A Mocidade Nacionalista Galega (MNG), constituída o 13 de novembro de 2010[2] na cidade de Santiago de Compostela como o referente xuvenil de Máis Galiza, é unha organización xuvenil que estivo integrada no seo de Galiza Nova (Bloque Nacionalista Galego) ata o 10 de marzo de 2012[3]. Na actualidade é o referente xuvenil de Compromiso por Galicia.
Como organización política da mocidade galega, a MNG defende o dereito de Galiza a definirse e decidir o seu futuro libre e soberanamente co fin de acadar a súa autodeterminación.[Cómpre referencia]
A Mocidade Nacionalista Galega é herdeira política directa da Mocidade Socialista Galega e da súa política de ampliación de horizontes políticos encarnada na plataforma 'Entre tod@s, Galiza Nova'[4] destinada á XI Asemblea Nacional das mocidades do BNG e no proceso 'Máis Mocidade'[5] que derivou na fundación da propia MNG. A Mocidade Socialista Galega autodisolveuse o propio día 13 de novembro na MNG[Cómpre referencia].
Ideoloxía
A MNG é unha organización política xuvenil progresista, cun carácter socialdemócrata e republicano. Os seus principios ideolóxicos básicos son o nacionalismo cívico galego, a socialdemocracia, a autodeterminación cara a consecución dun Estado propio, o republicanismo e a democracia participativa, o europeísmo (a Europa dos pobos), a defensa da lingua galega, ecoloxismo, laicismo e feminismo, entre outros.
Organización
Consello Político Nacional
O Consello Político Nacional é o máximo órgano decisorio entre Asembleas Nacionais , formado por 12 persoas escollidas na Asemblea Nacional mediante listas abertas, a persoa que ostente a Secretaría Xeral e os representantes das comarcas.[6] Ten forte presenza no ámbito universitario onde parte da súa militancia promove a constitución do Movemento Estudantil Universitario (MEU), mentres que outras persoas participan na ruptura dos Comités Abertos de Facultade e forman parte da Liga Estudantil Universitaria.
Executiva Nacional
A Executiva Nacional é o órgano que ostenta a dirección e xestión diaria da organización. Está composta por 6 persoas, escollidas de entre os membros electos do Consello Político Nacional, e a persoa que sotente a Secretaría Xeral. Esta executiva é ratificada pola afiliación da organización na Asemblea Nacional.
A Executiva Nacional actual, escollida na II Asemblea Nacional celebrada en Santiago de Compostela o 20 de setembro de 2014, está conformada do seguinte xeito:
- Secretaría Xeral: Ángel Sánchez Tallón
- Secretaría de Organización: Paula Carballo Blanco
- Secretaría de Finanzas: Rocío López Pacio
- Secretaría de Relacións Internacionais: Estevo Sánchez Gálvez
- Secretaría de Comunicación: Alexandre Fernández
- Secretaría de Igualdade: Antía Rodríguez Neira
- Secretaría de Formación: Alberte Villamarín Rodríguez
Galiza Nova
Ata marzo de 2012 a Mocidade Nacionalista Galega participou en Galiza Nova, xuventudes do BNG. Ostentou internamente a representación obtida na XI Asemblea Nacional, celebrada o 24 e 25 de outubro de 2009 en Santiago de Compostela, pola Plataforma Entre tod@s, Galiza Nova[7][8], encabezada por Ínhigo Ansotegui e acadando o 20% dos votos e cinco membros na Dirección Nacional e dous na Comisión Permanente[9] que ostentan as responsabilidades de Institucional e Asociacionismo. A súa proposta política foi a de acadar unha Galiza Nova máis combativa, plural e operativa, baixo a premisa de apertura do nacionalismo galego á sociedade.
En Compromiso por Galicia
A partir da I Asemblea Nacional recoñece como único referente político e ideolóxico a Compromiso por Galicia, e ós seus principios de socialdemocracia, progresismo, galeguismo e reformismo.
Coa formación de CxG Balbina Gándara Antelo foi elixida secretaria xeral dimitindo un ano despois. Neste período numerosos membros das Xuventudes Socialistas de Galicia, xuventudes do PSdeG téñense sumado a MNG, ó igual que outros mozos independentes e galeguistas.
Logo da dimisión de Balbina Gándara, o secretario xeral é Pablo Tortajada Bermúdez antigo secretario de organización.
Neste novo período a MNG rompeu cos principios defendidos por Galiza Nova, sobre o comunismo e independentismo e preferiu relacionarse con Euzco Gaztedi Indarra (EGI), mocidades do PNV e a Joventut Nacionalista de Catalunya (JNC), mocidades de Convergència Democrática de Catalunya, dunha sensibilidade máis centrista e moderada, participando por exemplo no EGI eguna. Tamén mantén estreitas relacións con Iratzarri, escisión de Aralar.
Actividades
A MNG trata de incidir no debate público non só participando da actividade de Galiza Nova e o BNG, senón con actividade e posicionamentos políticos propios.
