esenciais de nacionalidade, nós nomeámonos, de hoxe para sempre, nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.[11]
Nesta Iª Asemblea conclúese reivindicar unha autonomía total para Galiza, cara a unha federación de nacións da península; a cooficialidade do galego e do castelán en Galiza e un posto para Galiza na Sociedade de Nacións.
Evolución
Inicios
Dentro do nacionalismo, maioritariamente federalista, convivían dúas grandes tendencias: a católico-tradicionalista, contraria ao desenvolvemento capitalista, ruralista, inimiga de calquera alianza cos republicanos e remisa a participar nas eleccións; e a liberal-democrática, inspiradora do programa lucense, filo-republicana e partidaria da acción política en todos os ámbitos. A tensión entre as dúas tendencias desembocou finalmente nunha escisión en 1922. Por un lado estaba a Irmandade da Coruña, un bastión liberal que aglutinaba á metade de todos os afiliados; por outra, o resto dos grupos, ideoloxicamente máis heteroxéneos, que en nome da pureza nacionalista conformaron a Irmandade Nazonalista Galega, presidida por Vicente Risco, principal ideólogo destes anos.[12]
En 1922 celébrase en Monforte outra Asemblea das Irmandades da Fala. Alí manifestáronse as diferenzas entre as dúas correntes dentro da organización: a que propugnaba maior participación na política e a que defendía continuar na liña cultural. Decantándose a favor da segunda, iníciase unha etapa de corte cultural na que ten moita importancia o Grupo Nós. Fúndase nesta época o Seminario de Estudos Galegos[13]. A ditadura de Primo de Rivera supuxo un paro de 6 anos na actividade política dos grupos galeguistas.
En 1931 nace o Partido Galeguista, en realidade unión de varios grupos nacionalistas tanto de esquerdas como de dereitas, que fai seu o programa das Irmandades. Estivo liderado por Castelao e Alexandre Bóveda. O PG tivo un éxito notable: en catro anos pasou de 700 a 6.000 afiliados, de ter 30 grupos locais a 150, e de 54.000 a 300.000 votos. O seu obxectivo final era a creación dunha república federal cun estado galego federado. Porén, a súa meta inmediata foi a consecución dun estatuto de autonomía para Galiza. Un dos grandes logros do partido foi conseguir que Galiza fose acollida no IX Congreso de Nacionalidades Europeas de 1933, organismo adxunto da Sociedade de Nacións (xerme da actual ONU). A declaración presentada pola delegación galega, que foi admitida, dicía:
O Partido Galeguista, partido nacional dos galegos, representado no Parlamento español polos deputados Otero Pedraio, Castelao e Suárez Picallo, declara solemnemente ó participar unha delegación galega no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, baseándose sobre o "RAPPORT" sometido á consideración do Secretario Xeral do citado Congreso, que o pobo de Galicia, que conta con máis de dous millóns de almas e habita a totalidade do territorio de Galicia, é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma, e os seus costumes xustifican esta diferencia dunha maneira absoluta.[14]
Co triunfo das esquerdas nas eleccións de 1936, celébrase o 28 de xuño un referendo sobre o estatuto de autonomía. Votou o 74,52% da poboación e un 99,05% deste pronunciouse afirmativamente. Tras isto, viaxou a Madrid unha comisión de deputados de Galiza para presentarlle ás cortes o estatuto. Porén, a sublevación militar do 18 de xullo e a ocupación de Galiza polo bando sublevado fixo inviable a aplicación de dito estatuto.
O ano 1950 constitúe a fin dunha etapa do nacionalismo galego, á da oposición política ó réxime franquista, que esmorece trala morte de Castelao nese ano e, ante a permanencia inamovible do réxime, a disolución do Partido Galeguista. Así, pasarase a unha nova estratexia, a vía culturalista, da que é expoñente a Editorial Galaxia, fundada no mesmo ano 1950. Porén, a finais da década dos 50 volveuse retomar o pulso político, sumado á actividade cultural que se viña desenvolvendo.
Nace en 1963 o Partido Socialista Galego, promovido por Ramón Piñeiro, que nunca militará nel. O PSG limítase á actividade cultural e de formación dos seus membros para evitar atraer sobre si a atención do estado. Profesaba un marxismo aberto ás novas tendencias da esquerda europea. O seu líder, Xosé Manuel Beiras, na súa obra O atraso económico de Galicia, realizou unha diagnose da economía galega como unha nación periférica que sufría dun neocolonialismo socioeconómico que explicaba o seu subdesenvolvemento. Esta obra tería unha gran difusión na mocidade universitaria.
