Doentes é unha longametraxe galega de ficción, producida en 2011 con dirección de Gustavo Balza. Está baseada na obra de teatro Doentes, de Roberto Vidal Bolaño. O filme estreouse en Galicia o 20 de maio de 2011. Foi unha das grandes vencedoras dos Premios Mestre Mateo 2011 (entregados no 2012), gañando cinco galardóns, incluíndo mellor longametraxe de ficción e mellor interpretación masculina protagonista Antonio Durán "Morris".
O filme estreouse en galego en cinco salas comerciais: Filmax na Coruña, Multicines Centro en Lugo, Cines Compostela en Santiago de Compostela, cines Praza Elíptica en Vigo e Multicines Gran Arousa en Vilagarcía de Arousa.[1]
Trama
Santiago de Compostela, década de 1950. Os enfermos acollidos no Hostal dos Reis Católicos son botados á rúa, dado que pecha como hospital e pasa a ser un hotel de luxo, para albergar persoeiros estranxeiros, como o presidente dos Estados Unidos de América, Dwight D. Eisenhower, quen visitou a cidade pouco despois.
Don Valeriano e Cañete comezan unha peregrinación na procura dun lugar onde pasar a noite, e descobren que a policía está a apresar xente porque ao día seguinte estarán de visita Francisco Franco e mais a súa muller, Carmen Polo. Don Valeriano leva unha talla en madeira de San Serapio para lla dar a Carmen Polo, mais hai un trasacordo co intermediario e finalmente levan a figura canda a eles toda a noite.
Pasan a noite perseguidos por membros dun requeté de falanxistas, que os acusan de roxos.
Ambos os dous son pais de membros da loita antifranquista, e Cañete prometéralle ao seu fillo, xa morto, que procuraría matar o xeneralísimo. Don Valeriano pide axuda a membros do Partido Comunista na clandestinidade, mais estes optan pola loita política no canto da militar porque obedece mellor aos fins da súa loita. Pensan en falar con xente do Partido Galeguista, pero din que están máis pendentes da loita literaria.
Tras unha falcatruada, mexar por riba dun municipal, son levados a comisaría, mais déixanos ceibes por falta de espazo. Finalmente os requetés danlle unha malleira a Cañete, e Don Valeriano intenta matar a Franco pola súa conta.
Elenco
Galardóns e nomeamentos
- 2011: Festival de Málaga: Sección oficial - Longametraxes a concurso.
- 2011: Seleccionada para participar na 33ª edición do Festival Internacional de Cine de Moscova, na sección 'Focus on Spain'.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas