Foi un dos líderes do Grupo Antroido, a primeira compañía teatral galega profesional, e con ela realizou unha gran cantidade de funcións, desenvolvendo diferentes tarefas como director, escritor, actor e iluminador, ademais de moitas outras. Escribiu preto de 30 obras de teatro e recibiu numerosos premios e recoñecementos polo seu traballo, o premio Abrente, o premio Álvaro Cunqueiro, o Rafael Dieste, o Eixo Atlántico e o Tirso de Molina, entre outros. Tamén participou en diferentes filmes e series de televisión, tanto como actor coma actor de dobraxe, axudando a dar pulo ós comezos do audiovisual galego.
Roberto Vidal Bolaño naceu o 31 de xullo de 1950 no barrio compostelán de Vista Alegre. Viviu alí os seus primeiros anos co seu pai Roberto
Vidal Ríos, a súa nai Carmen Bolaño Sánchez e a súa irmá Carmen.[3]
Comeza os seus estudos na Escola da Troia e na Academia Ríos, na rúa do Franco, e despois continúa na Escola da Inmaculada onde se prepara como escribente administrativo. Logo pasa ó instituto da praza de Mazarelos e posteriormente ó Xelmírez pero non dá superado a reválida de sexto.[3]
Así é como ós doce anos ponse a traballar en Recambios Balsabas, unha empresa de recambios de automóbiles, e bota un ano levando os recados en bicicleta por toda a cidade. Despois dese traballo marcha para unha axencia de viaxes, Viaxes Cantabria, coas oficinas no desaparecido edificio Castromil, na praza de Galicia.[3]
A súa primeira experiencia no teatro foi con quince anos[3], cando estreou a súa obra O Xogadeiro, unha peza para nenos e nenas de pouco máis de dous minutos de duración que se representou no colexio dos Praceres (Lourizán). Na representación desta obra, cando dous actores levaban unha pesada pedra, o escenario afundiu co peso e provocou as risas de todo o público e o enfado das monxas que deixaran o local para a representación.
Fixo o Bacharelato polo nocturno, combinando os estudos co traballo como administrativo e como dependente porque quería entrar na Escuela Oficial de Cine de Madrid. Pero a Escuela Oficial de Cine pechou en 1975 co cal os seus devezos por entrar nela víronse truncados. Entra en contacto coa Agrupación Cultural O Galo e co grupo cinematográfico Reina Lupa, fundado por Euloxio R. Ruibal, a partir do cal xurdiu a compañía teatral Obradoiro de onde proviñan moitos dos seus membros. O grupo teatral Obradoiro desfíxose ó ter que ir Vidal Bolaño ó servizo militar obrigatorio en Melilla.[3]
En 1974, sendo empregado de banca, liderou a fundación do Grupo de Teatro Antroido xunto con Xaquín García Marcos.[3] A primeira actuación deste grupo foi a representación da obra Amor e crime de Juan el Pantera, de Eduardo Blanco Amor, en 1975, e na que Vidal Bolaño participa como protagonista.[3] Con esta compañía acudiu ás Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia (1973-1980), onde se deu a coñecer como dramaturgo e escenógrafo, isto último co pseudónimo de Julia Brens.
Debido a ser despedido en 1977 do Banco de Crédito Comercial no que traballaba, viuse na obriga de converter o Grupo Antroido na primeira compañía teatral galega profesional.[4] A primeira obra que poñen en escena de forma profesional é Laudamuco, señor de ningures. Foi en 1978 no colexio La Salle de Santiago de Compostela, acadaron un grande éxito de público e chegaron ás noventa representacións tanto dentro como fóra de Galicia. Despois destas representacións seguiron outras coma Entroido na rúa I, Entroido na rúa II, Xáxara, Peituda, Paniogas, Tarelo, o Rapaz e o Cachamón ou como trocar en rato pequecho ao meirande xigantón, Ruada das papas e o unto, Touporroutou da lúa e o sol e Romance dos figos de ouro.[3]
Vidal Bolaño adaptou diferentes textos de Xosé Luís Méndez Ferrín na obra Percival e con ela recibiu o premio Medalla de Oro Ciudad de Valladolid.[3]
En 1980 a compañía unifícase con Andrómeda, de Eduardo Alonso, dando lugar ao proxecto Teatro do Estaribel. Foi un dos primeiros directores que participaron do teatro institucional, levando ao taboado co Centro Dramático Galego en 1984 a obra da súa autoría Agasallo de sombras. En 1994 gañou o certame Camiño de Santiago coa obra As actas escuras. No ano 2001, representou, tamén co Centro Dramático Galego, a obra Rosalía que Ramón Otero Pedrayo escribiu en 1958. En 1991 creou a compañía Teatro do aquí, que dirixiu ata o seu pasamento.