O 25 de xullo de 1964, nace a Unión do Pobo Galego. Pretende rachar co culturalismo no que se refuxiou o galeguismo durante a ditadura franquista. Tiña os seus alicerces ideolóxicos no marxismoleninismo, analizaba a realidade galega considerándoa unha nación proletaria no contexto internacional, vencellándose así aos movementos de liberación nacional do Terceiro Mundo.[17] Proclamaba abertamente o dereito á autodeterminación e a concepción política dunha Galiza soberana (poder popular) dona dos seus destinos, pero sen reivindicar o separatismo. En coherencia con estas formulacións, pasou á acción social directa buscando arraigar o nacionalismo a través dos conflitos sociais e a axitación co fin de agudizar as contradicións da ditadura e do capitalismo que, segundo entendían, en Galiza tiña unha fasquía nitidamente colonial. A súa primeira posta en escena foron os terzos de asalto en Castrelo de Miño. Sendo inicialmente unha fronte patriótica, en 1966 transfórmase en partido. En 1971 crea os Comités de Axuda á Loita Labrega (antecedente das Comisións Labregas), e en 1973 crea Estudiantes Revolucionarios Galegos[18].
Transición: a oportunidade perdida
Coa chegada da democracia, entre os galeguistas téntase resucitar o galeguismo de centro. En 1975 aparecen Unión Democrática e Esquerda Democrática, que se xuntan no Partido Popular Galego. De inspiración europeísta e democristiá, aglutinou a un grupo de notables que padeceu a presión dos reformistas do réxime e acabou sendo un viveiro de políticos para as potentes forzas estatais que se estaban a formar. O caso paradigmático sería Xerardo Fernández Albor, captado por Manuel Fraga Iribarne para ensaiar unha Alianza Popular de corte rexionalista. Notables do propio réxime fundarán o Partido Galego Independente, pero sucumbirán á oferta de Adolfo Suárez de participar na dirección da UCD en Galiza para darlle unha orientación moderadamente autonomista. Cando UCD pasa de coalición a partido, disolveranse nel os partidos galeguistas de José Luis Meilán Gil e Euloxio Gómez Franqueira.
En 1975, créase a Asemblea Nacional Popular Galega, unha organización de masas e asemblearia con vocación de integrar partidos e persoas sen militancia buscando a implantación social do nacionalismo de esquerdas. Cunha estratexia de axitación social e unha estética revolucionaria, a sociedade galega de pequenos campesiños e pequenos burgueses foi impermeable á oferta, que acabou teledirixida dende a UPG. Esta traballaba xa na constitución do Bloque Nacional Popular Galego para concorrer ás primeiras citas electorais.
Unha vez aprobada a Lei de Reforma Política impulsada por Adolfo Suárez, convócanse unhas primeiras eleccións para a creación dunhas Cortes constituíntes. Nelas o nacionalismo preséntase dividido. A propia decisión de presentarse foi problemática para algún partido como a UPG. Un colectivo da mesma considerará unha claudicación da ruptura democrática diante do proceso de transición, e manifestará un aberto independentismo. Este colectivo será expulsado e dará lugar ao Partido Galego do Proletariado e a súa derivación Galiza Ceibe-OLN. O seu dirixente máis emblemático era Xosé Luís Méndez Ferrín.
Os resultados dese primeiro proceso electoral de 15 de xuño de 1977 manifestaron as dificultades de chegar a un electorado que estaba saíndo dun réxime ditatorial cunha mensaxe rupturista e dispersa en ofertas ideoloxicamente dispares. O PSG obterá 27.197 votos (2,41%); a coalición PPG-PGSD acadará 23.014 votos (2,04%), mentres que a UPG e a ANPG, a través da agrupación electoral Bloque Nacional Popular Galego atinxirá 22.771 (2,04%)[20]. Xa neste momento, forzas galeguistas como o Partido Galego Independente van en coalición con UCD.
Os máis ca discretos resultados, provocaron inmediatamente reconfiguracións importantes: en outubro de 1977, celebraba o seu congreso constituínte o Partido Obreiro Galego de Camilo Nogueira Román, fundado por persoas procedentes fundamentalmente da UPG. Este partido considera o novo marco institucional como insatisfactorio pero positivo para a construción nacional e o avance cara a un socialismo democrático avanzado distinto do marxismo leninismo.[22].Pola súa parte, en 1978, froito da unión entre o PPG e o PGSD, e o entendemento entre dirixentes como Xaime Isla Couto e Avelino Pousa Antelo, refúndase o Partido Galeguista[23].
