Traballou como funcionario na Deputación de Lugo. Foi redactor e despois director durante vinte anos de El Regional, dirixiu a efémera La Ilustración Gallega e tamén dirixiu o xornal La Provincia. Colaborou noutras publicacións como La Ilustración Artística, Revista de España, La Ilustración Ibérica.
Investigou a existencia humana en covas (como a cova do Rei Cintolo de Mondoñedo) nas fases interglaciares cuaternarias, seguindo a investigación de José Villaamil Castro. Cría na orixe céltica de castros e mámoas, e opinaba que "modernas investigacións antropológicas certifican a raza alpina o céltica en Galicia", afirmación contida en Historia de la provincia de Lugo (1918). Outras obras inclúen a Geografía General del Reino de Galicia, xunto con numerosos artigos en galego e castelán en diversos xornais e publicacións, usando nalgún momento o alcume de Manuel Molina Mera.[1]
Tamén ten obra literaria. Foi un dos primeiros escritores en escribir novelas en galego, ademais de publicar numerosos relatos n' O Tío Marcos da Portela e outras publicacións.