Historiografía do Reino medieval de Galicia

Mapa incluído na Historia General de España de Modesto Lafuente, ano 1850.
O autor traduce o termo árabe Jalikiah (Galicia) por Reino de León.

A primeira referencia historiográfica explícita sobre a existencia do Reino de Galicia data do século VI, cando o bispo Gregorio de Tours denomina Galliciensim regnum[1] o estado creado polo pobo xermánico dos suevos na provincia romana da Gallaecia. Este reino galego altomedieval perdurou, con dimensións e significados cambiantes, desde a época sueva até o século XIX, momento no que, a través dunha reforma administrativa, a tradicional organización en reinos da monarquía hispana foi substituída por unha estrutura provincial centralizada.[a]

Malia este dilatado lapso temporal e a existencia de abondosas alusións documentais, os historiadores españois da Idade Contemporánea substituíron as referencias ao reino galego da alta e plena Idade Media polas denominacións de Reino de Asturias e Reino de León, sendo o territorio da Galicia actual presentado como un espazo subsidiario de escasa importancia.[3] A contradición entre esta visión historiográfica e a realidade presentada polos documentos históricos foi denunciada por unha parte dos estudosos galegos e non deixou de ser recoñecida, dun ou outro xeito, polos propios historiadores que a propagaron.

Historiografía medieval

A designación "Reino de Galicia", empregada nun primeiro momento para lle dar nome ao reino dos suevos, pasou coa islamización da Hispania visigoda a designar todo o territorio peninsular baixo dominio cristián, coa excepción da Marca Hispánica franca. A escisión de novas realidades políticas desde o século XII (Portugal, Castela, León) reduciu paulatinamente as dimensións do territorio, nun proceso que culminou no século XV cando, após a separación do Bierzo, o reino galego presentaba practicamente a extensión da actual comunidade autónoma de Galicia.

Período xermánico (séc. V-VII)

Bispados do Reino de Galicia.
Século VI: Braga, Porto, Lamego, Coímbra, Dumio, Lugo, Ourense, Astorga, Iria, Britonia, Tui, Idaña, Viseu.[4]

No ano 411, nos estertores do imperio, Roma chegou a un acordo (foedus) coa tribo xermánica dos suevos polo que lles foi cedida para o seu asentamento a provincia da Gallaecia. Este referente territorial foi axiña asumido polos novos gobernantes, como se pode deducir da inscrición "MVNITA GALLICA",[5] presente nalgunha das moedas da época.[6] No século seguinte o clérigo francés Gregorio de Tours (†594), na súa obra Historia Francorum, nomeaba xa como "Galliciensim regnum"[1] os dominios suevos.[b]

Os seus territorios incluían Asturias e a chaira leonesa. Así o transmitiron os cronistas Paulo Orosio (†420), quen sitúa en Galicia a cántabros e ástures,[8] Idacio (†469), quen, ademais de sinalar a galeguidade de "Asturica" (Astorga),[9] denomina "Campos Gallaeciae" a planicie leonesa coñecida hoxe como Tierra de Campos;[10] e Isidoro de Sevilla (†636), quen xa no século VII volve indicar que Asturias e Cantabria están dentro de Galicia.[11][12] As dimensións aproximadas do reino galaico poden ser deducidas da enumeración de prelados asistentes aos concilios de Braga e Lugo[13] e da relación de sés relixiosas incluída no parrochiale suevum (ca. 569), onde todos os bispados fican englobados na "regione" galega.[14]

No ano 585 a monarquía visigoda incorporou o Reino de Galicia aos seus dominios. As crónicas de Afonso III afirmarán tres séculos despois que "os visigodos eran máis fortes e dominaron o Reino de Galicia".[15] Este feito non supuxo a desaparición como entidade diferenciada do reino galisuevo (así o denomina o poeta Venancio Fortunato [† ca. 600]),[16], pois o propio Liber Iudiciorum visigodo divide o territorio godo en tres espazos: España, Galia e Galicia.[17] Esta división tamén figura nos concilios visigodos: no concilio terceiro (589) establécense rezos para os homes das igrexas de España, Galia e Galicia,[18] e no décimo terceiro (683) un decreto fiscal diferenza entre estes tres mesmos espazos territoriais para a súa aplicación.[19] A mesma distribución territorial aparece na crónica de Xoán Biclarense (†621), autor que distingue a "provincia Gallaecia" da "provincia gothorum"[20] e, cando dá noticia dun Concilio en Toledo, coincide en sinalar que a el acudiron bispos de "España, Galia e Galicia".[21]

Período cristián (séc. VIII-XI)

Bispados do Reino de Galicia.
Século IX: Braga (metrópole), Dumio, Porto, Tui, Ourense, Iria, Lugo, Britonia e Astorga.[22][c]

A comezos do século VIII, o islam estendeuse até a Península Ibérica poñendo fin ao Reino Visigodo. A ocupación islámica non chegou a alcanzar Galicia,[25][26] onde permaneceron inalteradas as estruturas sociais[27] e relixiosas.[28] A documentación medieval mesmo recolle nestes séculos referencias a unha moeda galega propia: o sólido galego. Estes sólidos "de uso na nosa terra"[29] aparecen referidos, baixo diferentes variantes: gallicanos,[30] gallicenses,[31] gallicanus,[32] nos cartularios das igrexas galegas até o século XII.[33]

Estes feitos, ignorados pola historiografía española tradicional, aparecen reflectidos en crónicas cristiás e musulmás[34] e nas obras de diferentes historiadores ao longo dos séculos. Así, Sixeberto de Gembloux (†1112) escribiu sobre "o reino que é a terceira parte da Hispania, o cal chamamos de Galicia, que nin os visigodos nin despois os sarracenos puideron someter";[35] o rei granadino Abd Allah ibn Buluggin († ca. 1090) lembrou nas súas memorias como Al-Andalus "pertencía aos cristiáns até que os árabes os derrotaron e acantoaron en Galicia"[36]; o alemán Georgius Agricola (†1555) explicou que os sarracenos "irromperon en Hispania cun exercito inxente e despoboaron todas as terras agás Galicia";[37] e o alxeriano Al Maqqari (†1632) narrou como "naquel tempo non ficou ningún lugar sen dominar por Al-Andalus se exceptuamos o país de Galicia".[38]

O territorio da Península Ibérica mantivo pois a mesma división territorial en tres espazos do período xermánico: Galicia, o reino dos cristiáns; a España musulmá, herdeira do Reino Visigodo, e a marca hispánica do imperio franco. No contexto deste marco político abundan as referencias a Galicia e ao seu territorio:

Drakkar viquingo.
Os normandos dividían a península ibérica en tres espazos políticos: Galizuland, Spanland e Skarland.[39]
Ao Concilio de Frankfurt (794) acudiron os bispos de Galicia xunto aos de Italia, Gotia e Aquitania[42], e desde alí o papa Hadrián I (†795) emitiu un documento dirixido ao clero de Galicia e España,[43] é dicir, ao clero galaico e ao mozárabe. Os bispos galegos figuran tamén entre os asistentes ao Concilio de Attigny (874).[44] Na obra do monxe Beato de Liébana (†798) atribúese a Santiago a evanxelización de Galicia, non a de Hispania. Un texto mozárabe denominado Nomina Ovetensis (780) incluído na chamada Nomina Sedium Episcopalium enumera os bispados galegos do século VIII.[45] No século seguinte fai o mesmo a crónica Albeldense (881), o que permite debuxar os límites territoriais de Galicia[22] e cotexar a continuidade coa época sueva.[46] Uns límites que a documentación do século X sitúa no río Cea,[47][48] chegando polo sur até o río Mondego,[49] Coímbra e o mosteiro fortaleza de Lorvão.[50] O valor referencial de Galicia é claro e preciso entre toda a cristiandade medieval, existindo numerosos exemplos asociados sobre todo ao fenómeno das peregrinacións xacobeas.[51] Por exemplo, a viaxe do monxe armenio Simeón de Mantua (†1016), quen no ano 983 peregrinou "por diversos lugares de Galicia coñecedor da fama do rei (Bermudo II)".[52] Alén dos confíns tradicionais, no ano 956 un monxe franco recolle nos Anais de St. Gallen que a batalla do Barranco, producida en 939 ao sur do río Douro, ao pé da actual provincia de Soria, tivo lugar na "rexión de Galicia".[53][54]
  • Documentación de orixe escandinava, que divide a Península Ibérica entre Galicia (Galizuland),[55] España (Spánland)[56] e a marca franca (Skarland):[39]
A primeira incursión normanda chegou ás costas galegas no ano 844.[57] despois de asaltar Tolosa.[58] Existen dezaseis sagas nas que se fala de Galicia,[55] en ocasións co nome Jakobsland,[59] a "terra de Santiago", e dos reis galegos.[39] Por exemplo, a saga dos Jarls das illas Orcadas (Saga Orkneyinga),[60] a saga dos fillos de Magnus III de Noruega (†1103) (Saga Magnússona)[61] ou a saga dos descendentes de Canuto o Grande (†1035) (Saga Knytlinga).[62] Nesta última nárrase a historia de Ulv Galiciefarer que "foi como viquingo cara ao oeste e arrasou Galicia facéndose cun rico botín; motivo polo que se lle chamou Ulf o Galego".[63]
Península Ibérica segundo a Crónica do Mouro Rasis (†955).
  • Documentación de orixe musulmá, que divide a Península Ibérica entre Galicia (Djilliquiyya),[64] España (al-Andalus)[65] e os territorios pirenaicos dos francos (Ifrandj):[66]
No Ajbar machmúa, compilación de textos árabes dos séculos VIII a XI, denomínanse galegos (al-yalaliqa) os cristiáns do occidente peninsular e Galicia o seu reino.[67] O historiador e xeógrafo Al-Ya'qubi (†897/8) rexistra no seu Kitāb al-buldān (Libro dos países) que Mérida limita co territorio do pobo dos galegos.[68] O xeógrafo Al-Masudi (†956) fala dos galegos e os seus pobos veciños: francos, eslavos, lombardos etc.,[69] citándoos como o maior perigo para Al-Andalus[70] e narrando como Abd al-Rahman, rei de España, marchou contra Zamora, capital dos galegos.[71] O persa Al-Istakhri (†957) describe no seu Kitāb al-Masālik al-mamālik (Libro de camiños e reinos) a fronteira de Al-Andalus incluíndo Zamora e Oviedo entre as cidades galegas.[72][73] O árabe Ibn Hawqal (†988) sinala Galicia entre os reinos cristiáns europeos por el recoñecíbeis, dividindo a Península Ibérica entre ela e a España musulmá,[74] citando como cidades galegas Oviedo, Zamora e León[75] e situando en Lisboa a fronteira sur.[76] Al-Andalusi (†1070) sitúa os galegos entre as nacións nas que divide o mundo coñecido. Ibn Hayyan (†1075) cita Clunia como "primeiro confín de Yilliqiyya" polo leste e Coímbra polo sur.[77] O cartógrafo e xeógrafo Al-Idrisí, na súa descrición do mundo realizada contra 1150 e titulada Nuzhat al-mushtāq fi'khtirāq al-āfāq (Libro de agradábeis viaxes a afastadas terras), tamén coñecida como o Libro de Roxerio (Kitāb Rūŷar) ao ser un encargo de Roxerio II de Sicilia, informa que de Galicia dependen, entre outras, as cidades de León, Segovia, Burgos e Soria.[78] O xeógrafo Yaqut, que viviu entre 1179 e 1229 e compuxo o Kitāb Mu'jam al-Buldān (Dicionario de Países) entre 1224 e 1228, localiza Yilliqiyya "próxima á costa do océano, no extremo noroeste de al-Andalus".[73] Outros autores árabes máis serodios, mais que basean as súas obras en crónicas previas continúan na mesma liña; así: Ibn Khaldún (†1406) cita os galegos entre as nacións veciñas de Al-Andalus, e Al-Himyari (†1495) narra a batalla de Simancas (939) situándoa en territorio galego (o mesmo fan as fontes cristiás)[79] e indicando que "de entre as nacións coas que os habitantes de Al-Andalus estaban en conflito, a galega era a máis poderosa".[80]