Nas primeiras eleccións do post-franquismo (1979), o nacionalismo preséntase novamente fragmentado e con posicións rupturistas que asustan ao electorado máis moderado nun momento de grande incerteza política. Acadou algo máis do 10 por cen dos votos, sendo as forzas máis votadas o Bloque Nacional Popular Galego co 5,86 por cen e a coalición Unidade Galega (Partido Galeguista, Partido Socialista Galego e Partido Obreiro Galego) co 5,54 por cen. Non obtivo escanos. Isto deixaba ao nacionalismo galego en posicións de marxinación no proceso de reforma democrática e fóra de todos os resortes institucionais para o seu crecemento. Galiza irá a remolque de Cataluña e o País Vasco.
Nas primeiras eleccións autonómicas, o nacionalismo volve a presentarse dividido. O Bloque Nacional Popular Galego en coalición cun PSG, xa sen Beiras, obtén 3 escanos e o 6 por cen dos votos. Isto foi considerado un éxito dada a ausencia de instrumentos institucionais e comunicativos cos que contaba o nacionalismo radical. Este consolidara unha división crónica con forzas como Galicia Ceibe que defendían a loita dende fóra do sistema e un claro independentismo. Algúns grupúsculos optaron pola loita armada seguindo a senda de Moncho Reboiras que fóra asasinado pola policía franquista. O BNPG mantívose firme na súa opción pacífica e favorable á participación nos procesos electorais. Pero o esforzo da coalición BNPG-PSG veríase frustrado cando os seus deputados foron expulsados do Parlamento galego por negárense a xurar a Constitución española de 1978.
O Partido Galeguista, con preto do 4 % dos votos non obtiña representación. Así pois, a única forza que quedaba activa no novo marco autonómico foi, na primeira lexislatura, Esquerda Galega, herdeira do Partido Obreiro Galego, co único deputado Camilo Nogueira e o 4 por cen dos votos, cunha tendencia a crecer contrastada en posteriores comicios de ámbito diverso.
As contradicións de UCD no proceso estatutario, daban paso a unha AP galeguizada vitoriosa e puñan de manifesto, segundo todos os analistas, que había espazo para un nacionalismo de centro. O primeiro intento xa o protagonizara a coalición Unidade Galega, que integraba ao Partido Galeguista e outras forzas máis á esquerda, cun importante apoio nas cidades nas primeiras eleccións municipais de 1979 con 6 concelleiros en Pontevedra, 5 en Santiago e Coruña e 3 en Vigo e Ferrol, chegando a acadar a alcaldía da Coruña. Con todo, esta coalición non foi duradeira. Na Xunta de Galiza, o binomio Albor-Xosé Luís Barreiro, coa achega dalgún conselleiro de vella militancia galeguista na II República como Xosé Filgueira Valverde á fronte de Cultura, parecían querer ocupar o espazo galeguista de centro ao fío do slogan electoral Galegos coma ti.[25] As eleccións municipais de 1983 cunha recentemente nada Coalición Galega colocada en terceira posición con 858 concelleiros a moi pouca distancia do PSOE, anunciaba que isto non era posible.
Nas eleccións autonómicas de 1985, Coalición Galega estreábase como partido brillantemente co 13 por cen dos votos e 11 escanos, freaba o crecemento da dereita española en Galiza e convertíase en chave. Os seus deputados non estiveron a altura e, incapaces de resistir a presión das forzas estatais, caeron en divisións e subdivisións ata aceptar o desembarco do líder real de Alianza Popular en Galiza, Xosé Luís Barreiro Rivas, tras o seu intento de derrocar dende dentro da Xunta de Galiza a Fernández Albor.
Nacería un goberno autonómico tripartito con dous partidos nacionalistas: Coalición Galega (agora en mans de Barreiro Rivas) e o Partido Nacionalista Galego, PNG, ineficazmente dirixido polo que fora candidato de Coalición Galega Pablo González Mariñas. A Presidencia da Xunta era para o PSdeG, nun momento en que este propiciaba a reconversión industrial, as cotas lácteas, a rebaixa autonómica da LOAPA, os recortes na frota e un recurso de inconstitucionalidade contra a lei de normalización lingüística aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza. Tales peripecias serían castigadas electoralmente nos comicios autonómicos de 1989.
