Profesor Trifón Tornasol (en francés Tryphon Tournesol) é un personaxe ficticio creado por Hergé na súa serie As aventuras de Tintín. Trátase dun dos personaxes principais deste cómic, sendo quizais o cuarto en importancia logo de Tintin, Milú e o Capitán Haddock, aínda que o feito de ser un home maior e diminuído fisicamente, fai que non teña un protagonismo en todas as historias, pois se sobreentende que moitas das aventuras emprendidas por Tintín e Haddock serían perigosas para el ou non ten o menor interese en participar.
Características
O recurso do sabio, un pouco excéntrico e distraído xa tiña antecendentes en As aventuras de Tintín, por exemplo, Filemón Ciclón, o exiptólogo de Os xarutos do faraón ou o especialista en numismática e filatelia de O cetro de Ottokar, cando Hergé introduciu a Tornasol en O tesouro de Rackham o Roxo como un científico xordo que ofrece aos expedicionarios un submarino con forma de quenlla. O recurso da xordeira deulle a oportunidade ao autor de introducir varios gags polo que é lóxico supor por que decidiu mantelo como un dos personaxes estables da serie. Ao final deste álbum, é Tornasol quen co diñeiro obtido de venderlle o submarino ao goberno, compra o castelo de Moulinsart, polo tanto aínda que Haddock manteña nas posteriores aventuras unha actitude e rol de señor da casa, sería Tornasol o verdadeiro dono.
Os roles que cumpre nas historias, son dos máis variados, van desde distraído disparador dalgúns gags por medio da xordeira ou as súas excentricidades, ser quen resolve certo problema cientificamente, elaborar un dispositivo que terá algunha utilidade na trama. Moitas veces a aventura vira ao redor del: tanto n' As sete bólas de cristal e a súa continuación O templo do sol, como posteriormente en O asunto Tornasol é secuestrado e o resto de personaxes teñen que saír ao seu rescate. En Obxectivo: a Lúa e a súa continuación Aterraxe na lúa desenvolve a tecnoloxía que permite realizar a viaxe á Lúa. Estes dous volumes constitúen máis unha excepción respecto ao personaxe de Tornasol e a ciencia en xeral. Pois di que a súa especialidade é a astronáutica, traballa en instalacións de alta tecnoloxía rodeado por un numeroso equipo de científicos e ponse auriculares para oír polo que as confusións tipícas da súa xordeira non teñen lugar e a súa actividade como científico parécese máis a como se desenvolve a actividade científica en xeral.
Nas demais historias traballa en solitario e realiza actividades en diversos campos. En O tesouro de Rackham o Roxo é un inventor de excéntricos aparellos, a maioría de escasa utilidade: en Tintín no país do ouro negro descobre o compoñente co que se sabota a gasolina, a forma de anulalo e unha cura para os curiosos males que afectan a Hernández e Fernández; en O asunto Tornasol inventa unha poderosa arma a base de ultrasóns; en Stock de coque está desenvolvendo uns patíns motorizados; en As xoias da Castafiore investiga as posibilidades da televisión en cor; e en Tintín e os pícaros un tratamento contra o alcoholismo. Como se pode ver, ningún científico podería abarcar o estudo sistemático de tantas áreas e moito menos lograr tales resultados traballando só e pola súa conta.