Disgregación do reino (séc. XI-XIII)

O bispo Diego Xelmírez.
A Historia compostellana, libro sobre a vida do prelado e os acontecementos políticos da súa época, nunca menciona a existencia dun reino de León.[81]

Desde o século XI, a documentación histórica amosa unha progresiva diferenciación entre os espazos xeográficos que integraban o reino galego. Malia pervivir aínda a tradicional distinción entre Galicia, o reino cristián, e España, o territorio musulmán, observábel por exemplo nunha misiva diplomática de Urbano II (†1099),[82] vai emerxendo nos documentos unha nova toponimia política: León, Castela, Portugal...[83] Así é testemuñado polo xeógrafo e historiador andalusí Al-Bakri (†1094), quen divide nesta altura Galicia en 4 rexións: A Galicia propiamente dita ou nuclear; Asturias, da que di que debe o seu nome ao río Astura (Esla); Portugal, pequeno enclave entre Braga e Porto; e Castela (onde inclúe León).[84][85] Esta diferenciación territorial viuse acelerada a finais do século XI cando Afonso VI mudou os límites políticos ao unir aos seus dominios a taifa de Toledo. Desde este momento Afonso comeza a figurar na documentación histórica non só como rei galego senón tamén como rei de España.[86][d]

O proceso de fragmentacón política continuou no século XII cando, da man do "pérfido galego" Afonso Henriques,[88] tivo lugar o esgallamento de Portugal. Un reino que a finais do século XI era concibido como un máis dos territorios de Galicia.[89][90] Aínda era lembrado así no século XIII polo cronista navarro Ximenez de Rada (†1247),[91] e en diversas crónicas transpirenaicas, como as de Robert de Torigni os reis de Portugal eran chamados galegos.[92]

De igual xeito as terras de Castela foron separadas do reino común na hora da morte do rei Afonso VII (†1157). Nese momento o seu imperio foi dividido entre os seus fillos a instancias do conde galego Fernán Pérez de Traba.[93] Sancho recibiu Castela e Toledo e Fernando "toda Galicia, todas as Asturias de Oviedo, as cidades e terras de León, Astorga, Toro, Zamora e Salamanca".[94] É dicir, Galicia, Asturias e cinco cidades, coas súas terras circundantes, situadas fóra do macizo galaico.

Tamén León deixou neste século de ser considerado nas fontes un espazo propiamente galego. A "terra de foris"[e][97], o inicial "territorivm legionense" asociado á corte real do século X[98], foi individualizándose nun proceso paulatino,[f] aparecendo agora na documentación como un territorio á parte situado após os "Alpes de Galicia"[100][101]. Sen que sexa posíbel determinar claramente unha xeografía leonesa propia, separábel de Galicia, limitándose os documentos a sinalar o carácter de León como sé rexia e sen asignar xamais tal nome a todo o territorio.[102] Conformando ás veces, xa nos séculos seguintes, un conxunto territorial denominado na diplomatura Galicia-León[103]. Malia a interpretación do período establecida pola historiografía española, a cal contempla a existencia exclusiva dun "Reino de León"[104], a documentación coetánea mantivo Galicia como nome do reino[105].

O reino galego é mencionado nos itinerarios de cruzados camiño de Terra Santa[106] e Galicia citada entre as nacións chamadas á defensa de Xerusalén polo papa Pascual II[107].
Códice Calixtino. No texto, que denomina a Afonso VII "emperador de España e Galicia"[108], non exiten referencias ao Reino de León.[109]
  • Na Crónica de Sampiro (séc. XI), recollida na chamada Crónica Silense (séc. XII), aparece a primeira referencia explícita á existencia dun Reino de León. Este manuscrito, que foi o gran construtor da identidade da cidade de León como sede rexia, propósito ao cal tamén contribuiría posteriormente a Silense,[110] menciona así por primeira vez o "Legionis regnum"[111]. Aínda que entre as dúas crónicas se fan cincuenta e dúas mencións a León,[112] a maioría son como cidade.[113] Ademais, na primeira metade do texto sampirense, até o reinado de Ordoño III (951-956), Zamora tamén posúe un significativo número de aparicións, nas cales figura cos mesmos atributos rexios que se outorgan á propia cidade leonesa.[114] Pola súa banda, o texto da Silense, hoxe tamén chamada Historia legionense, deixa claro que é o Reino de Galicia o obxecto da súa narración, pois así é denominado constantemente o reino,[115] sendo ademais o que máis veces aparece citado (vinte e oito).[112] Adicionalmente, nel sinálanse como reis de Galicia, entre outros, a Bermudo II[116][117] e Afonso V.[118][119]
  • A Historia Compostelá, narración dos principais acontecementos políticos do reino entre os anos 1100 e 1140, non fai referencia ningunha á existencia dun reino leonés.[81] No texto aparece o reino galego baixo a denominación de "regnum Hispanie" en vinte ocasións, cando inclúe as terras hispanas gañadas aos musulmáns (taifa de Toledo), e como "regnum Gallaecie" en dezasete, ao referirse ao reino tradicional.[120] A Historia cita tamén tres veces o "regnum Aragoniae", e nunha ocasión o "regnum Toleti" e o "regno Portugalensi"; non existen máis reinos na crónica xelmiriana.[121]
  • O Códice Calixtino tampouco recolle referencia ningunha ao Reino de León. No seu libro IV, a Historia Turpini, enuméranse as vilas e cidades de Galicia (e España) sen incluír León entre elas.[122] No libro V, a coñecida como Guía do peregrino, atribuída ao monxe francés Aymeric Picaud, detállanse as xornadas e pobos no seu tránsito polo camiño de Santiago facendo só unha mínima referencia a Léon.[109]
  • Na Chronographia do monxe belga Sixeberto de Gembloux (†1112), crónica universal dos máis importantes acontecementos entre os anos 379 e 1111, dise que "o reino que é a terceira parte da Hispania, o cal chamamos de Galicia […] continúa intacto, que coa protección de Deus segue inexpugnábel".[35]
  • A Chronica Adefonsi Imperatoris, escrita entre o ano 1153 e o 1157, reflicte as mudanzas políticas do territorio. No ano 1139, cando o emperador Afonso VII inicia a campaña militar contra o castelo de Oreja, congrega as "milicias de toda Galicia, da terra de León e de Castela".[123] No Poema de Almería (ca. 1147), apéndice épico da crónica, destaca a primacía do territorio galego sobre os demais dominios imperiais ao describir a orde de marcha dos exércitos.[124][125] Os galegos lideran a expedición seguidos pola cabalaría da cidade de León, a "urbis legionis".[126]
  • Galicia aparece citada na crónica do monxe xermano Ekkehard de Aura (†1126), entre as nacións que acoden ao chamamento do papa Pascual II para reforzar a recente conquista de Xerusalén.[107]
  • Nun texto das illas británicas, os Annales Cambriae ou cameracenses, enuméranse tres imperios cristiáns para o ano 1159: o xermánico, o bizantino e o galego.[127][128]
  • Os textos épicos franceses dos séculos XII e XIII recoñecen extensamente a correcta denominación do reino galego; así, entre a toponimia da chanson de geste francesa, "Galice" aparece 50 veces en 35 textos, "Saint Ja(c)ques" 65 en 35 textos, "Compostel(l)e" 9 en 6 textos, en tanto que "Lion" só figura nun par de ocasións.[130] Un exemplo atópase no máis antigo dos seus exemplares, o Cantar de Rolán (ca. 1170), onde Galicia aparece citada dúas veces,[131] outro no Charroi de Nîmes onde se menciona Galicia xunto a outras nacións do seu tempo.[132]
  • O historiador británico Roger de Howden (†1201) tamén elude a mención do suposto reino leonés na súa Chronica Magistri. Nesta obra, cando se refire ao reino galego faino baixo a forma "a terra do rei de Sancto Jacobo", é dicir, a terra de Afonso VIII de Santiago de Compostela.[133] Igualmente, no itinerario marítimo De Viis Maris, atribuído ao propio Howden e composto entre 1191 e 1193, que describe a ruta desde York até a Terra Santa, o reino aparece coa mesma fórmula, precisándose ademais que se lle chama "Galicia".[134]

