O seu mestre foi Martiño de Dumio, quen lle dedicou varios tratados (Como levar unha vida honesta,[6]Rexeitamento da xactancia, Sobre a soberbia, Exhortación á humildade) co fin de inculcarlle o sentido da xustiza, a sinxeleza e a piedade, consonte a unha ética entre estoica e cristiá. Trátase dunha anticipación pioneira da educación do príncipe cristiá.
O seu nome, latinizado, rachaba coa tradición da onomástica sueva puramente xermánica. Isto revela a plena integración na sociedade galaico-romana acadada polas elites suevas a través da monarquía.
Seguiu a estela do seu antecesor Teodomiro en múltiples aspectos dando forma definitiva a obra por el comezada en canto á organización administrativa, territorial e de goberno do Reino Suevo.
Segundo Concilio de Braga
Convocou o Segundo Concilio de Braga no ano 572, que presidiu San Martiño Dumiense nese momento xa bispo da cidade. Nel aparecen, ademais dos galaicos, bispos da Lusitania como o de Coímbra e tamén o bispo de Astorga, cidade que tras a batalla do Órbigo, sábese que caera en mans dos visigodos. Isto pon de manifesto o seu carácter de protector da Igrexa a imitación modesta do cesaropapismobizantino. Participaron en total 12 prelados, onde se encontran nomes claramente xermánicos. Entre os acordos enfatízase a obriga de atender ás parroquias, ponse couto á cobiza dos cregos e redúcense e controlan os ingresos dos bispos. Os bispados eran canle, apoio e base para a gobernación do reino.
No seu reinado prodúcese tamén a incorporación á vida política e social do país dos inmigrantes bretóns; o seu bispo Maeloc, aparece participando no devandito concilio.
Mantivo contactos diplomáticos co reino franco de Gontrán; sábese do envío de embaixadores interceptados por aliados dos visigodos en Aquitania e do recibimento en Ourense a Florentino, representante do mordomo de Palacio merovinxio do rei Childeberto I. Mesmo hai indicios de estar casado cunha princesa merovinxia (o seu nome, Sisiguntis, ten resoancias francas).
Tentou estreitar os vencellos co Imperio Bizantino que dominaba a actual costa andaluza e levantina da Hispania. A súa finalidade era impedir o renacemento ariano e a expansión da hispania visigoda que supuña un grave perigo para a estabilidade do seu reino e para a súa integridade territorial. Nese momento, Leovixildo tiña un aberto un conflito violento co seu propio fillo San Hermenexildo fiel, coa súa esposa Ingunta e a influencia de San Leandro, ao cristianismo de obediencia romana consonte a fe do Concilio de Nicea.
Pero tivo que volver ante a reacción de Leovixildo que buscou interceptalo[5]. Pretendeu fortalecer relacións cos francos e bizantinos: sábese do envío de embaixadores ó rei franco Gontrán, rei dos burgundios. Estes enviados foron interceptados por Khilperico I, rei franco de Neustria, aliado do rei visigodo Leovixildo.
Leovixildo chegou ás portas da Galicia actual onde se atopou coa resistencia dun caudillo suevo-galaico a quen fixo prisioneiro. O seu nome era Aspidio e semella que gobernaba nunha área que se pode identificar coa actual Seabria ou ben co Bierzo. A afamada cabalaría visigoda moi forte nas chairas, non se internou nas montañas galaicas e retornou a Toledo (getes quo pergit equo, escribiría Santo Isidoro de Sevilla).
Pese ás tensións e liortas con Leovixildo, Miro non abandonou a súa política senón que novamente acudiu en axuda de Hermenexildo, que se fixera forte en Hispalis (Sevilla) agardando a axuda bizantina. Miro acudiu co seu exército no seu apoio e acampou nas proximidades da cidade. O suborno de Leovixildo neutralizou a axuda bizantina a Hermenexildo e Miro. Sen efectivos suficientes Miro retornou co exército a Galicia, agardando unha previsible resposta militar dos visigodos. Pola súa banda, Hermenexildo foi condenado a morte, rematando así a guerra civil visigoda, o desgaste dun guerra interna visigoda obrigou a Leovixildo a pospoñer unha intervención militar contra Miro que nunca se chegou a levar a cabo.
Falecemento
Miro morreu ao pouco de volver a Galicia desta expedición aqueixado dun mal provocado polas malas augas e aires de España[8]. Sucedeuno no trono o seu fillo Eborico.
Notas
↑de Tours, Gregorio. Historia FrancorumV. p. 41. Mirus rex Galliciensis", "Mironis Galliciensis regis
↑., Fredegarius. ChróniconIII. p. 116. Mironis regis Galliciae
↑"Martinus_Braccarensis". www.monumenta.ch. Consultado o 2020-10-23. Formula honestae vitae ad Mironem Regem Galliciae.