Neles o Bloque Nacionalista Galego, xa claramente proclive ao traballo institucional, iniciaba unha carreira ascendente que parecía imparable elección tras elección, ocupando espazos de centro esquerda da man de Beiras. O nacionalismo democrático perdera 10 anos de historia na súa automarxinación, pero acabaría sendo a segunda forza política en Galiza e a máis clara oposición nos repetidos mandatos de Fraga. Este aupábase ao Goberno de Galiza tras unha axustada vitoria da súa coalición (PP-CdG), onde se incorporaban sectores descontentos de Coalición Galega a través dunha nova forza galeguista de centrodereita Centristas de Galicia, cuxo líder Victorino Núñez, Presidente da Deputación de Ourense, pasaría a ser o Presidente do Parlamento de Galiza.
O Bloque Nacionalista Galego, posicionado nunha esquerda moderada, coñeceu un considerable aumento dos votos nos anos recentes, chegando incluso a ser, con Xosé Manuel Beiras, a segunda forza política de Galiza, por diante do Partido Socialista de Galicia. O seu teito electoral acadouno nas eleccións autonómicas de 1997 nas que obtivo máis de 395.000 votos e unha porcentaxe do 25 %, obtendo 18 deputados. Chegou, así mesmo, tras os comicios municipais de 1999, a contar coas alcaldías de cidades como Vigo (con Lois Pérez Castrillo), Pontevedra e Ferrol. Contou ademais cun eurodeputado, tres parlamentarios no Congreso e un senador de designación autonómica.
Cambio de século e experiencia de goberno
Pero o cambio de século marca unha lenta caída. Nas eleccións galegas do 2005, pasou xa a ser a terceira forza política con 13 deputados, a mesma representación que obtivera doce anos antes (1993).
Nas eleccións municipais de maio de 2007, o BNG acada o 19,19 por cen dos sufraxios. Cunha mensaxe rural, lonxe da imaxe rebelde e intelectual dos anos noventa, agudiza a súa continua caída nas cidades que compensa con contundentes vitorias en vilas medias como Monforte de Lemos, Arzúa, Carballo, Bueu, Teo ou O Porriño disputando espazos sociais que eran no pasado recente couto do Partido Popular de Manuel Fraga Iribarne. O abandono por parte do Partido Popular da súa tradicional retórica galeguista e rural, fai que o BNG ocupe espazos que amortecen a fuxida do voto urbano e xuvenil que o caracterizou.
Na opción de centro presentouse Terra Galega que conseguiu superar a barreira do 2 por cento e algúns éxitos moi localizados. O recentemente refundado por segunda vez Partido Galeguista, perdidas as súas raizames históricas, colleitou un claro fracaso.
O nacionalismo galego ten experimentado un notable crecemento nos anos recentes, pasando o voto nacionalista dun 9% a máis dun 25% a finais dos anos noventa. Apareceron moitas organizacións xuvenís que apoian o independentismo galego, e, malia seren moi numerosas, carecen de éxito e poder político real. Entre estas, a máis forte é a Frente Popular Galega. Pola súa banda, Nós-Unidade Popular ten organizado campañas para o retiro dos restos da simboloxía do réxime franquista que aínda quedan en Galiza.
O nacionalismo galego de esquerdas acadou un fito histórico tralas eleccións autonómicas do 2005. Por primeira vez, malia ter experimentado un descenso dos votos e de escanos, un partido nacionalista galego de esquerdas, o BNG, logrou formar parte do goberno, ocupando o seu dirixente Anxo Quintana o cargo de vicepresidente da Xunta de Galiza e as consellarías de Medio Rural, Innovación e Industria, Cultura e Vivenda[26]. Así, o BNG obtivo a vicepresidencia, que aprobou importantes proxectos para o galeguismo, como son a creación dunha rede de galescolas ou as festas dos maiores[27]; a Consellería de Cultura e Deporte, que realizou a completa reactivación da selección galega de fútbol, que pasou polo seu "bautismo de lume" nun partido amigábel contra a selección do Uruguai o sábado 29 de decembro de 2005[28], sendo o resultado 3 - 2 a prol de Galiza. Ademais asumiu a Consellería de Medio Rural que tivo que loitar contra a vaga de incendios forestais de 2006 e redactou o proxecto da Lei 7/2007, de 21 de maio do banco de terras, e a Consellería de Innovación e Industria, que legalizou globalmente as minas ilegais mediante a disposición final da Lei 3/2008, de 23 de maio, de ordenación da minería de Galiza e impulsou un concurso eólico que supuña a instalación a medio prazo de 6 000 megawatios máis ao longo de todo o territorio nacional. Finalmente a Consellería de Vivenda e Solo, sen competencias urbanísticas, que licitou a ampliación de determinados parques empresariais[29] e suprimiu a bolsa de alugueiro.
