Tintín (;[1] Francés: [tɛ̃tɛ̃]) é un personaxe de cómic protagonista titular de As aventuras de Tintín, a serie de cómics do debuxante belga Hergé. O personaxe creouse en 1929 e presentouse en Le Petit Vingtième, un suplemento xuvenil semanal do xornal belga Le Vingtième Siècle.[2] Aparecendo como un mozo cunha cara redonda e un peiteado con topete, Tintín é representado como un reporteiro precoz e multitalentoso que percorre o mundo co seu can Milú.[3]
Evolución
Tintín aparece por primeira vez en Le Petit Vingtième, suplemento infantil do diario belga Le Vingtième Siècle (o século vinte) o 10 de xaneiro de 1929. Xa desde a primeira historieta a Tintín acompáñalle un can branco chamado Milú.
Orixinariamente é un reporteiro de Le Petit Vingtième. Máis adiante seguirá sendo reporteiro, aínda que non se dirá de que publicación e de feito nunca lle veremos actuar como tal. Ao principio o seu compañeiro é só o can Milú, pero a partir do noveno álbum, O caranguexo das tenaces de ouro, acompañaralle tamén o capitán Haddock e ocasionalmente outros personaxes secundarios, como o profesor Tornasol, Bianca Castafiore ou os irmáns Hernández e Fernández. Ata Tintín no país do ouro negro, o protagonista vive co seu can nun piso situado no número 26 da rúa Labrador, nunha cidade mal definida aínda que de xeito evidente trátase de Bruxelas. A partir do álbum mencionado, trasládase ao castelo de Moulinsart, residencia do capitán Haddock.
Descrición
A imaxe de Tintín, un mozo de cara redonda correndo cun fox terrier branco ao seu carón, é facilmente unha das iconas visuais máis recoñecibles do século XX.
Hergé creou a Tintín como un mozo belga, loiro, baixo, de cara redonda e cun característico topete. Natural de Bruxelas, cos valores conservadores de Hergé e respectuoso coas normas tradicionais.[5].[a] Na súa primeira aparición, Tintín viste un longo abrigo e chapeu de viaxe, unhas páxinas máis tarde adopta o seu pantalón de golf, traxe de cadros, medias negras e colo de Eton.[b] Ao principio, o famoso topete estaba pegado á fronte de Tintín, pero durante unha persecución de coches particularmente rápida, o seu topete levantouse e xa quedou así. Cando chega a Chicago para a súa terceira aventura, tanto Hergé como os seus lectores senten que coñecen ben a Tintín, e pouco cambiaría de aspecto ou de vestimenta. O entrevistador Numa Sadoul preguntoulle unha vez a Hergé como se desenvolveu o personaxe de Tintín, el respondeu: "Practicamente non evolucionou. Graficamente, quedou como un contorno. Mirade os seus trazos: o seu rostro é un bosquexo, unha fórmula."[c] Assouline fíxose eco desta opinión: "Tintín era tan simple como a historia".
Hergé nunca explicou por que escolleu Tintín como nome do personaxe, afirmando que non ten ningún significado inherente[13] Anteriormente fixera uso da aliteración co nome do seu personaxe anterior, Totor. Michael Farr cre que "Tintín", se nos atemos aos usos sociais belgas, é probablemente o apelido do personaxe porque outros personaxes, como a súa caseira, ocasionalmente refírese a el como o señor Tintín (como está impreso no timbre da porta). Assouline afirmou que non pode ser o seu apelido porque carece dunha familia, crendo que Hergé o adoptara porque "sonaba heroico, claro e alegre", ademais de ser doado de lembrar. A diferenza doutros personaxes da serie, o lector nunca coñecerá o seu nome completo (como si ocorre con Haddock ou o malvado Rastapopoulos).
A súa idade é difícil de determinar, nunca se especifica: non é adolescente pero tampouco adulto. Como adoita ocorrer cos personaxes de cómic, Tintín apenas cambia ao longo dos anos. Desde 1929 ata 1976 manterá o seu aspecto xuvenil e a súa vestimenta variará pouco, apenas a cor dos calcetíns ou o da camisa. Só na última das súas aventuras publicadas, Tintín e os pícaros cambiará os seus bombachos por uns pantalóns campá, máis á moda. En canto ao seu carácter, encarna a perfecta bondade, non fuma, non bebe salvo contadas ocasións máis que auga e non parece ter interese algún polo sexo. Non parece ter ningunha afección en particular nin practica ningún deporte, aínda que lle gustan os paseos polo campo e nalgunha ocasión móstrasenos facendo ximnasia caseira e despois ioga. É extremadamente intelixente e enxeñoso, ten bastante máis forza física da que aparenta, unha incrible facilidade para os idiomas e sabe conducir todo tipo de vehículos, incluídos avións e carros de combate. Tamén é un bo tirador. É moi sensible ante a inxustiza e capaz de sacrificarse por socorrer aos débiles. En Tintín no Tíbet un lama dirá que ten o "corazón puro".
