Noja é un concello da comunidade autónoma de Cantabria, situado na comarca de Trasmiera. Limita polo norte co Mar Cantábrico, polo oeste e o sur con Arnuero, polo sur con Argoños e polo leste con Santoña. O municipio de Noja non se organiza en localidades, senón que consta só de varios barrios, sendo sede do consistorio o barrio de Palacio.
Historia
Noja pertenceu desde o século IX até 1834 á Junta de Siete Villas, unha das cinco xuntas que compoñían o Meiriñado de Trasmiera. Un feito destacable da historia local é que en 1644 Noja recibiu de Filipe IV o título de vila, o que lle permitiu ser independente desta xunta e capacitada para nomear os seus propios alcaldes.
Desde finais do século XIX Noja é famosa como destino turístico e actualmente, o turismo é a principal actividade económica, que multiplica a poboación municipal até chegar aos 100.000 habitantes no verán grazas aos visitantes chegados principalmente do País Vasco, A Rioxa, Madrid e Castela e León. A explicación á chegada de tantos turistas débese ás praias do municipio e á masiva construción de novas vivendas, que fóra de tempada fican deshabitadas.
Barrios
Noja constitúese nunha soa localidade homónima, que á súa vez se divide en diversos barrios, que son:
El Arco.
Helgueras.
El Brusco.
Cabanzo.
Ris.
Trengandín.
Castrejón.
Fonegra.
La Rota.
Palacio.
Pedroso.
Patrimonio
Ten catro bens de interese cultural, todos con categoría de monumento:
Torre dos Velasco.
Casa para Obdulia Bonifaz (Palacio do Marqués de Albaicín).
Casa palacio de Zilla.
Muíño de Victoria, na marisma de Victoria, que serviu para xerar enerxía coas augas das marismas.
As Marismas de Santoña, Victoria e Joyel, situada cada unha nun extremo do municipio, son un grande atractivo como reserva natural e para as aves, que tamén recalan nas marismas de Santoña nas súas migracións.
Economía
Un 3,3 % da poboación do municipio emprégase no sector primario, un 33 % na construción, un 11,5 % na industria e un 52,2 % no sector terciario. No municipio a taxa de actividade é do 51,7 % e a taxa de paro é do 17 %, cando a media en Cantabria é de 52,5 % e 14,2 % respectivamente.