O nacionalismo lezguio é un movemento político nacionalista que afirma que os lezguios son unha nación e defende a unidade do pobo lezguio, no presente dividido entre Rusia e Acerbaixán.
O nacionalismo lezguio ten connotacións irredentistas e persegue a creación do Lezguistán, unha entidade política unificada creada nas áreas de maioría lezguia que se atopan na fronteira entre a república de Daguestán (en Rusia)[1] e Acerbaixán.
Historia
En xullo de 1990 creouse o Movemento Nacional Lezguio, "Sadval" (Unidade), na cidade de Derbent (Daguestán, daquela pertencente á Unión Soviética).[2] O movemento pedía a unificación do pobo lezguio porque se lles "negou a oportunidade de desenvolver a súa cultura" baixo o dominio soviético.
Sadval non atopou apoio en Acerbaixán, e ademais, foi acusado do atentado con bomba do 19 de marzo de 1994 no metro de Bakú durante o cal morreron 27 persoas.[3] Existe evidencia de que o Servizo Secreto de Armenia participou na creación de Sadval, achegando financiamento, adestramento e armamento aos seus militantes.[4]
Nota: As formas de nacionalismo baseado principalmente no grupo étnico están recollidos enriba. Isto non implica que tódolos nacionalistas do grupo étnico subscriban esa forma de nacionalismo étnico.