Eu son un home... un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas.
Vidal Bolaño destacou como actor, director, escenógrafo e iluminador.
—Autor, director ou actor?
—Síntome un exemplar peculiar, xurdido do teatro independente, que aglutina todas esas funcións. Atópome máis a gusto como actor.
Contesta ou disparo. Fran Alonso.
Comezou como director de teatro no ano 1975 coa representación Amor e crimes de Xan o Panteira, de Eduardo Blanco Amor, na que tamén participou como actor. Este foi o comezo desta faceta que seguiría mantendo ó longo da súa vida, complementándoa coa publicación das súas propias obras.[4]
Teatro
A primeira obra teatral de Vidal Bolaño foi O Xogadeiro representada en 1965 no colexio Placeres de Marín. Esta peza escribiuna con apenas quince anos, era unha obra para nenos duns tres minutos de duración pero que non foi conservada.[7]
No ano 1971 entra no Equipo Lupa de Euloxio R. Ruibal e Félix Casado no que adquire un gran coñecemento da cultura popular galega e tamén sobre as súas representacións parateatrais.[4]
Despois da súa etapa no Equipo Lupa crea o grupo de teatro Antroido con Xaquín García Marcos e dirixe Amor e crimes de Xan o Panteira en 1975. Un ano despois, en 1976, presenta e dirixe a súa obra Laudamuco, señor de ningures coa que gaña o premio Abrente dese mesmo ano.[4]
En 1977 é despedido do seu traballo no Banco de Crédito Comercial e comeza un período de maior traballo no teatro. Sucédense neses anos espectáculos coma Memoria de mortos e ausentes (1978), Antroido na rúa (1978), Bailadela da morte ditosa (1980),[8]Ruada das papas e do unto (1981), Touporroutou da lúa e do sol (1982) ou Romance dos figos de ouro (1983). Pero nesta época destaca a representación, o 16 de maio de 1978, da súa obra Laudamuco, señor de ningures no Colexio La Salle de Santiago de Compostela e na que Vidal Bolaño traballa como actor protagonista sendo dirixido por Eduardo Alonso.[3][4]
Vidal Bolaño volve en 1983 a traballar cun texto doutro autor, Percival e outras historias de Xosé Luís Méndez Ferrín. Adapta esta obra en Percival, na que crea unha brillante dramaturxia e participa como actor protagonista e tamén coma director. Nesta representación Vidal Bolaño creou un espectáculo multidisciplinar no que participan actores reais combinados con marionetas e ambientado con música e proxeccións, acadando un certo éxito tanto en Galicia coma fóra do país. Este espectáculo conseguiu bastantes representacións e tamén non poucas críticas, tanto pola posta en escena coma pola súa liña política que Vidal Bolaño enfatizou coas súas achegas.[4]
No ano 1984, ano en que se crea o Centro Dramático Galego que foi amplamente impulsado por Vidal Bolaño, escribe e dirixe Agasallo de sombras que mostra unha visión profunda de Rosalía de Castro e da súa relación con Manuel Murguía.[4]
Despois dunha polémica por unhas declaracións súas sobre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (naquel entón dirixida por Víctor Manuel Vázquez Portomeñe), nas que dubidaba do seu interese real polo teatro galego como para que dirixiran o CDG, Vidal Bolaño foi apartado do organismo e a Xunta de Galicia vetou calquera colaboración coa institución á que axudara a crear. Así estreou Caprice des Dieux en 1985, un monólogo escrito e interpretado por el mesmo e no que fai unha crítica profunda do teatro galego. Esta obra tivo unha gran cantidade de representacións e tamén foi na que naceu a icona coa que será recoñecido, o nariz vermello de pallaso.[3][4]
Logo deste revés concentrou parte dos seus esforzos dos seguintes anos no eido audiovisual, sen deixar de lado o seu traballo no teatro. Desta época destácase a súa obra Cochos de 1986, pero tamén é salientable a súa dirección, xunto con John Easthman, da adaptación de Salomé de Oscar Wilde.[4]