Son estes os anos da chamada era compostelá, unha época de esplendor económico e de apoxeo da lingua e da lírica do reino galego.[135] A lingua do Reino de Galicia, o galego, figuraba entre as catro linguas habilitadas para a práctica trobadoresca citadas polo catalán Jofre de Foixá († ca. 1295) nas súas Regles de Trobar.[136] Nesa lingua, o propio rei castelán Afonso IX[g] elaborou as súas afamadas Cantigas de Santa María e, aínda no século XV, Íñigo López de Mendoza (†1458), marqués de Santillana, lembraba como o galego era empregado para a lírica en todo o territorio peninsular.[137] Este predominio cultural de Galicia (sempre a lingua foi compañeira do imperio),[138] resulta inexplicábel desde o paradigma historiográfico hispano[139][140], e só se pode entender aceptando a existencia dun reino galego que abranguía todo o noroeste peninsular.[141]

Dentro da coroa de Castela (séc. XIII-XV)

Escudo de Galicia no armorial Segar’s Roll (ca. 1282). A antigüi­dade e proxección da que durante séculos gozou o reino e os seus reis fixo que a súa represen­tación heráldica se manifestase en varios armoriais temperáns.

No século XIII, Fernando III (†1252), rei de Castela e fillo de Afonso VIII, herdou Galicia contra a vontade do seu pai. Durante o conflito sucesorio os galegos chegaron a propor para o trono a Afonso de Molina, irmán máis novo de Fernando.[142] A unión dos reinos do novo monarca figuraba na diplomatura rexia mediante un pareado de entidades políticas: Castela-Toledo e León-Galicia,[143] e así figuran tamén en selos[144] e sinais rodados.[145] Galicia-León mantiña, ademais, o seu propio código legal, o Liber Iudicium. [146] Significativamente, os arcebispos de Compostela e Toledo eran á par os chanceleres da coroa até o ano 1290 cando, tras un proceso iniciado anteriormente por Afonso IX, se deposita o cargo só no de Toledo.[147]

Durante a sucesión deste rei, os burgueses das cidades e vilas dos reinos, agora claramente diferenciados, de León e Galicia conformaron a "Hermandat de los Regnos de Leon et de Gallisia", que tiña por obxectivo a defensa dos dereitos sucesorios do seu fillo Sancho IV.[148] Esta irmandade reapareceu no 1295[149] apoiando nesta ocasión a Fernando IV.[150] Entre os anos 1296 e 1300 separáronse outra vez brevemente Galicia-León e Castela-Toledo, ao coroar a Xoán I rei de León, Galicia e Sevilla[151] co apoio do rei Dinis I de Portugal.[152]

Durante o século XIV Galicia aparece nos diplomas enumerada como un máis dos reinos da coroa castelá. A comezos deste século foi gobernada separadamente polo infante Felipe,[153] irmán do rei Fernando IV. Despois da morte de Fernando, o reino pasou ao seu fillo Afonso X[154] e despois ao seu neto Pedro I.[155] Este monarca, apoiado pola nobreza galega, librou unha guerra civil polo trono co seu medio irmán Henrique II. Após a súa derrota, os nobres galegos tentaron entregar o reino a Fernando I de Portugal e, posteriormente, a Xoán de Gante. A derrota final significou a práctica desaparición da alta nobreza galega e o ascenso de nobres de segunda liña, ficando as cidades baixo o control do clero.

Esta situación política deu orixe no século XV ás revoltas das irmandades burguesas.[156] Os irmandiños alzáronse en representación do Reino de Galicia, e no seu nome sempre se expresaron, sendo a súa a derradeira acción de carácter nacional coñecida na Galicia medieval.[157] Rematadas as guerras irmandiñas, a debilitada nobreza galega tomou novamente partido polo bando perdedor noutra guerra civil castelá,[158] sumándose nesta ocasión á causa de Xoana de Castela enfrontada á súa tía Isabel.[159] Xoana contaba tamén co apoio do rei de Portugal Afonso V, seu esposo, quen tiña a pretensión de reunir novamente os reinos galego e portugués.[160] Despois da derrota do partido de Xoana, iniciouse un proceso que pasou á historia como a "doma e castración do Reino de Galicia", no que os magnates galegos foron caendo sucesivamente diante dos exércitos da vencedora Isabel de Castela. En primeiro lugar o conde de Soutomaior Pedro Madruga, despois o mariscal Pardo de Cela, e finalmente os condes de Lemos: Pedro Álvarez Osorio e Rodrigo Henriquez de Castro, momento este no que se separa o territorio do Bierzo do Reino de Galicia.[161]

A desaparición de todo estamento capaz de conducir Galicia cunha dinámina diferenciada, unida á forte centralización exercida pola monarquía castelá supuxo a práctica desaparición do reino galego, convertido agora nun territorio marxinal, que con todo, mantivo formalmente a categoría de reino durante todo o Antigo Réxime.

Historiografía dos reis de Galicia

Os reis do Reino de Galicia son recoñecidos como tales pola documentación medieval. Así son nomeados xa no século VI os monarcas suevos, e así son referidos tamén no século VIII os primeiros caudillos ástures. No século IX, Afonso II foi o primeiro monarca extensamente documentado como rei de Galicia, e desde ese momento até o século XIII practicamente todos os soberanos contan con referencias que lles outorgan tal titulación.

O rei Teodomiro[162] [163]nunha iluminación do Chronicon Albeldense, ca. 976.

Período xermánico

Os gobernantes suevos do "Galliciensim regnum" foron os primeiros en ser sinalados como reis de Galicia nas fontes documentais. Deste xeito denomina Gregorio de Tours (†594) os monarcas Carriarico,[164] Miro,[165] Eurico[166] e Andeca.[167] Martiño de Dumio (†ca. 580) adica varios tratados á educación do seu pupilo Miro, rei de Galicia.[168] Tamén Xoán Biclarense (†ca. 621) chama a Andeca "rei do reino suevo de Galicia".[169] E na crónica de Fredegario (ca. 650) nomease novamente rei de Galicia a Miro[170]. A mesma designación recibe Teodomiro nas actas do concilio de Lugo (569).[162] Unha fonte serodia, a Estoria de España (1289) do rei Afonso IX, fai tamén "rey de Gallizia" a Hermerico,[171] Requila,[172] Requiario,[173][h] Remismundo e Teodomiro.[163] Mesmo após a anexión do reino suevo pola monarquía goda, o rei visigodo Recaredo é descrito como "rei dos godos e dos suevos" nunha misiva do papa Gregorio o magno (†604).[175] As crónicas asturianas lembran, xa no século VIII, como Vitiza rexía Galicia desde Tui,[176] de xeito que o seu pai Exica gobernaba o reino dos godos e o fillo o dos suevos.[177]

Estatua do mítico Paio, natural de Asturias, en Galicia[178].

Primeiros caudillos

Diante da desaparición da estrutura estatal visigoda, as terras cristiás pasaron a organizarse arredor do clero e da nobreza condal, sen a existencia agora dun poder centralizado.[179] Este poder comezou a estruturarse, baixo o influxo do imperio carolinxio, no tempo do rei ovetense Afonso II (†842)[180] e foi consolidado baixo o reinado de Afonso III (†910). A corte deste monarca, na procura da afirmación da súa autoridade, creou unha serie de crónicas que emparentaban a figura do rei coa dos derradeiros soberanos visigodos. Hoxe considérase que os primeiros señores incluídos nesta listaxe de sucesores rexios non puideron pasar, de existir, de meros "caudillos" territoriais.[181][182]

Do primeiro destes caudillos, Paio, para a historiografía hispana iniciador do suposto reino ástur,[183] dise na crónica de Al Maqqari, quen cita á súa vez o historiador Isa Ibn Ahmand al-Razí (†977), que "se levantou nas terras de Galicia un asno salvaxe chamado Belay [Paio]", e engadindo unha cita similar de Ibn Hayyan (†1075), infórmase de que Paio era "natural de Asturias, en Galicia".[178] Paio e os seus hipotéticos sucesores pasaron como reis de Galicia aos textos cronísticos árabes[184]. Así acontece con: Afonso I (†757) (malik[185] Jilliquiyya[64]),[186][187] Froila I (†768),[188][189] Aurelio (†774),[190] Silo (†783),[191][192] Mauregato (†788)[193] e Bermudo I (†797).[194][195][196][197]

O rei de Galicia Afonso II. Libro dos testamentos da Catedral de Oviedo.[198]

Reis ovetenses

Afonso II (†842) é designado tamén como "rei dos galegos" nas crónicas árabes.[199] Existindo para este monarca outros exemplos entre a documentación cristiá: nunha carta do ano 832 el mesmo di ser "rei de toda Galicia"[200]; nos Annales regni Francorum (741-829) é denominado "rei de Galicia e Asturias"[201]; na biografía de Carlomagno, Vita Karoli Magni, escrita polo clérigo Exinhardo (†840), aparece como "rei de Galicia e Astorga";[202] o bispo Ado de Viena (†875) chámalle "rei de Galicia e Austria";[203] na biografía do emperador Lois o Piadoso, Vita Hludovici (ca. 840), chámaselle "príncipe das Galicias";[204] no Codex Augiensis (ca. 850) figura como "rei de Galicia";[205] e tamén o denomina así Rodrigo Ximenez de Rada (†1247) xa no século XIII.[206]

