O que arde é un filme dramático galego de 2019 dirixido por Óliver Laxe e coescrito por Laxe e Santiago Fillol.[5] Está ambientado na Galicia rural e aborda a problemática da desaparición do rural[6] e dos lumes forestais.[7] O elenco está composto por actores non profesionais[6] da zona da serra dos Ancares, e está protagonizado por Amador Arias no papel de Amador Coro, un pirómano que sae do cárcere logo de ser condenado como o responsable dun incendio, e Benedicta Sánchez no papel de Benedicta, a súa nai.
Estreouse na sección "Un Certain Regard" do Festival Internacional de Cinema de Cannes de 2019,[8] onde gañou o premio do Xurado,[9] sendo a terceira vez que un filme de Laxe participa no concurso do certame francés e a primeira que un filme en galego é proxectado na sección oficial.[10] É o filme en galego con maior recadación e o máis visto da historia,[11] con máis de 104.000 espectadores nos cinemas logo da súa estrea, e máis de 565.214,33 € recadados,[4] superando a Sempre Xonxa de Chano Piñeiro (1989).[12]
A historia desenvólvese nos Ancareslucenses e conta a historia de Amador Coro (interpretado por Amador Arias), un veciño pirómano que sae do cárcere e regresa á súa casa, coa súa nai Benedicta (intepretada por Benedicta Sánchez), a súa cadela Luna e as súas vacas. As súas vidas transcorren con normalidade no medio da natureza da súa aldea até que un día un lume arrasa a rexión.
En maio de 2017, logo de que Óliver Laxe recibise o Premio da Semana da Crítica de Cannes por Mimosas, deuse a coñecer cal sería o seu seguinte proxecto cinematográfico.[6] O filme está motivado polos moitos incendios ocorridos durante varios anos en Galicia.[13] Nas primeiras fases do proxecto, o filme recibiu o título provisional de "Aquilo que arde".[14] A idea orixinal era a de crear un falso documental sobre os incendios,[6] mais o proxecto evolucionou a un filme de ficción. Trátase dunha coprodución entre Galicia, Francia e Luxemburgo,[15] onde os incendios e a piromanía teñen unha grande importancia para o argumento e os personaxes, mais segundo o propio director é en realidade un filme sobre a desaparición do rural, que moitas veces é acelerado polos lumes.[6] O equipo de produción do filme comezou a buscar actores non profesionais en Navia de Suarna e escolleron a Amador Arias, garda forestal de profesión, e a Benedicta Sánchez, unha muller de 83 anos no momento da rodaxe, como protagonistas.[6]
Rodaxe
O filme comezou a rodaxe en marzo de 2018, e entre as súas localizacións están varios lugares dos concellos lucenses de Cervantes e Navia de Suarna. O verán dese ano foi un dos que menos incendios sufriu na historia recente de Galicia,[16] en contraposición coa vaga de incendios forestais de 2017.
Para poder gravar preto do lume, o equipo de rodaxe tivo que recibir adestramento físico e teórico como bombeiros.[16] Acompañaron a bombeiros profesionais nos labores de extinción formando unha pequena unidade baixo a responsabilidade do xefe de brigada.[13] En ocasións, o equipo tivo que deixar de rodar para axudar a extinguir o lume. Todas as escenas dos incendios foron filmadas cunha cámara Super 16 e sen ningunha manipulación da imaxe, decidindo rodar moitas escenas durante a noite para salientar a "beleza" do incendio.[13]
Na primeira fin de semana logo da súa estrea en España, O que arde conseguiu máis de 11 000 espectadores en todo o estado,[27] e o 14 de outubro entrou no décimo posto dos dez filmes máis vistos ese día no estado.[28] Segundo a distribuidora do filme, NUMAX, foi a segunda mellor estrea dun filme independente da tempada. Na súa sexta semana nos cinemas, converteuse no filme en galego con maior recadación e o máis visto da historia, con máis de 104.000 espectadores nos cinemas logo da súa estrea, e máis de 565.214,33 € recadados,[11] superando a Sempre Xonxa de Chano Piñeiro que mantiña o récord dende 1989.
Resposta da crítica
O que arde recibiu a aclamación da crítica e na páxina web Rotten Tomatoes conta cun 92% de aprobación en base a 25 críticas.[29]
O crítico Thomas Baurez da revista francesa de cinema Première calificou o filme como "un filme incandescente e poderoso".[30] Nunha recensión para a revista de entretemento estadounidense The Hollywood Reporter, David Rooney chamouno "unha obra bela e melancólica, dunha sensibilidade penetrante".[31][32]
Galardóns e nomeamentos
O que arde estreouse en numerosos festivais e premios cinematográficos, salientando a súa participación no Festival de Cannes de 2019 na sección Un Certain Regard,[33] onde gañou o Premio do Xurado.[9] O filme competiu na 34ª edición do Festival Internacional de Cinema de Mar del Plata, o máis prestixioso festival de cinema de América Latina, onde gañou o Astor de Ouro ó mellor filme.[34] Nos Premios Gaudí de 2020, o filme foi recoñecido como mellor filme europeo, ademais de conseguir o premio de mellor dirección de fotografía para Mauro Herce.[35]
Na 18ª edición dos Premios Mestre Mateo, foi nomeado en doce categorías, incluíndo mellor filme, mellor director, mellor actor, mellor actriz, mellor fotografía e mellor guión.[38] Finalmente, gañou 6 Premios Mestre Mateo, os de mellor filme, mellor director, mellor dirección artística, mellor montaxe, mellor son e mellor fotografía.[39].
En outubro de 2020, foi preseleccionado pola Academia de Cine Español como un dos candidatos, xunto con El hoyo e La trinchera infinita, a representar a España na 93ª edición dos Óscar.[40] O 3 de novembro, anunciouse que o candidato para os Óscar será La trinchera infinita.
↑Redondo Neira, Fernando (xaneiro, febreiro, marzo 2021). ""O que arde" e outras traxectorias fílmicas do baleiro". Grial. Revista galega de culturaLIX (229): 146–151. ISSN0017-4181.
↑ 42,042,1filmfestival.gr, ed. (10 de novembro de 2019). "60th TIFF: The Awards". Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2019. Consultado o 11 de novembro de 2019.