O Loto Azul (en francés: Le Lotus bleu) é o quinto álbum da serie As aventuras de Tintín, creada polo autor de banda deseñada belga Hergé. Publicouse por entregas no suplemento Le Petit Vingtième entre o 9 de agosto de 1934 e o 17 de outubro de 1935, a un ritmo de dúas páxinas semanais en branco e negro. A primeira edición en álbum, tamén en branco e negro, apareceu en 1936 na editorial Casterman. A primeira edición en cor, na mesma editorial, data de 1946.
A acción desenvólvese principalmente na China, na cidade de Xangai. O título está tomado do nome dun ficticio fumadeiro de opio na mesma cidade.
O Loto Azul é a segunda parte dunha historia iniciada no álbum anterior, Os xarutos do faraón, aínda que pode lerse de forma independente. Ten unha gran relevancia dentro da historia da serie, por ser a primeira vez que o seu creador, Hergé, preocupouse por documentarse exhaustivamente acerca do tema tratado, para o que contou coa axuda dun estudante chinés, Zhang Chongren Segundo Hergé, o álbum marca o comezo dunha nova etapa na súa obra. En conversación con Numa Sadoul afirmou: "O Loto Azul marca o comezo da miña etapa documentalista" (Numa Sadoul, Conversacións con Hergé, p. 101 . A primeira edición en galego foi en 1986 pola Editorial Juventud con tradución de Valentín Arias López.
Sinopse
En Os xarutos do faraón, Tintín perseguía a unha organización internacional de traficantes de droga por Oriente Medio e a India. Logrou capturalos a todos, agás ao seu xefe, cuxa identidade non chegou a coñecerse ao final da aventura.
Ao comezo de O Loto Azul, Tintín goza da hospitalidade do maharajáh de Rawhajpurtalah, un imaxinario estado indio. Alí recibe a visita dun chinés que vai traerlle certa información pero, antes de que poida falar, é ferido por unha frecha que o tolea misteriosamente, e só pode pronunciar dous nomes: unha cidade, Xangai, e un nome de persoa, Mitsuhirato. Tintín parte cara a Xangai e entrevístase con Mitsuhirato, que é o representante do Xapón na cidade. Este indícalle que o maharajáh corre perigo, e que debe regresar sen tardanza. Tintín é obxecto dunha serie de misteriosos atentados contra a súa vida, do que é salvado de forma igualmente misteriosa.
Crendo as recomendacións de Mitsuhirato, Tintín embárcase para Bombai, pero é secuestrado a medianoite e reaparece, á mañá seguinte, nunha casa de Xangai. O propietario da casa é o señor Wang Jen-Ghié, xefe da sociedade secreta "Os Fillos do Dragón", que precisa a axuda de Tintín para acabar cunha rede de traficantes de opio (a mesma que Tintín perseguía no álbum anterior) na que está involucrado Mitsuhirato. Intentando espiar a estes traficantes, Tintín é testemuña dunha sabotaxe á liña férrea realizado por orde dos servizos segredos xaponeses para culpar aos chineses e ter un motivo para invadir o país. É capturado por Mitsuhirato, quen lle inocula supostamente un produto para causarlle a tolemia. Porén, fracasa, e Tintín logra escapar, polo que Mitsuhirato alerta ás autoridades xaponesas, que pon a Tintín en busca e captura.
Disfrazado de oficial xaponés, Tintín intenta refuxiarse na zona internacional, e localizar a un tal Fan Se-Yeng, que pode curar ao fillo de Wang Jen-Ghié, toleado a causa do produto de Mitsuhirato. Por non ter os seus papeis en regra, é detido na zona internacional e entregado ás autoridades xaponesas, que o condenan á morte. Con todo, é rescatado por Wang Jen-Ghié e parte cara a Hou-Kou para localizar ao profesor Fan Se-Yeng, que tamén foi secuestrado.
Na viaxe, Tintín fai amizade cun mozo chinés, Tchang Tchong-Jen, co que chega a Hou-Kou. As autoridades da zona internacional enviaron en busca de Tintín a Hernández e Fernández, que, como é habitual, fracasan ao intentar detelo. Tchang e Tintín descobren que Fan Se-Yeng está en poder de Mitsuhirato, e regresan a Xangai para intentar liberalo.
Cambio de método
Antes da realización deste álbum, a visión doutras culturas nos álbums de Tintín estaba cargada de prexuízos. Cando Hergé anunciou que a próxima aventura de Tintín ía desenvolverse na China, o pai Gosset, capelán dos estudantes chineses da universidade de Lovaina, escribiu a Hergé pedíndolle maior sensibilidade no que escribía sobre China, xa que estaba preocupado polo que os seus estudantes puidesen pensar. Hergé aceptou, e na primavera de 1934 Gosset presentoulle a Zhang Chongren/Chang Ch'ung-jen (Chang Chong-chen), un novo escultor da Academia de Belas Artes de Bruxelas. Hergé e Zhang fixéronse pronto amigos, e o estudante chinés introduciu a Hergé na historia, cultura e arte chineses.