Son tamén reis de Galicia para os estudosos da época os herdeiros de Afonso II, Ramiro I (†850)[196][207] e Ordoño I (†866).[196][208][209] E o mesmo acontece con Afonso III (†910);[210] así nolo indica Ibn Hayyan, quen, seguindo unha crónica previa de Al-Razí († ca. 977), afirma que é fillo do rei de Galicia Ordoño I.[211] O propio pontífice Xoán VIII (†882), nunha misiva do ano 876, sinala o rei Afonso como "glorioso rei de Galicia".[212][213] Nun documento do ano 893, o rei navarro Fortún Garcés enumera os poderes políticos que ten por veciños citándoo como monarca de Galicia.[214] Tamén a Crónica Silense (ca. 1020) indica que Afonso é "o grande e glorioso rei vivo no comando da provincia de Galicia"[215] e unha crónica anónima do século X, o Liber Historiae Francorum, chama rei de Galicia a Afonso ao tempo que informa da súa amizade co emperador carolinxio Carlos II.[216]

Afonso V, rei de Galicia. Libro dos testamentos da Catedral de Oviedo.[217]

Reis legionenses

A comezos do século X a corte dos reis foi trasladada desde Asturias á cidade galega[218][219][220][221] de León,[222][223] feito aínda lembrado polo pontífice Honorio III no século XIII.[224] Malia a mudanza da sede rexia, as referencias ao reino de Galicia e aos seus monarcas mantéñense inalterábeis.[225] Son considerados reis de Galicia os fillos de Afonso III, que dividiron o reino após a súa morte: García I (†914),[226][227] Ordoño II (†924)[228][229][230] e Froila II (†925).[231][232] Tamén os fillos de Ordoño II dividiron o reino entre eles, sendo Sancho I (†929) recoñecido como rei na Galicia "nuclear" e gobernando Afonso IV (†933) a "terra de fóra[97] e as cidades",[233] até o ano 926 cando Sancho, "serenísimo rei […] príncipe de Galicia",[234] se erixe como monarca de todo o reino.[235] Outro dos fillos de Ordoño, Ramiro II (†951),[236] é "rei dos galegos" para Al-Himyari[237] e "rei de Galicia" para o andalusí Ibn Hayyan,[238] e como tal aparece en textos cristiáns como o Gomesanis Prologus (950)[239] ou na obra de Luitprando de Cremona (†972), quen o sinala como "cristianísimo rei de Galicia".[240] Mesmo un diploma do mosteiro aragonés de San Juan de la Peña, datado no ano 948, fai del emperador de Galicia.[241]

Tamén era "rei cristián de Galicia" Ordoño III (†956) para Ibn Idari,[242] e simple rei de Galicia Sancho II (†966) para Ibn Khaldun.[243] Ordoño IV (†962), "príncipe infiel de Galicia",[244] procedía "da familia dos reis galegos".[245] Ramiro III (†985) é citado como "rei de Galicia"[246] e "señor á sazón de Galicia".[247] O rei Bermudo II (†999),[248][249] coroado en Compostela no ano 982,[116] aparece como "rex in Galezia" nunha doazón ao mosteiro de Sahagun no ano 997,[250] como "in Gallecia dominante" no 998 na documentación do mosteiro de Samos,[251] e como "dei gratia Rex Gallecie" e "Rex Veremudus regnans Gallecie" na do mosteiro de Caaveiro.[252] Sen existir neste último caso acordo entre os estudosos sobre a datación do diploma,[253] pois o cartulario foi modificado no século XIII.[254] Tamén é presentado como rei de Galicia pola Crónica Silense, ao indicar o manuscrito que foi nas fronteiras de tal reino onde Bermudo obtivo a coroa.[255]

O rei Afonso V (†1028) é sinalado como "rei galego" polo cronista Adémar de Chabannes (†1034).[256] Tamén o denomina así a Crónica Silense,[119] que o chama ademais "príncipe dos galegos"[118] ao tempo que fala dos seus herdeiros: Bermudo III (†1037) e Sancha I (†1067). Na hora da morte do rei Bermudo III, que goberna unha Galicia que chega até o río Pisuerga[257] e a quen Sancho III o Maior de Navarra denomina "emperador de Galicia" nun diploma do ano 1030,[258] herda a coroa a súa irmá a "emperatriz" Sancha,[259] casada co navarro Fernando I (†1065) xunto ao cal gobernou sobre o "imperio galego".[260] Fernando, que chegou a sitiar León no seu camiño ao trono[261] e defendeu Galicia do seu irmán García de Navarra,[262] figura como rei de Galicia na documentación do mosteiro de Celanova[263] e é denominado "rei dos galegos" polo historiador marroquino Ibn Idari na súa crónica do século XIII.[264]

O rei de Galicia Afonso VI. Tombo A da Catedral de Santiago.[265]

Crise sucesoria

Após a morte da raíña Sancha I e o seu consorte Fernando, o reino galego foi dividido entre os seus fillos Sancho (†1072), Afonso VI (†1109) e García II (†1090). García herdou a que, segundo narra o cantar do cerco de Zamora, sería a parte principal do reino,[266] a Galicia propiamente dita ou nuclear.[i] Paradoxalmente, García nunca aparece na documentación como rei de Galicia,[269] cousa que si fai o seu irmán Afonso no ano 1070[270] e Sancho no 1071,[271][272] e neste mesmo ano mesmo os dous en conxunto[273]. Tamén aparecen como reis de Galicia na Chronica de Alberic de Trois-Fontaines (†1252), onde se chama a Sancho rei de Galicia e a Afonso "potentísimo rei de Galicia e Castela".[274] Foi finalmente Afonso quen reunificou a coroa na súa persoa, aparecendo desde entón prolixamente nas fontes históricas co título de rei de Galicia. Deste xeito aparece nun documento portugués do ano 1086[275] e noutros posteriores,[276] e así se dirixe a el o propio pontífice Urbano II no ano 1088.[277][j] No ano 1085 Afonso anexionou o reino hispano de Toledo aos seus dominios; desde a súa conquista figura tamén nas fontes "imperando" na España musulmá.[279] Posterior á súa conquista é un privilexio outorgado á catedral de Lugo onde figura como "vitoriosísimo rei en Toledo, España e Galicia"[280] e, no ano 1095, aparece na documentación da Catedral de León como "rei […] en toda Galicia e España".[281]

As fontes europeas tamén se refiren a Afonso como rei de Galicia. Así o fan Orderico Vital (†1142), na súa obra Ecclesiasticae Historiae, e Guillerme de Malmesbury (†1143), na súa De Gestis Regum Anglorum[282], ambos ao referírense á súa posíbel voda con Agatha, filla do rei Guillerme I de Inglaterra.[283] O mesmo fai outro monxe inglés, Mateu de París (†1259), na súa Historia Anglorum.[284]

Escudo atribuído ao rei de Galicia e Aragón nun armorial francés. No ano 1109, Urraca, raíña de Galicia, casou en segundas nupcias con Afonso I de Aragón.

Durante o reinado de Afonso, a Galicia nuclear, que fora asignada a García II, foi confiada ao nobre franco Raimundo de Borgoña (†1107), casado coa súa filla e herdeira na altura Urraca I (†1126).[285] Raimundo aparece na documentación histórica con atribucións e definicións case rexias,[286] chegando a ser cualificado en ocasións como "regnante" en Galicia e mesmo como "emperador de toda Galicia".[287] A Galicia de Raimundo incluía naturalmente a zona leonesa, chegando a autoridade do conde a Zamora ou Salamanca.[288] A pegada histórica do nobre borgoñón ficou testemuñada no Cantar de Rolán onde aparece baixo o nome Hamon de Galicia.[289] No ano 1107 faleceu o conde Raimundo, sendo agora Urraca sinalada nas fontes históricas en termos similares aos do seu home: "emperatriz de toda Galicia".[290] Urraca e o seu fillo Afonso VII (†1157) disputaron longamente a coroa do reino galego. Afonso VI deixara o reino a Urraca mais explicitando que se volvía casar este pasaría ao seu neto.[291] Urraca casou con Afonso I de Aragón e, durante os longos anos de conflito, o seu fillo Afonso chegou a ser coroado como rei de Galicia en Compostela en dúas ocasións: no ano 1111, en toda Galicia, contando coa aquiescencia da súa nai, e no 1116 só na Galicia nuclear e en aberto enfrontamento.[292]

Finalmente Afonso asumiría a coroa na hora da morte da súa nai no ano 1127, gobernando "toda Galicia, Asturias e a terra de León, Castela, Estremadura e a Trasierra".[293] O cronista árabe Ibn Al-Atir fala del como "rei do pobo franco dos galegos".[294] É chamado rei de Galicia polo monxe francés Helinando de Froidmont (†1237).[295] No libro V do Códice Calixtino afírmase que Afonso era o "emperador de España e Galicia".[108] A diplomatura do mosteiro de Caaveiro di que o "emperador Afonso impera en Galicia".[296] Un diploma do Tamén os Annales Cambriae ou cameracenses semellan referirse a el ao enumerar os imperios da cristiandade para o ano 1159: o xermánico (Frederico I), o bizantino (Manuel I) e o galego (Afonso VII), se ben é posíbel que se refiran xa ao seu fillo Fernando II.[297] O historiador inglés Mateu de París explica que no ano 1155 Afonso VII é "rei de España, que a súa capital é Toledo e que os seu reinos principais son Aragón e Galicia, e que por iso é chamado emperador de España".[298]

Sepulcro de Afonso VIII na Catedral de Santiago. A historiografía española asígnalle o numeral "IX", reservando fraudulentamente o "VIII" para o primeiro rei de Castela[299][300]