Tras a XIII Asemblea Nacional do BNG, abandonaron esa forza política varios sectores. Os centristas constituíron un novo partido Compromiso por Galicia. Mentres que pola esquerda o Encontro Irmandiño de Xosé Manuel Beiras configurou o 14 de xullo de 2012 ANOVA-Irmandade Nacionalista. Esta forza integrou á Fronte Popular Galega na liña de recuperar un discurso soberanista, ecoloxista e en conexión coa indignacion social derivada da crise económica. Seguindo esta orientación coaligouse con Esquerda Unida colleitando un éxito electoral no seu primeiro ensaio nas eleccións autonómicas do 2012. A coalición nacionalista e de esquerdas denominouse Alternativa Galega de Esquerda e acadou preto do 14% dos votos (máis de 200.000) e 9 deputados, desbancou ao PSOE da segunda praza no voto das urbes e deixou ao BNG nunha cuarta posición no ámbito nacional con 146 000 votos e 7 deputados.
Compromiso por Galicia acadou 14 586 votos.
A XIV Asemblea Nacional do BNG elixiu co 95% dos votos ao catedrático de Economía Aplicada Xavier Vence portavoz nacional en substitución de Guillerme Vázquez.
Nas eleccións xerais do 20 de decembro de 2015 Anova integrouse na candidatura de En Marea que acadou con 6 deputados, 408 370 votos e o 25,04% dos votos a segunda posición e se presentara coa arela de acadar grupo parlamentario propio. As forzas estatais opóñense a esa pretensión cunha lectura restritiva do regulamento do Congreso.
Reforma do estatuto e dereito a decidir
Coa reforma do estatuto de autonomía, o BNG tentaba acadar maiores cotas de autogoberno en materias como a Pesca, a Xustiza, Policía autonómica, as concas fluviais, asistencia social da inmigración, a ordenación do litoral, medio ambiente, industria, a administración local (baleirando de contido as Deputacións) ou o idioma galego, equiparando o seu status xurídico ao castelán[30].
Propoñen, así mesmo, incorporar unha lista de dereitos cívicos consonte as novas tendencias sociais e un modelo de financiamento autonómico que reverta en Galicia o valor engadido xerado polos seus sectores produtivos.
Para eles tiña especial transcendencia introducir no preámbulo unha mención a Galiza como nación. O PSdeG, a través do presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, avogou pola introdución do termo "nación común dos galegos" inspirada no Himno galego que fai mención á Nazón de Breogán. Aínda así, era difícil que fora incluído debido á necesidade normativa de contar cos votos do PP para sacar adiante a reforma[31]. Unha comisión parlamentaria formada por todos os grupos da Cámara galega elaborou en 2008 un texto case completo, pero Alberto Núñez Feijóo, o líder da oposición, abortou a tentativa.
Actualmente, a reivindicación da reforma do estatuto foi substituída por unha volta ao soberanismo mediante a reclamación do dereito a decidir[32], seguindo as pasadas do proceso catalán.
Partidos políticos e organizacións nacionalistas
Partidos políticos
Anova - Irmandade Nacionalista: Creado en 2012, é un partido de ideoloxía independentista galega, anticapitalista, republicana e antiimperialista con escanos no parlamento galego.[33]
Encontro Irmandiño: partido escindido do BNG en 2012 de ideoloxía esquerdista, altermundista e asamblearía liderado por Xosé Manuel Beiras.
Frente Popular Galega: organización situada ideoloxicamente no socialismo e no independentismo. Formado en 1987 polo PCLN (Partido Comunista de Liberación Nacional) e Galiza Ceive-OLN xunto con outras organizacións menores de carácter local como os Colectivos Nacionalistas de Trasancos e Vigo, Grupos Independentistas Galegos de Compostela e o colectivo Iskeiro de Ferrol. A súa acción política guíase polos principios de: independencia nacional, socialismo, anticolonialismo, democracia popular, anti-imperialismo, solidariedade internacionalista e auto-organización. Os seus persoeiros máis destacados son Xosé Luís Méndez Ferrín e Mariano Abalo (portavoz nacional).
