Jean-Baptiste Giard, nado o 14 de febreiro de 1932 en Lille e finado o 18 de maio de 2018 en París, foi un historiador e numismático francés vinculado ao Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia.
Traxectoria
Giard naceu en 1932, décimo oitavo fillo dunha familia católica de Lille, e na súa infancia educouse no Colexio Sante Odile, desa cidade. A segunda guerra mundial fíxolle vivir a morte do seu pai e de dous dos seus irmáns, e o afastamento da súa nai durante un éxodo por diversas cidades francesas. De volta a Lille á fin da contenda, acabou o bacharelato en 1952 na escola xesuíta de Saint Joseph.[1]
Posteriormente, en París, Giard graduouse en Arquivística e Paleografía en 1960 na École des Chartes, cunha memoria titulada La Monnaie de Saint-Quentin au temps de Charles VI et de Charles VII, 1385-vers 1447. Só un ano despois ingresou no Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia, institución á que se mantivo vinculado profesionalmente durante toda a súa carreira, primeiro como bibliotecario e conservador de moeda romana (1961-1992) e posteriormente como conservador xefe (1992-1997).[1][2] En 1997 foi nomeado conservador honorario.[3]
No curso 1966-1967 foi residente no Instituto Francés de Arqueoloxía en Beirut, por invitación do seu director, Henri Seyrig.[1]
A súa experiencia como docente comezou na Escola do Louvre, onde ensinou Numismática Romana e Medieval entre 1960 e 1974. Os cursos seguintes foi profesor axudante no Instituto de Estudos Avanzados de Princeton (1974-1977),[3] onde fixo amizade con Andreas Alföldi. Posteriormente exerceu a docencia na Escola Normal Superior e, entre 1985 e 2000, na Escola de Altos Estudos en Ciencias Sociais.[1]
Aínda que os seus comezos como investigador estiveron relacionados coa numismática medieval, a súa carreira foi derivando cara á moeda da Antiga Roma, terreo no que foi un referente internacional. Unha das súas obras máis importantes foi a publicación do catálogo de moedas do Imperio Romano do Gabinete, en tres volumes, desde 1976 ata 1998, seguindo a clasificación establecida por H. Mattingly.[1][2]
Outro dos seus proxectos máis destacables foi a elaboración do catálogo das cuñaxes da ceca de Lugdunum (Lión) desde os seus inicios en 43 a. de C. ata o reinado de Claudio (196-197), pechando así a serie iniciada por Pierre Bastien.[1][2]
Como editor, Giard foi secretario (1962-1963 e codirector (1974-1996) da revista Revue de numismatique, e foi tamén o creador da serie Trésors Monétaires, da Biblioteca Nacional, na que se encargou da edición de 12 volumes.[1][2]
Entre outros cargos, Giard foi membro do equipo directivo da Comisión Internacional de Numismática, entre 1979 e 1986. Tamén participou en tres edicións do Congreso Internacional de Numismática: Roma 1961, Nova York 1973 e Londres 1986.[1]
Recoñecementos
Publicacións
Giard foi un autor prolífico, con máis de 130 referencias publicadas, entre monografías e artigos.[6][7]
Escolma de monografías e catálogos
- (1976-1998). Catalogue des monnaies de l'Empire romain. Bibliothèque nationale, París.
- (1979). Choix de monnaies romaines et byzantines: Catalogue des ektachromes. Bibliothèque nationale, París. ISBN 9782717714883
- (1980). Le Portrait d'autrefois. Bibliothèque nationale, París. ISBN 2-7177-1563-0
- (1983). Le Monnayage de l'atelier de Lyon: des origines au règne de Caligula, 43 avant J.C.-41 après J.C. Ed. Numismatique romaine, Wetteren.
- (1988). Le Grand camée de France. Bibliothèque nationale, París. ISBN 2-7177-2045-6
- (1983-2000). Le Monnayage de l'atelier de Lyon. Ed. Numismatique romaine, Wetteren.
- (1983). I. Des origines au règne de Caligula (43 avant J.-C.-41 après J.-C.). ISBN 9789071165092
- (2000). II. De Claude Ier à Vespasien, 41 - 78 après J.C. et au temps de Clodius Albinus, 196 - 197 après J.C. ISBN 90-71165-09-4
- (1987-2009). Rispostiglio della Venèra: nuovo catalogo illustrato (editor). L'Erma" di Bretschneider, Roma.
Notas
- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 Rambach , H. (2018).
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Amandry, M. (2018).
- ↑ 3,0 3,1 Jacquot, O. (2018). "Décès de Jean-Baptiste Giard, conservateur honoraire à la Bibliothèque Nationale de France". En Hypotheses. 1 de xuño.
- ↑ Rambach , H. (2018).
- ↑ "The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.
- ↑ "Giard, Gean-Baptiste (1932-2018)". BnF Catalogue Général.
- ↑ "Giard, Jean-Baptiste Arquivado 28 de xullo de 2021 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
Véxase tamén
Ligazóns externas
Ligazóns externas
|
---|
1883–1900 | | |
---|
1901–1950 | |
---|
1951–2000 | |
---|
Dende 2001 | |
---|