División do reino

Na hora da morte de Afonso VII o reino foi dividido entre os seus fillos, Sancho recibiu Castela e Toledo e Fernando II (†1188) "toda Galicia, todas as Asturias de Oviedo, as cidades e terras de León, Astorga, Toro, Zamora e Salamanca".[301] Desde o ano 1152, cinco anos antes da morte do emperador Afonso, o seu fillo Fernando aparece titulado como rei de Galicia en diversos documentos.[302][303][304][305][306][307] Desde a morte de Afonso VII, o rei Fernando asina na diplomatura rexia maioritariamente baixo a fórmula de "rei en León, Galicia, Asturias e Estremadura"[308]. O trobador provenzal Arnaut Daniel (†1200) sinálao como "señor dos galegos" na súa composición “Doutz brais e critz”.[309] Tamén fan del rei de Galicia, o relixioso británico Mateu de París na súa Chronica Majora[310] e a anónima Chronica regia Coloniensis.[311]

Á morte de Fernando II herda o trono o seu fillo Afonso VIII (†1230), quen asinou como "rex legionensis et Gallecie" na maioría dos diplomas conservados até os nosos días, 213 dos 322 estudados polo historiador Julio González.[308] Esta fórmula está presente tamén nos seus selos e sinais rodados,[312][313][314] atopándose xa presente na época de seu pai Fernando.[315][k] Na súa representación nos tombos de Compostela titúlase "rei dos leoneses e Galicia".[317] O cronista británico Roger de Howden (†1201) refírese ao rei Afonso como o "rei de Santiago"[318] e o francés Alberic de Trois-Fontaines (†1252) denomínao rei de Galicia ao narrar a voda dunha das súas fillas co rei de Xerusalén.[319] Nesta crónica emprega como equivalentes as denominacións de rei de León e rei de Galicia.[320]

Cartografía do Reino de Galicia

Os mapas medievais referendan graficamente a configuración política da Península Ibérica presentada pola documentación escrita. Na totalidade da cartografía conservada é Galicia o nome utilizado para referenciar o territorio do noroeste. Non existe ningún mapa do período medieval no que aparezan Asturias ou León en solitario, e, nas ocasións en que estes territorios son representados, sempre é dentro ou a carón de Galicia.

Galicia na cartografía do século X

Galicia na cartografía do século XI

Galicia na cartografía do século XII

Galicia na cartografía do século XIII

Galicia na cartografía do século XIV

Galicia na cartografía do século XV

Interpretación historiográfica

Tivo Galicia reis antes que Castela leis.
Aforismo galego.[408]

Na Idade Moderna (séculos XVI-XVIII), a lembranza da magnitude e importancia do reino galego medieval xa se disolvera no tempo. Nesta época de gran galegofobia,[409] os historiadores, incapaces de asimilar que a deprimida Galicia por eles coñecida fose o mesmo reino da cristiandade medieval sobre o que escribían, recorreron nas súas obras a diversas denominacións para un reino ao que non podían chamar aínda Castela, nin obviamente España.[410] Así, por exemplo, o erudito Henrique Flórez, que non tiña reparos en facer desaparecer documentos que fosen "contra o honor da nación" ―admitindo por carta a súa queima e pedindo ademais que a propia carta fose tamén destruída para non deixar constancia ningunha―,[411] recorría ao termo "reino dos cristiáns".[412] O cóengo e historiador Pascual Galindo, perante a actitude de Flórez e após se decatar das eivas existentes na España Sagrada ―a obra máis famosa de Flórez― ao estudar a historia da igrexa de Tui, chega a se preguntar se lles ocorrería o mesmo a outros documentos, por ese ou outros motivos, e se serán fiábeis todas as transcricións e publicacións.[411]

Non foi até o século XIX, momento no que se elaboraron as grandes historias dos estados liberais, cando a historiografía hispana fixou as denominacións de "reino de Asturias" (na realidade unha parte de Galicia)[8][11] e "reino de León" (inicialmente unha cidade galega).[218][219][220][221][222][223] Naquel momento, a procura no pasado da "esencia nacional", levou ao establecemento dunha secuencia segundo a cal o devir histórico de España se iniciaría co reino toledano dos visigodos,[m] continuaría en Asturias, León, Castela, e culminaría na España contemporánea.[415] Neste esquema ideolóxico o reino medieval de Galicia foi eliminado, empregando como xustificación o feito de, en ocasións, o nome do reino ser identificado co da cidade na que se asentaba o trono.[105] Algo habitual nas chancelarías reais da época,[416][n] e que non implicaba que o territorio baixo a soberanía do rei tivese o mesmo nome que a residencia rexia.[410]

Adoita tamén facerse pasar como equivalente a "reino de Asturias" dúas palabras presentes nunha frase da Crónica Albeldense: "Asturorum Regnum divina providentia exoritur",[417] literalmente: "naceu pola divina providencia o reino dos ástures".[418] Asúmese que existe unha errata no texto pois "asturorum" tradúcese en "asturores", non "ástures". Este erro gramatical, a infrecuente definición étnica do reino, e a abundancia de manipulacións na documentación da época fai que existan dúbidas sobre a autenticidade da solitaria referencia.[419] Sexa como for, constituiría unha excepción en séculos de documentos, igual que ocorre por exemplo con "Xp̃ianorum regnum" (reino dos cristiáns), tamén da Albeldense, de xeito que non se pode considerar como denominación para o reino.[420]

No entanto, os historiadores aínda se teñen que valer doutras fórmulas a maiores que lles permitan salvar a documentación histórica e, deste xeito, validar a existencia duns reinos de Asturias e de León no canto do galego; fórmulas como traducir Galicia por "Galicia e Asturias",[421] "Asturias",[422] "León",[423] "Castela-León"[424] ou "Cantabria"[425] segundo o caso, considerar que o papa e a súa chancelaría só tiñan un "vago coñecemento dos asuntos políticos de España",[278] cualificar de "anomalía" as aparicións do reino e dos reis como galegos,[255] ou mesmo acusar algunha crónica de "confundir deliberada e repetidamente con Galicia o reino de León".[426] Adicionalmente, o feito destes dous espazos políticos e territoriais inventados seren tomados como referentes polos historiadores da arte e das ciencias auxiliares da historia para os seus obxectos de estudo, dando lugar a conceptos e termos errados, como a mal chamada arte asturiana, xera unha importante retroalimentación coa cal a historiografía tradicional reforza a súa tese.[427]

Na historiografía internacional a influencia por parte do modelo español fica patente na Enciclopedia Británica, pois mentres a 11.ª edición do ano 1911, considerada unha das edicións máis famosas pola súa erudición e estilo literario,[428] falaba de Afonso III como o monarca do «reino coñecido como “de Galicia” ou “de Oviedo”»,[429] actualmente só aparece como rei de Asturias.[430] Porén, tamén existen obras nas cales o nome do reino se mantivo, polo menos para determinadas épocas. Deste xeito, no atlas histórico The Penguin Atlas of Medieval History de Colin McEvedy, publicado pola primeira vez en 1961, na serie de mapas políticos de Europa que comprenden o período entre os anos 771 e 888, o reino chámase Galicia. De igual xeito é amosada politicamente a Europa desa época na edición revisada que se publicou en 1992 baixo o título The New Penguin Atlas of Medieval History.[431][432] Outro exemplo é o mapa que representa a Europa política do século IX e que se publicou nun especial sobre a Idade Media do ano 2015 da edición alemá da revista National Geographic.[433][434][435] No entanto, tanto na obra inglesa como na alemá, o reino é denominado como Asturias na época inmediatamente anterior e como León na posterior.

Este paradigma histórico mantense na actualidade, malia que, motivado polas denuncias dunha parte da historiografía moderna, existe un intenso debate arredor da cuestión.

Cronoloxía

Idade Moderna

O salientábel mapa de Fernando Ojea, 1603. Alén de ser un dos primeiros independentes de Galicia, e de ter un escudo galego que se tornou na pauta a seguir nos séculos seguintes, tamén informaba da antiga extensión do reino.
  • 1572. Cando xa o nome e territorio de Galicia ficaran restrinxidos ás súas actuais dimensións, o historiador Ambrosio de Morales recorreu ao nome de "Reino de León, Galicia e principado de Asturias" para un relatorio dunha viaxe a ditos reinos encargado por Filipe II.[436]
  • 1603. O relixioso Hernando Ojea, no texto incluído na súa obra cartográfica Descripción del reyno de Galizia, indicaba que antigamente os límites do reino galego ían desde Biscaia até as fontes do Douro e desde estas á súa desembocadura, marcando a fronteira o percorrido do río. Tamén afirmaba que "coa mudanza do goberno, e dos tempos, quedou con este nome só o que aparece neste mapa".[444]
  • 1608. O xesuíta Juan de Mariana utilizaba a expresión "reino dos cristiáns" na súa Historia general de España.[445]
  • 1634. O clérigo Prudencio de Sandoval percibía implicitamente o territorio como un conxunto de reinos: Castela, León, Galicia e Portugal, non outorgando un nome ao conxunto nas súas obras.[447]
  • 1662. O frade agostiño Felipe de la Gándara indicaba no seu Armas i triunfos: hechos heroicos de los hijos de Galicia que "foi cabeza Galicia […] de onde procederon os que agora se nomean casteláns vellos, asturianos, leoneses, vascos e aqueles que a Portugal fixeron Reino" e que ao se "variaren os límites e termos, ficou o nome xeral diminuído, e Galicia reducida aos estreitos en que hoxe se acha, […] ambiciosa do título de Nai destes Reinos".[448]
  • 1696. O erudito sevillano Nicolas Antonio, na súa obra póstuma Bibliotheca hispana vetus, dicía o seguinte sobre os reis de Galicia: "É un absurdo que aínda se sigan chamando reis de Oviedo, pois foron chamados dende hai séculos de Galicia ou de León, como consta na epístola do Papa Xoán a Afonso o Magno".[449]
  • 1730. O relixioso portugués Manoel da Rocha adicaba un capítulo do seu tratado Portugal Renascido ao, para el, sorprendente encadramento da provincia da Beira dentro de Galicia no século X.[450] Despois dunha revisión das fontes históricas, o autor remataba por concluír que o motivo era que de Galicia "chegaran os seus reis restaurando as terras de Portugal".[451]
  • 1736. O cronista do reino de Galicia, o madrileño Francisco Javier Manuel de la Huerta y Vega, fiel aos documentos ao seu alcance, lanzaba esta advertencia nos seus Anales del reyno de Galicia: "o antigo, e invencíbel reino de Galicia, que hoxe en día se ve estreitado no último confín do mundo, foi na antigüidade tan celebrado, que comprendía co seu nome a quinta parte de toda España".[452]
  • 1771. O anónimo autor compostelán do manuscrito titulado Prueva de los Retratos Antiguos de Santiago á caballo armado en Batalla de Capitán sinala que o reino de Galicia era anterior ao de León.[455]
  • 1774. Henrique Flórez recorría nos seus traballos ao eufemismo de "reino dos cristiáns" e ao de "principado de asturias", recollendo unha titulación creada no século XIV para os herdeiros da coroa.[456]

