O Senado é a cámara alta das Cortes Xerais, órgano constitucional que representa ao pobo español. É a cámara de representación territorial.
Antecedentes
O Senado ten o seu antecedente máis remoto no Estatuto Real, outorgado pola raíña María Cristina, rexente durante a minoría de idade de Isabel II, e que estableceu por primeira vez en España a configuración bicameral das Cortes, ao dividilas en dous Estamentos: o de Próceres do Reino e o de Procuradores do Reino.
O Estamento dos Próceres do Reino tiña unha composición mixta, con membros natos tales como os fillos do rei e os Grandes de España e membros de nomeamento real, limitado a individuos de clase, polo que quedaba unha cámara cuxa natureza correspondía en esencia á representación dos nobres e a xerarquía eclesiástica nas Cortes do Antigo Réxime.
Nas sucesivas Constitucións de 1845, 1856, 1869 e 1876 o Senado figurou como Cámara Colexisladora, en pé de igualdade co Congreso dos Deputados, agás, nalgúns casos, en materia de forzas armadas e de contribucións e crédito público, e ademais tivo en determinadas ocasións reservada a facultade de xulgar aos membros do Goberno acusados pola Cámara Baixa.
Durante a Segunda República Española quedou suprimido o Senado, decisión adoptada na sesión do 27 de outubro de 1931 por 150 votos contra 100. Tras perder a votación, Ángel Ossorio y Gallardo acusou os deputados conservadores e agrarios, que se retiraron do Parlamento, de non apoiarlle para impedir o triunfo do unicameralismo que preconizaban os socialistas.
Composición
Componse de 259 senadores, distribuídos da seguinte maneira:
4 senadores por cada unha das 47 provincias peninsulares.