E no ano 1991 obtén o Premio Álvaro Cunqueiro pola súa obra Saxo tenor, unha obra dramática con grandes raíces cinematográficas. Tamén participa neste ano cun pequeno papel na representación da obra A casa dos afogados de Miguel Anxo Fernán-Vello, encargándose ó mesmo tempo do deseño de luces.[9] Entre este ano e o da súa morte, no 2002, concéntrase a súa maior produción teatral tanto como dramaturgo coma director, actor, iluminador etc.[4]
Ó ano seguinte, 1992, coa súa obra Días sen gloria obtén o Premio Rafael Dieste e é finalista do Premio Nacional de Literatura. En 1993 dirixe Saxo tenor para a súa compañía Teatro do Aquí, un espectáculo que pode considerarse a primeira gran produción independente do teatro galego. No mesmo ano Quico Cadaval dirixe Días sen gloria que conta con Vidal Bolaño como protagonista.[4] E é o 12 de xaneiro de 1993 cando se estrea Saxo tenor no Teatro Colón da Coruña converténdose na obra máis cara, ata aquel momento, da Consellería de Cultura xa que supuxo un investimento de corenta millóns de pesetas. Esta obra acadou o primeiro Premio Compostela á mellor escenografía e ó mellor texto.[3]
En 1994 recibe o primeiro premio do certame Camiño de Santiago de Teatro Profesional pola obra As actas escuras, unha obra que xeraría gran polémica xa que preguntaba pola relación entre a ciencia e a relixión, e pola certeza das investigacións sobre o que realmente garda a tumba do Apóstolo. Esta obra quedou apartada dos escenarios ata quince anos despois en que foi representada, xa falecido Vidal Bolaño, coa dirección de Xulio Lago nun espectáculo para o CDG.[4]
Nos seguintes anos recibiu numerosos premios e recoñecementos polas súas obras e tamén polo seu traballo de dramaturgo como por exemplo en Anxeliños de 1997 que dirixiu, ademais de actuar el mesmo e encargarse da iluminación, e coa que gañou en 1998 os premios María Casares a mellor obra, mellor actor secundario e mellor texto orixinal, ou en 1999 coa montaxe da obra Xelmírez ou a gloria de Compostela de Daniel Cortezón, e de forma destacada por Rosalía de Ramón Otero Pedrayo no 2001 coa que tivo un grande éxito superando os 7.000 espectadores e chegando ás cincuenta representacións.[4][10][11]
No 2002 estréase Animaliños nunha montaxe na que Vidal Bolaño achega ademais do texto a dirección, o espazo escénico e a iluminación, sendo o seu derradeiro traballo no teatro, e co que gañou catro premios María Casares, o de mellor texto, o de mellor iluminación, o de mellor dirección e o de mellor espectáculo.[3][4]
A obra de Roberto Vidal Bolaño está marcada pola estética da derrota e a crítica da modernidade. Talvez influído por Ramón Otero Pedrayo, defende unha certa recuperación do popular. Cultivou igualmente, como Otero, o teatro histórico, arredor da figura de Rosalía de Castro, obras que constitúen verdadeiros ensaios sobre a vida e obra da poeta galega máis universal. Porén, unha das súas maiores influencias foi o teatro de Ramón María del Valle-Inclán, a quen menciona varias veces ao longo da súa obra.
Se algún dos membros das Irmandades da Fala coñecese hoxe a situación do teatro galego, podería chegar ao orgasmo. Porque están satisfeitas, en moitos aspectos con creces, as cousas que eles soñaban.
O público (en relación á "escrita dramática" e á "escrita escénica") [...] obxecto do discurso, caixa de resonancia ou rego farturento no que tanto unha escrita coma a outra se han reflectir ou da que han ser reflexo para ser e saberse vivas. [...]
”
—Vidal Bolaño, Perspectivas do teatro galego actual (2002).
Becerra, Vilariño e Abuín (2002). Roberto Vidal Bolaño, escritor escénico: estudios críticos seguidos da comedia "Anxeliños". Tris Tram. ISBN84-89377-37-5.