Século XIX

  • 1820. O arabista Jose Antonio Conde y García, tradutor de diversas crónicas árabes, mantívose fiel aos textos históricos recoñecendo Galicia como nome do reino cristián. O autor explicaba que "os árabes chamaban reis de Galicia ao que nós de León, Asturias e Galicia",[457] ao tempo que denunciaba as irregulares traducións dalgún dos seus colegas.[458]
  • 1840. Pascual de Gayangos y Arce, tradutor ao inglés do cronista arxelino Al-Maqqari, substituía no seu traballo "ardhu-l-jalalkah" (o país dos galegos) por "Galicia y Asturias".[421]
  • 1846. O portugués Alexandre Herculano seguía as denominacións de Asturias e León marcadas pola historiografía española, se ben advertindo que os musulmáns denominaban reis de Galicia os monarcas residentes en Asturias.[459]
Imaxinada bandeira do "Reino de Asturias" coa cruz da vitoria.[o]
Malia non existir referencias documentais que o sustenten, a historiografía española sostén a súa existencia entre os séculos VIII e X.[420]
  • 1847. O xeógrafo e estadista navarro Pascual Madoz, no seu coñecido Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, presenta sen prexuízos uns condes de Galicia "case ao nivel do mesmo rei de Oviedo", explicando así o papel decisorio da nobreza galega,[463] e recoñece que os musulmáns "apelidaron constantemente reis de Galicia os de Asturias".[464]
  • 1849. O historiador e xornalista Leopoldo Martínez Padín publica a súa obra Historia política, religiosa y descriptiva de Galicia. Nela afirma, á luz das referencias historiográficas, que os límites primitivos de Galicia abranguían a metade da península[465] e que non chegou aos actuais até o tempo de Afonso VI.[466]
  • 1850 e até o 1867. Modesto Lafuente, autor dunha enciclopédica Historia de España en 30 volumes, fixou definitivamente a denominación de "reino de Asturias", que sería a seguir adoptada polo resto da historiografía hispana. Un reino ástur ao que as fontes históricas chamaban Galicia, como o propio Lafuente recoñecía nunha nota ao rodapé,[467] e do que admitía estenderse desde "Galicia até Basconia".[468]
  • 1867. O arabista Miguel Lafuente Alcántara, tradutor do texto árabe Ajbar Machmúa, indicaba no seu índice xeográfico que é Galicia o nome que o texto emprega para denominar o reino dos cristiáns da Península Ibérica.[469]
  • 1871. Benito Vicetto advertía no volume catro da súa Historia de Galicia de que a equivocada denominación do reino galego asentaba un erro terminolóxico que "destruiría a pureza da historia" para a posteridade.[470]
  • 1886. O catedrático madrileño Miguel Morayta y Sagrario, autor dunha Historia de España en nove volumes, substituía o termo "Djalikyah" (Galicia) do cronista Al-Razí por "Cantabria". Feito este denunciado por Manuel Murguía.[425]
  • 1891. O galego Manuel Murguía, consciente de que se estaba a eliminar Galicia da historia do estado,[471] advertía tamén de que os chamados reis de Asturias eran sinalados como reis de Galicia pola documentación[472] e de que o mesmo acontecía cos supostos reis de León.[473]
  • 1897. Francisco Javier Simonet utilizaba "reino de Asturias y Galicia" para designar o reino cristián do norte da península,[474] facendo constar que o termo "Chaliquia" empregado nos textos árabes incluía Galicia, Asturias, León[475] e mesmo Castela.[476]

