No concello atópase o punto máis setentrional da costa cántabra, o cabo de Ajo, situado na fin da ría de Ajo, desembocadura do río Campiazo. A costa do municipio alterna cantís con praias. Polo interior, no sur do concello, áchanse diversos outeiros que non superan os 230 metros e que forman o val de Güemes.
Historicamente, na Idade Moderna o seu territorio pertenceu á Xunta de Sete Vilas, incluída esta no Meiriñado de Trasmiera. A Xunta desapareceu coa chegada dos municipios constitucionais e quedou dividida nos concellos de Castillo Siete Villas, do que posteriormente se separou o municipio de Noja e actualmente chamado Arnuero, Meruelo e Ajo, ou tamén chamado Fuente Espina segundo as fontes. O municipio de Ajo foi chamado así desde 1822 até 1835, que tomou o nome de Bareyo, aínda que conserva a súa capitalidade na localidade de Ajo.
Coma o resto da zona costeira, a economía baséase principalmente no sector servizos, e máis concretamente no sector turístico, que é un activo importante polas praias e o pobo en si, ademais da gastronomía que oferta. O sector primario está en retroceso, aínda que no pasado foi a principal actividade económica da zona.
Bareyo é tamén nome dunha localidade do municipio, que non coincide coa capital. No 2008 contaba cunha poboación de 177 habitantes (160 habitantes no 2009) (INE). A localidade atópase a 53 metros de altitude sobre o nivel do mar, e a un quilómetro da capital municipal, Ajo. Destaca do lugar a igrexa de Santa María, con cabeceira e un transepto románicos da segunda metade do século XII, que foi declarada Ben de Interese Cultural, coa categoría de Monumento, en 1978.
Patrimonio
Dous son os bens de interese cultural deste municipio, ambos con categoría de monumento:
En Ajo están localizadas as dúas únicas praias que ten o municipio, estas son:
Praia de Cuberris. A praia, que se encontra protexida polo Cabo de Ajo á dereita e a Punta Cárcabos á esquerda, é un lugar frecuentado por surfistas durante todo o ano e por bañistas en verano.
Praia de Antuerta. Está protexida polo leste pola Punta Carcabos e polo oeste por Punta Urdiales. A esta pequena praia só se pode acceder a pé, pero aínda así é moi frecuentada por surfistas e naturistas.
José de la Hoz Lainz (PRC) é o actual alcalde do municipio. As seguintes táboas mostran os resultados das eleccións municipais celebradas no 2003 e 2007.