Alén de participar con comitiva propia na manifestación nacional do Día da Patria e de xestionar un posto no Festigal, a MNG continuou desenvolvendo as Xornadas da Mocidade Galega que iniciara a MSG, realizándoas en dous ámbitos diferentes, a Universidade de Santiago de Compostela e no concello ourensán de Castrelo de Miño[10]. Nelas, baixo o título 'A nación 2.0', reflexionouse sobre a construción nacional no século XXI dando voz e presenza ao máis representativo do mundo social de Galicia con grande eco dos medios[11]. Tamén desenvolveu campañas referentes á cuestión sexo-afectiva, tanto no eido da educación sexual con actividades como 'Luces, cámaras... sexo!'[12] coma na defensa da pluralidade de opcións[13]. Tamén desenvolveu accións para reivindicar a normalización dos equipos deportivos nacionais coa campaña 'Mételle un gol a Feijoo'[14]. Entre as súas actividades, tamén están as de formación, coma 'Tempos de Traballo'[15] ou a participación nun debate coas mocidades do Partido Popular[16].
A Mocidade Nacionalista Galega fai parte, así mesmo, da Plataforma contra a Lei de Augas sendo a única organización do ámbito BNG que deu ese paso[17].
Ademais, a MNG ten feito numerosos posicionamentos públicos sobre diversas temáticas decidida a incidir no debate político. Neles, ten apostado pola renovación doutrinal do nacionalismo[18], a defensa da cultura galega[19], o apoio ao pobo palestino[20] ou en favor dunha converxencia de esquerdas nas eleccións ao Senado[21].
Referentes internacionais
Entre os seus referentes estatais e internacionais están as Joventuts Nacionalista de Catalunya, organización ligada a Converxencia Democrática de Cataluña, Euzko Gaztedi Indarra, xuventudes do Partido Nacionalista Vasco (PNV)e a Jóvenes Nacionalistas Canarios de Coalición Canaria. Partidos cos que Compromiso por Galicia compartiu candidatura en Coalición por Europa.
Notas
- ↑ "Textos a debate na Asemblea Nacional Constituínte". Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2011. Consultado o 05 de setembro de 2011.
- ↑ "A MNG nace coa idea de ser a vangarda de Máis Galiza", 20 minutos (en castelán).
- ↑ "A Mocidade Nacionalista Galega decide abandonar Galiza Nova", Praza Pública, 10 de marzo de 2012.
- ↑ "Entre tod@s, Galiza Nova". Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2010. Consultado o 05 de setembro de 2011.
- ↑ "O proceso Máis Mocidade culminará o día 13 de novembro cunha Asemblea Nacional constituínte". Arquivado dende o orixinal o 16 de decembro de 2010. Consultado o 05 de setembro de 2011.
- ↑ Candidatura única à Executiva Nacional da MNG[Ligazón morta]
- ↑ "Páxina web da Plataforma Entre Tod@s, Galiza Nova". Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2010. Consultado o 05 de setembro de 2011.
- ↑ Posición política da Plataforma Entre Tod@s, Galiza Nova
- ↑ "Resultados da Plataforma da XI Asemblea Nacional de Galiza Nova". Arquivado dende o orixinal o 10 de xaneiro de 2010. Consultado o 05 de setembro de 2011.
- ↑ "En marcha as xornadas 2.0 da Mocidade Nacionalista Galega", Código Cero.
- ↑ "Beiras dice que "los terroristas más peligrosos están en el poder: Rajoy, Rouco, Rubalcaba..."", Público.
- ↑ A Mocidade Nacionalista Galega fala de sexo o mércores 16 en Compostela[Ligazón morta].
- ↑ Cadaquen ao seu xeito Arquivado 15 de novembro de 2011 en Wayback Machine..
- ↑ A Mocidade Nacionalista Galega inicia a campaña 'Mételle un gol a Feijoo'[Ligazón morta].
- ↑ A MNG organiza en Compostela a xornada de formación 'Tempos de Traballo'[Ligazón morta].
- ↑ A Mocidade Nacionalista Galega e Novas Xeracións debaten este luns[Ligazón morta].
- ↑ A manifestación nacional contra a lei de augas de Galiza[Ligazón morta].
- ↑ A Mocidade Nacionalista Galega é crítica coa postura de Galiza Nova de homenaxear a Pardo de Cela[Ligazón morta].
- ↑ A Mocidade Nacionalista Galega lanza un manifesto polo Día das Letras Galegas 2011 Arquivado 15 de novembro de 2011 en Wayback Machine..
- ↑ A MNG apoia a flotilla da liberdade[Ligazón morta].
- ↑ A Mocidade Nacionalista Galega apoia unha candidatura "galega e de esquerdas" para o Senado Arquivado 14 de novembro de 2011 en Wayback Machine..
|
---|
Partidos políticos | |
---|
Sindicatos | |
---|
Organizacións armadas | |
---|
Asociacións xuvenís e de estudantes | |
---|
Movementos sociais | |
---|