Século XX

  • 1904. A autora alemano-portuguesa Carolina Michaëlis de Vasconcelos advertía de que era Galicia o único nome co que se coñecía globalmente o territorio cristián peninsular na Idade Media. Existindo probas deste feito "na poesía épica xermana, nas sagas escandinavas, nos historiadores flamengos, nos cantares de xesta franceses, na poesía popular inglesa, nas obras de trobadores, nos poetas de Italia e nos autores árabes".[477]
  • 1911. A 11.ª edición da Enciclopedia Británica, considerada unha das edicións máis famosas pola súa erudición e estilo literario,[428] fai referencia a Afonso III como o monarca do «reino coñecido como “de Galicia” ou “de Oviedo”».[429]
  • 1921. O francés Louis Barrau-Dihigo publicaba a súa tese doutoral sobre o reino asturiano (Recherches sur l'histoire politique du royaume asturien (718-910)), tese que iniciaba indicando ser esta unha historia "estritamente nacional e que non afecta máis que á península", ademais de "escura e falta de fontes documentais".[478]
  • 1926. O académico Julio Puyol y Alonso chega a preguntarse se existiu de verdade un Reino de Galicia[479], recoñecendo na súa loita por esclarecer ese feito que "na corte de Roma e outros pobos de Europa se daba o nome de reino de Galicia ao estado cristián do noroeste"[480] e que León non era senón un territorio de Galicia.[481]
  • 1928. O medievalista Claudio Sánchez-Albornoz publicaba o artigo La primitiva organización monetaria de León y Castilla. Neste traballo o autor non consegue explicar o motivo da profusa circulación na Galicia altomedieval das moedas coñecidas como gallicanos, gallicenses ou galleganos. "Entenderían os homes do século X por sólidos gallicanos sólidos de Galicia?" pergúntase, e malia achar escrito sobre elas seren "de uso na nosa terra (usui terre nostre)" o autor ignora a evidencia de que o nome da moeda deriva do nome do reino: "resulta difícil explicar que se calificasen de galleganos sólidos fabricados polos reis de León para todo o seu reino e moi dubidoso que os soberanos leoneses cuñasen só en Galicia".[482]
  • 1933. Armando Cotarelo Valledor publica unha premiada biografía de Afonso III na que lle outorga a condición de rei de Galicia.[483] Porén, malia afirmar que nunca existiu unha conquista musulmá do territorio galego[484] e traducir correctamente as fontes árabes e cristiás que sinalan a Afonso como rei de Galicia,[485][486] o autor asume que o reino galego dependía de Asturias, para el unha entidade diferente.[487] Unha edición facsimilar da obra foi publicada no ano 1991 baixo o título Alfonso III el Magno. Último rey de Oviedo y primero de Galicia.
  • 1944. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, nunha misiva a Claudio Sánchez-Albornoz, acúsao a el e a Menéndez Pidal de "ocultar con malicia de inimigos todo o que Galicia significou na España doutros tempos".[488]
Ramón Menéndez Pidal na rodaxe da película "El cid"[489], baseada no Cantar de Mio Cid, manuscrito propiedade da súa familia. O hispanista inglés Colin Smith, analizando as tinturas do manuscrito con raios X[490], demostrou que Pidal manipulou o documento retocando versos, mudando palabras e cambiando a data que figura no texto para facelo pasar por máis antigo do que era na realidade.[491][492]
  • 1947. Ramón Menéndez Pidal, o grande impulsor da idea de Castela como núcleo da "nación" española, comparaba a "lacónica historiografía cristiá" do período ástur coa historiografía árabe cuxos historiadores eran "precisos na cronoloxía, abundantes nos pormenores, moi atentos ás personaxes secundarias, amosando en todo un poder de visión extenso, á vez que penetrante".[493] Malia isto o autor optou por ignorar a comprensión política dos estudosos árabes substituíndo o nome de Galicia polos de Castela, Asturias e León.
  • 1948. Americo Castro Quesada elimina tamén o nome de Galicia como propio do reino medieval do norte peninsular, se ben incluíndo a advertencia de que "os árabes chamaban galegos a todos os cristiáns do norte".[494]
  • 1949. O catedrático Antonio Cristino Floriano y Cumbreño indicaba na súa obra Diplomática española del período astur que a denominación utilizada para designar o reino galego medieval non pasaba dun "concepto político-xeográfico".[495]
  • 1952. O catalán Ferran Soldevila, na súa Historia de España, afirmaba tamén que "os sarracenos comprendían baixo o nome de galegos tamén a asturianos e leoneses".[496]
  • 1954. Jose Antonio Maravall, no seu traballo El concepto de España en la Edad Media, recoñecía que tanto nas fontes cristiás como nas árabes todo o territorio cristián medieval era denominado Galicia.[497]
  • 1956. O historiador Claudio Sánchez-Albornoz, en España, un enigma histórico, non conseguía comprender o motivo polo cal o idioma galego era empregado en todo o reino cristián medieval cando, para el, Galicia non deixaba de ser un territorio marxinal.[139]
  • 1961 e 1992. O atlas histórico The Penguin Atlas of Medieval History de Colin McEvedy denomina o reino como Galicia na serie de mapas políticos de Europa que comprenden o período entre os anos 771 e 888. Isto mantense na edición revisada que se publicou en 1992 so o título The New Penguin Atlas of Medieval History.[431][432]
  • 1963. O médico e historiador ribadaviense Ruben García Álvarez lembrou, nun artigo na revista Grial, que "era Galicia o único nome que para falar da España cristiá empregaban as fontes latinas e árabes".[498]
  • 1970. O notario coruñés Eduardo Menéndez-Valdes Golpe, na súa obra Separatismo e unidade - Unha mitificación histórica criticaba a idealización de Castela realizada pola historiografía española, ao tempo que apuntaba que na realidade esta xurdiu separándose do reino cristián medieval. Un reino incorrectamente chamado "de León".[499]
  • 1981. Claudio Sánchez-Albornoz recoñecía na súa obra Estudios sobre Galicia en la temprana edad media que era Galicia e non outro o nome co cal se atopaba nas fontes históricas por el manexadas.[500]
    Fotografía de Claudio Sánchez Albornoz. Este autor escribiu un artigo no ano 1974 titulado "Sobre una epístola del papa Juan IX a Alfonso III de Asturias", feito ilustrativo do proceder do medievalismo hispano, pois no documento o rei Afonso só figura nomeado como rei de Galicia[277][422].
  • 1981. A edición da crónica de Ibn Hayyan, dos autores María J. Viguera, Federico Corriente e José María Lacarra, traduce "al-yalalika" (galego) por "leonés" e substitúe no texto "Yalliqiyya" (Galicia) por "León" (que no texto aparece como "Liyun").[501] No apéndice toponímico do libro os autores explican que "Yilliqiyya" é "o territorio cristián nese tempo capitalizado en León".[423]
  • 1986. O arabista Elías Teres Sábada, na súa obra Materiales para el estudio de la toponimia hispanoárabe: nómina fluvial non dubida en traducir "Yilliquiya" (Galicia)[64] por "Castilla-León". Porén, no mesmo texto aparece "Qastalla"[502] traducido correctamente por Castela.[424]
  • 1986. O filólogo Giuseppe Tavani, estudoso da lírica galega medieval, afirmaba no seu libro A poesía lírica galego-portuguesa que "falta aínda por explica-lo motivo polo que a poesía lírica expresada por esta entidade socio-económica e superestrutural foi galega e, pola contra, non asturiana ou leonesa".[140]
  • 1988. A historiadora ourensá Olga Gallego, na súa obra La organización administrativa territorial de la antigua provincia de Ourense a mediados del siglo XVIII, ao facer unha síntese histórica da organización territorial de Galicia, di que “o territorio da Galecia romana e do posterior reino suevo se incorpora ao reino asturleonés” (en itálica no orixinal), mais considerando e explicando que para Vicetto se trata dunha monarquía galaica.[503]
  • 1995. No primeiro número da nova etapa da revista Terra e Tempo, dedicado á historia de Galicia, os historiadores Anselmo López Carreira e Luís Obelleiro Piñón, no artigo «A historia “oficial” e a negación de Galicia», e o tamén historiador André Pena Graña, en «O reino de Galicia na Idade Media», advirten que o país galego era no período medieval independente e que a súa existencia é negada ou desvirtuada pola historiografía oficial española ao non encaixar no modelo patrioteiro español. A este novo paradigma historiográfico súmase o profesor e político Francisco Rodríguez Sánchez.[504]
  • 1995. O hispanista inglés Roger Collins, na súa obra The Arab Conquest of Spain: 710-797, afirmaba que á unión de Galicia con rexións veciñas "chámaselle xeralmente Reino de Asturias", malia que "os detalles históricos precisos se achan escurecidos polos mitos nacionais que conducen á construción da identidade española moderna".[505]
  • 1996. O profesor da universidade de Cambridge, Colin Smith, publica o artigo "Galicia, todo un reino" nunha obra homenaxe á profesora Pilar Vázquez Cuesta. Nel, o autor analiza documentación de todo tipo e procedencia comprobando a proxección internacional do reino galego e a inexistencia dos supostos reinos de Asturias e León. O sorprendido profesor especula coa posibilidade de tal feito deberse á "proxección do culto xacobeo" ou á "supervivencia de textos da xeografía clásica".[506] Máis adiante, nun texto póstumo publicado no ano 2000, o profesor Smith afirmará, falando sobre a Historia Turpini, que "as razóns para o extremo protagonismo de Galicia en toda a rexión (..) poden conxeturarse e non son tan absurdas como podería parecer; non foi este equivoco (que o reino de León se chamaba Galicia) reducido ao presente texto."[507]
  • 1996 e 2001. O economista e político Camilo Nogueira Román publicaba senllos artigos na revista A Trabe de Ouro[508], traballo ampliado no ano 2001 no libro A memoria da nación. O reino de Gallaecia, no cal realizaba unha crítica da ideoloxía castelanista e denunciaba a desaparición historiográfica do reino galego medieval.[509]
  • 1997-2003. O historiador Anselmo López Carreira, na obra colectiva Historia Xeral de Galicia, advertía de que o reino cristián do noroeste peninsular era denominado Galicia, nunca Asturias ou León[510]. Este autor publicaba posteriormente dúas pequenas obras adicadas ao reino galego: O reino de Galiza no ano 1998 e Os reis de Galicia no ano 2003, nas que incidía novamente neste feito.[511]
  • c. 1997. Un conxunto de 18 fichas titulado História compacta do Reino da Galiza e editado por Galiza Nova tiña o obxectivo de dar a coñecer o pasado medieval galego, «ocultado de xeito interesado», así como esclarecer e revelar as manipulacións feitas sobre este, cando Galicia era soberana e tiña unha situación normalizada cultural, política e economicamente. Na elaboración dos textos sobre o reino galego estaba implicado de novo o historiador Anselmo López Carreira.[512]
  • 1999. O historiador galego Xosé Antonio López Teixeira publicaba entre o 1999 e o 2001 tres artigos en A Trabe de Ouro[514] cos que conformaría o libro Arredor da conformación do reino de Galicia no ano 2003. Posteriormente, en 2010, publicou A formación do reino de Galiza. Nestes traballos o autor realizou unha análise das orixes do reino galego recoñecendo o seu correcto alcance e denominación.[515]
  • 2000. O debuxante Pepe Carreiro, asesorado historicamente polo equipo de Edicións A Nosa Terra, escribiu e ilustrou unha didáctica e amena historia de Galicia para os máis novos. Titulada Historia de Galicia. A nosa historia, nela explícase que, ao acabaren os musulmáns co reino visigodo e ocuparen toda a Península agás Galicia e algunhas zonas do norte, “o reino da Gallaecia estivo durante un tempo sen rei”; que os “señores de Galicia” instauraron unha nova monarquía, que pasou a residir en cortes como Oviedo, León ou Compostela; e que “Galicia” tiña uns límites moi superiores aos actuais, tanto polo sur como polo leste. Foi publicada no ano 2000[516] e reeditouse no 2001.[517] Fíxose tamén unha edición para a Fundación Caixa Galicia.[518] En 2009 saíu do prelo unha nova edición que se publicou xa en 2010.[519] Tamén saíu unha edición para a Deputación da Coruña.[520] En 2012, Baía Edicións lanzou a súa propia edición baixo o título Historia de Galicia. Da vida nas covas ás acampadas nas prazas. Os textos foron modificados: por unha banda suprimíronse as expresións “reino da Gallaecia” e “señores de Galicia”, por outra especificouse que nesa época a “Gallaecia”, alén da Galicia actual, comprendía Asturias, León e Zamora polo leste e até Coímbra polo sur.[521]

