O Bloque Nacional Popular Galego (BNPG ou BN-PG) foi unha organización e coalición electoral constituída en abril de 1977 pola Unión do Povo Galego e a Asemblea Nacional-Popular Galega. Opúxose ao proceso autonómico e tiña como obxectivos a obtención da soberanía para Galiza.[1]
Historia
Presentouse como agrupación de electores ás eleccións xerais de 1977 defendendo como programa as Bases constitucionais para a participación da nación galega nun pacto federal e de goberno provisorio galego redactadas en 1976 polo Consello de Forzas Políticas Galegas como alternativa nacionalista ao proceso autonómico. O BNPG obtivo 23 167 votos, un 2% do total, non conseguindo representación Congreso. Nas eleccións xerais de 1979 acadou os 63 747 votos, un 5,87% do total. Nas eleccións municipais de 1979 o BNPG presentou candidaturas en 164 concellos, obtendo 70 355 votos (7,18%) o que lle supuxo 258 concelleiros e 9 alcaldes. No referendo do Estatuto de 1980 solicitou o voto en contra. Nas eleccións autonómicas de 1981 formou unha coalición co Partido Socialista Galego, conseguindo, baixo as siglas BNPG-PSG, 61 870 votos (6,27%) e tres deputados no parlamento galego. Dous deles polo BNPG, Bautista Álvarez Domínguez e Lois Diéguez Vázquez, e un terceiro polo PSG, Claudio López Garrido. Porén, estes serán expulsados ao se negar a xurar a Constitución Española e o Estatuto de autonomía.[2] Neste contexto, comezou a haber conflitos internos que learon á realización dunha asemblea en setembro de 1982 que transformou ó BNPG no Bloque Nacionalista Galego (BNG). A primeira convocatoria electoral á que concorreron foron as eleccións xerais do seguinte mes de outubro, nas que obtivo un moi mal resultado con 38 615 votos (2,98%).
Os resultados electorais do bloque variaron ao longo dos anos. Nas primeiras eleccións o resultado foi peor do previsto, pero o mal resultado non provocou ningunha crise interna no bloque, xa que estaba máis centrado na protesta na rúa e nas loitas obreiras e campesiñas que na política electoral. En 1979 houbo eleccións tanto locais como xerais, co BN-PG acadando mellores resultados, e estabilizándose nun 6-7% dos votos ata as xerais de 1982, nas que a fronte perdeu numerosos votos ante o PSOE de Felipe González.