Concilio de Lugo

O Concilio de Lugo na edición de Loaísa (1593)

O Concilio de Lugo (a. 569) foi un sínodo católico da Gallaecia convocado, segundo afirman os textos onde se conservou a noticia, polo rei suevo Teodomiro o 1 de xaneiro do ano 569 (era DCVIIª) "para confirmar a fe católica e por outras causas da Igrexa".

Historia

Así, finalizado o concilio canónico pasaríase á lectura dunha carta do rei na que, para a mellor administración do reino, convidaba aos padres conciliados en Lugo a ergueren novos bispados, e a elixiren, debido á grande extensión do país, unha outra sé metropolitana; escolleran entón os bispos a sé de Lugo para que fose metropolitana "así como Braga", e repartiran a cada catedral as dioceses e parroquias que lles correspondían, "para que non ocorrese entre os bispos contenda ningunha"[1].

É de notar que, perante a falta de actas deste sínodo (o documento só contén, ademais da noticia introdutoria, unha lista coas dioceses do reino dos suevos), algúns historiadores, con Henrique Flórez á cabeza, concluíron que a celebración do concilio de Lugo era moi dubidosa, e que eran falsos ou serodios os documentos onde ela se contén[2]. Pierre David, pola contra, estabeleceu a autenticidade básica (Parochiale sueuum) do repartimento diocesano que figura no texto dos documentos coñecidos como Concilio de Lugo, aínda que fixou a súa redacción entre os anos 572 e 582 (quer dicir, despois do segundo Concilio de Braga e so o reinado de Miro, sucesor de Teodomiro), e entendía que o limiar coa nova do Concilio e a lectura da carta do rei era unha confusa adición do século VII[3].

Loaísa editou en latín a primeira versión impresa do Concilio de Lugo, a partir dunha copia do texto tirada dun códice lucense do século XII, hoxe perdido[4]. Lucas de Tui[5], Brito[6], Contador de Argote[7] e M. Risco[8] publicaron outras versións do documento achadas por eles en diferentes manuscritos; da súa parte, Sáenz de Aguirre[9], o citado Flórez[10] e Mansi[11] reproducen a versión impresa por Loaísa, a mesma verquida despois por Huerta y Vega ao español[12]. Finalmente, a edición crítica do texto latino foi obra de David[13], e del pasou ao Corpus christianorum[14].

Notas

  1. BRITO (1609: 194v); CONTADOR DE ARGOTE (1734: 806).
  2. FLÓREZ (1749: 130-176).
  3. DAVID (1947: 64-68).
  4. LOAÍSA (1593: 128-129).
  5. TUDENSIS (1608: 55-56).
  6. BRITO (1609: 194v-196).
  7. CONTADOR DE ARGOTE (1734: 849-852).
  8. RISCO (1796: 341-343).
  9. SÁENZ DE AGUIRRE (1694: 300).
  10. FLÓREZ (1749: 131-133).
  11. MANSI (1763: col. 815-816).
  12. HUERTA Y VEGA (1733: 398-401).
  13. DAVID (1947: 30-44).
  14. Cch (1965: 411-420).

Véxase tamén

Bibliografía

  • BRITO, Bernardo de (1609): Monarchia Lusytana, II, Lisboa, lib. VI, 194v-196 [edición facsímile con introdución de A. da SILVA REGO e notas de A. A. BANHA DE ANDRADE e M. dos SANTOS ALVES (2004): Monarquia lusitana, Imprensa Nacional-Casa da Moeda, Lisboa.
  • Corpus christianorum (ed. 1965): “Parochiale sueuum (seu Diuisio Theodemiri seu Concilium Lucense a. 569)”, Series Latina, CLXXV: Itineraria et alia geographica, Brepols, Turnhout.
  • CONTADOR DE ARGOTE, Jeronymo (1734): Memorias para a historia ecclesiastica do arcebispado de Braga, primaz das Hespanhas, II, Lisboa, 849-852 (trad. port. 853-856).
  • DAVID, Pierre (1947): Études históriques sur le Galice et le Portugal du VIe au XIIe siècles, L’Institut Français au Portugal, Lisboa-París.
  • FLÓREZ, Henrique (1749): España sagrada, IV, Madrid.
  • HUERTA Y VEGA, Fco. Xavier de la (1733): Anales de el Reyno de Galicia, I, Santiago de Compostela.
  • LOAÍSA, Garsia de (ed. 1593): Collectio conciliorum Hispaniæ, Madriti.
  • MANSI, Joannes Dominicus (ed. 1763): Sacrorum conciliorum noua et amplissima collectio, IX (a. 536-590), Florentiae.
  • RISCO, Manuel (1796): España sagrada, XL, ap. V, Madrid.
  • SÁENZ DE AGUIRRE, Joseph (ed. 1694): Collectio maxima conciliorum omnium Hispaniæ et Noui Orbis, II, Roma.
  • TVDENSIS, Lucae (1608): Chronicon mundi, lib. III, in Hispaniae Ilustratae, IV, I, Francofurti.