Membro da Xuventude Católica, foi un convencido carlista. Licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela en 1884. Amigo de Alfredo Brañas, do que foi profesor auxiliar, ata obter a súa propia cátedra de Dereito Internacional en 1903. Tras a dimisión presentada por Francisco Piñeiro Pérez, foi elixido provisionalmente alcalde de Compostela o día 30 de novembro de 1910, ata a súa toma de posesión efectiva no 20 de febreiro de 1911, despois de que Piñeiro reconfirmase a súa renuncia días antes. Permanecería no cargo ata o 1 de xaneiro de 1914[2]. Tamén foi decano da Facultade de Dereito.
En novembro de 1890 participou na constitución da Asociación Regionalista Gallega que presidiu Manuel Murguía. En 1917 deu o discurso de apertura do curso universitario 1917-1918 da USC coa lectura de Notas sobre la disciplina escolar en la Universidad de Santiago durante los siglos XVI, XVII y XVIII. Foi socio fundador da Real Academia Galega. En 1919 integrouse na Irmandade da Fala de Compostela. O 21 de xuño de 1920 foi elixido vogal do Comité Compostelán da Asociación Española para o Progreso das Ciencias.[3] En 1921 fundou con outras personalidades a agrupación folclórica compostelá Cantigas e Agarimos, da que foi elixido o seu primeiro presidente[4]. En 1925 pasou a ocupar a presidencia do Seminario de Estudos Galegos, que non abandonou ata a súa morte. En 1927 escribiu o limiar de Estampas Compostelanas, a primeira publicación bibliográfica de Ksado, quen na edición de 1948 a substituíu por outra de Valentín Paz-Andrade.
Morreu en 1934, a punto de xubilarse.
Vida persoal
Casou o 25 de xaneiro de 1886 en Santiago con Marina Anido Anido,[5] que finou o 19 de novembro de 1934,[6] coa que tivo tres fillos: María, Miguel e Salvador Cabeza Anido[7].