O Baskonia S.A.D., é un club de baloncesto profesional vasco da cidade de Vitoria-Gasteiz. Foi fundado en 1959 baixo o nome de Club Deportivo Vasconia, denominación que mantivo ata 1976. Ese ano, José Luis Sánchez Erauskin, quen daquela era presidente, trocou o "V" polo "B", pasando o club a denominarse C.D. Basconia. O Baskonia compite na Liga ACBespañola, onde é un dos clubs máis potentes, e na Euroliga. Entre os seus logros destacan catro títulos da Liga ACB, seis Copas do Rei e unha Copa Saporta. O Baskonia xoga os seus encontros como local no Fernando Buesa Arena, un pavillón con capacidade para 15 504 espectadores. O presidente do club é dende setembro de 1988 o ex xogador Josean Querejeta.
Historia
Comezos
O equipo de baloncesto Saski Baskonia naceu en 1959 como a sección de baloncesto do Club Deportivo Vasconia, presidido por Félix Ullivarriarrazua.Na súa primeira tempada o club foi adestrado por Vicente Elejalde, acabando ese ano no segundo lugar do Campionato Provincial de Áraba. Durante os anos 1960 o Baskonia foi un dos equipos máis puxantes desa categoría, conseguindo finalmente en 1970 a primeira posición no campionato de Terceira División.[1]
A partir da vitoria na Terceira División, o Vasconia consegue o ascenso á máxima categoría do baloncesto nacional. Xa na Primeira División, no seu primeiro encontro da man do adestrador Pepe Laso, conseguen o seu primeiro triunfo tras bater aos galegos do Breogán de Lugo por 92 a 71. En 1977 o presidente José Luis Sánchez Erauskin troca o nome do equipo cambiando o V por un B, pasando a chamarse Basconia-Schweppes. Tres anos despois, en 1981 o equipo descende á "Primeira B", aínda que conseguindo retornar en tan só unha tempada.[1]
Regreso á elite
O regreso á elite do Saski Baskonia coincidiu coa creación da Asociación de Clubs de Baloncesto e a nova e completamente profesional Liga ACB en 1983. Dous anos despois o club consegue o seu primeiro título, a Copa Asociación, un trofeo disputado entre os eliminados na primeira rolda dos play-offs polo título, gañando o Arabatxo Baskonia ao CAI Zaragoza na final por 93 a 85. Esta competición só se disputou ese ano, o que converte o Saski no único campión, con todo a Copa Príncipe de Asturias é considerada a súa sucesora oficial.
Esta vitoria permitiu ao equipo participar por primeira vez en competicións europeas, debutando cun triunfo fronte ao Super Cracks neerlandés e unha posterior derrota fronte ao Villeurbanne. En 1987 comezaría o patrocinio de compañía de cerámica Taulell S.A., que patrocinou ao club cos nomes de Taugré e TAU Cerámica até o ano 2009. O ano seguinte tamén supuxo un cambio importante na estrutura do club, xa que da man do presidente Josean Querejeta, o Taugrés convértese na primeira asociación anónima deportiva do estado, pasándose a denominar oficialmente Saski Baskonia S.A.D.[1]
Converténdose nunha potencia
Co comezo da década, a normativa da ACB que obriga a que os pavillóns teñan capacidade para máis de 5.000 espectadores, leva ao club a trasladarse dente o Pavillón de Mendizorroza ao Pavillón Araba. Co troco do estadio os resultados deportivos non tardarían en chegar, en 1991 o Taugrés volve a Europa, acudindo dende ese ano de xeito regular.