Como resultado desta experiencia, Hergé preocupouse en diante, tanto en O Loto Azul como nos álbums subseguintes, de documentarse minuciosamente acerca dos lugares visitados por Tintín. Os abundantes carteis en chinés que aparecen na obra non son, como o era o árabe de Os xarutos do faraón, meros debuxos caligráficos, senón auténticas frases nese idioma, a miúdo de carácter político.
Un exemplo deste traballo de documentación pode verse no que ocorreu co álbum A illa negra. Cando o seu editor no Reino Unido queixouse da imaxe de Inglaterra que se presentaba no álbum, Hergé enviou ao seu próximo colaborador Bob de Moor a documentarse exhaustivamente, o que tivo como consecuencia importantes cambios no álbum.
Como homenaxe ao seu amigo chinés, Hergé introduciu en O Loto Azul a un personaxe, Chang, un mozo chinés que fai amizade con Tintín, transposición literaria do seu amigo Zhang Chongren. A relación de Tintín con Chang serve a Hergé para mostrar os prexuízos occidentais acerca da China.
Dimensión política
O Loto Azul é o primeiro dos álbums de Tintín en que o protagonista toma partido nun conflito internacional.
Como resultado da súa amizade con Zhang, Hergé comezou a interesarse polos problemas do colonialismo, en especial os referentes á ocupación xaponesa da China. O Loto Azul contén unha clara mensaxe antiimperialista, contrario á opinión imperante en Occidente na época, favorable ao colonialismo xaponés.
No álbum, Tintín é testemuña presencial do incidente do ferrocarril de Manchuria do Sur (incidente de Mukden), que serviu de pretexto ao Xapón para atacar e ocupar China, dando inicio á Segunda Guerra Chinés-Xaponesa.
Protestas xaponesas.
Ata a data, o álbum non foi editado nunca no Xapón.
O goberno nacionalista da China mostrouse moi satisfeito co álbum, e o entón presidente Chiang Kai-shek invitou a Herge a visitar o país. Hergé, con todo, non levou nunca a cabo esta viaxe.
Con todo, o goberno da República Popular da China prohibiu durante moito tempo o álbum. Non permitiu a súa publicación ata 1984, trala realización de importantes cambios.
Véxase tamén
Bibliografía
- Apostolidès, Jean-Marie (2010) [2006]. The Metamorphoses of Tintin, or Tintin for Adults. Jocelyn Hoy (translator). Stanford: Stanford University Press. ISBN 978-0-8047-6031-7.
- Assouline, Pierre (2009) [1996]. Hergé, the Man Who Created Tintin. Charles Ruas (translator). Oxford and New York: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-539759-8.
- Farr, Michael (2001). Tintin: The Complete Companion. Londres: John Murray. ISBN 978-0-7195-5522-0.
- Goddin, Philippe (2008). The Art of Hergé, Inventor of Tintin: Volume I, 1907–1937. Michael Farr (translator). San Francisco: Last Gasp. ISBN 978-0-86719-706-8.
- Hergé (1983) [1946]. The Blue Lotus. Leslie Lonsdale-Cooper and Michael Turner (translators). Londres: Egmont. ISBN 978-1-4052-0616-7.
- Lofficier, Jean-Marc; Lofficier, Randy (2002). The Pocket Essential Tintin. Harpenden, Hertfordshire: Pocket Essentials. ISBN 978-1-904048-17-6.
- McCarthy, Tom (2006). Tintin and the Secret of Literature. Londres: Granta. ISBN 978-1-86207-831-4.
- Peeters, Benoît (1989). Tintin and the World of Hergé. Londres: Methuen Children's Books. ISBN 978-0-416-14882-4.
- Peeters, Benoît (2012) [2002]. Hergé: Son of Tintin. Tina A. Kover (translator). Baltimore, Maryland: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0454-7.
- Pleban, Dafna (7 de novembro de 2006). "Investigating the Clear Line Style". Comicfoundry. Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2009. Consultado o 4 de agosto de 2013.
- Thompson, Harry (1991). Tintin: Hergé and his Creation. Londres: Hodder and Stoughton. ISBN 978-0-340-52393-3.
- Singh, Vikas; Das, Srijana Mitra (12 de marzo de 2013). "Steven Spielberg plans film based on Indo-Pak border". The Times of India. Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2015. Consultado o 12 de marzo de 2013.
Outros artigos
Ligazóns externas