Século XXI

  • A publicación no ano 2005 do libro O reino medieval de Galicia de Anselmo López Carreira supuxo un punto de inflexión na consideración histórica do reino galego.
    2001. Unha nova edición en castelán do cronista Ibn Hayyan, a cargo de Mahmud `Ali Makki e Federico Corriente,[522] traducía "Gilliqiyah", termo que figura no texto en catorce ocasións, por "reino de Asturias (e León)", cando Asturias non aparece nunca e León só nunha ocasión e como cidade, non como reino.[523]
  • 2005. Publícase o artigo «Pervivencia altomedieval (714-1080) de la “Gallaecia” suevo-visigoda (561-714)» de Manuel Carriedo Tejedo. Nel, o medievalista leonés defende que a Gallaecia suevo-visigoda permaneceu vixente aínda varios séculos máis após a conquista musulmá de Hispania comezada no ano 711.[524] Este paradigma historiográfico xa se manifestaba na traxectoria previa do autor, por exemplo, en estudos como «Andalusíes en la “Gallaecia” (756/1009)» en 2004 ou «Los obispos de sedes foráneas, documentados en la “Gallaecia” altomedieval (711-1065)» en 2003.
  • 2005. O profesor Anselmo López Carreira publicaba o libro O reino medieval de Galicia no que estudaba pormenorizadamente a historia do reino galego entre os séculos V e XV, denunciando o seu ocultamento pola historiografía nacionalista española.[525] A obra tivo unha segunda e terceira edicións en 2008 e 2020 respectivamente.
  • 2006. O profesor da universidade de Deusto Armando Besga Marroquín afirmaba nun artigo sobre o Beato de Liébana e a Cantabria do século VIII que a monarquía asturiana careceu de nome oficial, e que foron os historiadores os que crearon a denominación de Reino de Asturias, que para os cronistas árabes recibía o nome de Galicia.[526]
  • 2007. A investigadora do CSIC Ana María Carballeira Devasa publicaba o libro Galicia y los gallegos en las fuentes árabes medievales. Nel analízase a obra de máis de cincuenta autores árabes, de entre os séculos VIII e XV, certificando que para os musulmáns era Galicia o espazo territorial ocupado polos cristiáns do norte da península.[527]
  • 2008. O escritor Miguel-Anxo Murado publicaba a súa obra divulgativa Otra idea de Galicia no que adicaba un capítulo á desaparición de Galicia do canon historiográfico hispano[528] e analizaba a errónea interpretación dada ao seu período medieval.[529] En 2013 publicouna en galego.
  • 2008. O medievalista Carlos Baliñas Pérez, autor que empregou a terminoloxía fixada por Modesto Lafuente durante toda a súa traxectoria, recoñecía no libro O condado de Lemos na Idade Media que o nome de "Reino de Asturias" outorgado ao reino galego medieval non pasa dunha convención[530]. Malia recoñecer o desacertado do termo, este historiador amosábase disposto a continuar utilizándoo nunha entrevista do ano 2016[531].
  • 2008. O historiador José Manuel Barbosa publica o Atlas Histórico da Galiza, e o seu contorno Geográfico e cultural. Na obra, empregando 84 mapas e 70 textos descritivos, o autor da conta das modificacións das fronteiras do territorio galego desde época prerromana, destacando o papel preponderante na Península Ibérica do reino galego medieval.
  • 2011. O medievalista Armando Besga Marroquín afirmaba no artigo El problema del nombre (y de la naturaleza) del Reino de Asturias que tal reino non aparece documentado, e que a fórmula regnante in Asturias coa que ás veces se xustifica a súa existencia non é máis que un xeito de datar os diplomas.[532] E malia afirmar que atendendo ás fontes históricas o reino debería denominarse Galicia[533], o autor remata por concluír que na realidade este carecía dun nome propio.[534]
  • 2011. O historiador e profesor da universidade compostelá Antonio Míguez Macho explica na súa Historia breve de Galicia que os monarcas asturianos reinaban no que era e seguiu a ser o territorio de Gallaecia.[535]
  • 2011. O historiador e teólogo Francisco Carballo publica unha breve historia de Galicia na que denuncia a suplantación do reino galego polas inexistentes entidades políticas de Asturias e León[536].
  • 2013. O profesor da Universidade de Lincoln Robert Portass[537] publica o artigo All quiet on the western front? Royal politics in Galicia from c.800 to c.950. No texto o medievalista indica que "por razóns complexas relacionadas co curso da historiografía española ao longo do século XX, a rexión de Galicia foi vista como politicamente periférica" e defende a súa posición política central durante os séculos IX e X.[538]
  • 2015. O especial da edición alemá da revista National Geographic dedicado á Idade Media en xaneiro deste ano representa a Europa política do século IX mediante un mapa no cal Galicia é o nome do reino.[434][433]
  • 2015. O historiador David Pérez López publica unha Historia de Galicia na que afirma que durante o medievo Galicia "converteuse nun reino independente que alternou a súa capital entre León e Oviedo, cidades pertencentes daquela a Galicia".[539]
  • 2018. O historiador cántabro Víctor Manuel Aguirre Cano, no seu traballo La construcción de la realeza astur: poder, territorio y comunicación en la alta edad media, sinala que "nunca houbo un reino de Asturias ou de León, senón que foron convencións posteriores da historiografía" e que "desde fóra do regnum chamóuselle frecuentemente Galicia, ou reino de Galicia".[420]
  • 2019. O historiador Isidro Dubert sinala que o paradigma historiográfico defendido especialmente por Anselmo López Carreira, que sostén a existencia dun reino de Galicia que abranguía Asturias, parte de Cantabria, León e o norte de Portugal, é correcto, pois é referendado polas fontes da época. Ademais subliña que o reino galego foi tan real como a posterior deturpación histórica que sofreu por parte da historiografía española, a cal interesadamente vencellouno de xeito subsidiario, primeiro, a Asturias e, despois, León.[540]
    Logotipo do I Congreso Internacional sobre o Reino Medieval de Galiza Regnum totius Gallaeciae.
  • 2020. Publícase o libro O reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria dos historiadores Xosé Miguel Andrade e Anselmo López Carreira. Segundo afirma no seu prólogo o profesor Isidro Dubert, o libro trata de explicar o papel que Galicia xogou na historia peninsular entre os séculos V e XIII, explicación que supón cuestionar o emprego que das fontes históricas fixeron os historiadores españois desde o século XIX para "agochar a existencia do vello reino de Galicia e dar pulo neses séculos á suposta importancia do reino de León".[548]
  • 2021. O historiador José Manuel Barbosa publica en dous volumes a súa obra A evolução histórica dos limites da Galiza, texto no que se analizan as modificacións das fronteiras galegas ao longo da historia desde unha óptica centrada en Galicia que confronta as posicións da historiografía tradicional.[549]
  • 2022. O ensaísta e estudoso Francisco Rodríguez Sánchez publica A relevancia do reino galego medieval, o tomo I da súa obra Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV). Nel expón a eliminación e terxiversación do Reino de Galicia por parte da historiografía española, isto é, por exemplo, como se oculta a súa existencia como entidade política independente ou mesmo se lle chama Reino de Asturias. Tamén explica que o reino galego era o orixinario da Península e os seus reis eran galegos.[550][551]
  • 2022. Desde o 19 ao 22 de setembro celebrouse no Museo do Pobo Galego o primeiro Congreso Internacional do Reino da Galicia,[552] co obxectivo expreso de rematar coa súa ocultación.[553]

Notas

  1. Non existe na realidade documento ningún que suprima o reino de Galicia; por conseguinte, este mantense dentro da coroa española.[2]
  2. Existe unha referencia anterior ao Galliciae Regno nunha epístola do papa León I datada no ano 447,[7]. Se ben a súa autenticidade é dubidosa pois proceden dunha recesión do autor Pascasio Quesnello no século XVII. Unha edición literal da mesma carta de J.P. Migne en ningún momento fala de "reino".
  3. Nesta versión da crónica Albeldense non aparecen as dioceses de Oviedo e León, territorios incluídos nos bispados de Britonia e Astorga. Porén, existen outras versións da crónica que si as inclúen,[23]. Para algúns estudosos isto é debido a interpolacións posteriores.[24]
  4. Ningún soberano galego se titula "Rex Hispaniae" antes de Afonso VI, malia o afirmado por Menéndez Pidal, que basea tal afirmación en documentos interpolados[87].
  5. A "terra de foris" era o espazo de expansión da monarquía galaica. A partir do século X conformou o chamado "territorio legionense"[95]. Unha similar denominación recibía (e recibe) o territorio alén da Serra do Xurés, a terra de "tras os montes"[96]
  6. Lope de Vega (†1635) situará aínda séculos máis tarde a acción dunha das súas obras en "Léon, nun pobo de Galicia"[99].
  7. Denominado "X" na correlación de monarcas seguida pola historiografía tradicional que inclúe fraudulentamente como "VIII" a Afonso I de Castela.
  8. Requiario foi o primeiro rei bárbaro con autoridade suficiente para cuñar moeda propia: IUSSU RECHIARI REGIS (Por orde de Requiario)[174].
  9. Nos momentos históricos nos que o reino galego se divide, os autores distinguen entre unha Galicia reducida e o reino completo. Por exemplo, Anselmo López Carreira fala dunha Galicia nuclear fronte a outra "extensa"[267]. Carlos Baliñas Pérez contrapón a Galicia "nuclear" e a "Gran Galicia"[268] etc.
  10. As denominacións dos monarcas galegos como reis de Galicia desconcertan os historiadores académicos, pois estes asumen un paradigma historiográfico errado. Tal é o caso do británico Bernard F. Reilly, quen chega a afirmar na súa biografía de Afonso VI que Urbano II e a chancelaría papal tiñan un "vago coñecemento dos asuntos políticos de España"!![278].
  11. Tanto Fernando II como Afonso VIII empregaban a titulación de "reis de León e de Galicia", onde o factor León indica a sede rexia e Galicia a clásica globalidade do territorio.[316]
  12. A antiga cidade de Brigantia é mencionada por Paulo Orosio na súa obra, a cal tivo unha gran difusión.[348]
  13. A historiografía tradicional exaltou o reino visigodo e ignorou completamente o reino suevo, cuxa historia foi considerada apenas un apéndice da do visigodo. Os seus concilios foron integrados na relación dos concilios godos e as súas manifestacións artísticas catalogadas como "arte visigodo".[413] A promoción do visigodo chegou ao extremo de asignar o nome de "letra visigótica" a un tipo de letra medieval utilizada séculos despois da súa desaparición[414].
  14. A denominación do reino empregando só a sede rexia é frecuente na documentación histórica. Indícase por exemplo: "Roderici regis Toletani", para falar de todo o reino visigodo; "regnaverunt in Cordoba", en referencia ao califato andalusí; ou "in Pampilona rex Sancius", para falar do reino de Navarra.
  15. Durante o século XII o galego Paio, bispo de Oviedo (†1153)[460], creou unha memoria ficticia para a súa diocese mitificando e falsificando todo tipo de materiais[461], entre eles as chamada cruz da vitoria, supostamente sostida por Paio na batalla de Covadonga.[462].

Véxase tamén

Os reis e as raíñas da Galiza.
1.000 anos do Reino da Galiza. Epílogo e conclusións.
(Nós Diario, 03.11.2022)

Bibliografía

Multimedia: Anselmo López Carreira
Gravacións de son
O Reino Suevo na historiografía
Congreso Internacional 1600 anos do Reino de Galiza, Pontevedra, 5.10.2010
A desaparición do Reino de Galiza na historia española
Fundación Caixa Galicia da Coruña, 10.11.2009
Historiografía e fontes medievais
Auditorio de Ourense, 2010
Vídeos
A desaparición do Reino de Galiza na historia española. Resumo I
A desaparición do Reino de Galiza na historia española. Resumo II

Outros artigos

Ligazóns externas