Asemblea Nacional Popular Galega: creouse en 1975 impulsada pola UPG como unha organización suprapartidaria que canalizase a loita pola autodeterminación de Galiza.
Bloque Nacionalista Galego: fronte plural de esquerda transformadora con presenza no Parlamento galego, e en case todos os concellos galegos. Foi fundado o 26 de setembro de 1982 coa unión de varias forzas políticas nacionalistas. A súa Portavoz Nacional é actualmente Ana Pontón. Dentro del conviven varios partidos nacionalistas:
Unidade Galega: refundación de Esquerda Galega intégrase da man de Camilo Nogueira no BNG en 1994 e en 2003 autodisólvese como partido político, converténdose nunha corrente de opinión. Anteriormente este foi o nome dunha coalición creada en xaneiro de 1979 e integrada polo Partido Galeguista, Partido Obreiro Galego e Partido Socialista Galego.
Unión do Povo Galego: partido autodefinido como "comunista patriótico, porque asume a loita de liberación *nacional". Ten 1.300 militantes e o seu voceiro dende 1965 é Terra e Tempo. O seu presidente dende 1977 é Bautista Álvarez e o seu secretario xeral Francisco Rodríguez, parlamentario no Congreso dos Deputados por terceira lexislatura consecutiva.
Coalición Galega: fundada por Euloxio Gómez Franqueira, colleitou importantes éxitos en diversas eleccións locais e nas eleccións autonómicas de 1985 con Pablo González Mariñas como candidato á Presidencia da Xunta. Tivo un deputado no Congreso (Senén Bernárdez Álvarez). Vítima de sucesivas escisións, acabou en mans do ex-dirixente de Alianza Popular Xosé Luís Barreiro Rivas, que a conduciu, tras pasar polo goberno tripartito onde ostentou a Vicepresidencia, á súa práctica desaparición.
Partido Galeguista: partido de centro que se autodefine como herdeiro do Partido Galeguista de 1931 constituído no ano 2004 con Manuel Soto como secretario xeral e Xabier González como presidente. Autodefínense como a opción política galeguista e dos galeguistas, é dicir: nacionalista, democrática, liberal e europeísta.
Centristas de Galicia: escisión de Coalición Galega, gobernou a Deputación de Ourense e se coaligou con Fraga Iribarne en 1989, facéndose coa Presidencia do Parlamento (Victorino Núñez) e a Consellería de Cultura (Daniel Barata Quintas), hoxe é un grupo de presión de ámbito ourensá dentro do PP. Un ex-dirixente sería tamén Conselleiro de Emigración, Cooperación Exterior e Inmigración no derradeiro goberno Fraga (Aurelio Miras Portugal)
Galicia Ceibe: nada na transición do Partido Galego do Proletariado, foi unha escisión da UPG, que tiña como figura carismática a Xosé Luís Méndez Ferrín, partidario dunha acción directa independentista sen concesións de ningunha caste coa reforma democrática do post-franquismo.
Partido Galego: Nado en 2020, de corte centrista-galeguista, é un partido galeguista e europeísta que se move entre os postulados do centro político e o europeísmo e que apira a unha representación transversal do galeguismo pretendendo aglutinar a todo o nacionalismo situado á dereita do BNG.
Ceivar: colectivo de esquerdas que avoga pola liberación dos presos vinculados ó independentismo galego de esquerdas. Autodefínense como un "organismo popular antirepresivo".
Que Voltem Á Casa: colectivo de familiares e amigos dos presos independentistas. Busca defender os dereitos dos ditos presos e oponse á dispersión.[35]
Erguer. Estudantes da Galiza: organización estudantil galega nada en 2016 cuxo obxectivo é acadar un ensino galego, público, de calidade, democrático e non heteropatriarcal. Toma de referencia ao BNG. Aglutinou a outras organizacións de estudantes:
Unha nación é soberán e ten dereito a organizarse autonomicamente, sen máis límites que os derivados do respeito ao dereito igoal das demais nacionalidades. A nación ten dereito a federarse con outras e a separarse da federación cando lle conviñer. Unha nacionalidade, pois, ten dereito, incluso, a constituírse en Estado independente.
Nota: As formas de nacionalismo baseado principalmente no grupo étnico están recollidos enriba. Isto non implica que tódolos nacionalistas do grupo étnico subscriban esa forma de nacionalismo étnico.