O mellor amigo de Tintín é Tchang Tchong Yen, un adolescente chinés ao que coñece en O Loto Azul, a súa quinta aventura. Nisto si que é un alter ego de Hergé, xa que Tchang está baseado nun amigo real do autor, igualmente separado del por diversas circunstancias.
Ocupación
Desde a primeira aventura de Tintín, vive a vida dun xornalista de campaña. É enviado á Unión Soviética, onde escribe un despacho ao seu editor. Viaxa ao Congo belga, onde se dedica ao fotoxornalismo. Cando viaxa a China en O Loto Azul, o Shanghai News presenta o titular da primeira páxina, "A propia historia de Tintín". En A orella rota, co caderno na man, Tintín interroga ao director do Museo de Etnografía por un roubo recente. Ás veces, Tintín é o que está a ser entrevistado, como cando un reporteiro de radio lle preme para obter detalles: "Nas túas propias palabras". Pero, ademais destes poucos exemplos, Tintín nunca é realmente visto consultando co seu editor ou entregando unha historia.
Mentres as súas aventuras continúan. Tintín é visto con menos frecuencia informando e é máis frecuentemente visto como un detective, que realiza o seu xornalismo de investigación desde o seu apartamento no número 26 da rúa Labrador. Outros personaxes refírense a el como Sherlock Holmes, xa que ten un intelecto agudo, ollo para os detalles e poderes de dedución. Como Holmes, ocasionalmente é un mestre do disfrace, e en Rastapopoulos ata ten un archienemigo.
A ocupación de Tintín esvaécese aínda máis nas aventuras posteriores, abandonando toda pretensión de informar noticias e, no seu lugar, facer noticia no seu papel de explorador. Claramente libre de preocupacións financeiras, despois de O tesouro de Rackham o Roxo instálase como hóspede permanente no maxestoso Castelo de Moulinsart co mariño retirado Capitán Haddock e o científico Profesor Tornasol. Tintín pasa todo o seu tempo cos seus amigos, explorando o fondo do mar, as cimas das montañas e a superficie da Lúa (dezaseis anos antes que os astronautas Neil Armstrong e Buzz Aldrin). Ao longo de todo isto, Tintín atópase no papel de cruzado social internacional, defendendo aos desfavorecidos e coidando dos menos afortunados que el.
Destrezas e habilidades
Desde o primeiro volume, Hergé describiu a Tintín como un experto en conducir ou arranxar calquera vehículo mecánico que se atope. Ante a oportunidade, Tintín está a gusto conducindo calquera automóbil, conduciu un tanque lunar e está cómodo con todos os aspectos da aviación. Tamén é un hábil operador de radio con coñecementos do código Morse. dá golpes sólidos á mandíbula dun vilán cando é necesario, demostra habilidades de natación impresionantes e é un crack disparando. Demostra que é un enxeñeiro e científico capaz durante a súa aventura á Lúa. Tamén é un excelente atleta, en excelentes condicións, capaz de camiñar, correr e nadar longas distancias. Hergé resumiu as habilidades de Tintín así: "un heroe sen medo e irreprochable". Tintín, máis que calquera outra cousa, é un pensador rápido e un diplomático eficaz. Simplemente é un todoterreo, bo en case todo, que é o que lle gustaría ser ao propio Hergé.
Notas
- ↑ "A native of Brussels as opposed to Belgian", says Assouline.
- ↑ Hergé lembra un estudante canadense da súa facultade do cal se burlaron por levar postos pantalóns de golf e medias Argyll; sen dúbida unha inspiración.
- ↑ Se o lector examina algunha imaxe de Tintín nas súas tiras cómicas, "verá que Tintín sempre se move de esquerda a dereita, facendo avanzar a historia. Os obstáculos achéganlle de dereita a esquerda, e cando se move nesa dirección adoita sufrir un retroceso". (Harry Thompson, engadindo que Os xarutos do faraón de 1934 tivo que ser redibuxado en 1955 xa que non se adherira a esta fórmula.)
- Referencias
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas