Oğuz Tekin, nado en 1958 en Ancara, é un historiador, arqueólogo e numismático turco especializado na circulación monetaria e a historia do diñeiro na Antigüidade.
Traxectoria
Oguz Tekin fixo estudos de Arqueoloxía Clásica na Universidade de Istambul, onde se graduou en 1982, con mestrado en 1987. En 1991 acadou o seu doutoramento na mesma universidade cunha tese titulada Aspendos Sikkeleri ("Moedas de Aspendos"), dirixida por Oktay Aksit.[1] No departamento de Historia Antiga comezou a exercer a docencia a partir da súa graduación, ata acadar a xefatura do departamento entre os anos 2006 e 2016.[2][3]
A partir de 2017 é profesor do departamento de Arqueoloxía e Historia da Arte da Universidade Koç, de Istabul, onde ademais dirixe o Centro Suna & Inan Kiraç de Investigación para as Civilizacións Mediterráneas (AKMED).[2][3][4]
Os focos de interese das súas investigacións son a historia do diñeiro na Antigüidade, sinaladamente na área mediterránea, e os pesos antigos do mundo islámico. Desde o ano 2000 é o director en Turquía do proxecto internacional Sylloge Nummorum Graecorum, e desde 2006 coordina o Corpus Ponderum Antiquorum et Islamicorum.[2][3]
Tekin é membro correspondente do Instituto Alemán de Arqueoloxía desde 2017 e presidente do Instituto Turco de Arqueoloxía desde 2019.[3]
Recoñecementos
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas