Brita Ingrid Maria Malmer, nada en Malmö, Escania, o 1 de xuño de 1925 e finada en Lidingö, Estocolmo, o 8 de maio de 2013, foi unha numismática sueca especializada nas cuñaxes do pobo viquingo. Foi a primeira persoa que exerceu como profesora de numismática en Suecia.[1][2]
Traxectoria
Malmer naceu en Malmö, onde o seu pai, Svante Alenstam, estaba destinado como mestre de escola. Logo de concluír a educación secundaria en 1945, cursou estudos superiores de historia, arqueoloxía, estudos clásicos, historia da arte, pedagoxía e Antigüidade nórdica na Universidade de Lund, onde se graduou en 1953. Entre ese ano e 1966 exerceu nesta mesma universidade como profesora asociada en tanto que cursaba o doutoramento, ao que acceden en 1966 cunha tese sobre as primitivas moedas do asentamento comercial de Hedeby na era viquinga, titulada Nordiska mynt före år 1000 ("Moedas nórdicas antes do ano 1000").[3][1]
En 1959, Brita Malmer instalouse en Estocolmo e comezou a traballar no Gabinete Numismático Real, onde se dedicou por igual á organización de exposicións e á investigación. Implicouse especialmente no proxecto Corpus nummorum saeculorum IX-XI qui in Suecia reperti sunt, un catálogo de todas as moedas da era viquinga atopadas en territorio sueco, que dirixiu durante vinte anos.[4] Malmer comezou no Gabinete a media xornada e en 1962 pasou a estar contratada a tempo completo. Posteriormente, en 1971, foi ascendidda a xerente do Gabinete Numismático Real, posto que ocupou ata 1979, cando foi nomeada profesora de Numismática e Historia do Diñeiro. Brita Malmer xubilouse en 1992.[1]
En 1972, Malmer foi a encargada de pronunciar a conferencia en memoria de Dorothea Coke, para a Sociedade Viquinga para as Investigacións do Norte, con sede en Londres, co título "As cuñaxes do rei Canuto nos países do norte".[5]
Brita Malmer estaba casada co profesor de Arqueoloxía Mats P. Malmer. A filla de ambos, Elin Malmer, é unha recoñecida historiadora. Brita faleceu en 2013 e o seu corpo foi soterrado, xunto co do seu marido, no cemiterio de Lidingö.[1][6]
Recoñecementos
Ao longo da súa traxectoria, Brita Malmer exerceu tamén a presidencia de diversas entidades e fundacións, entre elas a Fundación para a Numismática Sven Svensson (1971-1979 e 1988-1993), a Sociedade Arqueolóxica Sueca (1974-1976), a Sociedade Numismática Sueca (1974-1976) e a Fundación Gunnar Ekström para a Investigación Numismática (1974-1979).[1]
Escolma de publicacións
- (1989 ): The Sigtuna coinage c.995-1005. Commentationes de nummis saeculorum IX-XI in Suecia repertis , Nova ser. 4. Kungliga Vitterhets Historie och Antikvitetsakademien u. a. Estocolmo. ISBN 91-7192-766-2
- (1993). Myntfynd från Ångermanland (con Ian Wiséhn). Kungliga Myntkabinettet, Estocolmo. ISBN 9789171925497
- (1997 ): The Anglo-Scandinavian Coinage C. 995-1020 . Commentationes de nummis saeculorum IX–XI in Suecia repertis. Nova Ser. 9). Kungl. Vitterhetsakademien. Estocolmo. ISBN 978-91-7402-271-1
Corpus nummorum saeculorum IX-XI qui in Suecia reperti sunt
- Participación na obra colectiva (1975-2010): Corpus nummorum saeculorum IX-XI qui in Suecia reperti sunt. Almqvist & Wiksell International. Estocolmo
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
|
---|
1883–1900 | | |
---|
1901–1950 | |
---|
1951–2000 | |
---|
Dende 2001 | |
---|
|
---|
1918–1960 | | |
---|
1961–2000 | |
---|
Dende 2001 | |
---|