O primeiro gran título chegou finalmente en 1995, gañando o Taugrés a Copa do Rei tras vencer na final celebrada en Granada ao Amway Zaragoza por 88 a 80. Pablo Laso do Baskonia foi nomeado MVP. Ao ano seguinte un novo título chegou ás vitrinas dos vitorianos, a Copa Saporta, tras vencer na final por 88 a 81 ao PAOK Tesalónica BCgrego. Durante os anos noventa volveu a conseguirse un título, outra Copa do Rei de 1999, esta vez tras gañar ao Caja San Fernando por 70 a 61 en Valencia. O ano 1999 tamén é salientable dentro da historia do club, descantando a ampliación do Buesa Arena até 9.500 espectadores e o debut dos vascos na máxima competición continental, a Euroliga.[1]
Chegan os éxitos
Por fin na temporada 2001−02 chegou a primeiro título de liga ao Baskonia. Trala chegada de Duško Ivanović, lendario ex xogador da Jugoplastika, ao banco como adestrador, conseguiron impoñerse na final do campionato ao Unicaja Málaga por un contundente 0 a 3. Chegando tamén ese mesmo á final da Euroliga, aínda que con peor resultado, xa que perderon na final, no quinto partido de desempate, fronte á Kinder Bologna de Italia.
Outros éxitos que chegaron durante o comezo do milenio foron tres Copas do Rei (2002, 2004, 2006), catro Supercopas (2006, 2007, 2008, 2009) e un novo título de liga en 2008, esta vez con Neven Spahija como adestrador, tras vencer na final ao FC Barcelona de novo por 0 a 3. Ademais, aínda que non volveu a conseguir un título a nivel europeo, chegou a disputar tres Final Four da Euroliga, Moscova2005, Praga2006 e Atenas2007. Na tempada 2008−09 volveu ao banco Duško Ivanović e con el gañaron ese ano a súa sexta Copa do Rei, despois de derrotar a Unicaja Málaga por 98-100 na final, e ao ano seguinte a súa terceira liga ACB, derrotando ao FC Barcelona por 3 a 0 na final.
Tras uns anos cunha traxectoria máis discreta, na tempada 2019−20, e de novo con Ivanović como adestrador, o Baskonia volveu gañar a liga por cuarta vez na súa historia. O campionato foi suspendido na xornada 23 debido á pandemia de COVID-19, e a pesar de que Baskonia ocupaba a oitava praza neses momentos, foi quen de vencer na fase final extraordinaria de doce equipos que se disputou en Valencia, derrotando na final de novo ao FC Barcelona, por 67−69.[2]
Patrocinios
Fóra de España, o club foi a miúdo coñecido como TAU Cerámica Baskonia,[3][4] unha marca comercial de cerámica manufacturada pola compañía valenciana Taulell S.A, cuxo nome patrocinou ao club dende 1986 a 2009. Orixinariamente, Taulell utilizaba un nome distinto doutra marca comercial súa para patrocinar ao equipo, Taugrés, antes de cambiar a TAU Cerámica Baskonia en 1997.[5] Ademais dos xa citados, TAU, Baskonia e TAU Baskonia eran nomes frecuentes para referirse ao club. Cómpre sinalar que o nome oficial do club é Baskonia, Saski Baskonia, ou de xeito completo Saski Baskonia S.A.D. En 2009, a cooperativa de aforro e crédito vasco "Caja Laboral" (en lingua castelá: Caja Laboral Popular Sociedad Cooperativa de Credito ou en éuscaro: Lan Kide Aurrezkia - Euskadiko Kutxa) converteuse na nova denominación de patrocinador do club, incrementando a cantidade de cartos cos que o patrocinador contribúe ás arcas do club. O 27 de abril de 2013, "Laboral Kutxa" converteuse no novo patrocinador do Baskonia, tras a fusión de Caja Laboral e Ipar Kutxa.[6]
A pesar de non teren retirado ningún número na súa historia, tres dos xogadores máis destacados da historia do equipo teñen unha camisola co seu número pendurada no Fernando Buesa Arena: Pablo Prigioni (#5), pendurada en 2017; Igor Rakočević (#8) e Sergi Vidal (#9), penduradas en 2020.