Actualmente, a actividade económica que emprega practicamente á metade da poboación activa é o sector terciario, movido sobre todo polo turismo, que se beneficia da atracción dos concellos próximos como Santillana del Mar ou Comillas. Con todo, tamén se desenvolven actividades tradicionais como a agropecuaria ou a olería, en talleres do barrio de La Iglesia.
Ruiloba é un municipio costeiro que linda co mar Cantábrico polo norte. Tres puntas destacan na liña costeira: Miradorio, Las Cornejas e Ruiloba. Ao leste de Miradorio atópase a enseada de Fonfría, onde existe unha piscifactoría. Varios regatos percorren Ruiloba, entre eles o chamado de La Conchuga, que delimita o concello polo leste separándoo de Alfoz de Lloredo, e que desemboca na praia de Luaña, compartida por ambos municipios (aínda que pertence na súa maior parte a Alfoz de Lloredo).
Esta situación permite que se practique a pesca a nivel afeccionado, o marisqueo e a recollida de algas.
No sur o terreo elévase un pouco, alcanzando os 303,6 metros no monte Cotalvio.
É zona de prado, con bosques de eucalipto e piñeiro para a súa explotación industrial. En lugares illados albíscanse carballos ou aciñeiras. Hai árbores destacadas na leira «La Castañera» de La Iglesia (unha aciñeira e un teixo) e na leira «La Casa de San Pedro» de Liandres (outra aciñeira).
Festas
2 de xullo, Virxe dos Remedios, en Liandres e La Iglesia. Hai unha procesión desde a ermida da Virxe, cerca de Liandres, até a Igrexa. Realízase a "Danza de las lanzas", a manifestación folclórica máis destacada de Ruiloba. Considérase unha danza moi antiga, con orixe no século XVI.