Esta constelación, sita entre Boötes e Virgo, e xeralmente considerada parte da primeira, simboliza o monte do mesmo nome que se atopaba na rexión de Arcadia en Grecia, onde se supón que estaba parado Boötes (o pastor). Na actualidade está obsoleta, sendo a súa estrela máis brillante 31 Bootis, unha xigante do tipo G de magnitude aparente 4,86.
O monte tomou o seu nome da mitoloxía grega. Algúns din que Maenalus foi o fillo máis vello de Licaón, rei de Arcadia, o que fixo de Maenalus irmán de Calisto e, polo tanto, tío do seu fillo Arcas, a quen segundo algunhas interpretacións representa a constelación de Boötes. Outros, no entanto, afirman que foi en realidade o fillo de Arcas e, polo tanto, o neto de Calisto. De calquera xeito, Maenalus deulle o seu nome ó monte e en Arcadia á cidade de Maenalon, cidade fundada polo mesmo Maenalus. O nome moderno do monte Maenalus é Mainalos.