Francisca Herrera Garrido

Modelo:BiografíaFrancisca Herrera Garrido

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento6 de marzo de 1869 Editar o valor en Wikidata
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Morte5 de novembro de 1950 Editar o valor en Wikidata (81 anos)
Provincia da Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturacemiterio de Santo Amaro da Coruña Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritora, poetisa, novelista Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoPoesía, novela
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Galiciana: 20595 BNE: XX1053939 BUSC: herrera-garrido-francisca-1869-1950
Día das Letras Galegas de 1987

Francisca Herrera Garrido, nada na Coruña o 6 de marzo de 1869 e finada na mesma cidade o 4 de novembro de 1950,[1] foi unha escritora galega, primeira muller elixida académica na Real Academia Galega. En 1987 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.[2]

Traxectoria

Nada na rúa do Príncipe, nunha familia da alta burguesía coruñesa. Foi filla de Manuel Herrera Hernández e Josefa Garrido Matos, filla esta de Andrés Garrido, un banqueiro local. Viviu na súa cidade natal até agosto de 1909, cando marchou cunha irmá a Madrid, volvendo no verán e no Nadal a Galicia, concretamente en Oleiros ata que no transcurso da guerra civil española volveu definitivamente á Coruña.

Foi sempre fondamente relixiosa e conservadora, destacando nos seus ataques ás mulleres feministas que loitaban por conseguir o sufraxio feminino. Igualmente, nos seus textos deixa claras as diferenzas de deberes e dereitos entre señores e campesiños.

Veciña, alumna e amiga de Rosalía de Castro, foi unha escritora autodidacta aínda que segue o estilo literario daquela. Escribiu case toda a súa obra en galego así como algunhas novelas en castelán (Pepiña, Réproba e Familia de lobos) e a súa temática céntrase no ruralismo, a muller como nai, e a renuncia feminina. A súa obra amosa unha gran riqueza lingüística, cun galego rico e coidado.[3]

Foi a primeira muller en ser nomeada membro numerario da Real Academia Galega, o 4 de marzo de 1945, ocupando o lugar de Lisardo Rodríguez Barreiro, que morrera en 1943. Non chegou a ler o seu discurso de ingreso, sobre Rosalía e os poetas da raza, polo atraso inexplicable do presidente da Academia en mandarllo ao académico Antonio Couceiro Freijomil, para que redactase a resposta, e a demora deste para entregala na Academia, cousa que non fixo ata o 28 de febreiro de 1949.[4]

Obra

Placa na súa casa.
  • Sorrisas e bágoas (poemario en galego; Madrid, 1913).
  • Almas de muller... ¡volallas n'a luz! (poemario en galego; A Coruña, 1915).
  • Frores do noso paxareco (poemario en galego; ¡Terra a Nosa! nº 11, A Coruña, 1919).
  • Néveda (novela en galego, 1920). Despois incluída na Biblioteca de Autores Galegos e na Biblioteca das Letras Galegas.[5]
  • "A muller galega" (ensaio; Nós, 15 de agosto de 1921; escrito en Oleiros o 28 de marzo de 1916).[6]
  • A ialma de Mingos (novela en galego; Editorial Céltiga, 1922).
  • Pepiña (novela en castelán, Editorial Marineda, Madrid, 1922).
  • Martes de Antroido (novela en galego; Lar, 1925; portada de Camilo Díaz).
  • Réproba (novela en castelán, 1925).
  • A neta de naipera (novela en galego; Nós, 1925).
  • Familia de lobos: la novela del obrero (novela en castelán, 1928).
  • Obra en galego (2024). Ed. Trea. Edición de Camiño Noia Campos. 1008 páxs. ISBN 978–84-09–64397‑4.[7]

Galería de imaxes

Notas

  1. Couceiro Freijomil 1952, p. 221.
  2. "Figuras homenaxeadas". Real Academia Galega. Consultado o 28/2/2019. 
  3. Carballo Calero 1975, p. 494-495.
  4. Herrera Garrido, Francisca (2006). Rosalía de Castro. A Coruña: Real Academia Galega. 
  5. Vilavedra 2000, p. 326.
  6. Blanco 1986.
  7. "Francisca Herrera y Garrido. Obra en galego". Ediciones Trea (en castelán). Consultado o 2024-11-07. 
  8. Vida Gallega, 25/11/1920, p. 22

Véxase tamén

Bibliografía

Vídeos externos
Mulleres nas Letras: de onte a hoxe Deputación da Coruña

Outros artigos

Ligazóns externas