Realizou os estudos secundarios en Ourense, no Instituto do Posío (actual IES Otero Pedrayo de Ourense). Trasladouse a Santiago de Compostela onde iniciou a carreira de Dereito, que continuou na Universidade de Zaragoza e concluíu en Madrid. En 1924 gañou a oposición de maxistrado, converténdose en xuíz de instrución en Pobra de Seabra (1926-1927), O Barco de Valdeorras (1927-1933), Vilalba (1933-1941) e A Coruña (1941-1943). Foi ascendido a maxistrado, e exerceu na Audiencia de Ourense, mais o 27 de abril de 1944 pediu a excedencia para exercer como avogado na Coruña. Porén, entre 1969 e 1970 volveu á carreira xudicial na Audiencia de Xirona para poder acollerse aos dereitos pasivos que lle correspondían[1].
De novo colaborou en La Centuria, na prensa de Zaragoza (cando estudaba alí) e en El Pensamiento Astorgano de Astorga (de onde era o seu tío), e entre 1919 e 1923 escribiu en La Esfera de Madrid. En 1917 deu unha conferencia sobre Rosalía de Castro en Zaragoza, e escribiu unha obra de teatro con José Camón Aznar. En 1943 publicou a novela La tanza negra. Ejemplo y agonía del juez Oria, en certa medida autobiográfica, na que se fala do seu papel como xuíz durante a guerra civil española e a posguerra.
Fundou e dirixiu o Ateneo de Lugo. En 1944 foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega, ingresando en 1953 como membro de número co discurso O sentimento da Xustiza na literatura galega, respondido por Manuel Banet[2]. En 1955 participou na fundación da Agrupación Folklórica Aturuxo, e dirixiu a coral polifónica El Eco da Coruña.
Foi o sexto presidente da Academia, posto que exerceu na clandestinidade entre 1960 e 1977. Durante a súa presidencia celebrouse por primeira vez o Día das Letras Galegas.[3]